Amosando publicacións coa etiqueta Arghimiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arghimiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de novembro de 2026

As virtudes da conversa


 Mire que lle digo, don Manoel! Cando Fina morreu e Sefa puido, por fin, abrir a porta da gaiola onde ela mesma se encerrara, para botarse a voar, quedamos orfos de taberna. Por un tempo pensamos que quedaríamos sen abrigo, sen peirao onde atracar, pero un vento afortunado tróuxonos ata a do Miguel. Aquí pode un entrar a buscar munición de boca, sólida e líquida, e saír con máis cousas das que lle caben nos petos. Unha palabra daquelas traspoleiradas por falta de uso que non oía desde que morreu a súa avoa. Un «máis agarrado ca un percebe», que xa sabe a quen lle vai aplicar. Un refrán que lle vén ao caso cando xa é tarde para dicilo. Un alcume que por fin entende. Unha receita de escabeche dada por dous que só están de acordo en que leva vinagre. Un remedio para o lumbago, recomendado por un que leva tres semanas sen se poder abaixar. A noticia de que un que todos daban por morto estaba vivo, e a de que estaba morto outro que todos daban por vivo.

E unha historia, don Manoel. Diso sempre se leva vostede algunha posta! Nos miolos antes e agora, cada día máis, no seu caderno de man, que os anos non perdoan! Historias de pesca e de naufraxios, de cando iamos ao Gran Sol con calquera cousa que flotara. Historias de aparecidos, como as da tía Anabel, ou as do Arghimiro, insigne confrade da taberna do Mincha que tiña o natural de ver as pantasmas coma se fosen xente viva. Historias de amores e desamores, de mortes e de mortos, de vivos e de demasiado vivos, pero tamén de vítimas e de vitimarios.

Moitas historias e de moitas naturezas, pero todas elas inzadas de humor e retranca, alleas ás exemplaridades e ás moralinas, pero ateigadas ata a regala diso que vostede chamou un día filosofía tabernaria. E sempre cun chisco de punxente escepticismo para adobío das certezas alleas, e cunha copla popular máis ou menos acaída como remate.

E nesas teimaremos, don Manoel! Polo menos ata o non moi afastado día no que o Miguel non teña outra que ceder ao imperio da realidade, e pechar o contrato para instalar no local as billas de cervexa, acompañadas das mesas con parasoles na terraza.

—E detrás da cervexa entrará o televisor e os programas de xentes que falan pero non se escoitan.

—Mérito do Miguel, por non deixar entrar a tele! —dixo un do fondo da taberna.

—Mérito do viño —apuntou outro—. Que nos convocaría igual aínda que houbese televisor.

—Mérito da tapa —corrixiu o Miguel, pousándolle diante un prato de callos con garavanzos—. O viño só acaba afectando ás facultades cognitivas. Cos callos, vostede pode seguir razoando ata a segunda ou terceira cunca.

—E despois da terceira?

—Despois xa razoan os demais por vostede. E ás veces ata o levan a casa!

Un rapaz novo, que estaba ao pé da porta movendo o móbil de acá para acolá, dixo que a explicación do raro fenómeno da conversa sobrevivinte era moito máis sinxela. Había conversa porque non había cobertura e porque, para saber algo de alguén, en troques de preguntarllo a Google, un acababa preguntándollo a don Paio. Eu agradecín tan desmesurado eloxio e aproveitei para comentar que o móbil non era máis ca unha ferramenta inocente; que en certa medida os culpables eramos todos nós por darlle un uso inadecuado.

—Ben certo, don Paio! A min o móbil non me impide conversar —dixo outro, sen levantar os ollos do seu.

—E logo, meu? Con quen está conversando agora?

—Co meu irmán.

Daquela o mozo que estaba na mesma mesa, sentado enfronte del, saudounos erguendo a súa cunca para darse a coñecer. Xa ve, don Manoel! Antes, se un seguía a ler o xornal mentres lle falaban o máis normal é que lle dixeran algo como «Pecha o Faro, que che estou falando». Hoxe para falar con alguén o mellor e chamalo ó móbil. Aínda que esteas a rentes del. E aínda hai unha cousa máis curiosa: no meu tempo daba vergonza estar calado cando estabas coa túa parella; hoxe ninguén se estraña de velos, sentados na mesma mesa e cada un deles mirando para o seu móbil.

