Amosando publicacións coa etiqueta Mauro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mauro. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de agosto de 2020

Turistas na taberna do Mincha.

 

Mire que lle digo don Manoel! Ben sabe que a nosa taberna non é un porto moi frecuentado por buques que non sexan dos da nosa matrícula. Tampouco é que ninguén vaia dar con ela por casualidade, que máis dun pasou varias veces por diante da porta sen reparar na súa existencia; falta de olfacto, chámolle eu a iso, que os guisos da Sefa espertan o apetito máis durmido! O que sucede é que nin o Mincha entón, nin a Sefa agora tiveron o máis cativo interese en facerse outra publicidade que o de boca a orella. Engada a iso a falla de televisor no que seguir o fútbol ou o sálvamedeluxe, a súa negativa a poñer unha billa de cervexa, e o pouco amiga de cambios que é a clientela habitual, máis seita que confraría, e terá unha idea clara das razóns da pouca renovación de fregueses que a nosa parroquia etílica ten. Pérdense algúns fieis polo seu paso á categoría de defuntos e de cando en vez temos algún buque que, como no seu caso, entra de arribada e é quen de superar as probas ás que lle somete a nosa particular inquisición. En resumo: pouca xente de paso que repita, e pouca xente de siso, e valor probado, que non repita. Xa ve don Manoel! Malia a publicidade lle deu no libro, hai poucas posibilidades de que centenares de lectores achéguense á taberna na procura do “peripatético xubilado” ou do “mariñeiro con moita mar nos ollos”.

Pois con todo e con esas, este mes de agosto no que estamos tivemos unha destas visitas senlleiras: unha parella con neno. Non sei nin quero indagar as razóns que os levaron a recalar no noso peirao. A comentada ausencia de televisor, o desbordante da decoración, a mestura dos recendos a brea e saín coa dos bos viños e mellores viandas, ou a desesperación pola inexistencia na contorna dunha opción mellor. Ela afogada en suores, grande como catro amas ben mantidas; el de pantalón curto, magro, de pernas tortas como abeacas e desmedidos pes en sandalias franciscanas; e un neno mirrado que non para quieto nin un intre, máis molesto que unha mosca en día de verán.

- Siam no hagas esto, Siam no hagas lo otro. –dille a nai ao neno con menos sangue que un santo de pau. 

- Siam, es que non escuchas a tu madre? –engade o pai como quen recita as xaculatorias.

Non foi moito tempo o que quedaron pero xa sabe vostede que os minutos de padecemento son máis longos que as horas de lecer. As conversas, que esmoreceran ata esa feliz circunstancia, volveron ao seu normal discorrer, e as cuncas a demandar o seu recheo.

-  Oes Sefiña, pon aquí unhas máis! –pediu o Mauro. – Carallo, moito botaches Sefa! Fáltache poñerlle os ladrais!

-  Miraches eses que acaban de marchar? –contestoulle a Sefa, que non tiña gana de discutir co Mauro– Meu deus, ela debe ter unha enfermidade! E como falan de raro! De Madrid non parecían; deben ser de lonxe … de Aragón ou así!

-  Non tal Sefa; sonche da Coruña!

-  Pois para ser da Coruña lle puxeron o rapaz un nome ben raro!

- Raro? Oxalá moita xente seguira co costume de por nomes galegos aos seus fillos e non esas parvadas de Kevin ou Josua!

- Home pois o de Siam moi galego non é! –argumenta Sefa.

- Como Siam? Chámase Xián, coño! –retruca o Mauro, remarcando a pronuncia correcta.

- Pois non sei por qué lle poñen nomes galegos aos fillos se non saben pronunciar o xe!  –remachou a Sefa que como o aceite tiña o costume de quedar sempre por riba.

E mire que lle digo don Manoel! Que de que é sucedido e non conto podo dar eu fe. Non tanto de que a xente fora ou non da Coruña, que a xente de tal procedencia non ten a exclusiva de pronunciar mal o xe. E para que, se tal cousa lle presta, practique a pronuncia desta significativa letra déixolle esta vella cantiga:

Xa nace o trigo,

xa temos pan!

