domingo, 3 de abril de 2022

Romancillo da Palmira


Mire que lle digo don Manoel! Teño observado que unha das cousas que máis chama a atención da xente que ven a Galicia por primeira vez é a cantidade de palmeiras que nela hai. Ou había, porque hoxe en día co maldito escaravello que chaman «picudo vermello» non é que queden moitas. Esta abundancia de palmeiras propiciou que haxa tamén no país unha boa presada de nenas, mozas e vellas bautizadas co fermoso nome de Palmira, que fai referencia a elas. Ou á festividade católica do domingo de palmas, como queren outros!

E da Palmira cantabamos no grupo de amigos unha cantiga da que nunca entendín o sentido:

Palmira, lará Palmira,

Palmira, lará tras tras

Palmira, lará Palmira

Roubaches o meu rapaz.


Roubaches o meu rapaz.

Roubaches o meu rapaz.

Palmira, lará Palmira,

Palmira, lará tras tras.

Aínda que, debo dicir en honor á verdade que cantar, o que é cantar, cantaban eles, que eu soamente movía os beizos facendo como que tal. Que pronunciar en voz alta e coa entoación correcta aqueles malfadados versos carentes de toda lóxica, era como se me arrincaran as moas coas tenaces dun ferreiro.

E nestas discusións cos compañeiros de canto andaba eu, cando descubrimos que a canción da Palmira semellaba ter unha orixe moito máis afastada no xeográfico e achegada no tempo, do que pensabamos. Segundo o insigne folclorista Joaquín Díaz o “Romancillo de la Palmira”:

Parece ser que está basado en un hecho real y relativamente reciente: Palmira (la hija del tío Pascasio, según comentó algún viejo del lugar) salió del pueblo seducida por los halagos o tal vez deslumbrada por el resplandor del magnesio de un fotógrafo ambulante. Madrid fue el final del viaje, y seguramente el romancillo no cuenta más que el comienzo de las desventuras de la joven a la que, por descontado, no esperó su ex novio Escipión.

La Palmira se hizo un traje

pensando que se casaba;

ha de gastar ese y otro

y quedarse como estaba.


Palmira de la Palmira

Palmira que triste estás

de dónde vienes Palmira

de donde con tu rapaz;

de ronda con tu rapaz

con tu rapaz Escipión

Palmira de la Palmira

Palmira del corazón.


Palmirita, Palmirita

pobrecita de Palmera

te has retratado en camisa

por un reloj de pulsera.


Si quieres ver a Palmira

retratadita en camisa

vete por la calle abajo

que la lleva el retratista.


Por las calles de Madrid

la Palmira iba vendiendo

los pantalones de un hombre

que se les quitó durmiendo.


Los pantalones quitaste

pero caro te salió

que al cabo de algún tiempo

un chaval resucitó.


Si un chaval resucitó

a nadie le echo la culpa

la culpa la tuve yo

por andar de noche a oscuras.

E aquí houbera rematado a historia do romance, romancillo ou endecha da Palmira, se aquela noite non entraran pola porta da taberna do Mincha un pequeno grupo de xentes con intención de petiscar algunha das delicias (ou ledicias) da cociña da nosa Sefa, cociña que, ben sabe don Manoel, non necesita de estrelas de fabricantes de pneumáticos para satisfacer ao padal máis refinado. A Sefa, que me coñece ben e ten un instinto natural para estas cousas, adobiado con moitos anos de hostalaría, sentounos nunha mesa a rentes da miña, grazas ao que podía botar a orella a pacer na súa conversa sen moito esforzo. Como é ben sabido o viño en xeral, e o de Monterrei en particular, é un gran desatador de linguas, e non fixo falla moito tempo para que a xente do grupo me invitaran á súa mesa a compartir o relato das nosas respectivas andanzas. Así foi como souben que todos eles compartían un enorme interese, case que unha devoción, pola música popular e, neste intre concreto, polas cancións mariñeiras. Chamoume agradablemente a atención que quen levaba a voz cantante do grupo fora unha muller. Unha muller suíza e musicóloga que, segundo souben decontado, chegara a Galicia de vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular, e á que a riqueza, abundancia e complexidade do noso patrimonio musical, tiña namorada.

Preguntoume se sabía algunha canción tradicional. Canteilles algunhas que lle escoitara ó meu avó, e algunha das que cantabamos cos amigos. Gustaron moito das primeiras e menos das segundas, que probablemente xa coñecían. As gravaron nun magnetófono portátil e tomaron notas. Ata pedíronme o nome para apuntalo coas cantigas.

Seguimos falando de moitas cousas. Cousas da terra e do mar. E cando pensei que o momento era propicio, fixen a pregunta que facía un chisco que me proía no bazuncho:

      Mire que lle digo dona Dorothé! Sabe vostede duna cantiga que chaman A Palmira?

      Sei!

      E que nos a tiñamos por galega, e fai pouco descubrimos que era das montañas de Palencia, e que falaba dunha moza que deixara o seu pobo seducida polos afagos dun fotógrafo ambulante.

      Meu querido amigo, cada cantiga é do pobo onde se canta. A música non sabe de fronteiras, e cada persoa que escoita unha cantiga e a canta, faina súa. Xa ves: para outra informante a tal cantiga fala das levas que se fixeron entre o pobo para a guerra de Cuba:

Palmira, miña Palmira

Palmira que triste estás

Á guerra de Cuba un día

Levaron ao teu rapaz;

Leváronche o teu rapaz,

o teu rapaz Escipión

Agora Palmira choras

Lágrimas do corazón.

E mire que lle digo don Manoel! Creo que dona Dorothé Schubarth tiña toda a razón. Por iso eu fágolle caso ao seu consello e déixolle aquí, por se lle presta, a miña versión.

A Palmira fixo un traxe,

pensando que se casaba.

Has de gastar ese e outro

e quedarte como estabas.


Palmira, miña Palmira,

Palmira do meu penar,

de onde ves miña Palmira?

- de rolda co meu rapaz.


Mira ben que ese rapaz

será a túa perdición,

Palmira, miña Palmira

Palmira do corazón.


Á toliña de Palmira

un home fíxolle as beiras

e retratouna en camisa

por un reló de pulseira.

(Retrouso)

Se queres ver a Palmira

retratadiña en camisa

vente pola rúa abaixo

que a leva o retratista.

(Retrouso)

A Palmira non lle importa

Que a vexan en camisa.

As linguas murmuradoras

Poden falar que da risa.

(Retrouso)

Mais quero na miña porta

unha silva que me trabe

que ter unha mala lingua

que a miña conduta agravie.

(Retrouso)

Fúcheste gabar, gavacho,

que te querían as mozas.

Quen te vai querer a ti,

sacho de limpa-las pozas!


Foto de Antón Santamarina