Falando disto, vénme agora á memoria o caso do fillo dun armador de Bouzas e da súa noiva. Seica os dous andaban moito máis soltos de mans ca de lingua, que entre eles non xuntaban conversa para cinco minutos. E, apazugadas as urxencias nalgún espazo escuro, cumpría completar en público o tempo de namorar antes de que ela tivese que volver á casa. Fose nunha cafetería ou nunha sociedade como o Club Náutico sempre había algunha persoa coñecida que os vía calados, cousa que os avergoñaba profundamente.

Así que inventaron un sistema. En troques de falar poñíanse a contar por quendas. El dicía afectando expresividade «un, dous, tres», ela contestaba «catro, cinco, seis», el «sete, oito», e así ían tirando. Se vían vir algún coñecido, a conta facíase máis longa e acompañábana con expresivos acenos das mans. Ela tiña moita arte para aquilo. Podía dicir «corenta e sete» cunha indignación que metía medo.

Disque un día, cando estaban chegando ao setenta, el saltou un número.

—Sesenta e oito, setenta...

—Saltaches o sesenta e nove —dixo ela.

—Eu dixen sesenta e nove.

—Ti ías polo sesenta e oito. E saltaches ao setenta.

—Pois non sei que importancia pode ter iso.

—Ti saberás en que estarías pensando!

E velaí, don Manoel, que por un sesenta e nove tiveron conversa para o resto da tarde.

—E casaron? —preguntou o Miguel, que levaba un bo anaco coa xerra na man.

—Casaron. E, polo que me contou o meu amigo o armador, na casa deles daba gusto estar. Alí ninguén rifaba co outro por non ter que deixar de estar calados.

Andas como Xan do Monte

tirando pedras aos cans,

se queres saír de penas,

fala o que tes que falar.

sábado, 14 de febreiro de 2026

A tía Anabel

 

Mire que lle digo, don Manoel! Ben que recordo as andanzas do Arghimiro, insigne confrade da taberna do Mincha e sinalado contador de saborosas historias de pantasmas! Fai tempo que non desfrutamos da súa presenza. E logo, don Manoel: tivo algunha noticia del? Malas novas son esas, que a morte a todos nos chega, pero canto máis tarde, mellor se navega!

—     Pois será cousa de ver se, agora que pertence á corporación dos defuntos, segue co natural de ver as pantasmas coma se foran xente viva —apuntou Antonio, o da asesoría, con certa mala baba.

—     Será! —respondín eu— Que pouco se sabe de xentes que coma el, teñen tales habilidades, disque, por mor dun credo mal rezado no bautismo.

Recordará don Manoel que o noso Arghimiro era de Frades, nas terras de Ordes, e tiña certa sona —que el cultivaba— de ser un «xan», unha daquelas persoas que tiñan a capacidade de ver as pantasmas coma se foran xente viva. E da existencia ou non desa habilidade non me vou pronunciar pero si da súa habilidade para engaiolarnos cos seus contos, sucedidos ou invencións.

E hoxe na súa memoria quero deixar aquí un conto que nos deixou un día de treboada.

Fala o Arghimiro

Cando morreu a miña avoa era eu ben cativo. E por cativa a miña irmá Lela, e por aluarado eu —cousa dun credo mal rezado ou duns óleos caducados, a dicir da miña nai— acordaron mandarnos a pasar os días do loito na casa do tío Ramiro en Ordes, que non era cousa que un «xan» coma min andase dando voltas polo velorio falando coa avoa morta e dando pábulo ás cubilladas dos asistentes.

O tío Ramiro era o irmán maior da nosa nai. Cando o seu pai morreu, e os acredores apiñáronse á porta da casa para tentar cobrar todo o que o irredento esmorgante deixara ao che debo en toda canta casa de comidas e de lenocinio había por todo o rastro das terras de Ordes e de Compostela, Ramiro fixo a maleta, apañou os derradeiros cartos da familia dun agocho secreto que o pai lle indicara antes de finar, e mercou un pasaxe para Cuba.

Despois dun pouco tempo na Habana, choutando de colocación en colocación sen conseguir gañar máis que para o aloxamento e a comida, o compañeiro de pensión faloulle dun «Ingenio» de Guanabacoa propiedade dun vasco, e alí decidiron probar sorte. A idea do tío Ramiro era comezar como macheteiro cortando cana na plantación do outro lado da baía da Habana, pero o seu patrón, que era calquera cousa menos parvo, decatouse deseguida das súas habilidades e poucos meses despois estaba dirixindo a industrialización do «batey»[1].

E aos poucos anos o tío Ramiro tivo o seu propio «ingenio» en Güines no val do río Mayabeque. «Ingenio» que vendeu aos americanos da United Fruit Company a principios dos anos cincuenta, para volver a Ordes e mercar a casa señorial que fora do seu pai, e á que nos dirixíamos naquelas datas de dolor pola morte da avoa no taxi do señor Marcial.

