Amosando publicacións coa etiqueta Ascensión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ascensión. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de xaneiro de 2026

Maruxa, o “Xílgaro de Alcabre”


 Mire que lle digo, don Manoel! Que levaba vostede tanto tempo sen abarloar por estes peiraos que xa pensei que nos tiña abandonados! ... Ah, carallo! Malo inimigo é ese! Pero, para a miña satisfacción, xa vexo que non hai mal que o tombe!

Pero deixemos os males fóra, que para queixas xa están as choradeiras de Cangas! Mellor non falar de enfermidades e doenzas, que se lles damos cancha, aséntanse á mesa e ata piden unha cunca de viño. Falemos, se tal é o seu gusto, de cousas máis agradables: como da visita sorpresa que nestes últimos días tiven na nosa taberna. Adiviña quen? Claro que non! Como o ía adiviñar? Maruxa, a filla de Ascensión, aquela —noutrora rapaciña— da gorxa de xílgaro! E mire que lle digo! Veu a pe feito á nosa taberna para traerme unha entrada para o seu concerto no García Barbón! Un recital de cancións de compositores galegos co seu amigo don Alejo Amoedo ao piano!

Non ten que preguntar que xa llo digo eu: marabilloso. Programa, acompañante e intérprete. Na opinión de moitos Maruxa é, por mérito propio, unha das mellores sopranos españolas. Como dicía a periodista do «Faro» nun alarde de erudición musical: “A extensión do seu rexistro, precisa afinación, dominio das dinámicas, xunguida á claridade da súa dicción e a sensibilidade na interpretación, engaiolaron ó público, minoritario pero entendido.” Mágoa que un pouco más adiante o estragara todo falando da “soprano catalana”!

Home, don Manoel! Eu entender entendo todo! Que andan a correr, sen tempo para ler, non digo nada para investigar! O periodismo xa non é o que era, se é que algunha vez o foi! Certo é que Maruxa vive en Barcelona, e que alí formouse na escola de Conchiña Badía, que a tiña en gran estima polas súas calidades artísticas e persoais.

Aprecio, segundo contou «O xílgaro de Alcabre», non compartido pola enorme —en máis dun sentido— soprano Montserrat Caballé. E a cousa é ben doada de entender: Maruxa ven da mesma escola onde estudiou ela; ten un rexistro tan amplo como o seu; e ademais é moito máis delgada —e más guapa engadiría eu!— que ela!

      Non se crería, don Paio, as intrigas, as insidias, as coiteladas disimuladas detrás dun sorriso e unha declaración de amizade eterna, que poboan o Liceu!

      E logo, Maruxa?

      Déixeme que lle conte o da Arena de Verona de 1970!

      O da Arena de Verona? Conte, conte!

Fala Maruxa.

O recordo ben: no 1969 rematara os meus estudios de canto no Conservatorio Superior de Música do Liceu, o Grao Superior baixo a impagable docencia de Conchiña Badía. O recordo ben porque precisamente nese ano coñecín a Montserrat Caballé nun recital fin de estudos que Conchiña organizara para darme a coñecer ás súas amizades. Montserrat fora a súa alumna favorita e a Conchiña, que non ten malicia ningunha, non se lle ocorreu mellor idea que dicirlle aos seus invitados o orgullosa que estaba desta súa nova alumna que ía levar o bel canto a eidos aínda por explorar. Engadindo —para a miña desgraza— unha mención á miña beleza e esvelta figura.

Digo para a miña desgraza porque aqueles son os anos nos que comeza a agromar o cambio total na ópera, que deixa de ser un "concerto con disfraces" onde o cantante plantábase erguido no medio do escenario e simplemente cantaba, á Ópera concibida como un espectáculo musical total. O director de escena deixa de ser, na práctica, un decorador para converterse no autor: nace o que se chamará o "Regietheater", o teatro do rexedor. Luchino Visconti, Franco Zeffirelli e, no noso caso Mauro Bolognini.

De Bolognini precisamente publicara nos primeiros meses do setenta a revista Ritmo unha interesante entrevista, amplamente comentada polos rexoubeiros do Liceu, na que o xa director de escena da representación de La Traviatta na arena de Verona comentaba que “xa non abonda con abrir moito a boca; hai que saber moverse, sufrir e mirar” e que “se Violetta morre de tise, a soprano que lle dea vida ten que parecer que está morrendo de verdade”. E Montserrat, que xa tiña daquela unha figura impoñente, tomouse as palabras de Bolognini como un ataque persoal.

Sería unha data tan achegada á representación como o mes de maio, cando don Joan Pàmias chamoume ao seu despacho. Joan Antoni Pàmias i Castellà, avogado e violonchelista de mérito, reinaba no Liceu dende 1947; rei consorte porque, a dicir das "malas linguas" do Liceu, a verdadeira raíña era a Caballé, que o tiña tan atrapado que “se a Caballé espirra, ao Pàmies dálle a gripe”. Eu diría que era máis ben unha relación de simbiose absoluta, porque Pàmies era un gran administrador e sabía que a Caballé era unha garantía de éxito e de contas positivas.

      Veño de falar con dona Concepción Badía e me dixo que a única soprano que pode facer o ”cover” de Monserrat na Traviatta es ti.

      Na Traviatta... de que escenario don Joan?

      Na Arena de Verona, por suposto!

Pode creme don Paio que saín do despacho como nunha nube, aínda sen acabar de crer na miña sorte. Sorprendeume moito porque non era práctica habitual levar alguén de reposto para asegurar o papel. Nos teatros con tempadas estables como o noso, sempre había alguén cubrindo un posible alifafe da cantante principal. Porén, levar a unha soprano de viaxe exclusivamente para facer o ”cover” era un luxo que só se podía permitir o Pámies.

Dicía Conchiña Badía que o de Violetta non era un papel, era unha condena! E que para cantar a Traviata cumpría ter tres voces no peito! No primeiro acto tes que ser un paxariño que chía; no segundo, unha muller que chora; e no terceiro, un cadaleito con pernas.

No primeiro acto Violetta é a raíña das festas de París, unha muller que quere a chuchar a vida. O famoso "Sempre libera" é un exemplo da axilidade, brillo, facilidade para o rexistro agudo e as notas rápidas necesario para esta parte da ópera.

Logo, no segundo acto Violetta descobre o amor verdadeiro e o sacrificio. A voz precisa máis corpo, máis peso nas notas centrais e unha gran capacidade para o legato, como no  "Dite alla giovine" do dúo con Germont.

Finalmente no terceiro acto é onde unha soprano ten que demostrar se Violetta é o non o seu papel. Porque no "Addio del passato" temos que levar a voz a un ton escuro, case de soprano dramática, para expresar o estertor final. A voz debe soar cansa, rota pola enfermidade, pero con refachos de potencia desesperada para o que se necesita un enorme control do aire.

E , segundo se comentaba polos corredores do Liceu, a calor de Verona en agosto era asfixiante, e a poeira da area e a humidade do río Adigio non son o mellor clima para unha soprano, polo que —parva de min— abrín o meu peito á esperanza de que Montserrat, que daquela andaba con algún que outro alifafe, me dera unha oportunidade.

Ítem máis: cando chegamos a Verona e Pámies me presentou a Mauro Bolognini e a Danilo Donati, director de escena e responsable do vestiario da obra, ás súas miradas e comentario velados deron pábulo á miña ilusión de que algo marabilloso podía pasar. Na proba de vestiario, cando Monserrat puxo o camisón do terceiro acto, unha prenda que non axudaba precisamente a disimular a súa anatomía,  Bolognini explotou:

      Coño Danilo! Con ese camisón parece unha carpa de circo!

      Mestre! —contestou retranqueira a Caballé— Ben sei que non teño o físico de Violetta, pero si a súa alma na gorxa e isto é o que o público ven escoitar.

E era certo. Dona Montserrat tiña uns fiatos e un control do pianíssimo que ninguén máis tiña. E mire que lle digo, don Paio! Cando a noite da estrea ela cantou o "Addio del passato", os trece mil espectadores de la Arena esqueceron o seu aspecto físico porque a súa voz os convencera de que o que había no escenario era a dunha muller morrendo de amor e tise. Mauro Bolognini, Danilo Donati e aínda eu mesma incluídos.

