mércores, 16 de novembro de 2016

A espada de Xoán de Palla

Mire que lle digo Don Manoel! Que as veces penso que a educación que lle estamos a dar aos cativos, e non tan cativos, é coma a espada de Xoán da Palla que nin pincha nin talla. Que moitos planos de estudios novos fixeron para que a xente siga a confundir o valor das cousas co seu prezo. Que digo eu, Don Manoel, que os rapaces de hoxe teñen moita información pero moi pouca formación, e que se, fai anos, estudaban os seus nos xesuítas e os meus nas escolas de san Ignacio, tantos anos despois seguimos a catalogar aos alumnos segundo os cartos dos pais; escola privada para formar as elites e escola pública para formar un pobo de cordeiros que non saiban mais que bear. E mire que lle digo Don Manuel, que nos, cando éramos novos, loitamos e nos sacrificamos moito para que os nosos fillos estudaran, pero non para que foran mais que nos, senón para que foran mellores que nos; non para que foran felices obedecendo a un amo, senón para que estiveran preparados para pensar pola súa conta, porque pode ser que iso os fixera tan probes coma as arañas no inverno pero tamén ceibes e felices coma o vento!
Meu siñor Santo Tomé,
sodes un santo moi bo,
pois sodes can polo to
e carneiro polo me.

Ningún comentario:

Publicar un comentario