Pero deixe que molle un pouco a palleta, don Paio, antes de continuar co sucedido aquela noite, na casa dos meus tíos de Ordes.

Cando parou o taxi diante da casa do tío xa estaba a tía Anabel agardando por nos na porta da casa. Albiscara —segundo nos dixo— a nosa chegada dende o seu niño da torre do piano, a estanza desde a que imaxinaba o mundo rodeada de libros de historias extraordinarias, sinaladamente do seu benquerido Edgar Allan Poe, ilustradas pola música de Claude Debussy ou Sergei Rachmaninoff que executaba no seu piano de media cola.

Teño que recoñecer que, dende ben cativo, eu estaba namorado da miña tía. Da súa beleza elegante, que non era soamente física, e do seu carácter alegre que tanto contrastaba coa seriedade do meu tío. A tía Anabel era unha muller tan efusiva como chea de alegría; todo luz e sorrisos, e tan humilde como un cervo... malia a súa evidente superioridade moral e intelectual riba de todas as mulleres da contorna.

Que conte a historia da tía Anabel? E non se fará moi longo o conto? Xa sei que viño para beber e polvo para xantar non han de faltar!

A tía agachaba no seu peito unha dor profunda como unha fosa oceánica. Consonte souben moitos anos despois, cando xa estas revelacións non a podían mancar, Anabel, antes de ser a miña tía, tivera amores en Vigo cun «Operator» da Eastern Telegraph Company; val dicir o Cable Inglés.

Anabel era unha alumna excepcional. Filla menor do boticario de Ordes non era, consonte a usanza da época, a herdeira natural do negocio nin da profesión do pai. Os tempos eran os que eran e as mulleres, por moi intelixentes a aplicadas que foran, estaban destinadas ao matrimonio, no aos estudos universitarios, reservados neste caso para o primoxénito, unha calamidade cuxa única habilidade era a de meterse en enredos dos que tiña que sacarlle o pai.

—     Piano e inglés, vale, pero da carreira de farmacia xa te podes esquecer! —seica sentenciou o boticario, esquecendo que coa filla maior casada e o natural do fillo, a botica non tiña posibilidade ningunha de quedar, cando el finara, na familia.

Ordes e terra de música e de músicos, polo que atopar profesor ou profesora para a primeira da materias era traballo doado. Non así o segundo que naqueles anos trinta o inglés era un idioma de bárbaros en comparación co francés, que o era da cultura. Así que, posto que a filla maior estaba casada en Vigo cun armador de Bouzas, acordaron que cursara nesa cidade ás dúas materias: piano co profesor Yepes[2] e inglés na Academia Cervantes de don Xosé Dopazo, cun reputado profesor nativo que resultou ser o noso atlético Allan, o «Operator» da Eastern Telegraph Company.

Quero imaxinar que a primeira vez que Anabel —estiven a piques de dicir “a tía Anabel” cando aínda non o era— entrou na aula de inglés da rúa de Policarpo Sanz, o mundo exterior desvaneceuse para ela, para enfocarse na figura do profesor: un home de cabelo louro, alto e atlético, que estaba de costas, escribindo no encerado cunha coidada caligrafía un verso dun poema. Cando Allan se xirou e os ollos de un fincáronse nos do outro, mestre a alumna desapareceron nunha perfecta comuñón de almas. E ser non sería, pero por que non pensar que o que Allan escribira no encerado fora o comezo de The Raven, o poema de Poe?

Once upon a midnight dreary, while I pondered, weak and weary,

Era de agardar: Anabel e Allan, guapos os dous, mozos os dous, xunguidos por tantos intereses comúns, namóranse como a abella do mel, convencidos de que todo o que os xungue é moito máis forte que o que os separa. E día tras día consolidan a súa relación facendo planes para xuntar ás súas vidas e facer unha familia en Vigo. Todo é felicidade ata que chega o golpe de estado do dezaoito de xullo e empezan a aparecer amigos de Allan polas cunetas. En teoría os ingleses están a salvo das gadoupas dos falanxistas pero hai moito exaltado, doente de odio e o Superintendente do Cable inglés aconsella a Allan que volva a Inglaterra mentres non escampe a sarabia de chumbo dos pistoleiros fascistas.

