Amosando publicacións coa etiqueta Passepartout. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Passepartout. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de abril de 2017

Os ramistas de Meira

Mire que lle digo, Don Manoel! Que aínda que, coma din por aí, os amigos cóntanse dúas veces; unha cando as cousas van ben para ver cantos son, e a segunda cando as cousas van mal para saber cantos quedan, o noso Tiniño sempre tivo facilidade para facerse querer. E agora camiño da feira de Láncara, víñanlle as mentes os dous ramistas de Meira, cos que lle deran cabo na taberna a unha chea de cuartillos de viño. Os ramistas, Don Manoel, segundo contoume o Tiniño, ían sempre xuntos a todas partes, pero non podían ser mais diferentes o un do outro. Se a memoria non faime traizón chamábanse Abelardo o mais novo e Belarmino o maior. Abelardo era fachendoso e petulante, e andaba sempre máis teso que un morgado, que en certa medida o era dun tío que morrera sen fillos en Bos Aires. O de andar de ramista viña polo de figurar, e na poxa polas andas do santo, non ía deixar que ninguén coméralle as papas. Belarmino era o seu complemento, o Sancho do seu Alonso Quijano, ou mellor o Passepartout de Phileas Fogg, un home dun xenio coma unha malva, que nunca tivera cuestión con ninguén, mais que a súa teima de porfiar cos veciños cando consideraba que os cartos que lle daban non cadraban coa importancia da casa.

-  O santo merece máis! – e ata os mais amarrados ceibaban a baraza da faldriqueira, porque sabían que Belarmino podía chegar a ser mais molesto que unha mosca en día de verán.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Non vaia a pensar que houbera grandes disputas por bicar a ramiña de oliveira que formaliza o compromiso de participar nunha comisión festeira, que a sona de que os ramistas sacasen en limpo para un traxe novo é un conto dos que nunca tal fixeron, que o que de verdade ten garantido o ramista é, ademais de moitos traballos e atafegos, pequenos aplausos para os acertos e mancheas de críticas para os poucos erros que se produzan na organización.