Amosando publicacións coa etiqueta Segundo Montes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Segundo Montes. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de agosto de 2022

Pecado de escándalo


Mire que lle digo don Manoel! Seica nuns poucos días vai ter vostede a oportunidade de compartir mesa e mantel co seu condiscípulo don Xosé María Tojeira. Condiscípulo dos xesuítas e xesuíta el mesmo, alá nas, tan afastadas no xeográfico como achegadas no afecto, terras do Salvador onde foi ata vai ben pouco Reitor da UCA, a Universidade Centroamericana "José Simeón Cañas". Pois se tal cousa é certa e non lle serve de molestia fágame o favor de darlle unha moi forte aperta deste humilde filósofo tabernario que sempre procurou o mesmo que el: rematar coa pobreza e a inxustiza, froito inescusable da explotación do home polo home. Por camiños diferentes, ben é certo, aínda que non moi afastados.

Ignacio Ellacuría, Segundo Montes, Rutilio Grande, ... tantos e tantos xesuítas admirables! Os que levaron á outra banda do mar a teoloxía da liberación e os que a encarnaron en España, como por exemplo os dous José Marías. Don José María Llanos e don José María Díez-Alegría! E non quero faltarlle ao desafío ao Ramón, o seu conspicuo amigo e compañeiro de curso deixando de citar a anécdota de que a nosa Dolores Ibárruri fixera a don Xosé María receptor dás súas derradeiras confidencias no Colegio da Compañía en Alcalá de Henares, onde o xesuíta pasou os seus derradeiros anos. Certo é que os que poderían dar fe da veracidade e o contido de tal encontro xa non están entre nos, pero a anécdota non deixa de ser acaída ao día da súa xuntanza.

Teño tamén un relato de don José María Díez-Alegría que quixera que lle lera ao noso xesuíta salvadoreño e vigués. A cousa chegou a min como ben certa, e aínda que tal non sabería acreditar a teño por tan ben acaída á personalidade e biografía do teólogo asturiano que a vou a reproducir, tomándome as oportunas licenzas literarias, e unha licenza xeográfica consistente en cambiar a localización dos sucesos da orixinal andaluza a unha máis achegada a nos.

A cousa vai dun cura moi novo, recén ordenado, que chegou a unha parroquia da Galiza rural máis profunda. O eclesiástico procedía da cidade e mantiña unha ignorancia supina arredor dos usos e costumes da aldea. Por iso cando o señor bispo informouno informoulle que Marica a do Muíño, viúva de vivo e con tres fillos pequenos, vivía en pecado arrimada a un vello patrucio que case que lle triplicaba a idade, e que a súa primeira misión era arranxar tal situación, á primeira oportunidade que pillouna na igrexa foi canda ela e díxolle:

—      Ti es Marica a do Muiño?

—      Son!

—      E tes tres fillos, e un home que anda no bacallau en Terra Nova e do que non tes novas?

—      Teño!

—      E estás vivindo co señor Alfredo na súa casa?

—      Estou!

—      Pois tes que deixar esa casa! Non podes seguir co vello baixo pecado de escándalo!

—      Pecado de escándalo? Iso que é? Nos non facemos mal a ninguén, e ninguén ten por que arar no barbeito falando de nos. Eu vexo por el, e el ve por min, que xa deixou ante notario para quen vai quedar “mortis causa” a casiña onde vivimos.

O crego entende entón a urxencia do encargo do señor bispo por arranxar a situación. Marica a do Muiño é muller, pero ven de descubrir que as mulleres son menos parvas do que lle tiñan contado, teme fracasar na súa primeira misión e dicide por en xogo o que considera o argumento supremo: o medo ao inferno!

—      Pero, muller, é que non te decatas que iso vai contra a lei de Deus, e podes condenarte eternamente?

—      Condenarme? Non creo tal, Padre! Verá: eu cando veño a igrexa axeónllome naquel reclinatorio de alí; xunto ás mans, pecho os ollos e dígolle a deus polo baixiño: Señor, ti perdóasme a min o vivir con este vello e eu perdóoche a ti por terme na pobreza, co home perdido na mar e os fillos a pedir pan.

E disque don Xosé María Díaz-Alegría remataba o conto sentenciando:

—      Man por man! Non creo que o Señor tivera nada que opoñer a tal razoamento!

E mire que lle digo don Manoel! Teño para min que o xesuíta era, polo menos nese sentido, tamén dos meus!

Eu ben vin estar o moucho

enriba daquel penedo.

Non che teño medo, moucho!

moucho, non che teño medo!