domingo, 24 de xullo de 2022

Un home é un home (e un ghato é un bicho!)

                                            (Foto de Víctor de las Heras)


Mire que lle digo don Manoel! Personaxe aborrecible onde os haxa era Francisco o do Castelo. Furibundo activista do “consellos vendo que para min non teño”, provocaba coas súas predicas tales desbandadas masivas nos seareiros da taberna do Mincha, que non era a primeira vez que a Sefa tiña que chamarlle ao orde para que cesara nas súas acendidas soflamas, sempre trufadas do máis rancio machismo militante. Porque o Francisco, don Manoel era un fillo aplicado da podre ideoloxía daqueles tempos que relegaba á metade da humanidade a unha situación de inferioridade.

Fillo daqueles tempos e fillo tamén dunha nai submisa, obediente e dócil, que tiña a gala perdoar con xesto de mártir de película de romanos as falcatruadas do seu marido, que xa sabe don Manoel que, segundo a Santa Madre Igrexa, as fillas de Eva veñen a este mundo a sufrir, e a súa única felicidade consiste en satisfacer cun sorriso mortificado os torpes desexos do seu home.

O Francisco fora alá polos anos oitenta traballador do naval. Traballador que non obreiro, como el encargábase de deixar ben claro a menor oportunidade. Un daqueles controladores e cargos intermedios non cualificados que se crían por riba dos carpinteiros, soldadores, electricistas,  e outros obreiros especializados de maior salario e cualificación profesional que a deles. Nas oficinas de Ríos do estaleiro de Ascón coñecera a Tareixa, unha rapaza ben guapa e educada á que fíxolle as beiras con tal arte que, malia a diferencia de educación e situación, arcanos da mente feminina!,  a rapaza quedou perdidamente namorada, non sei ben se da súa figura viril ou do seu arte para dicir as maiores sandeces con voz sedutora.

Seica foi cousa da nai do Francisco, entusiasta propagadora da fe na auténtica natureza da muller católica, feita de abnegación, entrega, sacrificio e renuncia, de onde partiu a idea de que a súa futura nora renunciara antes da voda ao seu ben pagado traballo de secretaria de dirección no estaleiro, posto que conforme ao seu parecer non estaría ben visto, nin sería unha boa base para o establecemento dunha vida en común, que a muller gañara máis do dobro que o seu marido, e tivera un traballo de maior categoría e responsabilidade que o del.

A Tareixa, o chegares aquel posto de traballo custáralle ferro e fariña, moito estudo e moito esforzo, pero aceptou sen queixas a exixencia, orgullosa e alegre de facer ao seu home o agasallo da súa conformidade e sacrificio. Porque ben sabe don Manoel, que moitas, demasiadas veces son ás propias mulleres ás peores cómplices do machismo dos seus homes e as que o inoculan nos seus fillos varóns, orgullosas protagonistas de infamias tais como a de “mentres haxa mulleres na casa ti non vas facer cousas de maricóns”, e frases semellantes que todos temos escoitado máis dunha vez. A nai ensina ao seu fillo que é a súa irmá a que debe facer as cousas da casa, e que cando ela sexa velliña e requira de coidados, serán exclusivamente estas fillas as que teñen a obriga de ocuparse dela. E como neste de caso de Tareixa e Francisco convence ao seu fillo que el é o rei da casa, e que por iso debe casar cunha muller que sexa unha criada, como o é ela, unha muller que manteña incólume o que a ela lle ensinaron, que faga todo canto a igrexa e a sociedade gusten ordenar, e que o transmita sen dubidar ás futuras xeracións.

Tareixa e Francisco casaron e foron a vivir a un piso de aluguer alá pola Riouxa. Preto do traballo pero, para satisfacción da Sefa e de moitos dos seus clientes, moi lonxe de Bouzas. Logo chegaron os anos oitenta coa traumática reconversión do naval, a redución de persoal en Vulcano, Freire, Barreras e Santodomingo, o peche de Ascón, e as grandes mobilizacións da cidadanía en solidariedade cos peches e despedimentos. Francisco non estivo en ningunha destas accións, nin a histórica do 15 de abril de 1983 á que acudiron arredor de 250.000 persoas, o que non lle librou de acabar igual que o resto de compañeiros que si que o fixeran: na cola do paro.

Pasaron moitos anos sen que ninguén na taberna soubera máis do matrimonio. Para a nosa desgraza nada do bo dura para sempre, e un día que entraba na do Mincha con todo o trapo ao vento, vexo que a Sefa faime un aceno sinalándome co queixo para o recanto onde un vello coñecido está a darlle garlopa ao mostrador, mentres un par de vítimas intentan rematar ás súas cuncas coa máxima celeridade. Demasiado tarde! Xa me veu!