Xa canta o cuco,

xa temos verán!

domingo, 4 de novembro de 2018

O que o Mauro contou do seu pai. (2)



Mire que lle digo, don Manoel! Seica o outro día marchou antes de que o Mauro rematara de contar as loitas que o seu pai tiña coas troitas do río Deva, ou mais ben as que non tiña, que, como contou daquela, por moito que mollaran a miñoca ningunha foilles facer as beiras ao cebo, e como tiveron que dar volta coa cesta costeira sen peixe e a cara mais vermella que a doa das silvardas, sen que o rapaz aquel que atoparon no río lle descubrira ningún dos seus segredos de pescador.

Non tema don Manoel, que nada mais se contou; que o relato do Mauro se fixo longo de mais ata para o propio narrador, que observando que o público empezaba a rarear mais que os pelos da súa cachola deixouno pouco mais adiante do que vostede escoitou. Quizais uns comentarios sarcásticos da muller arredor da necesidade de ter unha tixola ao lume agardando polo peixe que aínda nadaba polo río, e unha resposta mordaz do señor Lesmes mencionando a comenencia de que a súa muller se empezoñara co seu propio beleño, caso de morder a lingua.

E teño para min que hoxe o Mauro vai entrar pola porta con gañas de remata-lo conto!

Ler o río! Mais cousas da pesca de río

Nin ao vindeiro día nin ao seguinte falou papá de saír de pesca. Andaba pola casa rosmando como un abesouro, e de peor xenio que un can que lle quitaron un óso de entre os dentes. Pero todo cambiou cando chegou o carteiro cun paquetiño atado cunha baraza. Un libro. Aínda está nun andel da miña biblioteca: La Pesca Deportiva- Pesca Fluvial de J. Soler Lluch.

-          ¡Vamos a ver ahora quien sabe y quien no sabe de pesca en el río!

Dous días despois papá estaba xa en disposición de impartir aulas arredor da pesca de río. Anzois de pata corta ou pata larga, o seu tamaño e tipo de nós a facerlle para encabalo na punta da tanza; número de chumbos a empregar consonte a forza da corrente e a profundidade escollida; tipos de canas desmontables de dous ou tres tacos, e materiais das partes,  cana branca para o couce, a parte por onde se colle, e cana negra ou bambú para o extremo onde vai a tanza, a punteira. Nada disto tiña agora segredos para el.

O río está a agardar por nos. Saímos moi de mañá armados coas nosas cañas. Desta levamos larva de avespa, ás que, segundo o libro, son as troitas moi afeccionadas. O tempo pasa e as troitas non entran ao anzol. O meu pai cambia o flotador de sitio, engade e retira chumbos, encaba un anzol mais pequeno, sen resultado ningún. Tristes como prado sen rego, recadámolas nosas cousas e dispoñémonos a volver, de novo o rabo entre as pernas cando, choutando entre as pedras, chega o noso tormento.

-          Bo día teñan vostedes! – di, educado coma sempre.
-          Buenos días, muchacho. Parece que hoy tampoco se te ha dado mal la pesca.
-          Agardo que como a vostedes, porque hoxe o río baixaba de miñoca.

A cara do meu pai era todo un poema; dos largos; o Mahabharata ou algo desa caste. E coma nun pesadelo a escena repítese un e outro día. Se levamos
saltón o río baixa de avelaíña; se mosca de traza; e se lombriga de couza! Vermes de esterco, de limo, caruncho, tricópteros, larvas, de todo probamos e con todo fracasamos. Ata, o que é a desesperación!, o meu pai atreveuse coas técnicas da pesca con mosca artificial e con culleriña, pero non con mellor resultado: dar mais voltas que un sarillo para chegar á casa a bragas enxoitas e sen pescar troitas. O malo é que nin troitas nin barbos! Que tampouco bogas; nin eses peixes que chaman pepas; nin escalos, cuxa carne non vale moito; ou aínda unha tenca desas que os mais dos pescadores devolven ao río porque saben mal se nonas deixas un par de días en auga limpa. Nada. Ren.

Así que Papá chegou a conclusión de que a culpa da súa mala fortuna coa pesca a tiña eu que era un alpabarda que andaba aos biosbardos ollando para canta cousa había no río en troques de andar ao que había que andar. E os peixes, claro está!, sentían este desleixo e falta de interese, co que o perdían eles tamén, e non entraban ao embeleco.

