Amosando publicacións coa etiqueta Mingos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mingos. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de xuño de 2022

Tocar de oído


Mire que lle digo don Manoel! Lía eu nestes días nun libro no que se recollían varias obras pouco coñecidas de don Francisco de Quevedo, un texto que, arcanos da mente!, espertou nos recantos da miña memoria a figura dun vello coñecemento do meu Bouzas da Alameda, e da súa peripecia nos xa moi afastados tempos nos que eu traballaba nos bous de altura do Gran Sol co meu amigo Tiniño, o Averomar.

Pois verá, don Manoel! Andaba eu, como en tantas outras ocasións, petiscando cal galiña ociosa polos andeis da biblioteca pública Juan Compañel, cando ao tomar nas miñas mans o libro do que lle falo, abriuse este, me atrevería a afirmar que pola súa propia vontade, por unha páxina concreta, na que puiden ler unhas reflexións arredor do oficio de barbeiro que tiveron a virtude antes citada, traerme ás mentes os feitos vividos co Mingos na barbería da Alameda.

E meu dito, meu feito, collín o libro de don Francisco onde figuraba a tal “Pregmática de aranceis xerais” para poderlle ler, a xeito de aperitivo antes da fartura relatora, o texto seguinte:

... coñecendo a natureza ou inclinación dos barbeiros ás guitarras, mandamos que para que mellor sexan as súas tendas coñecidas, e os que deles tivesen necesidade poidan saber cales son as súas tendas, en lugar de bacías ou cortinas, cólguese unha ou dúas guitarras, con permisión xeral que facemos de que, con todo das que estivesen colgadas na tenda, poidan ter para tocar eles e os seus amigos ata dúas ducias delas; sen que se entenda por isto o que se lles prohibe o ter xogo de xadrez, damas ou outros entretementos.

Vostede ben sabe meu don Manoel, que a afección dos barbeiros á música, e moi especialmente pola guitarra auténtico símbolo do gremio, ven sendo un estereotipo desde tempos xa ben afastados. E a perruquería do Rial, na Alameda de Bouzas non era, por suposto, unha excepción a esta regra. Para facer fronte ao prestixio da agrupación de pulso e púa da barbería do Servando da Rúa dos Ferreiros, o Rial contaba coa colaboración do Eloi, o acordeonista tísico, pai do Liberto/Lamberto, e do que xa lle contara a súa peripecia, e o Mingos, o seu axudante de perruqueiro e protagonista da nosa historia.

Mingos era unha desas xentes que toda a súa vida serán aprendices de algún oficio que non lle gusta, e inevitablemente e como fatal consecuencia, mestre en ningunha. Non por falta de habilidades (que ao mellor tamén) senón da debida tenacidade no empeño e a indispensable constancia, persistencia e determinación no emprendido. Como natural de Bouzas estivo embarcado, pouco tempo, porque xa se mareaba co barco amarrado ao peirao. Logo traballou na carpintaría da rúa de Alfolíes, pouco tempo tamén porque de cada dez puntas metía torcidas once. E de Talleres Reina tiveron que botalo porque botou man dunha soldadura autóxena e pensando que o soprete estaba apagado porque a chama tornárase invisible, estivo a piques de incendiar o taller enteiro. E así podería seguirlle contando as desfeitas todas que foi facendo en todo canto traballo os bos oficios da súa probe nai conseguía, convencendo ao encargado de que existía algunha (aínda que remota algunha) posibilidade de que o rapaz, cada vez menos rapaz e cada vez máis mozo, chegara a ser en algunha actividade, mediante o estudio e a práctica, algo máis útil que para apañar auga cunha peneira.

E falando de inutilidades, perdas de tempo e disparates varios, ocorréuselle a nai do noso Mingos, que se, como afirma a paremia popular, poucas cousas o son máis que dicirlle a un escaravello que varra non sería mala cousa falar con algún dos barbeiros do pobo por ver se a cuestión podería parecerlles acaída á necesidade pola que estaban a pasar.