Allan resiste aos consellos de uns e outros insistindo en que despois dos excesos dos primeiros días o exército tomará o control e as cousas van ir a mellor. A mellor? Parvo del! Ignora que o que pretenden os golpistas non é derrocar o goberno da República senón limpar o pais de toda semente que non sexa do seu credo por medio da represión indiscriminada; implantar o terror dun xeito tan irracional que non permita advertir regra algunha que garanta a seguridade de ninguén.

Ata que un día, despois de deixar a Anabel na casa da irmá, un grupo de falanxistas borrachos de alcohol e xenreira rodea a Allan, pretendendo metelo á forza nun coche. Sorte que os compoñentes da escuadra están demasiado bébedos para coordinar unha acción conxunta, estorbándose os uns aos outros e permitindo que Allan escape a todo correr polas rúas baleiras, ata que atopa un portal que alguén nun descoido deixara aberto e pode agacharse nel. Despois deste incidente xa é a propia Anabel a que convence a Allan para que colla un barco e a agarde en Cardiff ata que ela consiga o pasaporte.

Que se conseguiu o pasaporte? Pois claro que non, don Paio! Como vostede ben sabe para unha muller solteira na España do trinta e seis conseguir o pasaporte para viaxar á “pérfida Albión”, non era un trámite administrativo: era coma intentar encher unha piscina cun cesto! Anabel era solteira e menor de 25 anos, polo que precisaba o certificado de "Boa Conduta", a xustificación dos motivos da viaxe, acreditación de recursos económicos abondo e o máis complicado de todo: o consentimento expreso do pai.

Os anos pasaron; rematou a guerra en España para continuar no resto do mundo. Ramiro volveu de Cuba, mercou a casa dos seus pais, e cando considerou que estaba ben establecido pediu e obtivo a man de Anabel, casando moi pouco despois na igrexa vella de Santa María.

E que pasou con Poe? Que as aulas do galés deberon ser tan eficaces que a tía tiña na súa biblioteca non so un exemplar do Tales of the Grotesque and Arabesque de Poe, senón o The Woman in White de Wilkie Collins, The Scarlet Letter de Nathaniel Hawthorne, The Willows de Algernon Blackwood ou aínda o Wuthering Heights de Emily Brontë.

Arghimiro fixo unha pequena pausa para volver ao fío da historia, aproveitando para baleirar a cunca, que xa estaba menos que mediada, indicando cun aceno ao taberneiro para que volvera a enchela.  

Creo que deixara a historia na porta da casa dos tíos, coa tía Anabel reloucando de ledicia de ternos na casa. E que casa, don Paio! En Frades a vida cheira a fume de lareira, á bosta das vacas, a palla mollada e amoníaco; na casa dos tíos recende a lavanda e cera de abellas, a madeiras nobres e espazos abertos. E que dormitorio, don Paio! Con dúas camas, unha para cada un de nos, e a fiestra tapada con cortinas de tea que ían do teito ao chan, illándonos do mundo exterior.

A tía Anabel apartou os cobertores das camas e convidounos a tocar o colchón: a man afundíase nunha brandura sen fin.

—     É de la de ovella e o somier é de resortes —explicounos.

—     Podemos deitarnos xa? —atrevinme a preguntar provocando aquel riso de anxo da tía.

—     Aínda non. Primeiro cómpre darse un baño e cear. Tempo haberá para todo. E antes de que me esqueza: se pola noite vos veñen ganas de ouriñar non fai falla que crucedes todo o corredor para chegar ao baño: baixo da cama tedes este penico onde podedes facer as vosas necesidades.

Pois mire que lle digo, don Paio! Veñan días e caian panes, que non diremos que non a nada daquela festa de sensacións! Un baño con auga quente e xabón de olor, unha cea cos máis gorentosos petiscos, os sons da música dos anxos nos dedos da tía Anabel! Aínda hoxe arrepuiñáseme as lanuxes da caluga lembrando os praceres desa noite!

E cando estabamos no mellor da noite, voando en ás da música acochados nos coxíns do sofá tocaron as campaíñas do reloxo da cómoda.

—     Pero xa son esas! Veña rapaciños que cómpre ir deitarse que xa anda por aí Pedro Chosco e non quere que ninguén o vexa.

Meterse debaixo das sabas e outra das sensacións que nunca esquecerei. A tía Anabel senta no bordo da miña cama. Recordo que soamente estaba acesa a luz da lámpada da mesa de noite e como proxectaba a súa sombra contra das cortinas, o que daba a impresión de que houbera un escuro xigante a nos axexar.