A min aquela penitencia sóubome a mel nas filloas, porque teño que recoñecer que aquilo de andar as axexadas coas troitas por ver quen era mais espelido non tiña para min moito interese. Aínda mais: o peixe de río por non gustar non gustábame nin no prato; para que tiralo do seu espazo natural? Para que roubarlle a vida? Xa daquela era mais do balbordo do río, dos murmurios dos salgueiros e amieiros da súa beira, de andar entre fentos e espadanas, quitamerendas, chuchameles e estraloques, na procura de lontras, esquíos e ourizos cachos. Ou aínda ter o privilexio de ollar os mergullos dun merlo rieiro na procura de alimento!  Árbores, plantas, aves, réptiles, anfibios, aínda uns humildes zapateiros, tiñan para min moito mais interese que poñer un peixe na cesta!

Pero sucedeu un día que estaba abesullando a un bilurico choutando de pedra en pedra, apareceu ao meu carón o rapaz que tan encabuxado tiña ao meu pai.

-          Bo día! – dixo, educado coma tiña por costume.
-          Bo día! – contestei.
-          Estás so?
-          Ben se ve!
-          E logo?
-          Meu pai que pensa que doulle mala sorte.
-          Non será tal!
-          Pois non será; pero el está convencido!
-          A pesca non é cousa de sorte …
-          Seino. Ao saber lle chaman sorte.
-          Queres levarlle unha troita ao teu pai? Hoxe se deron moi ben.
-          Grazas! Mellor lla levo á miña nai. E, se non tes reparo, direille que a pesquei eu!

Cando chegou a casa meu pai, de baleiro coma de costume, estáballe a agardar na mesa unha troita recén fritida en unto. A troita que pescara o seu fillo.

Alí remataron as fazañas ictiolóxicas do meu pai. O libro de Soler Lluch foi ao lixo, de onde o rescatei para a miña biblioteca, e nunca mais na familia volvérase a mencionar as canas de pescar nin as troitas fritidas en unto.

Vóucheme á beira dó río
á ver ó que as troitas fan:
á que non caia á miñoca,
ha de caer ao galbán.

xoves, 25 de outubro de 2018

O que o Mauro contou do seu pai.



Mire que lle digo, don Manoel! Mágoa que non estivera onte! Ía rir a gusto coa peripecia que contounos o Mauro! Mauro, xa sabe; o fillo do Lesmes; ese home groso, e as mais das veces suorento, que leva unha coleta para recoller o catro pelos brancos que aínda sobreviven na súa caluga, que ben sabido é que no cocote non lle queda xa ningún que someter.

Non é que o Mauro teña por costume o ser moi falador, pero xa sabe vostede que unha pombiña dun bo monterrei céiballe a lingua a un mudo. Comezou a cousa cando comenteille a un deses pescadores de cana, paciencia e maña, que compre saber algo mais que poñer o anzol no peirao na saída das cloacas para coller unha morea de muxe, que compre ler o mar, como ensinan os vellos refráns, que cando a gaivota visita ao labrador mal lle vai ao pescador, e chuvia de morriña, nin peixes nin fariña, ou aínda que peixe de maio, a quen cho pida dallo, e tantos, tantos outros retrincos da sabedoría popular.

E nestas estaba cando Mauro alzou a testa e como se volvera do alén, colleu a quenda da palabra, e cunha voz mollada en nostalxias, dixo:

-          Ler o mar, dis! Ler o río!, dicíalle ao meu pai aquel rapaz da Hermida que choutaba, lizgairo como unha donicela, polas pedras do río Deva.

A parroquia, afeita a poñer a orella aos meus soliloquios, acolleu con interese a un novo narrador, encheu as cuncas e dispuxo o corpo á escoitar.

O que o Mauro contou do seu pai.

Pois como supoño que vostedes saben ben, don Lesmes, o meu pai, era home de cidade. E, polo que eu sei, tamén fillo e neto de xente de cidade, ou polo menos desa aldea de aldeas que foi sempre Madrid. Coma bo urbanita facía gala de saber de corrido os nomes dos xogadores do Celta, mentres ignoraba os das árbores das alamedas, e coñecer o restaurante que servía os mellores ovos “poché a la grand crème”sen reparar no feito de que, por moita grand crème que levaran, os ovos saíran do cu dunha galiña.

Un día o meu pai enfermou do peito e o médico recomendoulle descanso nalgún lugar afastado dos ventos mareiros, o que lle fixo lembrar que o seu amigo Maceo ofrecéralle insistentemente visitarlle no seu retiro da Hermida, ben preto de Arbo, nunha casa con tódalas comodidades modernas, luz eléctrica incluída.