Miña nai deixoume dito,

antes que Dios a levase,

que cantar por costa arriba,

non é ningunha vantaxe.

venres, 23 de maio de 2025

Gorxa de xílgaro.


Canta ti, gorxa de xílgaro,/ 
que a de merlo xa cantou,/ o cantar é alegría,/ eu sempre a cantar estou 

Mire que lle digo, don Manoel! Nada coma ter amigos investigadores! Así que o seu avó Manoel, a máis de pintor de mérito e contador da sociedade cultural «La Oliva», exercía nela tamén de tenor! Ben vexo que “fillo de peixe nadar sabe!”.

Concordo coa súa emenda, don Manoel! A herdanza da parte financeira para o fillo e a artística para o neto, que non o vexo a vostede anotando pagos e cobranzas, manexando ingresos e gastos, activo e pasivo, patrimonio e matrimonio. Non digo que vostede non soubera preparar os informes dos estados financeiros, a documentación necesaria para o cumprimento das obrigacións tributarias e todas esas tarefas propias da mellor administración societaria, soamente que penso que está menos na súa natureza.

Pois tamén tería o seu aquel que o seu avó Manoel houbera coincidido no coro coa Ascensión, a nai daquela rapariga á que chamaban o “xílgaro de Alcabre” cuxa historia vai tempo abondo que lle contara. Recorda? Que non? Que si que recorda pero pensa que non coincidiran? Pois tampouco levareille a contra que a diferenza de idade, agora que boto ás contas, semella abondo como para estragar o meu devezo.

Xa lle contara, don Manoel, que Ascensión era unha das mellores sopranos que «La Oliva» tiña no seu coro, á que, pola súa precisa afinación e dominio das dinámicas, encargaban sempre a parte solista das pezas. E lembrará tamén que a moita exposición a que tal virtude a obrigaba, non era moi do gusto do seu mozo, un garrido mariñeiro do Berbés moi sensible ás chacotas e escarnios dos seus compañeiros de faena. E que os boureos dos seus conmilitóns tanto mallaron no ferro frío da súa imaxinación que, ateigado de ciúmes e investido da autoridade que a condición de aspirante a consorte outorgáballe, puxo a Ascensión a condición de abandonar esa actividade —das poucas gozosas e gratificantes que a probe tiña— para que el persistira na súa intención de desposorio.

E malia que tal imposición era unha vella coñecida entre as mellores voces femininas do coro, e confirmando o vello dito de que os únicos que aprenden en cabeza allea son os barbeiros, a nosa Ascensión puxo o amor coma arreda para arriar a súa vontade ao gusto do seu home.

E mire que lle digo, don Manoel! A decisión foi saudada cun leve múo de asentimento por parte do pai e un sabio comentario por parte da nai.

      Ti verás o que fas, miña filliña! Pero non esquezas que cando casas compras o animal polo rabo pero despois tes que aturar o porco completo.

Nada máis hei de engadir a tan sabio consello, salvo a copla en octosílabos a que tan afeitos temos aos nosos lectores.

Vállame Dios, como canta,

a sereíña no mar-e;

os mariñeiros dan volta

solo pola ouvir cantar-e.

mércores, 28 de setembro de 2022

De Corme ou de Coristanco?


 (Fala Laura)

Eu tomei conciencia da miña existencia na aldea de Corme, pero segundo souben anos despois, abrín os ollos á vida na casa duns parentes do avó Manrique na parroquia de san Paio de Coristanco, razón pola que, polo menos en parte, se me pode aplicar aquela cantiga que di:

Eu nacín en Coristanco

En Corme amores tomei

Casei logo en Ardaña

En Noicela enviuvei.

Con todo, concibir, no sentido de formar o embrión dun novo ser, seica o fun nalgunha das praias dos arredores de Bouzas, mais escondida que a do Adro aos inquisidores ollos das xentes de ben, que nunca faltan para escandalizarse oportunamente.

A miña nai Ascensión decidira afastarse da confraría do Cristo dos Aflixidos e do seu alcatreo a cirios revellidos, a ouriños resecos, a vetustos suores, rancias pestilencias riba das que o incenso non prevalece; deixar dunha vez por todas aquel antro de intolerancia, gorida de vellos voitres ateigados de podremia e falsa santidade, rachando con todas as convencións que ata ese momento aferrollaran os seus nocellos para abrirse á unha vida sen freos.

Que mellor iríalle de ter conservado algún! Que “sen freos e rodando, a saia vaise elevando” e o lume de moitas abstinencias non necesitaba de moito cortexo para acenderse. Que foi na primavera, mes no que as flores agroman, cando deixou atrás o séquito dás vellas lurpias, e na segunda fin de semana dun mes de xullo, na romaría de Santa Baia de Alcabre, cando sucederon os feitos que deron o resultado, non procurado por ningún dos dous participantes, que estoulle a relatar.

Disque meu pai era o fillo menor dunha das grandes familias de Bouzas, pero iso nunca o saberei de certo. O que si que o é, e tal recollen máis dunha testemuña, e que, como o avó nunca foi dos de “vale máis lambendo que mordendo”, entre os proxenitores dunha e doutro houbo algo máis que palabras, e que se non chegou máis alá do primeiro sangue non foi por falla de arrestos do avó Manrique, senón pola oficiosa intervención dalgunhas xentes do Liceo que, con boa intención e propósito, separaron aos contendentes.

Foi daquela que o avó, convencido pola forza dos feitos de que nin o malfeitor cumpriría coa súa obriga, nin os seus pais o forzarían a facelo, artellou levar a súa filla pequena o máis lonxe posible de Bouzas, a un lugar onde ninguén a coñecera, para que cando a medra de volume da súa barriga se fixera evidente, non dera pábulo as rexoubas das moitas lingoreteiras que na vila había. Recordou entón que tiña un primo da súa mesma idade e moi achegado nos afectos, o Damián, co que navegara nun palangreiro de altura que andaba a pescada, ata o día no que cada cal deles colleu amores nun porto distinto, mocearon, galantearon e casaron, o avó cunha boucense e o Damián cunha bergantiñá.

Afortunadamente o avó era persoa ordenada e encontrou doadamente o enderezo do Damián, ao que, por man da súa filla Ascensión, escribiulle unha larga carta contándolle a desgraza, en forma de fillo non recoñecido, que lle aflixía. Carta que, como Damián era tamén analfabeto, encargoulle ao seu fillo Martiño que puxera en viva voz o que querían dicir aquelas “formigas de tinta aliñadas nun papel que mandara o seu primo Manrique”.

Debeu ser cousa de ver a cara do Martiño ao ir debullando nas follas da carta as reviravoltas da proposta! Porque, casualidades da vida!, o Martiño estaba casado cunha rapaza de moi bo ver e da que estaba moi namorado, pero da que non era quen de obter o agasallo que máis desexaban os dous na vida: un fillo.

Preñar si que preñaba; pero ao mes, ou todo o máis dous, todo o construído con tantos traballos íase polas pernas abaixo! Así que, grazas á proposta que aqueles papeis contiñan todo cadraba! O fillo inconveniente da súa curmá Ascensión ía ser o largamente procurado por eles!

Decontado deseñaron os chanzos da estratexia concreta a aplicar. As dúas mulleres irían xuntas a un lugar onde ninguén as coñecía, á casa da avoa María, a nai de Damián,  en Coristanco. Alí pasarían ás dúas os meses do embarazo, real en Ascensión, finxido en Xulia, para volver a Corme poucos días despois do parto, Ascensión, a miña nai real, ceibe do seu erro, e Xulia, a miña nai finxida, comigo nos brazos para bautizarme na igrexa de Nosa Señora dos Remedios e inscribirme no rexistro civil como a filla lexítima de Xulia Castrexo e Martiño Infesta, os que pensei que eran meus pais ata a morte de Ascensión.

