Amosando publicacións coa etiqueta Eulalia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eulalia. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xaneiro de 2026

Oliva, a da Redomeira

 Escoite e verá, don Paio! Escoite e verá que pouco inventou o meu home ao poñerlle título tal ao terceiro libro da triloxía das «Crónicas dun filósofo tabernario», porque tal cantilena era o retrouso que a Oliva, unha muller que viña á nosa casa a servir, repetía arreo.

«Escoite e verá, dona Amparo» e «Escoite e verá, don Fernando» era o retrouso mil veces repetido de toda canta desculpa argallaba Oliva cando meus pais descubrían, nos andeis do comedor, o resultado dos seus intentos de disimular —co seu omnipresente tubo de pegamento Imedio banda azul agachado na faldriqueira do mandilón — os desastres que a súa incontrolada enerxía limpadora orixinaba. Por moito xeito que ela quixera darlle a reconstrución do estragado o pegamento tardaba en secar, e as figuras acababan sempre, tras o arranxo, descompostas e máis feas que o pecado. E de nada valían as protestas da miña nai cando lle sinalaba a Oliva tal circunstancia: ela nada rompera e nada arranxara, dios me libre! Aínda que tivera ás mans manchadas de pegamento e o seu recendo aboiara no aire.

Oliva era delgada e fibrosa como un vimbio, e máis fea cunha centola. Pero como moita outra xente da súa fasquía cun alto concepto de se mesma e presumida ata o risible. Casara pola igrexa de atrás cun mariñeiro do Berbés que andaba ao bacallau en Terranova, e facía mareas de ás veces seis meses.

      Ben certo, dona Lola! —interveu don Paio— O normal en Terranova era facer dúas mareas ao ano: a de primavera/verán e a de outono/inverno, pasando apenas unhas semanas en terra entre unha e outra; pero non menos certo é que as mareas non remataban por calendario, senón polo estado das adegas: o barco non poñía rumbo a Galicia ata que non estiveran cheas de bacallau!

Unha cousa teño que dicir do marido de Oliva: Cando chegaron á tenda de Eulalia os primeiros tebeos con as historietas de Popeye, e descubrimos a coincidencia de nome e aspecto entre ás dúas olivas, delgadas, con moito carácter, saia longa, calzado forte e un peiteado moi austero, empeñámonos en chegar a coñecer ao home da nosa Oliva por comprobar se tamén tiña ollos de sapo como o mariñeiro devorador de espinacas. Pero non o chegamos a saber: os primeiros días que o seu home estaba en terra Oliva desaparecía da casa, seica afectada por un mal repentino, mal que nos, xa adolescentes, maliciabamos que tiña que ver coa necesidade de desquitarse de tanta marea solitaria e saciar de golpe toda a fame acumulada en seis meses de abstinencia.

Porén o «popeye» da nosa Oliva pouco tiña que ver co do cómic: a diferencia do de tinta e papel —que tiña que gañar unha e outra vez o inconstante corazón de Oliva—, o de sangue e carne deixaba a casa unha vez satisfeitos os primeiros ardores, para ir a procurar outros bacallaus máis frescos á casa da Collona. Moi ao seu pesar Oliva o tiña comprobado aínda que non fora máis que polo baleiro que o seu home viña duns fluídos e repleto doutros! Pero Oliva non protestaba: O seu confesor a convencera que viñamos ao mundo a sufrir moito, e tragaba carros e carretas convencida de que tal actitude ía garantirlle —cando menos—o Reino do Ceos.

Tragaba o do home e tamén, de paso, o da filla que lle saíra puta, que nin unha desgraza nin a outra a reparaba o pegamento Imedio.

      Mire que lle digo, dona Amparo! Tampouco é que eu non entenda as razóns da rapaza: Saíu destemida e sen medo a nada, e polo comportamento do pai aprendeu que ela tiña algo polo que os homes pagaban, e decidiu convertelo nunha forma de vida.

Dicía Oliva mentres o recendo do «Pedramol» e o ruxerruxe contra do cu da tixola invadía a cociña; e a miña nai non era quen de atopar contestación ás explicacións da súa fámula.

