luns, 25 de xuño de 2018

Teño xoubas, teño chinchos!



Mire que lle digo, don Manoel! Que veño hoxe cos illares crebados de tanto rir co que contoume a Laura, unha rapariga ben garrida, que ten un posto de peixe no Mercado de Bouzas.

Eu non adoito a preguntar prezos nin calidades, que de prezos a Laura ben sabe que non son de regatear, que se os cartos me chegan para o que quero, merco e se non me chegan marcho sen el, e de calidades pouca cousa me poden aprender; pero o mariñeiro do conto de Laura non tiña o mesmo costume, e dirixiuse a ela sinalando con índice a un dos grupos de peixes do posto.

-          Mira rapaza, a como tes esa xouba?
-          Non é xouba, meu señor, que é chincho!
-          Que chincho, nin que raios! Vasmo dicir a min que andei a navegar toda a vida!
-          Pois logo, non lle digo nada, meu señor! Mais que a xouba está a 12 € o quilo e o chincho a 6 €
-          Un pouco caro, me parece …
-          Caro ou barato, por menos non llo dou.
-          Veña logo un quilo de xouba.

E deulle os chinchos, que chinchos eran, e cobroullos coma xouba, que outra cousa non merecía por sabichón e petulante.

-          Navegar, navegaría, pero o peixe que sinalou chinchos era, e seguirían a ser chinchos, por moita auga salgada que trouxera no bigote!

Teño xoubas, teño chinchos.
Teño sardiñas tamén!
Son da lancha do meu home
Quen a min me quere ben!

domingo, 10 de xuño de 2018

Onde Fina coñece ao que sería o seu home.


Un deses domingos de baile, no alpendre que o Avelino tiña ao pe da súa casa de comidas con aloxamento no que convertera á súa vella taberna por mor dos moitos traballadores  que as obras do ferrocarril Pobra de Seabra/Ourense trouxeran ao pobo, non recordo moi ben causa, porqué ou razón, a hora do baile chegara, e o grupo de gaiteiros que o Fanchico contratara, coma o resto dos domingos para poñer coa súa música a gana de bailar, non daban chegado.

Ben puideramos ter collido as pandeiretas e facer, coma era tradición, bailar á xente coas nosas xotas, muiñeiras e agharrados, mais a chegada dos gaiteiros afixéranos mal, e xa ningunha de nos quería coller a primeira quenda de tocar mentres as demais bailaban, que coma di a copla:

Bailade nenas, bailade,
vai esta e non vai outra;
para tocar xa non podo,
para cantar estou rouca.

E polo si ou polo non ningunha das rapazas da aldea facía intención de colle-la pandeireta para abrir o baile, todas nos sen dar nin chío, mais caladas que os curas cando comen, e o bruar das protestas dos homes ia subindo de ton e de volume, e o Fanchico xa non sabía que facer da súa vida, temendo, con razón, que as cousas foran a mais, e a xente do ferrocarril pasara dos ditos aos feitos.
Entón, coma por encantamento, aparecen no estrado un home moi ben plantado, levando na man unha gaita distinta da nosa. Con il un rapaz cunha caixa militar coas colores da bandeira portuguesa, e un vellote cun bombo todo estragado. As miradas viran para eles e faise un certo silencio que lle permite dirixirse á xente nestes ou parecidos termos:

-          Gentes todas. Como os gaiteiros demoram mais tempo do que é conveniente para a integridade do local, se não vos parece ruim, vamos tocar algumas peças da nossa terra trasmontana, que esperamos que sejam do voso agrado.

E o gaiteiro da outra beira da raia, toca a gaita mirandesa e todos bailamos ao seu son, que as raias e fronteiras so existen no papel cando as xentes queren que así sexa, e non hai mellor xeito de facelas desaparecer que a música! E veña a xente a bailar unha peza tras doutra sen parar mentes de quen é o seu par, cal é a sua nazón ou condición, ata quedar derreados e suorosos, para ledicia do taberneiro que con tanto movemento nunca tanto viño vendeu!