Lémbrase don Paio cando nos miramos no cemiterio de Bouzas? Andabamos cada un de nós profundamente somerxidos no océano dos nosos pensamentos, alleos á realidade exterior como se a mirásemos por un escafandro de mergullador. Vostede, aparentemente entretido lendo nomes e epitafios nas lápidas, para non pensar na brutal realidade do refrán que di que “máis veces un amigo é un irmán que un irmán un amigo”, e “viño e vinagre irmáns son: un vai á misa e o outro, non”. Eu aínda demasiado estragada polo que a miña nai Xulia revelárame ao recibir o telegrama coa nova da morte da tía Ascensión, intentaba dirixir o meus pensamentos ás semellanzas e diferenzas entre os meus dous pobos, Corme e Bouzas. Dous Corme, Corme-Porto e Corme-Aldea separados non só por dous quilómetros de camiño senón pola actividade, agropecuaria no Corme orixinal e pesqueira no seu apéndice mariño onde viviamos nos. E dous Bouzas. A gran vila mariñeira, deitada a rentes do mar, e o “Bouzas de arriba” de campesiños e labregos onde está o cemiterio!

Eu ben que o vin don Paio! E sei que vostede tamén decatouse da miña presenza! Pero tanto e tan mal me falaran de vostede, da súa militancia nos exércitos do diaño, tanto pesou en min a actitude da miña verdadeira nai coa súa, negándolle a axuda cando máis o necesitaba, que collín medo. Collín medo e acubilleime coma un fureliño detrás dun alcipreste e, coma vostede, non agardei polos borboriñares do crego, que tampouco son eu ovella dese rabaño.

Foi tempo abondo despois cando os ventos propicios o levaron ata o meu posto, que era a da miña nai Ascensión, tiven o gusto de venderlle uns escarapotes que serviron para facer, ademais dun pastel, esta xuntanza pola que levo devecendo desde que cheguei a esta a miña segunda terra de Bouzas.

Disque “tempo, vento, muller e fortuna, axiña se mudan”. Eu dos outros tres non podo acreditar tal, pero desta muller que ten aquí diante non agarde mudanza, que vaime ter agarimosamente á súa beira cada vez que o necesite.

A folla da ulmeira vira,

pero eu non hei de virar.

A folla deixou ao olmo,

eu a ti non che hei deixar.

sábado, 17 de setembro de 2022

De escarapotes, fanecas bravas e cabrachos.


Mire que lle digo don Manoel! Non sei se era don Alberte Einstein ou algún outro físico desas sapiencias o que afirmaba con precisión científica que “nada viaxa a maior velocidade que a luz coa excepción das malas noticias”. E malia que, como xa lle dixera antonte, eu non volvera a ter relación ningunha coa miña tía Ascensión dende aquel día no que fun pedirlle axuda para coidar á miña nai cando o cancro manifestouse nela en toda a súa maldade, non faltaron voluntarios a eito para traer a nova da súa morte ao meu coñecemento, aínda antes de que puidera poñer o pé na amura do bou para saltar a terra.

“Castigo de Dios!” Cuspira a tía Ascensión cando pedinlle que coidara da súa irmá enferma de cancro. “Non hai tal dios nin tal castigo”, respondera eu. E agora chegáralle a ela a súa quenda, con outro cancro distinto pero tamén con resultado de morte. Cancro que, como é evidente, a miña nai non lle contaxiara como ela temía, pois non só, nin un só día pasou pola nosa casa nos longos meses de agonía que Peregrina e máis eu sufrimos e gozamos xuntos ata chegar a estar máis preto da miña nai do que nunca estiven nin estarei na vida de persoa ningunha, nin o cancro é enfermidade contaxiosa. “Contaxiosa é a maldade!”, dixéralle eu daquela.

Camiñar é “a primeira cousa que un neno quere facer e a última que un vello quere deixar”. É un eficaz tranquilizante e un lecer que non custa nin un céntimo. As avesas que os medios de transporte convencionais non contamina, consome poucos recursos naturais e é altamente eficiente. O camiñar tamén é conveniente porque axuda a pensar. É como se mover os pes fixera mover tamén o corazón e os pulmóns, e toda esta actividade chamara polo pensamento. E no meu caso a camiñada dende o peirao da casa MAR ata Bouzas foi para min unha boa ocasión para remoer no meu peito o carro dos sentimentos ata ser quen de escoller o camiño do comportamento correcto.

Ata o intre no que souben da súa morte física non me decatara da continuidade da súa existencia. Para min a tía Ascensión morrera aquel negro día no que negou a axuda á súa irmá. E agora a nova do seu óbito axitaba no meu corazón a pantasma da súa existencia, obrigándome a pensar cal debera ser o meu comportamento. Non o que a vila agardaba de min senón o que eu agardaba de min mesmo; cal era o comportamento máis acorde cos valores éticos cos que estaba firmemente comprometido. E a camiñada era unha boa forma de enfrontar a primeira vaga de carraxe, esa torpe vinganza de “chegou a túa quenda” e, navegala con xeito como cando vai mala mar, orzando un pouco cando se sobe pola crista, para logo apoiar ao descender no punto máis baixo da onda, esquecendo conscientemente o sucedido e botar o rancor ao faiado das cousas inútiles.

Largo sería, don Manoel, facer relación detallada de tódalas reviravoltas polas que o meu pensamento pasou ata chegares á conclusión de que, malia a todo o sucedido, debía estar no enterro. Ascensión fora a irmá da miña nai, e coma ela gustaba de repetir, o sangue é máis espeso que a auga. Por suposto que soamente ao cemiterio, que ben sabe vostede que ás únicas cerimonias relixiosas nas que me pode atopar son as báquicas, e nesas soamente pola compañía e a boa conversación.

Cando chegou a comitiva á porta do cemiterio de Bouzas xa estaba eu no espazo onde ían darlle terra á miña tía. E non madrugara para aproveitar a render visita aos meus parentes defuntos, que os que tal homenaxe merecían estaban moi lonxe de alí. Xuntiños para sempre naquel lugar secreto onde levamos primeiro o cadáver do meu pai no carro do argazo dos Comesaña, e moitos anos despois as cinzas da miña nai para que agarden xuntos o soñado día no que os homes cheguen a ser irmáns.

Nestas estaba, sen outra cousa máis útil que facer que ler os nomes e epitafios escritos nas lápidas funerarias, cando chamoume a atención a presenza dunha muller nova, vestida de negro e cun pano na cabeza que tiña todo o aspecto de estar nos mesmos afáns ca min. Non sei se o que lle conto é lembranza real ou invención posterior, pero estou por xurar que vin a unha muller que non fun quen de recoñecer observando a tumba da tía dende un lugar moi semellante ao meu, e intentando coma min mesmo non chamar moito a atención. E que, coma eu, estivo no seu lugar ata que lle deron terra ao cadaleito, e non quedou a escoitar os rezos, pregarias e ladaíñas do crego, ao mellor por pensar coma min que dos curas e do vento mellor a sotavento. Pasou o día, volvín ao mar, e non pensei máis no acontecido.

Foi tempo abondo despois cando, por non atopar o peixe que apetecía no posto onde facía normalmente a compra, fun a dar ao da tía Ascensión, onde me atendeu unha rapariga cuxa cara se me facía estrañamente coñecida.

      Bo día teña vostede. A como ten o escarapote?

      Bo día o teña vostede tamén. Supoño que non fala da faneca brava ...

      Por suposto! Sei que hai xente que chama escarapote ao peixe araña, pero soamente os que non miraron xuntos a un e outro peixe. Eu falo do peixe que no norte chaman cabracho.

      E logo? Non irá facer un pastel?

      Vou!

      Pois vai ter traballar arreo porque son pezas pequenas...

      Mellor! Máis saborosas serán!

      Chégalle cun quilo? Pois léveas, que polo prezo non haberá disputa!

      Lévoas logo! E xa me dirás que te dou...

      Pois vostede verá, don Paio! Darme pode darme as grazas; ou moito mellor, e se non lle resulta embarazoso, un bico e unha forte aperta. Porque vostede nono sabe pero Laura é o meu nome e son a filla da súa tía Asunción. Vostede e máis eu somos curmáns.

