domingo, 14 de xaneiro de 2018

Un meniño rebuldeiro ...

Mire que lle digo don Manoel! Quero mandar hoxe o meu parabén mas especial a ese amigo seu, e meu por suposto, que ten nome de arcanxo. Se a miña memoria non me fai traizón dediqueille, fai dous ou tres anos aquela gabanza da defensa do galego nos nenos, que vostede publicou para darlle os do pasado ano aproveitándose da miña voz. 

Aínda que, ben mirado, o meu querido don Miguel está presente, dun xeito ou outro, en moitas das nosas conversas. Nas que falan da amizade e da procura da felicidade; nas que se refiren á literatura en xeral e da poesía en particular; nas que se recollen as mais brillantes luces e as mais negras sombras da nosa historia recente. E, como non podía ser doutro xeito nunha persoa que conserva tan vivo o tesouro da súa nenez, de xeito especial nas dos xogos populares que tanto lle gustaron.

E mire que lle digo don Manoel! Tamén quero que, ademais de darlle tamén os meus parabéns polo seu aniversario, agradecerlle o poema que cedeu para o libro e todo o que fixo para axudarlle a conseguir que a miña voz e a miña palabra foran menos efémeras, lle diga que o quero, e que para o meu espírito é coma o neto que nunca puiden ter.

Un meniño rebuldeiro
que fale na lingua nai,
que suba ós pexegueiros
a froita verde  roubar.

venres, 12 de xaneiro de 2018

De adversarios e inimigos

Mire que lle digo don Manoel! Contan que nunha sesión do Parlamento británico, Sir Winston Churchill escoitou dicir a un correlixionario sinalando os bancos da oposición:

-   Eses son os nosos inimigos.

O veterano estadista inglés corrixiu ao seu compañeiro, pouco avezado nas sutilezas da política parlamentaria:

-    Equivócase meu señor. Os que están aí en fronte son os nosos adversarios. Os nosos inimigos están aquí atrás.

Ben sabía o vello raposo que as grandes inimizades, a malquerenza, a  xenreira, os verdadeiros odios, xorden entre os das mesmas siglas e baixo das mesmas bandeiras, e tanto dentro da bancada conservadora como da laborista, que os fratricidas teñen dúas mans! Aínda mais. Diría que dese caruncho hai moito mais no centeo da esquerda.

A historia da esquerda, don Manoel, é unha historia de desavinzas e enfrontamentos. Anarquistas contra marxistas; socialdemócratas contra comunistas; stalinistas contra  trotskistas. E todos contra todos dentro dos propios partidos. Como aquela chacota que faciamos cos trotskistas que dicía:

-          Que é un  trotskista?: Un partido.
-       Que son dous  trotskistas?: Un partido e unha corrente.
-       Que son tres  trotskistas?: Un partido, unha corrente e unha escisión.

Xa sei que parece un chiste pero nono é. Ten mais de verdade que de conto. Todas estas loitas fratricidas na procura da pureza de pensamento dan pulos á dereita de xeito que non lles fai falla ser honrados nin gobernar a prol dos que os votan. Chégalles con sinalar a nosa incapacidade para poñernos de acordo, a nosa teima de procurar as diferenzas antes que as afinidades, para que o electorado continúe a pensar que é mellor votar aos de sempre, que polo menos saben roubar como profesionais, non coma afeccionados! E nese beixarlle o cu a un defunto, encargarlle aos escaravellos que varran, escribir sentencias no aire e facer regos na auga vánsenos as forzas e non quedan folgos para as tarefas realmente importantes.

E mire que lle digo, don Manoel! Se non facemos algo por erradicar da nosa esencia ese cainismo cos compañeiros que non pensan exactamente coma nos, as veces ocultando coma o carrapato na lá os verdadeiros motivos da persecución do disidente, temos, non anos, séculos de longa travesía polo deserto, orgullosos da nosa pureza incontaminada, pero mais inútiles para a transformación da sociedade que un cribo para encher de auga unha bañeira.