luns, 1 de maio de 2017

Viva o Primeiro de Maio!

Mire que lle digo Don Manoel! Que aínda que as manifestacións do Primeiro de Maio se parezan cada día mais ás procesións, as que se asiste mais por tradición que por devoción, e que algúns berren as consignas coma se foran ladaíñas, eu ei de sacar, mentres me dean as forzas, os meus ósos á rúa detrás dunha pancarta. Ben sei que, ao recoller as bandeiras e volver á casa, á pregunta de, qué foi o conseguido? teremos a tentación de respondernos a nos mesmos que nada: unha manifestación mais, unha folga máis, aínda unha marea mais. E sexa verde, branca, vermella ou violeta, todas teñen a súa enchente e o seu devalar.

Mais iso non é certo. Pola contra: cando non conseguimos nada é cando quedamos en casa coa arreda de que un mais non conta, ou isto é o paseo de sempre, que o pobo necesita saír á rúa para que a indignación e a rabia nono coman por dentro coma o verme á mazá, para enchernos de esperanza ao comprobar que aínda somos moitos os que aínda non perdémola, que encerrados cada un na súa casa non somos nada e xuntos somos quen de cambialo todo.

Que quedemos na casa quietos coma unha pedra nun pozo, que protestemos soamente nas redes sociais, que nos quedemos nas verbas, que non saiamos á rúa, que non pasemos á acción, é o que queren eles para poder bater en nos coma quen malla no centeo con decretos lei que limiten cada vez mais a nosa liberdade, e deixen a soberanía popular nunha cerimonia sen mais significado que o de meter un papel nunha fenda cada catro anos.

Mais, mire que lle digo Don Manoel! O que tampouco ten xeito é que vaiamos desnortados e sen ter claro onde imos e que camiños, vereas ou congostras temos que tomar, porque cada esforzo, cada loita e aínda cada derrota debe estar enfilada ao rumbo que levamos. Se é carto que queremos un cambio radical non chega con estar de comparsa, compre ser protagonistas e suxeitos do cambio, que cando se está no medio do mar a terra que está mais preto é a do fundo do mar, mais non é esa a terra onde queremos chegar.

“Para que unha sociedade sexa libre, no basta con poder dicir o que pensamos; compre tamén poder pensar o que dicimos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario