domingo, 10 de outubro de 2021

O home que amaba aos cans.


Mire que lle digo don Manoel! Viña pola nosa taberna, perdoará dona Sefa o posesivo!, pero algo nosa xa é, un home moi amante dos cans. Puxéranlle por nome Roque, e quero pensar que tal escolla non fora feita a mantenta, por ver se coma o santo collía afecto a tal especie animal, senón que nome e afección non eran senón unha de tantas casualidades nas que non cómpre procurar ocultos designios.

Mala cousa era falar de cans cando o noso Roque estaba diante! Porque como lle deixaras coller o fío era quen de dar máis leria que un batán falando e falando ata escorrentarlle á probe Sefa co toda a clientela da taberna.

- Ter can reduce a tensión e depresión e o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. −Argumenta o Roque, para ir facendo boca. −Aumenta a  autoestima e axuda moito a mocear! Por exemplo: a moza dos teus degoiros ten can? Pois xa está! O teu can achégase ao dela e contacto establecido! Que cando o can quere cadela moito esfarela! E coa vantaxe de que tedes moitos intereses comúns de que poder parolar!

E nunca falta quen acuda ao cebo, e responda:

-  Un can na cidade é un estorbo! Outra cousa é na aldea onde os deixas ceibes na era e de cando en cando lle botas auga para beber e algo para xantar.

-  Ter un can na cidade é unha regalía! Mantente novo e en forma! O teu can necesita xogar, ser paseado a miúdo. Fará que non teñas outra que manterte en forma para andar canda el, para correr tras del. E moito máis barato que un ximnasio!

Logo están os do argumento social-sentimental.

-  Coa fame que hai no mundo, non sei como sodes quen de gastar os cartos nun animal en troques de mercar alimentos para os nenos famentos de África!

-  Para os de África ou para os do Calvario, que tampouco pilla tan lonxe! Home, non sei ti, pero eu estou de voluntario nun banco de alimentos! Porque querer aos animais non che fai querer menos aos seres humanos; aínda que algúns deles o merezan pouco.

O noso Roque sempre ten o ás para matar o tres! E tamén ten respostas para os do “gato e can, mala parella fan”.

-  Pois onde estea un gato que se quiten tódolos cans!

-  Por iso se vende a vaca, porque a un gústalle o entrecosto a outro o solombo! Como di o adaxio “O gato é da casa, e o can é do amo”.

-  O gato irá a súa pero non o oculta. O can vai de leal pero tamén hai proverbio para iso: “abanea o rabo do can, non por ti senón polo pan

-  Logo non son tan distintos de nos! Pero non é certo que os cans sexa leais a quen danlles comida; non son leais a un comedeiro automático! O son ós que atenden as súas necesidades de todo tipo. Incluída a necesidade de afecto, que teñen máis desenvolvida que as propias persoas. Todo o que deas a un can cho devolverá centuplicado. Salvo os malos tratos! E sobre todo, nunca se afastarán do teu lado e menos en momentos difíciles.

Xa ve don Manoel que o noso Roque era daqueles de que “anque me botes os cans ó rabo, léveme o demo se deixo o nabo”, que podía seguir deitando proposicións, premisas e conclusións, inductivas ou dedutivas, horas e horas ata que o seu opoñente arriara a maior, pagara os chatos, e saíra da taberna xurándose a se mesmo non volver á do Mincha mentres o Roque estivera nela.

Acompañaba sempre ao Roque un can de ollos cheos de sabedoría canina, que atendía polo nome de Trotski.

-  Se vos fixades nel contaba ao que o quixera escoitar veredes que o nome élle ben acaído. Ten cara de chamarse como o revolucionario ruso. É a vantaxe cos cans e o problema cos fillos. A estes tes que elixir o nome antes de saber que cara van a ter, e se lle vai ou non a “quedar ben”.

-  Levas razón Roque! −sinalaba eu− Que cara de chamarse “Melampo” non ten ningunha!

-  Por moito que sexa o nome do can de San Roque! engadiu o Roque entre risas.

Chamar Trotski ao teu can non tiña nada de malo aínda nos tempos da ditadura. Coñezo máis dun falanxista que tiña un Trotski por mascota, e a práctica totalidade dos que tiñan un can con tal nome endexamais escoitaran falar de Lev Davidóvitch Bronstein nin de Natalia Sedova, alternativa axeitada cando o animal non era can senón cadela.

Un dos que estabas nestas era o Marcial, perdón!, don Marcial, fixera a súa fortuna coa guerra, denunciando e roubando terras e facendas. Camisa nova dos máis crueis e asañados, casou, ou mercou muller, que deulle varios fillos. Un deles foi a Compostela a estudar medicina e volveu co título e unha noiva da mesma profesión. Un día o fillo do Marcial e a noiva foron á aldea a coñecer ao resto da familia, os predios, leiras, eidos e veigas. O gando vacún e cabalar, e aínda os cans. Un destes cans, o máis cariñoso e falangueiro, o preferido de don Marcial, tiña por nome Trotski. A rapaza que ben sabía ás orixes da fortuna do seu futuro sogro, e as simpatías que pola revolución soviética tiña, pareceulle un curioso paradoxo que un home da fasquía de don Marcial lle dera tal nome a un can a quen tan ben trataba. E sen pararse moito a pensar nas posibles consecuencias, fíxollo saber ao seu futuro sogro:

-  Don Marcial, que curioso é que chame Trotski ao cadelo que máis estima ten.

-  E logo, rapariga? Que ten de raro o nome?

-  E que se chama como un dos líderes da Revolución rusa!

Don Marcial non deu chío. Foi ata o armario onde tiña as armas; colleu unha escopeta de caza, abriuna, púxolle dous cartuchos e meteulle un tiro na cabeza ao can.

-  Na miña casa non hai sitio para comunistas! -dixo por toda explicación.

A noiva ergueuse silandeira, recadou o bolso e a chaqueta que deixara riba do sofá, e cuspiulle con desprezo estas palabras:

-  Se aínda lle queda outro cartucho e quere matar a outro comunista agora é a súa oportunidade.

E mire que lle digo don Manoel! Quen mo contou non dixo en que remataron os amores do fillo do Marcial e a súa noiva comunista, pero eu quero pensar que xente estudiada ten o seu propio criterio, e o conto remataría como a cantiga:

Se non quer a túa nai,

e tampouco quere a miña,

en querendo ti e mais eu

temos a guerra vencida.