Amosando publicacións coa etiqueta alborada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alborada. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de marzo de 2017

Tristes e ledas alboradas

Mire que lle digo, Don Manoel! Que non tiña pensado da cabo á pequena historia do Tino, o noso gaiteiro do mar. Polo menos mentres non me diga vostede coma o Xan Pardal, que tanto lle tiña ben coma mal, e que digas o que me digas é coma se o tiraras nun pozo! Que se os contos necesitan do narrador tamén piden oídos atentos y cómplices dos que escoitan.

Cando o noso Tino volve co amencer á pensión e acha no leito ao Marcial, mais branco que as sabas que o tapan, esvaécenselle de súpeto todos os vapores do viño que nubráballe o coñecemento. Xa sabe Don Manoel que a morte non é bo asunto, mais tampouco cousa á que se tema moito na nosa terra; morrer hai que morrer, e o Marcial tampouco era dos que se queixaría de non ir "despachadiño de todo”.

Pasado o primeiro espanto o Tiniño achégalle aos beizos do Marcial o pequeno espello que usan para afeitarse. Nada. Tampouco a candea acesa detecta o mais pequeno indicio de alento. O Marcial está morto e ben morto. Cos ollos ben pechados sen chamar por ninguén que o acompañe na viaxe ó outro mundo. Agora compre avisar aos donos da pensión e concertar con eles onde vaise expor o defunto. Nestas chega pola porta o ramista para recordarlle que é a hora de saír polas rúas da vila a tocar a alborada. E xuntase os uns e os outros a discutir diante do defunto, que non se pode queixar de que alguén lle preste a mais cativa atención. Mais o primeiro é o primeiro e os mortos xa non teñen presa, así que pechan a porta do cuarto, e o de axustar as cousas do velorio queda para mais adiante.

E mire que lle digo Don Manoel! Que nunca soaran tan alegres as alboradas, tan fermosa fora a misa da gaita, na vila de Meira coma as daquel ano no que o Tiniño veuse, por fin, gaiteiro.

Moito pra misa da gaita,
moito, nena, te compós;
aventuro que non é
pola misa nin por Dios.

martes, 21 de marzo de 2017

A derradeira alborada

Mire que lle digo, Don Manoel! que os ardores do Tiniño aliviáronse pronto, nun “San Migueliño das uvas maduras, moito me tardas, pouco me duras”, que  paixón da xente nova é coma foguete de feira, pero as necesidades da pousadeira eran de moito mais calado, que o pozo das ausencias das viúvas de vivos non é doado de encher, e o lume que o Tiniño prendera ardía en Carme coma en leña de carballo, que moito despois de extinguida a labarada mantén a brasa latexando no mais fondo da alma. A pousadeira aínda conservaba moito da garrida moza que fora, vai alá non moito tempo, era muller agarimosa, boa cociñeira e tiña terras de seu; pero os planes do noso Tiniño tiñan pouco que ver con quedar no Chao. Fora a chamada do mar, ou da vida errante do gaiteiro, que en canto Marcial recuperou un pouco de color nas carnes, concertaron para aproveitar a noite e escapar sen dar nin chío da casa da Carme. Así que no mais escuro da noite, recadan as súas exiguas pertenzas, gaita, tamboril e bombo, e choutan pola ventá, coa risa da trasnada intentando rebentarlles os illares. Non hai moito camiño entre o Chao e Meira, menos de dez quilómetros, pero de súpeto énchese o ceo de nubes negras e comeza a chover coma se envorcaran un caldeiro. Marcial tira do peto unha libeta con augardente, para coller folgos para o camiño. Tino pídelle un grolo, Marcial négallo, pelexan un pouco pola botella, e o Marcial esvara, roda pola encosta e vai caer ao Rego Grande, onde acaba de mollar o pouco que aínda estaba enxoito. Cando chegan á pensión en Meira o Marcial arde de febre. Tiniño, que estaba xa coma con lume no rabo por coller el a gaita, non perde a oportunidade, e dille que quede a descansar no leito ben abrigado para repoñerse. Tiniño toca e toca coma se os anxos da música lle viñeran axudar. A a fachenda de se-lo gaiteiro da festa énchenlle o peito de ledicia e non para de tocar ata ben entrada a noite. O Tino ten uns poucos de remorsos cando a mañá seguinte vai toca na porta do Marcial para lle espertar para toca-la alborada, pero o Marcial non tocará aquela alborada. Nin esta nin ningunha; o Marcial está, branco coma as sabas; definitivamente morto.

Na mellor festa galega
ten que lucir un gaiteiro
que tendo gaitiña e mozas
non se precisa o diñeiro.