—     Había unha vez, nunha vila moi parecida a esta, un home que vivía nunha casa coma esta, moi grande e silenciosa. A súa vida parecía tranquila pero ese home tiña un segredo. Matara ao seu vello tío e, a falta dun mellor espazo, agochara o seu corpo debaixo das táboas do chan do seu cuarto. O fixera con tal perfección que estaba convencido de que ninguén descubriría o seu crime.

E nos na cama, calados coma furelos e sen tan sequera pestanexar. A tía por un ton máis baixo e misterioso:

—     Unha noite coma esta, mentres estaba deitado nunha cama coma esta, nun cuarto coma este, o home comezou a escoitar un son.  Un son moi baixo e estraño, como o bater dunha máquina: tac, tac, tac...

Eu ben sei que era o taco do zapato da tía o que tal ruído facía, pero non me dirá don Paio que daquela tal explicación non entrara nas nosas cabezas!

—     “É o vento que move as contraventás” “É a póla dunha árbore movida polo vento”, pensaba o home —seguiu a tía—. Pero o son facíase máis forte e máis próximo. TAC, TAC, TAC.

A esta altura xa tiñamos o cobertor por riba do nariz! E a voz da tía seguía borboriñando o que xa adiviñaramos:  

—     Era o corazón do vello tío, que seguía latexando debaixo do chan!

Pero non foi iso o que nos puxo os pelos de espeto e nos fixo gritar de terror, senón que nese intre abriuse a porta do cuarto e, como respondendo á chamada do conto, apareceu unha figura aterradora debuxando a súa silueta no limiar da porta.

Era o tío que viña a darnos as boas noites.

Como resultado dos feitos, a tía levou unha forte reprimenda do seu home por meternos medo con contos de vellas.

Arghimiro suspirou, e, consonte o seu comportamento habitual, bebeu un grolo de viño antes de manifestar a súa sentencia final:

A piques estiven de dicirlle que, sentada na outra beira da miña cama, escoitando moi interesada o conto da tía, estivera a pantasma da miña avoa morta. 


[1] Arghimiro fala aquí do batey como o conxunto de edificacións centrais dun enxeño azucreiro:  A “casa do azucre”, ou edificio onde estaban as máquinas, muíños de vapor e caldeiras; os barracóns onde durmían os escravos ou os cortadores de cana; o almacén, onde os traballadores gastaban o pouco que gañaban, ás veces en moeda do propio enxeño, e a vivenda do dono ou administrador.

[2] Jesús Fernández de Yepes-Cotte, foi un pianista madrileño integrante do Trío Corvino, un grupo musical que amenizaba o ambiente no mítico Café Derby en Vigo. Yepes foi o primeiro director do Conservatorio de Música e entre os seus alumnos máis destacados cabe citar ao Catedrático do Conservatorio Superior de Vigo Alejo Amoedo Portela.  


martes, 5 de marzo de 2019

De volta da ruada


Mire que lle digo, don Manoel! Non. Non foi aquela de Santa María de Barbeiros a única ocasión na que o Arghimiro tivo encontros coas xentes do máis alá; ou polo menos iso nos contou, que xa sabe vostede que na taberna do Mincha somos máis de un aqueles aos que o viño de Monterrei da Fina céibanos o bisté! E o noso Arghimiro, coma boa parte das xentes de Ordes, ten unha rara querenza coas igrexas e os aparecidos. Ou sendo leais coma os cans, non tan sorprendente, que os máis dos galegos somos unha amálgama de católicos por obrigación e pagáns por convicción, asoballados sempre por unha igrexa militante ben disposta a romper a crisma a golpes de crucifixo a aqueles que non son, no seu escrupuloso parecer, abondo afervoados.

A cousa é que froito, ben sexa, no parecer de uns, da abundancia de misas de defuntos, ben sexa, no parecer dos outros, da maior iluminación e asfaltado dos camiños, cada día hai menos encontros coa procesión de almas en pena que percorre de noite as vereas e carreiros, e que algúns dan en chamar a santa compaña. Digo algúns, don Manoel, porque algúns outros chamámoslle estantiga ou estadea, que o de santa compaña é, no noso parecer, unha mala tradución do latín "sanctam cum pania", "os que comen do mesmo pan", referíndose ao convite funeral de ánimas e vivos, ese banquete de cuxos manxares cómpre non comer en ningún caso para non que quedar enmeigados; aínda que si finxir que se come das viandas ofrecidas polas ánimas, que os mortos andan moi espelidos na vixilancia do proceder dos convidados para poder levalos canda eles en procesión. Costume este que se pode engadir á vella sentenza que afirma que sogra e nora, can e gato, non comen no mesmo prato.