Así foi, miña filla! Todos a bailar, e ele a tocar. Todos menos a túa nai, que aínda que acotío mais bailadora que unha buxaina, aquel bendito domingo poucas pezas botou, ben certo é que mais por mirar para o gaiteiro de ollos de mel, que polo son peculiar da gaita mirandesa

Para cantar e bailar
Eu son como a primavera,
pero para namorar
teño moi mala maneira.

sábado, 2 de xuño de 2018

Axustando á collonésima de pelímetro!



Mire que lle digo don Manoel! Os galegos non lle somos moito do sistema internacional de unidades, que, sen ir mais lonxe, o torneiro de Talleres Reyna, o Bernaldino, pouco antes da xubilación aínda seguía a facer os axustes das pezas en pelímetros, e o seu submúltiplo, a collonésima de pelímetro. Por iso non lle debe de estrañar que nas tabernas de Bouzas segan a medi-lo viño en cuncas ou netos, e mentres polo mundo adiante necesiten que os vasos leven unha marca indeleble de control de por onde debe quedar o líquido escanciado para evitar reclamacións, na taberna do Mincha non fagan falta tales trebellos para axustar unha cunca de viño de xeito tal que haxa que ter moi bo pulso para non derrama-lo viño ao levar aos beizos. O que, como di a vella cando fía o seu copo, non deixa de ser unha boa forma de saber cando na cisterna non cabe mais líquido e compre recoller o aparello e marchar antes de non ser quen de gobernar a lancha ata a casa.

Contábame meu pai que había en Bouzas un taberneiro, cuxo nome nunca cheguei a saber, que cando se lle queixaban por algunha falcatruada que lles facía, sempre contestaba coa mesma ladaíña: "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de convencer á súa clientela de que o ladroízo era algo consubstancial ao oficio de taberneiro como argumento fundamental para acadar a fidelidade e non deserción dos seus clientes.

Os curas e os taberneiros,
teñen moito parecido.
Os curas bautizan nenos,
e os taberneiros o viño.

E, mire que lle digo, don Manoel! Por se quixera mercar algo de viño para levar, déixolle un pequeno resumo das medidas galegas de capacidade de líquidos mais coñecidas.

CUARTEIRON, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado dun cuarto litro, ou sexa 250 ml, no SI. Equivale a medio neto
Comentario: Mellor nona pida, don Manoel. Ningún home pediría menos dun neto aínda que fora para beber so.

NETO ou CUARTILLO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de medio litro, 500 ml, no SI. Un neto contén dous cuarteiróns.
Comentario: O menos que bebe un home adulto so. Se está acompañado se pedirán uns netos. Así, indeterminado; xa se irá vendo como van as cousas.

CUARTILLA ou CANADA s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 4 litros. É, polo tanto a cuarta parte dunha OLA, e contén oito NETOS
Comentario: Mais o menos a cantidade necesaria para colle-lo rumbo axeitado. Mellor non usala moito por esas terras adiante que nalgunhas zonas de Galicia unha canada son oito litros.

CUARTA, s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 8 litros. É a cuarta parte dun canado, e dicir, media ola.
Comentario: Para levar para casa, pero non posta. Polo menos sen haber repartido con outros parroquiáns.

OLA, CÁNTARA ou CABAZO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 16 litros. Equivale a dúas cuartas, ou catro canadas, ou dezaseis netos.
Comentario: A mesma consideración que a anterior. Pero desta os parroquiáns teñen que ser moitos.

CANADO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 32 litros. Equivale a 2 olas ou cántaras, ou catro cuartas, ou sexa oito canadas, así en feminino.
Comentario: Medida machista onde as haxa. Un canado val coma oito canadas!

MOIO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 128 litros. Equivale a 8 olas, ou catro canados, ou 32 cuartillas.
Comentario: Do moio, don Manoel, pouco lle podo dicir, que non sexa:

Oito olas fan un moio.
E dous cuarteiróns un neto
Un canado oito canadas.
Eu contigo non me meto