Amosando publicacións coa etiqueta cuartillo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cuartillo. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de xuño de 2018

Axustando á collonésima de pelímetro!



Mire que lle digo don Manoel! Os galegos non lle somos moito do sistema internacional de unidades, que, sen ir mais lonxe, o torneiro de Talleres Reyna, o Bernaldino, pouco antes da xubilación aínda seguía a facer os axustes das pezas en pelímetros, e o seu submúltiplo, a collonésima de pelímetro. Por iso non lle debe de estrañar que nas tabernas de Bouzas segan a medi-lo viño en cuncas ou netos, e mentres polo mundo adiante necesiten que os vasos leven unha marca indeleble de control de por onde debe quedar o líquido escanciado para evitar reclamacións, na taberna do Mincha non fagan falta tales trebellos para axustar unha cunca de viño de xeito tal que haxa que ter moi bo pulso para non derrama-lo viño ao levar aos beizos. O que, como di a vella cando fía o seu copo, non deixa de ser unha boa forma de saber cando na cisterna non cabe mais líquido e compre recoller o aparello e marchar antes de non ser quen de gobernar a lancha ata a casa.

Contábame meu pai que había en Bouzas un taberneiro, cuxo nome nunca cheguei a saber, que cando se lle queixaban por algunha falcatruada que lles facía, sempre contestaba coa mesma ladaíña: "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de convencer á súa clientela de que o ladroízo era algo consubstancial ao oficio de taberneiro como argumento fundamental para acadar a fidelidade e non deserción dos seus clientes.

Os curas e os taberneiros,
teñen moito parecido.
Os curas bautizan nenos,
e os taberneiros o viño.

E, mire que lle digo, don Manoel! Por se quixera mercar algo de viño para levar, déixolle un pequeno resumo das medidas galegas de capacidade de líquidos mais coñecidas.

CUARTEIRON, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado dun cuarto litro, ou sexa 250 ml, no SI. Equivale a medio neto
Comentario: Mellor nona pida, don Manoel. Ningún home pediría menos dun neto aínda que fora para beber so.

NETO ou CUARTILLO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de medio litro, 500 ml, no SI. Un neto contén dous cuarteiróns.
Comentario: O menos que bebe un home adulto so. Se está acompañado se pedirán uns netos. Así, indeterminado; xa se irá vendo como van as cousas.

CUARTILLA ou CANADA s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 4 litros. É, polo tanto a cuarta parte dunha OLA, e contén oito NETOS
Comentario: Mais o menos a cantidade necesaria para colle-lo rumbo axeitado. Mellor non usala moito por esas terras adiante que nalgunhas zonas de Galicia unha canada son oito litros.

CUARTA, s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 8 litros. É a cuarta parte dun canado, e dicir, media ola.
Comentario: Para levar para casa, pero non posta. Polo menos sen haber repartido con outros parroquiáns.

OLA, CÁNTARA ou CABAZO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 16 litros. Equivale a dúas cuartas, ou catro canadas, ou dezaseis netos.
Comentario: A mesma consideración que a anterior. Pero desta os parroquiáns teñen que ser moitos.

CANADO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 32 litros. Equivale a 2 olas ou cántaras, ou catro cuartas, ou sexa oito canadas, así en feminino.
Comentario: Medida machista onde as haxa. Un canado val coma oito canadas!

MOIO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 128 litros. Equivale a 8 olas, ou catro canados, ou 32 cuartillas.
Comentario: Do moio, don Manoel, pouco lle podo dicir, que non sexa:

Oito olas fan un moio.
E dous cuarteiróns un neto
Un canado oito canadas.
Eu contigo non me meto

domingo, 26 de marzo de 2017

A sotana dos cregos ten 33 botóns.

Mire que lle digo, Don Manoel! Ninguén quere morrer lonxe da casa e da familia! Pero o Marcial non tiña casa de seu, polo menos que Tino coñecera, e da familia, merecido o non, xa veu o trato que levou, que as da filla son palabras moi duras para espetar diante da tumba dun pai, por mala que fora a vida que o gaiteiro lle dera. O asunto é que a filla do Marcial, da que xa lle dixen que non sabía o nome, e o seu mozo colleron o camiño de Lugo, e xa desapareceran na primeira reviravolta da congostra cando o cura, o dono da pensión, os dous ramistas e o Tiniño acordaron coller xuntos o camiño de volta para apagar a sede que tanto atafego lles dera. E xa sabe Don Manoel, que o primeiro neto de viño apaga a sede, o segundo ceiba as linguas e os seguintes a poñen de estropallo, así que, cando o crego marchou a atender ás súas obrigas, rematado o primeiro cuartillo, os ramistas aproveitaron para falar do eclesiástico como o xudeu do touciño. 

De todo o que contoume o Tiniño que lle relataron, dúas cousas quedáronme na memoria: que a sotana dos cregos ten 33 botóns de alto a baixo, representando a idade de Cristo, e cinco en cada puño, un botón por cada unha das chagas, e  tamén que o crego tiña un fillo e que este coñecía tal paternidade, polo que cando un día lle preguntaron:

-          E ti rapaz, de quen ves sendo?
-          Eu, meu señor, son fillo do cura de Meira
-          E logo, meu? Colgou a sotana?
-          Ai non señor, non. Arremangouna!

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que deste conto non acredito a veracidade, que eu vendo coma comprei, e o Tiniño tiña estas cousas de facer pasar chistes por sucedidos!

Anque son de antre os toxos,
criada nas carrasqueiras;
tamén sei beber o viño
como as nenas da ribeira.