Penso que xa lle explicara, xa tempo vai alá, que o noso Arghimiro era un xan, unha daquelas persoas que tiñan o natural de ver as pantasmas coma se foran xente viva, cousa que, se temos que crer as nosas avoas, ten algo que ver cun credo mal rezado polo padriño no seu bautismo. O que non é tan habitual nesta xente aluarada é o que ocorríalle ao Arghimiro que, ademais de ver as pantasmas coma se foran xente viva, vía á xente viva coma se foran pantasmas. Por isto non é estraño que o noso camarada de troulas tivera un encontro cun fato de xentes de corpos brancos e rostros pálidos, que déronlle que matinar e cuxa historia paso a contar.

Un dia, vai desto xa uns poucos anos, era eu aínda un rapaz de mocear -comezou a súa contada o Arghimiro despois de mollar a palleta cun bo grolo de viño- volvía eu cos meus amigos dunha ruada en Cerceda, unha das parroquias das Encrobas, de onde era o meu amigo Venancio, cando para a miña desgraza tiven un destes encontros. Recordo que a festa non se nos dera moi ben, que había poucos remedios naquela botica, máis galiñas que pitas no torreiro e máis soltos que agarrados no baile, que o cura de Cerceda andaba máis atento a virtude allea do que andara nunca á propia. Todos beberamos un pouco máis da sede que tiñamos que apagar, e moito máis do que a prudencia aconsella; ao principio da festa para afogar a timidez, despois para alimentar a alegría e finalmente como anestesia, pasaramos de alegre a chispo, de calcado a caneco e de peneque a  borrachón.

A ruada remata cedo e os pendellos e tabernas pechan as portas e recollen as mercancías. Cómpre coller o camiño de volta a casa que aínda teñen por diante unha boa camiñada. Conta o Arghimiro baixando moito a voz, como se non quixera que a Fina lle escoitara, que algo do que comeu na feira debeulle sentar mal que mentres baila vai botando peidos coma foguetes un día dunha festa. Ao pouco de andar sinte que os gases fanlle renxer as tripas como os dentes dun can enrabiado, e receando que se lles abre a porta poda saír do intestino algún estado máis da materia que o desexado, pide aos seus compañeiros que lle agarden un momento que vai facer os mandados do seu ventre; pero o resto da tropa non lle fai caso e aceleran o paso entre chanzas e risadas.

Tiña eu razón –di o Arghimiro- de non querer aliviar sen máis a presión intestinal. Poñerse en crequenas e escagarriarme como unha billa foi todo un. Cando por fin din rematado o labor de estercar o prado e puiden subir os pantalóns cunha certa seguridade ía alá moito tempo que as voces dos meus compañeiros de troula se perderan na mesta noite. A congostra era ben estreita, e coa pouca chuvia que caera estaba feita un lamazal; para máis inri a lúa acazapárase detrás dunha nube e a pouca luz que aínda me permitía orientarme esvaeceu, co que a posibilidade de rachar unha perna na andaina fíxose case certeza. Sorte que non moi lonxe de onde estaba unha raiola de lúa deu de cheo, como se me fixera unha chiscadela, a pedra dun cruceiro; nunha carreiriña de can cheguei ata a encrucillada onde erguíase a cruz; no o estado da miña cabeza, despois dos acontecementos antes relatados, non era como para acertar cal dos camiños levábame a casa, así que non quedoume outra que sentar nun dos chanzos do cruceiro e agardar que os compañeiros, ao decatarse da miña ausencia, regresen a por min.

Conta o Arghimiro que os últimos acontecementos o deixaran un pouco derreado; senta no pedestal, fai un vurullo coa chaqueta para non mancar a cabeza co varal do cruceiro e, ao pouco, a canseira e os restos do viño completan o traballo e queda durmido. Cando estaba no mellor do sono un frío súpeto faille espertar; ao lonxe, na escuridade e entre a brétema, pode percibir o arrandear das luces dunhas candeas, e o vento que ven de levantarse tráelle o cheiro agre do sebo ao se queimar. Arghimiro ten que fregar os ollos dúas veces, para tirar as lagañas dos ollos aínda pegañentos e convencerse de que non está a soñar, e que dúas ringleiras de camiñantes se achegan canda el. Todos visten unha especie de saión branco e raído cunha carapucha tapándolles a testa e levan un cirio aceso na man.