Quedei pampo! Logo aquela sensación de familiaridade tiña fondas raigañas! Pasado o primeiro intre de pasmo dinlle de moi boa gana os bicos e apertas demandadas. E tiven que recoñecerme a min mesmo que a noticia non me sorprendera tanto como debera, seguramente porque no meu inconsciente sempre souben que a vida da tía Ascensión agachaba un segredo que impedíalle perdoar aos demais as cousas que ela non era capaz de perdoarse a se mesma.

A mire que lle digo don Manoel! Collín o meu peixe e marchei a casa. Tiven tempo para poñer a auga a ferver nunha cazola para facer un caldo cunha cenoria, un allo porro, unha cebola enteira, sal, pementa, unhas follas de loureiro, un pouco de aceite de oliva e un pouco de viño branco. Quince minutos chega, don Manoel; e logo no caldo coado e aínda quente engadir o escarapote e deixalo cocer outros 15 minutos. E ata me deu tempo de limpalo de pel e espiñas e esfaragullalo coidadosamente antes de saíres para o Buraquiño, onde quedara citado coa Laura cando pechara o seu posto, un pouco máis a salvo de olladas curiosas que na Taberna do Mincha.

O merlo canta na rama,

o peixe nada no mar,

o que vai camiño adiante:

que ha facer senón cantar?

 

luns, 29 de agosto de 2022

A tía Asunción (e 3)


Mire que lle digo don Manoel! Disque, non sei se froito do viño ou da carraxe, onte arrinqueime a falar coma quen baila sen son, e acabei perdendo o fío do que realmente quería relatar, que non era a historia da miña nai senón a da miña tía Asunción. Sei que vostede me perdoará estes desamaños meus, cada vez máis frecuentes, pero xa sabe que cando as lembranzas levan moito tempo refreadas, acoden á boca en enxurrada e toman elas o control da historia a contar.

Se non recordo mal deixei a historia co da patela de peixe que os mariñeiros do sindicato trouxéranlle á miña nai. A patela que abriulle o camiño da nova profesión que de alí en adiante aseguraríanos a mantenza: a de vendedora ambulante de peixe polas portas! E como xa lle contara, as casas das grandes familias de Bouzas, que antes lle pecharan a porta para traballar, devecían agora por recibir por elas, aínda que fora pola de servizo, o peixe que ela vendía.

Na casa dos avós todos estes acontecementos se viviron dunha forma moi distinta. A avoa Ascensión ao quedar sen a axuda da súa filla maior tivo que asumir tódalas tarefas da casa, cousa á que nunca estivera afeita, e que a ben seguro excedía con moito das súas capacidades. E se a súa primeira intención foi o facer valer a súa autoridade materna para intentar facer coa filla pequena o que fixera con éxito coa maior, deseguido decatouse que esta súa Asunción estaba feita da mesma pasta que ela mesma, e que era daquelas que tiña por norma de conducta aquelo que di que contra o vicio de pedir hai a virtude de non dar.

Visto o visto e comprobadas ás súas consecuencias de todo orde, o avó Fadrique non tivo outra que apearse da mula e contratar a Esperanza, unha rapaciña moi espelida de San Paio de Navia, para levar as tarefas da casa que a marcha da súa filla Peregrina deixara ben ás claras quen asumía. Tal comprobación supuxo para o avó Fadrique un golpe moito máis forte do que estaba disposto a admitir. De feito non lle serviu de nada. Nin para tentar amañar as relacións coa súa filla, nin para evitar o deterioro das que aínda conservaba cos seus fillos, os xemelgos Xaime e Xacobe, así que un día, cántara que moitas veces vai á fonte ou deixa no camiño a asa ou a fronte, o avó Fadrique ornea unha vez máis a súa propia sentenza:

      Pois se non estades a gusto nesta casa xa sabedes onde está a porta.

E os xemelgos toman o portante e marchan a Arxentina, fartos de aturar ao seu pai, e teño para min que tamén en boa medida avisados da ameaza de treboada que o trunfo da Fronte Popular supuxo no horizonte inmediato para a xente de boa vontade.

Pero, mire que lle digo don Manoel! Este mesmo carácter de casca de sobreira do meu avó, que tantos desgustos proporcionoulle, non deixou de ter os seus aspectos de grandeza! Souben moitos anos despois que cando os asasinos fascistas andaban polo pobo a procura do meu pai, visitaran a casa dos avós, por se estivera agachado nela. O avó Fadrique saíra á porta e, sen deixalos entrar na casa, escorrentounos con os seus habituais malos modos, espetándolle con voz alta e baril ao ben coñecido falanxista que os mandaba:

      Erasmo! Faime o favor de levarche de aos teus cans da porta de miña casa, que se segues a importunar aínda vas a atopar a alguén na vila que non che ten medo ningún!

Un deles, o mais noviño da partida, rufo e farfallán por demais, intentara tirar do ferro que levaba ao cinto, pero da labazada que lle caeu do aludido Erasmo sacáronselle as ganas de repente! As ganas e teño para min que un par de dentes!

Certo, certo don Manoel! E a tía Asunción? Que foi da tía que da nome a estas historias? Pois que quere que lle conte don Manoel! Por moito que todo ao seu redor mudara, obstinada en vivir sen mudanza no seu mundo de aparencia, no seu mundo quimérico onde nada malo é posible, onde no hai nada feo, onde a brutal realidade non ten cabida, allea por completo ao que sucede ao outro lado do espello!

A tía Asunción foi ata que morreu unha especie de Peter Pan feminina, inmatura e refractaria a calquera compromiso que vaia mais aló de pensar que vestido poñer ou que zapatos elixir, sen máis contacto coa realidade que o de pescudar se chove ou venta, o se vai frío ou calor. A nai, ao non obrigarlle a asumir nin a máis pequena responsabilidade fixo dela unha incapaz. Asunción preguntaba cada día que había para xantar, pensando sempre que alguén se ocuparía de tomar tal decisión, facer a compra do necesario, e obte-los cartos para pagalo. E tamén alguén preparalo, servilo, recoller os pratos da mesa, lavalos, secalos e poñelos de novo no alzadeiro, que ela con queixarse das moitas espinas que ten un peixe xa cumpría coa súa parte das tarefas do fogar!

Felices os que se deitan

sen ansias nas que pensar,

érguense porque espertan

e saben que han de almorzar

Se, como dixera, a tía Asunción era refractaria a calquera compromiso tampouco ía ter outra actitude diferente no que as cousas da relixión fai conta. Cumprir co domingo e demais festas de precepto si, “sine dominico non possumus”, pero máis polo que ten de exhibición de galas, adobíos e enfeites que por devoción; pero do resto pouco, moi pouco máis. Así que resumindo, a tía Asunción católica si que era; apostólica pouco;  e romana tanto como a da tenda de froita. Pero cando naquel malfadado verán do trinta e seis comezaron as detencións, as fuxidas ao monte e os cadáveres nas cunetas, e a miña nai Peregrina cuspiulle na cara ao Padre Parada o seu desprezo por aquela relixión tan oposta nos feitos ás ensinanzas do Cristo que veneraban na cruz, a tía Asunción considerou que o tempo de ocupar o baleiro deixado na Congregación do Cristo dos Aflixidos pola deserción da súa irmá “dona perfecta” era chegado. Aínda que facendo xustiza aos feitos debo engadir que, se ben é verdade que nun primeiro intre a beatería foi un bo abeiro baixo o que que agachar ás súas frustracións, Asunción decatouse deseguida, sen mais que botar unha ollada ao seu redor, que aquela congregación de cirios acesos que non eran quen de rachar as tebras e rancias pestilencias riba das que o incenso non prevalecía, resultaba unha vía morta para as súas ansias de vivir.

Un día, debeu de ser alá polos anos cincuenta, porque andaba eu embarcado nalgún dos meus primeiros bous de altura, cando ao chegar a Bouzas dunha daquelas esgotadoras mareas contoume a miña nai, así de vagariño como xuntanza de carpinteiros, da morte da súa nai Ascensión e de como a súa irmá pequena, coa necesaria complicidade do seu pai, non a deixara entrar no velorio, que ao funeral xa nin fixera mentes de ir.

      Igual pensaba que ía reclamar a miña parte da herdanza!—alporizábase a miña nai—Por min que a coma toda ela! Se vai ser ela a que vai a continuar no fogar e coidar de padre, xusto é! Que os maiores tivemos xa o noso tempo e a nosa oportunidade de provernos por nos mesmos.

