luns, 25 de xuño de 2018

Teño xoubas, teño chinchos!



Mire que lle digo, don Manoel! Que veño hoxe cos illares crebados de tanto rir co que contoume a Laura, unha rapariga ben garrida, que ten un posto de peixe no Mercado de Bouzas.

Eu non adoito a preguntar prezos nin calidades, que de prezos a Laura ben sabe que non son de regatear, que se os cartos me chegan para o que quero, merco e se non me chegan marcho sen el, e de calidades pouca cousa me poden aprender; pero o mariñeiro do conto de Laura non tiña o mesmo costume, e dirixiuse a ela sinalando con índice a un dos grupos de peixes do posto.

-          Mira rapaza, a como tes esa xouba?
-          Non é xouba, meu señor, que é chincho!
-          Que chincho, nin que raios! Vasmo dicir a min que andei a navegar toda a vida!
-          Pois logo, non lle digo nada, meu señor! Mais que a xouba está a 12 € o quilo e o chincho a 6 €
-          Un pouco caro, me parece …
-          Caro ou barato, por menos non llo dou.
-          Veña logo un quilo de xouba.

E deulle os chinchos, que chinchos eran, e cobroullos coma xouba, que outra cousa non merecía por sabichón e petulante.

-          Navegar, navegaría, pero o peixe que sinalou chinchos era, e seguirían a ser chinchos, por moita auga salgada que trouxera no bigote!

Teño xoubas, teño chinchos.
Teño sardiñas tamén!
Son da lancha do meu home
Quen a min me quere ben!

Ningún comentario:

Publicar un comentario