Tras un primeiro calafrío de terror, e despexado xa o intelecto das brétemas do alcohol, barrena, pensa e cavila na posibilidade de que os seus compañeiros de troula, sabedores da súa afección polas cousas do máis alá, argallaran esta andrómena coa que pretenden darlle un susto de morte e rir a cachón arrogañando o beizo coma os coellos co seu terror pánico; así que, posto de pé nas gradas do cruceiro, diríxese á comitiva a grandes voces:

-          Xocas, Ferreira, Fuco, mira que estades ridículos con esas sabas vellas! Ollo co que facedes, que ningún de vos ten moitas habilidades cós cirios e ides queimar ao de diante!

A procesión seguiu avanzando silandeira, mentres os berros de Arghimiro pasaban do recriminatorio ao directamente aldraxante.

-          Pailáns, desgraciados, que sodes máis noxentos que as lesmas! A quen pensades enganar vestidos desa fasquía? Ide por aí a rirvos doutro, que a min non ma dades!

Cando o cortexo está xa máis preto, Arghimiro recoñece ao seu fronte a Venancio, e decátase de que ten a cara esbrancuxada e macilenta como se houbera vomitado ata o primeiro leite, e que leva nas mans unha cruz toda escangallada e de tan pouco xeito que talmente parecía feita con dúas táboas dunha caixa de peixe.

-          E ti Venancio! Que non deches atopado unha saba para te disfrazar como os teus compañeiros?

Entón o Venancio ao escoitar o seu nome cravou os ollos de fite no Arghimiro e sen despegar os beizos berroulle cunha voz cavernosa que non semellaba saír de humana gorxa.

-          Non cacarexes tanto, langrán. Que se non estiveras nas escadas do cruceiro ía pasarche esta maldita cruz e terías que seguir coa estadea ata que non atoparas algún outro que cha levara.

Conta o Arghimiro que tal medo meteulle no corpo a resposta do Venancio que non quedou no cruceiro nin un intre máis para comprobar se o da comparsa era broma ou realidade, saíndo de alí como gato polas brasas, tremendo coma unha xostra e dando cos talóns no cu do lixeiro que corría, sen ollar atrás nin coller folgos para dar un ai.

E mire que lle digo, don Manoel! Eu non acredito nin nego da certeza do conto, pero o noso Arghimiro quedaba máis serio que un frade de pau cando contaba que pouco despois do incidente no cruceiro, o Venancio collera non sei ben se unha tirícia ou un cólico miserere e que, como manda a tradición da estadea, nuns meses morreu de morte morrida, que non de morte matada.

Indo eu para Cerceda
Saíume a morte ao camiño;
deixei dito me enterraran
nunha bodega de viño.

mércores, 28 de novembro de 2018

O conto do Arghimiro



Mire que lle digo, don Manoel! Non. Que eu saiba ao Tiniño nunca lle cadrou pasar polas terras de Ordes cando andaba de cacho para testo, de cribo para cabazo, por mor do famoso caderniño onde o gaiteiro Marcial gardaba o misterio dos seus roteiros. Ou, cando menos, nada notable ocorrera por aquelas fermosas terras que chaman de Trastámara, ou sexa de máis aló do río Tambre, que dera motivo a unha das súas parrafeadas.

Pero se do que anda vostede á procura é dunha narración, incidente, peripecia ou sucedido ben podo relatarlle a que o señor Arghimiro, un dos parroquiáns habituais da taberna do Mincha que era desas terras, de Frades para ser máis concretos, gustaba de contar a todo canto láparo viña mollar a palleta no viño de Monterrei co que a Sefa agasallaba aos clientes que consideraba que podían ter un longo percorrido como tales.

Contaba o Arghimiro que un día de inverno, de camiño á feira de Ordes por ver de mercar un xato, á altura de Barbeiros tivo un mal encontro, non sabía se con trasnos ou pantasmas, que houbo de custarlle a vida, aínda que, por sorte, todo quedou en susto, abraio e estrañeza. Teño que explicar que o Arghimiro era daqueles homes aos que chamaban os xans, persoas que tiñan o natural de ver as pantasmas coma se foran xente viva, condición á que se chegaba, se temos que crer as nosas avoas, por mor dun credo mal rezado polo padriño no seu bautismo, ou aínda por unha unción cos óleos equivocados, na citada cerimonia.