      E mire que lle digo miña nai: que foi da Andoriña que non a mirei atracada no peirao?

      O avó pechou a casa e seica a ten a venda. Disque marcharon a Malpica de Bergantiños a iniciar unha nova vida, que non sei se sabes que temos parentes pola bisbarra.

Nada máis me contou a miña nai das razóns e circunstancias da marcha da familia cara a litorais moito máis batidos polo mar, pero ao dia seguinte atopei na rúa á Esperanza, a rapariga que servira na casa dos avós. Saudámonos e eu pregunteille pola súa vida. Como imaxinaba non custoulle moito volver a coller casa onde servir, porque era boa traballadora e muller de toda confianza. De tal confianza que custoume ferro e fariña conseguir que me contara algo dos acontecementos que provocaron á marcha da familia a destino tan afastado. Despois de moitas protestas de que ela non é ningunha lingoreteira, cousa que ben sabía eu, atreveuse a confesarme que pensaba que a razón non era outra que o feito de que á tía Ascensión a deixara o noivo, un señorito lambido con aires de figurino, dunha das familias da burguesía ilustrada viguesa. E que para máis humillación a deixara sen explicación ningunha, sen dar a cara, “que nin home abondo era para tal cousa. Que estaba a miña probe— tal dixo— toda composta e emperiquitada agardando que viñera o noivo a buscala para ir a casa dos seus pais para facer oficial a súa relación, horas e horas como na película aquela! Sen dar chío, sen deixar escapar nin unha bágoa que puidera refrescar o oprobio das súas meixelas!” E que, don Manoel, como ben se pode deducir, a Esperanza era moi afeccionada ás novelas románticas.

Moitos anos e moitas mareas despois souben, demasiado tarde por suposto, da morte do meu avó Fadrique e da volta á Bouzas da tía Ascensión. Daquela a miña familia, coa axuda de todos, xa conseguira montarlle o posto de peixe no Mercado de Bouzas á miña nai, que xa estaba maior para andar de vendedora ambulante polas portas, e ben se sabe que “a venta do pescado, faise no mercado”. E podo dicir con xustificado orgullo que a miña nai tiña unha enorme habelencia para moitos oficios, pero o de peixeira o levaba no sangue! Tal era o seu arte para ter sempre o mellor produto que moitos clientes levábanlle o peixe máis caro do que poderían compralo nalgún outro posto do mercado pola seguridade na calidade do produto, o sempre acertado consello, e as receitas enxebres para a súa preparación, e, por que non dicilo?, o pracer de relear unha miguiña cunha das mestras do oficio.

E que dirá vostede que fixo a tía Ascensión cando chegou a Bouzas? Pois coma María Cortizas, canto ves, canto cobizas, un posto de peixe no Mercado Municipal de Bouzas! Un pouco apartado do da súa irmán, que tampouco ousa moita veciñanza, pero con vista abondo como para poder controlar quen compra e que compra, como se aquela información fora a servirlle para mellorar ás súas ventas, que nunca serán ás da súa irmán, que as damas da Congregación poucas veces van por elas mesmas a mercar, e as rapazas do servizo doméstico queren mellor unha peregrina que unha ascensión que non ten tal.

O día da inauguración do posto da tía Ascensión, sóubeno por Xulio, o carniceiro de Rebordechán que tiña un posto preto, a miña nai, posiblemente intentando recuperar a de tantos anos perdida relación, foi onde a súa irmá por desexarlle sorte na nova empresa que encetaba. Para escándalo da xente que alí e nos arredores estaba, a tía Ascensión despediu con malos modos á súa irmá, declarando, máis con berros que con verbas, que se equivocaba se viña a procurar á súa parte dos cartos da venda da Andoriña, que os cartos eran todos seus, que para iso estivera todos aqueles anos coidando do seu pai. E a miña nai, que non calaba a ninguén, rompeu naquela ocasión o seu costume, e todo o que fixo foi calar, virar as costas e volver ao seu posto sen ollar atrás.

E así pasaron os anos ata o día maldito no que, preocupado polo aspecto cansado, tan pouco habitual nela, que observaba na miña nai, ocorréuseme levala ao médico. Probas, temores e sospeitas confirmadas: a miña nai ten un cancro de útero nun estado bastante avanzado. Dos catro irmáns que somos Adelina é a que está máis lonxe: casou por poderes co seu noivo de toda a vida e marchou con el a Montevideo. Os xemelgos Froilán e Digna están en Baracaldo; el traballando en Altos Hornos de Vizcaya e ela ten unha taberna galega á que con estraño humor chama Bar “o Caldo”. A calquera de nós deixar durante un tempo que pode ser (e oxalá que o sexa) longo, suponnos un problema bastante importante. E como eu nese intre aínda descoñezo o enfrontamento das dúas irmáns o día da inauguración do posto, sen encomendarme nin a deus nin ao diaño voume onde a tía Ascensión e cóntolle o da súa irmá. Ascensión mírame de fite e ceiba toda a súa xenreira:

      Castigo de Dios! Xa o dicía o padre Parada: “a su tiempo su pie resbalará, porque el día de su aflicción está cercano, y lo que les está preparado se apresura”

      Pero que necidades estás dicindo? Estas falando da túa irmá!

      Fai anos que Peregrina e máis eu xa non somos irmáns!

      Vaia unha relixión que profesades! Pois non di no Evanxeo segundo Mateo que cando coidades a un enfermo calquera é como se o fixerades con Cristo?

       Pero se como dis a miña irmá ten cancro, podo contaxiarme!

      Contaxiarte? O único cancro contaxioso é o que tes ti, a maldade!

E alí rematou a conversa. Aquela marea non saín cos meus compañeiros. A disputa coa miña tía me puxera a min mesmo as cousas ben claras: tiña ocupacións moitísimo máis importantes que facer. A pobriña da miña nai morreu como vivira: rexa como un fuso e sen que ninguén lle escoitara nunca nin unha queixa. A tía Ascensión foise medio ano despois que a súa irmá dun cancro de páncreas.

E mire que lle digo don Manoel! Nesta ocasión vou tomar emprestado unha estrofa do poema que don Manuel Curros Enriquez dedicou ás nais:

Nai, adorada nai, mártir escura,

branca pombiña, arroladora e tenra,

ai, se souberas como me deixabas...

ai, non morreras.

 

martes, 16 de agosto de 2022

A tía Asunción (1)


Mire que lle digo don Manoel! Ben vexo que goza vostede de bo olfacto para certas cousas; e polo que estou a comprobar, non só para as da electricidade! Acerta ao pensar que algunha historia máis hai acochada na miña relación con Laura, a peixeira do Mercado de Bouzas. Miña peixeira e algo máis, como contareille agora en canto nosa querida Fina sírvase encher de Monterrei esta cunca, que é o depósito do motoriño da miña máquina de contar.

      Grazas Fina!

Catro fillos tivo a miña avoa Ascensión. Dous homes, os xemelgos Xaime e Xacobe, e dúas mulleres, a miña nai Peregrina e a máis nova dos catro a tía Asunción, que chegou á familia, como adoita ser demasiado común, cando os avós xa abandonaran ás precaucións permitidas pola apostólica e romana igrexa.

Pouco me contou a miña nai da infancia da tía Asunción, que xa sabe don Manuel que as nais sempre foron máis dadas ás confidencias coas fillas que cos fillos (ás máis das veces porque tampouco os fillos teñen boa disposición a escoitar ás cousas das súas nais), pero coas poucas cousas que por ela souben, sumados aos retrincos das rexoubas e cubilladas da xente da vila, armei un retrato que se non é moi exacto tampouco creo que falte moito á verdade.

Segundo estas fontes a tía Asunción foi na súa infancia unha bonequiña malcriada, unha cativa de rizos de ouro e sorriso engaiolante, sempre ben vestida e ben calzada. Unha meniña ben belida e fermosa no exterior pero, como tantas veces pasa cos fillos únicos teñan ou non máis irmáns, tan vaidosa e mequeira, tan egoísta e caprichosa que ao fin quedou solitaria e sen amigas que aturaran os seus aires de princesa feudal.