      Benditos os ventos que o traen por estes portos don Paio! Abarloe aquí a lancha que algo de viño haberá que botarlle a esa palleta!

      Canto bo por estes caladoiros! De visita, ou?

      Non don Paio. Non sei se saberá que morreu o meu pai, e decidimos volver a Bouzas, a vivir á casa da miña nai.

      Non sabía nada. As miñas condolencias. E a túa nai, como o leva?

      Moi conforme non está, pero hai sitio abondo e así aforramos o aluguer, que non están os tempos para tirar os cartos. Ademais, agora que botaron ao subnormal do meu irmán de San Rafael, quen lle vai a botar unha man para controlalo, se está cada día máis violento? Xa lle digo eu: pois a Tareixa! Que ademais así estará máis entretida e sen tempo para andar pensando cousas raras!

      Todo vantaxes! E Tareixa que di deste arranxo?

      Que vai dicir? Cada un apanda co seu. Eu teño abondo co meu traballo nunha auxiliar de Barreras controlando ás horas e os partes de traballo dos obreiros, que sempre están intentando estafar á empresa. Ela co seu traballo de muller, que é ben descansado, todo o día man sobre man na casa!

      Man sobre man non estará. Non tedes fillos?

      Temos soamente unha filla. E non será por non intentalo! O primeiro non durou moito. Seica naceu cun defecto no corazón e morreu con dous ou tres anos, non recordo ben. Despois non se quedaba embarazada, pero non pola miña culpa, eh! Que fomos ao médico e dixo que era culpa dela, que seica aínda estaba impresionada coa morte do primeiro fillo.

      E logo veu a filla, non si? Que o tempo é un gran menciñeiro ...

      O tempo e o marchar de Vigo. Saíume un traballo en Canarias e alá marchamos. E vese que o non ter nada que lle recordara a Vigo foi para ela man de santo, que ao pouco tempo de estar nas illas quedou embarazada. E todo foi moi ben. A única tacha é que fora unha nena! Pero en canto poidamos iremos a polo machiño, que eu quero un rapaz para que manteña o meu apelido.

      O teu apelido tamén o leva a nena ...

      Pero non é o mesmo, don Paio!

      Non será. E ela, como está?

      Se a ve non a recoñece. Está feita unha calamidade; sempre chea de alifafes, e sen gana ningunha de compoñerse, que lle digo eu: pero muller, amaña un pouco ese pelo e esas roupas que pareces un baldreu! E mira para min con cara de pena, como se eu tivera algo que ver no tema!

      Digo eu que se nono tes ti quen o vai ter!

Aquilo, don Manuel, non levaba trazas de rematar! A Sefa ollaba para min un pouco con cara de risa e un pouco con cara de pena e eu devolvíalle a mirada pedindo árnica. Para poñer as cousas no seu contexto debera de engadir que o Francisco era desa caste de xentes odiosas empeñadas en invadir o teu espazo persoal, tocarte repetidamente para asegurarse que non fuxiches, que aínda estás aí, e preguntarche incansablemente por se a túa capacidade de comprensión das súas estupideces aínda se mantén incólume.

Entre toda aquela enxurrada de información dúas cousas quedaron firmemente chantadas na miña memoria: Unha tráxica e unha cómica. A tráxica o feito de que o médico desaconsellara vivamente a Tareixa de ter un novo embarazo e que o Francisco lle dera tan pouca importancia aos riscos asociados a ese estado. A cómica cando nos contou, así de pasada, como como se fora a cousa máis normal do mundo, que tódalas semanas xuntábanse un grupo de amigos para ver xuntos o porno do Canal +. Sen descodificar, que iso haino que pagar, e aínda que sexa con raias se adiviña ben o que están a facer. E non tiven outra que tragarme as miñas risas cando souben que naquela España dos anos noventa tan paduana, pasmona e melindrosa, máis de trinta mil homes borrachos de testosterona facían o mesmo.

Pasaron algúns anos máis. Perdín todo contacto co Francisco: Ignoro se porque dende aquel nefasto día entraba na taberna do Mincha con certa precaución ou ben porque el cambiara de hábitos. Un día achégase a min o meu bo amigo don Luis de Altamira e Toranzo, mestre e poeta ao que algúns obstinábanse en chamar o Migallas, para darme a noticia da morte de Tareixa, a muller do Francisco o do Castelo.

      E logo, como foi?

      Morreu de parto. —interveu a Sefa—Mira que lle dixeran que co historial que tiña non debera quedar embarazada! Pois nada, nin caso!

      Non estou eu tan seguro que o do embarazo fora decisión dela ...

      De quen senón?—preguntou don Luis.

      Eu ben me lembro dunha conversa que tivo con don Paio, fai xa unha chea de tempo.—apuntou a Sefa, que non lle tiña moita lei ao Francisco.—Que se unha filla non, que se un fillo si...Moita leira e moito “un fillo so e pouco” e agora, vostede mirou ao Francisco no funeral da súa muller?