O día en cuestión, o Arghimiro saíra de Frades moi cedo, por mor de ser o primeiro en chegar á feira e botarlle comodamente a vista enriba ao gando, que xa se sabe que de xato verás qué boi terás. O que ao saír da casa fora ameaza de chuvia volveuse realidade cando aínda o sol non se elevara no horizonte, e un pouco mais de camiño adiante, cando xa faltaba pouco para chegar a Ordes, comezou a chover a cachón e o que fora chuvieira volveuse arroiada. A auga baixaba polos camiños en enxurrada e o río Samo ía tan crecido na ponte do Cruceiro que case que non se podía cruzar a pé enxoito. Mollado coma un pito e con mais auga nos zocos que lama nos camiños ao chegares ao Fondo de Aldea pareceulle albiscar que na capela de Santa María de Barbeiros había luz, e matinou que sería un bo lugar onde se resgardar do dioivo. Achegouse á igrexa e comprobou que a porta estaba aberta e que había moitos cirios acesos como se foran a misar. Caladiño coma un furelo Arghimiro achegouse ao altar e procurou un banco onde sentar, un pouco por descansar e outro pouco por secar os pés e a roupa. O moito madrugar, a canseira do camiño andado e o calorciño das moitas candeas acesas fixeron que en pouco tempo entrara nun estado de sopor pouco distinguible do soño. De súpeto un ruído como de madeiras batendo acompañado por uns xemidos e queixas que semellaban vir dalgún lugar moi preto dos infernos tirárono bruscamente deste adormecemento.

-          As ánimas do purgatorio que me veñen buscar - dixo para si, e un calafrío correulle as costas de norte a sur, da caluga ao cu.

Do susto, o Arghimiro caeu do banco abaixo; deu un pincho no aire, recadou as súas pertenzas, que tampouco era cousa de deixalas por unha pantasma mais o menos, e coa mesma botou a correr como un foguete para liscar daquel lugar, pero coas présas equivocou o rumbo o que lle fixo tropezar cos candeeiros tirando por terra os brandóns do altar e todo canto cirio se cruzara no seu camiño, correndo a máis non dar como quen leva o demo detrás. Tan axiña como saíu para fóra, as portas cerráronse de golpe sen que ninguén as tocara, o que foi un motivo máis para saír como un foguete sen mirar atrás, chegando á feira de Ordes en menos tempo que se viñera voando.

Tal foi o abraio que o incidente lle meteu no corpo que esqueceu o xato e o trato e soamente foi quen de baleirar un par de netos de viño no Orellas sen dar nin chío nin trabar conversa con ningún dos fregueses que tan afamada parroquia ten.

Como a compra do xato seguía estando pendente non tivo outra que volver a Ordes a semana seguinte, aínda que desta colleu polo Pedrouzo, un camiño que lle afastaba da capela de Santa María de Barbeiros, na que tivera tan mala experiencia. Desta tivo sorte. Nin choveu nin tivo mal encontro e o camiño ata a feira fíxoselle curto de máis. Mercou un bo xato e ata tivo tempo de botar un ollo ás anchuras de vacas e bois, cuartos traseiros nas vacas e dianteiros nos bois, que xa se sabe que a vaca, vela ir; e o boi, velo vir.

Desta volta o viño do Orellas sóubolle a malvasía. Atopou alí algúns vellos coñecidos; ao Venancio, que era de Cerceda, da parroquia das Encrobas, que anos despois espoliaría a mina de Barrié coa complicidade do goberno de Franco; ao Cholo que viña de lonxe: de Marrozos máis aló de Compostela; ao Miguel que era, como el de Frades, e o Zalo do propio Ordes.

-          Caga boi na fonte! – dixo o Zalo – A que non sabedes o de Santa María de Barbeiros?
-          E logo? – contestou o Arghimiro ao que a camisa non lle chegaba ao peito – Que foi iso de Santa María de Barbeiros?
-          Pois que a pouco arde toda a igrexa. Menos mal que o Evaristo mirou o lume e avisou a xente antes de que a cousa fora a mais. Pero non sabedes o mellor!
-          O mellor? Que foi o mellor? – atreveuse a preguntar Arghimiro, máis incómodo que tres nun zapato.
-          O mellor foron os dous que atoparon na porta da igrexa ollando para o lume ben achegadiños, en coiros, como a súa nai os trouxo ao mundo: a Maruxa dos Baltaras e o Señor Cura!

E mire que lle digo, don Manoel! Que nin credos mal rezados nin óleos equivocados! Nin pantasmas nin ánimas do purgatorio! Nin Xan nin Perillán! As cousas, teñen tendencia a ter explicacións sinxelas, e se temos un home novo casto por imperativo categórico e unha muller pracenteira non hai que “multiplicar os entes sen necesidade”. Ou como diría Guillerme de Ockham: entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem.

Río Samo, río Samo,
ben se ve que es da montaña;
feo fillo das brétemas,
e das uces desleigadas.