Amosando publicacións coa etiqueta Jesús Fernández de Yepes Cotte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jesús Fernández de Yepes Cotte. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de abril de 2017

O Derby e Don Albino Mallo

Mire que lle digo, Don Manoel! O café de moita sona no que traballaba o de Bangueses, coma xa terá adiviñado, era o Derby de Albino Mallo, do que xa lle contara a triste historia do Ferreira, aquel camareiro moi mirado e cumpridor que morreu sentado na cunca do váter un 31 de decembro cando tiña que entrar de quenda.

Daquela o Derby seguía sendo moito mais que un café, o punto de encontro de artistas e escritores, Cunqueiro, Castroviejo,  Celso Emilio Ferreiro, Laxeiro, Colmeiro,  Urbano Lugrís ... e agocho de conspiradores políticos na clandestinidade.

E fogar da música e os músicos, tamén! Que cando no 36 os músicos do Trío Corvino, que sempre pasaban a temporada de verán acompañados pola familia actuando no Derby, víronse na imposibilidade de retornar a Madrid por mor do golpe militar, Don Albino amplioulles o contrato, para que seguisen actuando ata que rematou a guerra.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Abelardo Corvino e Santos Gandía volveron a Madrid pero, para a inmensa sorte da cidade, Yepes quedou en Vigo, e foi, con Manuel Dorda Estrada e Mónico García de la Parra, os artífices da creación do Conservatorio de Música de Vigo.