      Ben sabe dona Sefa que eu a actos da liturxia católica non asisto. E logo, que foi que sucedeu?

      O que puido ver todo o que tivera ollos! Que tampouco tardou moito en procurarlle reposto á morta. Que moi desconsolado estaría pero non tanto como para estar máis atento ao escote da lurpia que estaba canda el que aos responsos do cura.

      Ordiá! —dixo o Antonio que tiña a orella posta.

      Pero pecha a boca home, que pareces un bocareu sempre coa boca aberta!

Non pasou moito tempo sen que o Francisco pasara pola do Mincha a invitar a unha ronda para celebrar o seu novo casamento. Si don Manoel, si! Coa muller que o consolaba na igrexa no funeral da Tareixa. Raíña morta, raíña posta! E mire que lle digo, don Manoel! Foi cousa de ver o cambio como da noite ó día da condición do Francisco. Xa di o refraneiro que os que dormen no mesmo colchón vólvense da mesma condición, e o do Francisco non foi virarse como a folla do umeiro senón mudar de condición como unha especie de metamorfose. Home, don Manoel! Tanto como de crisálida a bolboreta non diría eu! Deixémolo en de cullarapo a ra!

E como non podía ser doutro xeito, un día que entrei na taberna sen as debidas precaucións case que dou de fociños co novo Francisco. Afortunadamente para min o larapetas tiña ben amarrada a outra presa, Antonio o da asesoría, e estaba tan concentrado na tarefa de acurralalo contra a parede do fondo da taberna, que non se deu conta da miña presenza, de forma que puiden alcanzar sen ser visto unha posición de privilexio dende onde poder escoitar a súa conversa.

      Don Antonio, ten que seguir o meu exemplo e facerse un home feminista!

      Un home feminista? E iso que ven sendo?

      Pois un troco total da súa actitude fronte á muller. A descuberta do agravio histórico que o patriarcado ten exercido riba da muller e a vontade de reparalo.

      Para min non mires! Eu non estou casado!

      Iso non importa! Vostede, o queira ou non, é unha peza máis da opresión machista!

      Sabes que? Iso de ser unha peza me tranquiliza moito. Quer dicir que por moito que me mova as cousas non van cambiar.

      Non tal don Antonio. Cada un de nos ten a súa parte nesta tarefa de destrución deste sistema mundialmente devastador, eticamente inadmisible, e que provoca unha total infelicidade do conxunto da sociedade.

      Moi posto che vexo eu nestas cousas...

      Levo lido moito, analizado moito sobre a violencia cultural do patriarcado que pretende denigrar o feminino como algo accesorio e meramente secundario, para poder situarme dentro do pensamento feminista malia a miña condición de varón!

Xa me coñece don Manoel! Cando escoito certas cousas calar non calo nin debaixo da auga, e aquilo xa foi demasiado para a miña capacidade de “non intervención”

      Dende a máis respectuosa seriedade don Francisco. Non estará a dicirme que o varón é o orixe de todo o malo e a muller de todo o bo? Porque tal falsa é esa afirmación como a contraria!

      Estaba vostede aí! —dixo o Francisco, distracción que aproveitou don Antonio para marchar a todo fulespín facendo un xesto cara á Sefa que xa pagaría mañá—Non me negará que toda a nosa cultura está asentada sobre a violencia riba da muller, coa complicidade das propias relixións!

      Pois negareillo! E con argumentos, que non con prédicas de inquisidor recén converso. E da complicidade das relixións monoteístas non me fale, que a min nunca me atopou rezando en ningunha!

      Non será vostede un machista totalitario!

      Pois que quere que lle diga don Francisco! Machista seguro que un pouco. Totalitario tamén porque quero ver a igrexa, a calquera igrexa, fora da educación; porque educación e relixión son incompatibles. Eu postos a ideas de franciscos, sonlle máis das de don Francisco Giner de los Ríos, que cría afervoadamente que a máis poderosa ferramenta para acabar coa discriminación da muller era a coeducación, é dicir educar á muller non so como o home, senón co o home. E morra o conto, que teño máis que facer!

E mire que lle digo don Manoel! Todo o mundo ten dereito a cambiar de opinión, pero as biografías dalgunhas conversións teñen un certo tufo a Torquemada que non son quen de aturar. E por rematar con xeito este conto do Francisco o do Castelo veume ás mentes aquel título da colección de poemas de Rafael Alberti, escritas en homenaxe a os cómicos do cine, “Yo era un tonto y lo que he visto me ha hecho dos tontos”, para poñer a xeito de epitafio virtual riba da súa fachendosa cabeza:

Eu era un parvo machista e a vida fíxome dous parvos: un parvo machista e un parvo feminista