Aos meus avós caíalles a baba coas trasnadas, enredos e travesuras da súa filla pequena. Ata o avó Fadrique, ao que definín un día como un home “máis rosmón que un abesouro, máis áspero que un sanmartiño e máis túzaro que un toxo”, perdía toda a súa brusquidade e rudeza coa pequena consentíndolle cousas que facían quedar coa boca aberta coma pasmóns aos que sabían das súa descortesía e rudeza.

Se a miña nai nunca estreara en Ramos, como se na casa non houbera nin cartos nin mans para cumprir tal tradición, á pequena Asunción non lle podían faltar os zapatos de charón branco, o vestido de organdí con moitas enaguas, as bragas de perlé a xogo cos calcetíns e o cárdigan de punto con bodoques. E por suposto a palma mais requintada da rúa dos Cesteiros! Todo eran meirós para a pequena!

Se sumamos a isto a actitude da avoa Ascensión, descargando toda a responsabilidade das labores domésticas na miña nai, e de forma especial as constantes inxurias e aldraxes do avó Fadrique a todo o que non fora cousa da cativa, é bastante normal que ningún dos irmáns tivera pola pequena Asunción moita simpatía. Afecto si, porque como dicía a miña nai, o sangue é máis espeso que a auga. E digo eu que tal sería pero non pola razón que a miña nai apuntaba, porque se ben o refrán é certo nalgunha medida, nono é menos o que reza que “o sangue da amizade é máis espeso que a auga do útero”, que a sabedoría popular ten estas cousas, e a cada proverbio cabe opoñer o seu contrario.

E deste xeito, golpe a golpe, desprezo a desprezo, inxustiza a inxustiza, do mesmo xeito que os golpes do mar van desfacendo que coa súa teimosía e persistencia o máis forte dos cons, as cada vez máis evidentes diferencias de trato, foron acabando coa estabilidade familiar. E cando a miña nai ousa un día erguer a voz para queixarse do trato que lle da o seu pai por un atado na rede co que non está moi conforme, recibe por toda contestación a inxusta e cruel sentencia:

      Pois se non estás a gusto nesta casa xa sabes onde está a porta.

      Seino—dixo a miña nai, e sen dicir nin unha palabra máis, virou as costas, deixou as redes e as labores da casa, colleu as poucas roupas que tiña de seu e foise a traballar de cociñeira na casa da familia Palau.

Teño unha herba na horta

que lle chaman o desdén,

se non me queres na casa,

noutra me haberán de querer. 


martes, 18 de xaneiro de 2022

Cousas da sororidade!


Mire que lle digo don Manoel! Menos mal que apareceu vostede pola porta porque xa estaba eu máis farto dalgúns confrades desta parroquia que un gato de tripas! Que se malos xordos son os que non queren ouvir, peores son os que regañan o beizo coma os coellos para facer risa de toda canta cousa seria se di.

E como quere que me poña don Manoel? Estaba eu comentando con don Antonio o da asesoría, home que, como recordará, era moi afeccionado os libros de auto axuda e as palabras revesgadas, da cantidade, calidade e utilidade das descubertas, achados e alfaias do vocabulario da prensa actual.

El dicía: “resiliencia”, e eu engadía: “empatía”; el propoñía: “deconstrución”, eu retrucaba: “asertivo”; el suxería: “emprendemento”, eu contestaba: “empoderamento”. E así ata que xurdiu a palabra sororidade.

-  Sororidade? E iso que ven sendo? −Dixo don Antonio moi serio.

-  Pois ven sendo como a fraternidade, pero de mulleres! −Aclareille −Val dicir amizade, afecto, solidariedade entre mulleres. O utiliza moito o movemento feminista como reivindicación dun sentimento necesario na loita por gañar o papel da muller na sociedade.

E daquela, sen que ninguén lles mandara tocar aquí una gaita, entran na conversa como fato de porcos nunha igrexa todos aqueles que estaban a ouvir sen dar nin chío, sen outro motivo nin razón que o de facer risa de toda canta cousa seria se di.

-  Pois eu estaba convencido que sororidade era o que facían as monxas para aliviar tensións! −Interrompe o Raposo, que ten sona de gracioso e ocorrente.

-  Non ó! A sororidade o líquido que traen os iogures cando tiras a tapa. −Aporta o seu gran de comicidade o Catrollos.

-  Pois eu entendera sonoridade! Ou sexa o que fai a miña muller cando mete entre peito e lombo unha boa fabada! −Remata co seu estilo habitual o Antón, que xa sabe que devece polo escatolóxico.

E así, todos van engadindo a súa chanza ata que para rematar a Sefa, fai un axeitado comentario:

-  Pois eu estou segura que a sororidade non me gaña ninguén! Que eu son moi amiga das miñas amigas!

Calado como un peto estaba o Xulio, un vello xubilado que tivera unha carnicería no Mercado de Bouzas onde comprabamos a carne as poucas veces que podiamos permitirnos tal luxo.

-   Sororidade de verdade a da miña muller!

-  E logo don Xulio. Algunha razón terá para facer tal afirmación?

A historia de don Xulio e as irmás.

Pois verá meu amigo. Cóntolle esta historia agora que a terra do camposanto de Bouzas garda xa celosamente o segredo das miñas defuntiñas, e nada as pode xa conturbar no seu descanso. Vostede coñeceume xa no meu posto do Mercado, pero eu antes da carnicería tiven unha pequena explotación gandeira de vacún na aldea de Rebordechán, de onde eran os meus pais. Nas terras da Paradanta pouca diversión había daquela máis que a festa de San Sebastián no mes de agosto, e as romarías das parroquias da contorna. E logo os seráns, que outros chaman foliadas, ruadas ou polavilas. Un día, cando a xuízo dos vellos xa estaba en idade de merecer, fun a mocear a unha foliada na Hermida, e alí como di o cantar, enguedelleime dunha rapaciña do lugar de Pousa. Falamos e bailamos, bailamos e falamos, e cando chegou a hora de marchar xa non me puiden desenguedellar. Así que, despois dun breve noivado casamos na Igrexa de San Xoán de Angudes e Encarnación, que tal nome tiña a recén casada, veuse a vivir comigo a unha casa do trinque, que fixera para ela en Rebordechán, que xa se sabe que “alá vaias, casada, onde non atopes sogra nin cuñada”.

Na casa de Pousa quedou ocupándose da nai, viúva daquelas que non poden acreditar se o son de vivo ou de morto, Ascensión a irmán pequena da miña muller. Solteira sen vocación nin convencemento de que, como din as cantigas, sexa boa vida a vida de solteira, por moito que algunha casada chore de arrepentida.

Adeus miña queridiña,

terra fría non dá pan;

vale mais quedar solteira

que casar cun balandrán.

Porque as irmáns pequenas que quedan na casa por mor de coidar da nai teñen todas as rifas para que lle toque o premio gordo de morrer solteiras, que non hai moitos homes que queiran casar e levar muller e sogra nun mesmo lote.

Pasaron un poucos anos, e malia o moito afán, paixón e perseveranza que os dous poñiamos no asunto, os fillos non viñan. Este noso fracaso tiña a Encarnación moi triste e desmoralizada. E teño para min que nesta tristeza a ausencia da súa querida irmán tiña tamén algo que ver. Pero ás veces a semente da fortuna ven envolta no ourizo da desgraza, e a nai de Ascensión morreu, ceibando a probe de tan fatal destino. Aínda non lle déramos terra a coitada da nai cando as dúas xa estaban canda min coas mans collidas e olliños de gato mequeiro a pedirme se Ascensión podía vir a vivir connosco.

Por suposto que dixen que si, don Paio! Que mellor agasallo podía facer á miña muller naquel intre de dolor? Sen esquecer que unha muller máis nunha casa con tanto quefacer coma nosa era como o mel nas filloas! Meses de felicidade aqueles! Todo na casa ía como unha seda, e as dúas irmáns me facían sentir como un rei nunha cesta! Se levaría unha vida como a dun crego que ata cheguei a esquecer os nosos planes por ter un herdeiro!