Ata o desembarco dos estilistas, a profesión de barbeiro era un traballo modesto e non demasiado ben considerado que podía desempeñarse con moi pouco gasto: “pois bastan para exercer tal oficio, panos, bacías, tesoiras, navallas, peites, vasoiriñas, espellos, e as demais ferramentas que pertencen ao barbeiro para sangrías, sacar moas, dar puntos, botar ventosas, e cousas así, por quen está a mesma subordinada á medicina”. Porque ata case que finais do século XX o barbeiro, especialmente na Galicia interior, non só exerceu de perruqueiro e rapa barbas, senón tamén de sacamoas, sangrador [1], enfermeiro, cando non, en ausencia de médico, a facer pequenas intervencións de cirurxía menor. Para Quevedo os barbeiros pertencen ao último estamento da lúgubre procesión hipocrática, que encabezan os médicos e vai seguida por boticarios, cirurxiáns, sacamoas e, ao final, os barbeiros, aos que resulta máis doado perdoar pola súa afección á guitarra e á diversión.

A nai de Mingos, consciente de que afección á guitarra e á diversión non faltaban ao mozo, foise para o establecemento de don Servando con tal encomenda. Recordará don Manoel que don Servando era home optimista, que de todo acontecemento facía unha festa e que a todo o que lle sucedía sacaba proveito, polo que non foi para el un esforzo extraordinario cumprirlle o gusto á probe nai. E, o que son as cousas!, o oficio de perruqueiro non se lle deu tan mal como os anteriores, e en pouco tempo pasou da vasoira ás tesoiras, e das tesoiras á navalla de barbear, facéndose cunha clientela fiel que gustaba das súas chanzas e churruscadas, e que agardaba por el ata que librara do cliente anterior. E deste xeito seguiu durante moitos anos na barbería de Servando, cortando o pelo e tocando a guitarra na agrupación de pulso e púa, ata que un mal día tivo un enfrontamento co seu xefe por culpa dun mi bemol.

Don Servando, non sei se xa llo dixera don Manoel, era un músico máis que notable, de bo oído, e formación académica. E ese día algo lle soaba mal no conxunto. Despois de moito mandar afinar a tirios e troianos chegou á conclusión de que alguén estaba a tocar un mi natural en lugar dun mi bemol

      A ver compañeiros: a partitura está en do menor. O mi é, como indica a armadura, bemol, non natural.

Ao Mingos deulle a vea respondona, e malia que non era precisamente el quen tal nota equivocada estaba a tocar, díxolle a don Servando:

      O sinto don Servando! Eu toco de oído e non me deixo aconsellar.

      Pois es ben tonto! —contestou o barbeiro, que coa música non gustaba de bromas.

Ao que o noso Mingos contestou cuns versos que ignoro de onde puido sacar, pero abondo acaídos á situación [2]:

Señor, vencerse a sí mismo

un hombre es tan grande hazaña

que sólo el que es grande puede

atreverse a ejecutarla.

Yo era un tonto, y lo que he visto

me ha hecho dos tontos.

Pues para entrar donde quiera,

¿qué más hay que hacerse tonto?


E mire que lle digo, don Manoel! Ao día seguinte o Mingos pediu a conta na barbería do Servando; recolleu ás súas cousas e marchou moi digno para a perruquería Rial, onde xa lle estaban agardando para tocar cousas máis enxebres, a guitarra do propio Rial, o acordeón do Liberto/Lamberto, e, como non, a gaita do meu amigo Tiniño, o Averomar.



Nota [1]: Quero supoñer que aos meus lectores de Bouzas en particular, e os amantes das conservas de peixe en xeral, lles fará moita graza saber que o apelido Alfageme, deriva do árabe haggam que significa sangrador. É dicir o que practica tales mesteres terapéuticos, e hixiénicos.

Nota [2]: Os versos son do drama histórico de 1653, de don Pedro Calderón de la Barca, A filla do aire. Obra en dúas partes de tres xornadas cada unha, que narra a historia de Semíramis, raíña de Asiria e fundadora de Babilonia.