Mire que lle digo, Don Manoel! Que, tamén nas
cousas do mar, cadaquén ten a súa opinión sobre o que é unha cousa e outra, e
eu téñolle a miña. Que se entre os mariñeiros de dous portos tan achegados coma
o Berbés e Bouzas nonos damos postos de acordo, pense o que nos pasará cos
mariñeiros do Océano Índico. Para os mariñeiros de Bouzas un bou é, en primeiro
lugar unha arte de pesca de arrastre remolcada. Unha especie de saco que unha
ou dúas embarcacións arrastran polo mar intentando enchelo con peixe que poda
haber na zona. Ao saco compre manterlle a boca aberta para que entre o peixe. O
de mantela aberta en vertical é ben doado; faise unha relinga de cortiza na
parte alta da rede e unha de chumbos na parte baixa. Para mantela aberta en horizontal
se utilizaba unha vara transversal, suxeita aos calós das ás, de onde recibe o
seu nome: “bou de vara”. O tamaño da arte dependía da capacidade de arrastre,
vea ou remos que a embarcación puidera asegurar. Na época na que nas rías
entraba moito peixe alguén pensou, con acerto, que con dúas embarcacións
podíase arrastrar unha arte moito maior, turrando canda unha delas dunha á, e
sen a limitación de ancho que a vara implicaba. A isto se lle chamou “traballar
en parella”. O traballo en parella non é doado porque compre manter o mais
constante posible a distancia entre os dous barcos e que dúas tripulacións
teñan a mesma boga, ou collan o vento do mesmo xeito non é doado. Cando os
barcos comezaron a ter máquinas para a súa propulsión se fixo posible arrastrar
unha rede grande cun barco so, a boa marcha, de xeito que a propia velocidade
mantivera aberta a boca da rede mediante unhas “portas” colocadas de esguello ao
sentido do arrastre. A este procedemento se se chamou “pesca ao bou” e ao final
deu orixe a un tipo de barco, coa maior parte da obra morta na proa para deixar espazo á popa para os
aparellos e as capturas. Cando os estaleiros se transformaron para poder facer
os barcos de pesca de ferro, os bous puideron marchar a pescar fora do abrigo
das rías. A este lle chamabamos “bous de altura”, e o Eva era un deles. Na ría
tiñamos ademais outro tipo de barco semellante, feitos nos estaleiros vascos,
aos que eles chamaban “baka” do euskera "bakar": solitario.
E, mire que lle digo, Don Manoel! Tan semellante
que dende o peirao non había quen os distinguira polo que deu orixe á ben
coñecida expresión: “se non é bou e baka”