Que Encarnación non fixera o mesmo comprobeino unha noite cando atopei agardando por min no tálamo marital non unha senón dúas femias! “Tranquilo Xulio que está todo falado! Que Ascensión está conforme en axudarnos a ter o fillo polo que devecemos vai tanto tempo”. Espetoume cun sorriso cómplice iluminando a súa cara de michiño mecoso. “Que a Ascensión ti tamén lle gustas, e ela tamén ten ás súas necesidades!” Que Encarnación non era de moito falar pero cando botaba a lingua a pacer non daba parado. “E digo eu: que lei humana ou divina vaime impedir compartir o que a min me sobra, e se iso vai ser pola felicidade dos tres a quen facemos mal?”

Deixeime convencer don Paio: A carne é débil! E teño que recoñecer que aínda que traballo tiven abondo nunca houbo motivo de queixa. E como estaba nos plans de Encarnación, ao pouco a semente depositada arraigou e, cumprido o tempo debido, naceu noso fillo. E naceu xa en Bouzas, onde nos viñemos despois de deixar a casa e as vacas a un curmán que volvera de Suíza con algúns cartos. A unha vila nunha grande cidade onde ninguén nos coñecía nin podía saber cal das dúas mulleres que collía de ganchete era a miña esposa e cal a nai do meu fillo.

E digo eu: se ás dúas estiveron felices mentres viviron, por que teño que facer caso das prédicas duns homes que están máis interesados en salvar aos demais que en vivir acorde co que recomendan? Como dicía a miña defuntiña dándome moquetes agarimosos na caluga:

-          E que xa se sabe que un bo boi da para moitas vacas!

xoves, 13 de xaneiro de 2022

Cantar coma un xílgaro!


Mire que lle digo, don Manoel! Ben, ben, o que é cantar coma un xílgaro, cantaba Maruxa, a filla de Ascensión, unha peixeira de Santa Baia de Alcabre que completaba os seus magros ingresos familiares coa venta do tabaco do “entrepot” do seu home.

Ascensión tivera antes de casar unha brevísima vida artística como soprano na Sociedade coral «La Oliva». Vida artística que tivo que abandonar por esixencia do seu mozo, un mariñeiro do Berbés tan garrido como falto de luces, que puxo tal condición convencido de que o noivado outorgáballe esa autoridade. E cabe dicir que Ascensión, filla ao fin da ideoloxía do seu tempo, no puxo á demanda moita oposición, que xa se sabe que nestas cousas non todo é culpa do home, que a opinión de Ascensión algo contaría no resultado! Que moitas veces dicimos que facemos tal ou tal outro desatino por amor, cando ben sabe don Manoel, que o amor para ser tal non pode ser un camiño de sentido único!

Anos despois Ascensión recibiu, do ceo dicía ela, a recompensa aos seus soños e renuncias que deixara como flores murchas deitadas ao pé do altar da igrexa de Alcabre o día da voda: unha filliña cunha voz e un gusto pola música que engaiolaba aos mesmos paxaros á que puxo por nome Maruxa. E o cura bautizou como María, que a igrexa católica apostólica e romana non está por esas modernidades.

Vostede é moi novo para recordalo pero alá polos primeiros anos da década dos cincuenta suprímese a cartilla de racionamento. E zas!, xa non hai fame en España. Xa non hai fame oficialmente porque os cartos das axudas norteamericanas pola instalación de bases militares se quedan nas poutas duns poucos, e pouco mellora a situación da xente do común. Un pouco si. Abondo como para que algúns menos probes que os demais puideran mercar un daqueles aparellos de radio que algúns chamaban, sen saber moi ben por que, superheterodinos. Que se ben non quitan a fame a distraen, e algúns dos concursos aínda a alivian! Como o de “Chocolates la Perfección” (la perfección del chocolate) en Radio Vigo.

E dun destes concursos de Radio Vigo vai precisamente, o noso relato! Un de cancións que non podo recordar se tamén estaba patrocinado ou non pola citada marca de chocolate, que a memoria ten estas cousas cando un ten máis camiño andado do que lle queda por andar.

O que si recordo era que o concurso tiña como dúas fases. Na primeira os concursantes cantaban con público no salón de actos que a propia emisora tiña ao efecto, ou facíano por teléfono dende casa. Dende a casa ou máis ben desde algún comercio da súa confianza, que dispoñer de teléfono propio non estaba ao alcance máis que da xente de moitos posibles! Rematadas as actuacións do día o público presente, e os ouvintes que quixeran facelo telefonicamente, puntuaban a cada un dos aspirantes establecendo deste xeito ás súas preferencias. A segunda fase, ao finalizar a tempada, se facía unha gala multitudinaria no teatro García Barbón con os concursantes que tiñan máis puntuación, na que outorgábanse os diversos e substanciosos premios as distintas especialidades.

Maruxa fora unha mociña sen complexos, sempre leda coma unha carricanta, que bailaba con xeito e cantaba con xenio diante de calquera sen máis que llo pedira. Pero Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades” e Maruxa medrou de moza a adolescente e co período que sinalaba este paso de nena a muller chegaron os medos e as vergonzas, e o poñerse máis vermella que a doa das xibardas con que calquera lle falara ou simplemente ollara para ela. Se Maruxa estaba a cantar pola casa mentres facía ás súas tarefas bastaba que escoitara o murmurio dunha voz allea ou un mínimo ruído pola casa para que deixara de súpeto de facelo. Malia a todo, os premios do concurso de voces de Radio Vigo eran tan atractivos que Ascensión convenceu a súa filla para que participara no concurso chamando por teléfono dende a rebotica da farmacia de don Miguel, un dos máis ferventes admiradores do seu arte canoro. Así que Maruxa, obedecendo o consello da súa nai, encerrouse baixo sete chaves na rebotica da farmacia, e naquel silencio e soidade ceibou de novo a súa durmida voz. Non teño que dicirlle, don Manoel que a súa puntuación foi a máxima posible, superando con moito a dos mellores.

Convencela para que participara na segunda fase no García Barbón foi peor que un dos sete traballos de Hércules! As forzas vivas do barrio sumaron esforzos en convencer á mociña do necesario que o premio era para os seus pais, argumento este moito máis forte para Maruxa que a posible gloria de gañar o concurso. E a petición do fillo de don Miguel o boticario, que estudaba en Compostela e viñera para escoitala cantar nun escenario, foi o argumento definitivo para que Maruxa dera o definitivo si á súa participación.

Chegou o día. Ben sabe vostede don Manoel que cando unha persoa está relaxada atura ben a gana de mexar. Pero cando está nunha situación de ansiedade a cousa non é tan sinxela, e isto foi o que lle pasou a Maruxa. Cada vez que o rexedor lle anunciaba que se achegaba a súa quenda Maruxa apertaba as pernas xemendo “que me mexo, que me mexo!” Ata que non tivo outra que saír porque xa non quedaba ninguén para actuar.

A orquestra ataca os primeiros compases do tema. O director dálle a entrada, pero Maruxa está noutro mundo onde nin se escoita a música nin hai director. Os golpes da batuta no atril semellan espertar a Maruxa que por primeira vez parece decatarse de onde está. “Da capo” di o director dirixíndose os músicos. E máis baixiño para Maruxa: “veña rapariga! Ti podes!” Pero non é certo: Maruxa non pode. Si que comeza a cantar pero coas poutas do medo apertándolle a gorxa ninguén é quen de afinar, e Maruxa sabe que está fora de ton, e os saloucos interrompen o seu canto.

E diante da situación non hai outra que baixar o pano e parar o concurso, mentres que, coma sempre, a masa divídese en dúas faccións opostas. As bestas que comezan a rir e alcumala, e a boa xente que entenden e comparten a decepción da rapariga. Un galiñeiro que cacarexa, berra, apupa e asubía, e unha platea na que os máis calan e algúns protestan pola actitude dos bárbaros. E ao final, cando os insultos dalgúns superan xa os límites admisibles e se lanzan os consabidos desafíos de “baixa se tes ovos” esube se os tes ti”, montouse unha pelexa que a piques estivo de dar cos pelexadores no cuartel dos grises, acusados de alboroto público.