Así que, chegado o verán, papá concertou co Failumes, o noso chauffeur de punto, a data na que trasladaría á familia (e ao servizo doméstico, por suposto), ao Chalet da Hermida. E falo do noso chauffeur porque non sei se sabedes que daquela a xente rica non vía a necesidade de ter automóbil propio, pois considerábase de mal gusto ter que pasa-lo traballo de guiar por aquelas carreteiras da Galicia dos cincuenta, loitando con pesado volante, adiantando en arriscadas manobras a carros de bois e camións fumarentos, co risco constante de ter que cambiar unha roda nun das moi frecuentes picadas de pneumáticos, ou de queimarse as mans ao engadir auga ao radiador. Moito mellor, onde vas parar!, tomar sempre o mesmo Taxi dos da parada mais achegada, xerando deste xeito un quid pro quo, unha confianza beneficiosa para ambas partes.

Aos poucos días de chegar, papá xa estaba esgotado de tanto descansar. Andaba pola casa mais inquedo que un can con pulgas, de cacho para cribo e de cribo para cacho perseguido polos “fuxa fuxa” das atarefadas mulleres da casa. Ao peixe fora da auga que non daba atopado acougo, a salvación chegoulle en forma de cana de pescar. Cana que, co resto dous seus complementos, estaba agardando por el, agachada nun recanto a rentes da porta de entrada. Papá colleu a cana con aire experto, sopesouna na man e fixo uns movementos como de lanzar cos que a piques estivo de romper a lámpada do teito e botar por terra un pequeno xerro de porcelana que adornaba un guéridon. Revisou a tanza, os chumbos e o anzol con aire sisudo e fixo un aceno aprobatorio coa testa.

-      ¡Prepárate Mauro! ¡Mañana nos vamos de pesca!

E como onde hai patrón non manda mariñeiro, e por fillo único ser o morgado da familia, non quedoume outra que disporme a ser testemuña fiel das súas fazañas ictiolóxicas. Cabe dicir que o meu pai sabía de pescador tanto coma de castrar grilos, pero daba por suposto que isto da pesca de río non debía ter tanta ciencia cando as xentes de aldea que non sabían ler nin escribir, o facían de xeito natural, e sen prestarlle moita atención nin estudo.

Chegou o día.  Antes de cantar o galo xa estabamos na porta da casa, cadaquén coa súa cana, o seu cesto de vimbio para os peixes e un sombreiriño con anzois de reposto cravados adornados cunha pluma.

-          Volveremos a comer. Ten preparada una sartén con aceite muy caliente.
-          Para que cousa o aceite? As troitas frítense en unto! – dixo Dosinda, a cociñeira.
-      Orneos de burro non chegan ao ceo – respondeu papá, que galego non sabía pero era moi refraneiro.

O río non está moi lonxe do Chalet do Maceo; un pouco subir e un mais baixar e meu dito, meu feito! Nun correndiño estás intentando poñer a miñoca que apañáramos na noite pasada no anzol. Nos dixeran que tal becho era un bo cebo para a troita, pero dúas horas despois aínda seguíamos a dar baños de asento ao mesmo verme que, despois de moito traballiño, conseguíramos que quedara no anzol.

Fartos xa de movernos de poza en pucharca de vaira en relanzo polas dúas beiras do río, arriba e abaixo coma a faba na ola, sentamos nun claro do río, por coller folgos, cando vemos pasar o rapaz de que vos falei, o cinto cargado de peixe collido pola galada.

-          ¡Eh muchacho!
-          Bo día señor! Que se lle ofrece?
-          Veo que el día se te ha dado bien.
-          Non hai queixa!
-          ¡Pues nosotros llevamos toda la mañana y no ha picado ni un pez!
-          Será que o que non quere comer do que lle da …
-          ¿Comer? ¿No comen siempre lo mismo?
-          Ai non, meu señor! As troitas sonche moi listas! Compre ler o río para saber de qué baixa!
-          ¿Y de que baja este río?
-          Pois vai a ser que depende!
-          Pero, ¿de qué depende?
-          Do vento, da luz, de se chove aquí ou río arriba …

Destas o meu pai xa estaba farto de tanta conversa, convencido de que o rapaz tiña máis voltas que unha corredoira e de que non estaba disposto a descubrirlle seus segredos a un home da cidade, cousa que moi probablemente era certo.

-          Pues está listo este gañán si cree que me voy a quedar así. Venga Mauro, volvemos a casa.

E dimos a volta mais corridos que un can e sen dar chío como un carro cando, coma nos, volve de baleiro.