E mire que lle digo don Manoel! Que aquela noite Maruxa volveu a casa acubillada por un brazo do seu pai, mentres, por primeira vez en moito tempo, Ascensión colgábase do outro, orgullosa da forza e enerxía do seu home.

Non te troco meu meniño,

non te troco meu amor;

nin pola prata da lúa,

nin polo ouro do sol.

 

sábado, 10 de abril de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (3)


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Seica lle gustaron os contos dos personaxes do meu barrio da Estación! O certo é que quedaron na miña memoria moitas daquelas xentes que, como avelaíñas en torno da luz, pululaban arredor da tenda de Eulalia.

Hai xentes das que pouco sei, porque pouco souben. Son só unha imaxe, como a dunha unha foto vella ou un cacho de película, sempre en branco e negro. E vexo á señora Ascensión, a augardenteira de Tomiño, traendo ás garrafas de resolio, feito co augardente, azucre, canela en rama, anís, pel de laranxa e de limón, e herbas aromáticas, á taberna do Toñeco. Ao señor Urbano, sempre enfadado coa súa muller porque “lle saíra un pouco puta”, cada vez máis enzoufado na taberna e parando menos por casa, borracho e camorrista, pero coma a auga da tronada: moita auga en pouco tempo e non se aproveita nada. E recordo ós carreteiros da Estación, man sobre man o máis do día, ata que viña algún tren ou algunha persoa que quería facer unha mudanza. Como o “Andalú”, que fora padioleiro no exército da República, ou o Mario, que fora porteiro do Sporting de Xixón ata que deuse ao alcohol; ou ás avesas!; que deuse ao alcohol porque xa non era porteiro do Sporting. Mario xogaba ao fútbol cos rapaces do barrio cando non tiña faena levando cousas de carreteiro, e era cousa de ver o seu arte defendendo a improvisada portería, que a xente que baixaba por Urzáiz paraba na varanda da Estación a mirar como se estiraba nunha “palomita” para coller un balón ben colocado.

E o Marcelo, vixiante no serradoiro do Puxeiros que chegaba moi de mañanciña á tenda e pasaba por diante de tódalas mulleres que estaban agardando a súa quenda para ser atendidas, e se algunha tiña a ousadía de rosmar algo, aínda que fora polo baixiño, lle espetaba en toda a cara: “Cala muller que calada estás máis ghuapa!”. E a “Vitrasa, unha muller do oficio, na que calquera podía montar por unha peseta, o prezo do autobús do que tomaba o nome. Ou a Madama do “Bar dos Naciones” ao que os do barrio engadían sempre “putas a montones”, que quedara mancada por mor da malleira que lle dera o seu proxeneta, e ía en cadeira de rodas.

Uxía era de Corcubión e facía unha empanada de congro de sete estralos, que vendía na tenda da Perla, e na taberna que fora dos pais de Xesús Alonso Montero, o Recreo! Completaba o seu minguado negocio coa venta duns bisos de nailon que traía de estraperlo. Como boa muller de mar era calmada ata que non lle daba un vento! Cando, por poñer un exemplo, algunha das clientas da tenda finxía unhas bágoas polo pasamento daquela ou daquela outra muller, que tanto lles tiña, viraba nun trebón que cuspíalles con desprezo:

-   Cómpre ocuparse das persoas cando están vivas, que agora o chorar todos son mocos!

E recordo a tres dos tolos que exercían de tal na cidade: Martinico, Pepiño Tula e Angelito. Martinico era un bendito, manso e amigable, que falaba con todo dios, mentres que Pepiño Tula, era xusto ás avesas: sempre berrando alporizando dun xeito que metía medo. Disque Pepiño Tula era fillo dun paseado, e que se nunca fora moi normal, coa traxedia do seu pai xa enlouquecera definitivamente. Pepiño tiña a cara moi roiba de cara e baixaba do  Calvario dando gritos e recollendo todo canto “Faro” vía. Finalmente estaba o Angelito, o que tiña máis perigo dos tres para as rapazas. Angelito era un obseso sexual, sempre presto a roubar contactos con toda canta carne de muller se lle puxera aos alcances, e agardaba a que o tranvía estivera cheo de xente para subir a fregarse contra das mozas, e se a ocasión era propicia botarlle ás mans aos peitos.

Pero pasando revista ás miñas lembranzas, don Paio, estoume a decatar que deixeille sen rematar a historia da

Flor a filla do Xaquín do Quinteiro.

Segundo souben moitos anos despois, Flor, a filla do Xaquín e da Morena, fora xa de cativa unha rapaza moi boa, moi intelixente e moi guapa. Tan intelixente e estudosa que Xaquín, o seu pai, a mandara interna ó Colexio da Compañía de María, na rúa Virxe da Cerca de Compostela, o que daquela supuña un esforzo económico importante. Xaquín pensaba que os cartos non eran gastados senón invertidos, e máis cando tódalas súas reticencias contra da educación confesional esvaecéronse como o fume cando a directora faloulle do ideario do colexio en relación co papel da muller na vida: "Insistir nunha educación que axude, especialmente á muller privada de toda posibilidade, a crecer en todas as súas potencialidades e a comprometerse na transformación da sociedade".

O asasinato do Xaquín nas fragas do Farelo acabou con tódalas esperanzas de Flor de ingresar na Universidade. O serradoiro foi requisado polos novos mandadores da vila, eses que sempre gobernaran pero que ninguén elixira, e as fontes de financiación dos estudos de Flor desvanecéronse. Flor tivo que deixar Compostela e regresar ó Quinteiro para aprender a gaña-la vida turrando do legón. E aturando á súa nai, cousa que tamén tiña o seu martiroloxio!

Cando Flor estaba a piques de facer os dezasete anos recibiu a carta dun familiar de Bos Aires invitándolle a emigrar á República Arxentina. Flor recibiu a oferta cunha grande ilusión; calquera lugar sería mellor que aquela vila gris de babuxa e orballo, onde todas as miradas  a sinalaban como filla dun “roxo”. Flor embarcou en Vigo no vapor Córdoba, un buque de carga adaptado para o transporte de 26 pasaxeiros en camarotes de primeira clase, e oitocentos emigrantes amoreados en espazos ateigados de liteiras de tres camas.

Dicían no meu tempo que tres sectores de negocio, complementarios entre eles, estaban en mans da comunidade galega na Arxentina: a hostalería, as fabricas de colchóns e a prostitución. E Flor, como moitas outras da súa idade e circunstancia, veu a dar nas poutas dun familiar sen escrúpulos que vendeu a súa virxindade a un xerifalte do goberno. Despois disto todo era costa abaixo, pero Flor era unha rapaza lista, á que sempre lle gustara moito ler, e que tiña moita conversa, polo que en pouco tempo prosperou en tal actividade, chegando a ser a protexida do importante político que fora o seu primeiro violador, ao que, a máis de moitas falsas promesas, conseguiu raspiñar uns poucos cartos, abondo como para volver á súa terra como unha señora.

De Vigo saíu e a Vigo volveu. A visitar á tía Amparo; é dicir á miña nai. Flor trae con ela unha maleta chea de roupa interior, que é como un cofre dos tesouros para min e a miña irmá pequena, que asistimos coa boca aberta á exhibición do seu contido.

-  Collede o que queirades -nos di Flor. E nos ollamos para a nosa nai.

-  E vostede, tía Amparo! Colla tamén o que queira.

E tras moito porfiar, a nosa nai colle unha bata de casa e nos deixa coller a nos un par de xogos de sostén e braga. Roupa que, por certo, nunca chegamos a estear. Porque algunha lingoreteira foille co conto á miña nai de que a Flor está a montar unha “barra americana” en Vigo, e a ver se está buscando traballadoras para tal lugar de perdición! Así que a miña nai que tiña moi en conta as rexoubas e maledicencias da xente, foi dando desplantes a Flor, que deixou de vir pola nosa casa. E nos quedamos sen o santo nin a esmola.

E hoxe, recordando aquela afoutada muller, despido o conto dicindo como o Marcos, ese amigo seu que nunca leva nin un peso no peto para pagar o viño que bebe:

Eu brindo polas mulleres

que saben vivir sen tino!

E brindo porque esta noite,

un amigo paga o viño.