O máis sorprendente de Oliva era o seu convencemento de que a vida lle debía moito e nalgún intre da súa existencia llo pagaría. Tiña que seguir de fámula en casas alleas porque o seu home desbaldía os cartos dan duramente gañados loitando cos icebergs en Terranova, en canto que chegaba a porto. E malia as súas afirmacións levaba por dentro a ferida dunha filla que, como ela dicía con amargura, «saíralle puta». Pero nada diso era quen de dobrarlle o orgullo. Oliva era tremendamente presumida. Tiña esa seguridade en si mesma das mulleres que son quen de pechar os ollos á realidade, pensando que alguén será quen de descubrir o lume que levan baixo a cinza.

—«Algo debo de ter —pensaba para si mentres se retocaba fronte a un espello cheo de escachaduras—, que en canto pinto un pouco os ollos e a boca e me poño a roupa de garda, todos os homes da rúa do Príncipe me seguen coa mirada; e aínda que intenten disimular, eu descubro o desexo nos seus ollos».

E mire que lle digo, don Paio! Nese intre, Oliva deixaba de ser a muller máis fea que unha centola, e cun ollo que parecía de vidro; a criada que amañaba porcelanas con Imedio ou rascaba o cu das tixolas co Pedramol; nese intre, era ela a que gobernaba a marea.

 

֍

Moza bonita no mundo

non debera de nacer,

porque fai como a mazá,

todos a queren comer.


mércores, 23 de marzo de 2022

O peto gañador (1)


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Porque algunha historia máis do meu barrio da Estación heille de contar se tal cousa lle presta. Aínda que desta volta o conto non teña por protagonista a ningunha daquelas persoas tan peculiares das que xa lle teño falado, moitas delas clientas da tenda de Eulalia ou dalgunha outra das da contorna. Non don Paio! A historia que voulle relatar vai de min mesma, da miña propia experiencia, nun tempo moi afastado e nun lugar moi achegado.

O tempo, o penúltimo domingo de outubro dos meus felices once anos. O lugar onde comezan os feitos, o desaparecido colexio de San Xosé de Cluny, na parcela do inicio da Gran Vía que hoxe ocupa un xeriátrico de irrelevante arquitectura. Moi acaída, por certo, ao carácter actual desta cidade arrebatada da memoria de si mesma por unha corporación municipal de pequenos mequetrefes sen raíces que ao pór a garabata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros.

E digo “penúltimo domingo de outubro” porque esa era precisamente a data na que saíamos a “postular” para o DOMUND. Armadas algunhas con petos de louza esmaltada pintada a man, e de madeira vernizada as menos afortunadas, saíamos á rúa alborotando como cotovías ás que abriron a gaiola, a pedir diñeiro “para as misións”, estendendo cara aos sufridos viandantes a cabeza dun chinés, dun negro —zulú ou hotentote, que había dos dous— ou dun indio americano. Cabezas para levar de moitos outros pagáns non tiñamos. Aos “mouros” non había quen os convertera a fe verdadeira, que xa os tiveramos que botar de España fai uns poucos anos, e dende aquela non nos tiñan moita querenza. E de xudeus, nin falar!, que eses mataran a noso Señor! Protestantes tampouco, que eses son a competencia e non hai peor acha que a da mesma madeira.

Estendendo unha cabeza se tiñas sorte! Ou se eras moi boíña, case en olor de santidade. Ou se eras filla de papá, que entón si que a tiñas segura. Porque, aínda que saíamos en parellas como a Garda Civil, non había cabezas para todas, e aquelas que non tiñamos ningunha das características enumeradas, ou eramos tan trastes e afeccionadas ás falcatrúas como a miña compañeira Mamen o eu, xa sabiamos que íamos ter que conformarnos coas caixas de madeira vernizada cunha fenda na tampa e un pequeno cadeado que xa lle citara.

Un cura viña uns días antes á capela do Colexio a contarnos temas e materias do DOMUND non moi doadas de entender para as nosas mentes infantís. Recordo cousas como que o Papa de Roma nos pedía que rezáramos ferventemente ao Señor para acelerar o seu reinado no mundo; ou pola evanxelización dos pobos e a propagación da fe. E que os misioneiros, para ir polo mundo adiante a converter os infieis, necesitaban moitos cartos, o que era un problema formidable. Nos non entendiamos nada! Que como se acelerara un coche o tiñamos claro, pero como se aceleraba un reinado? E por que os cartos eran un problema formidable? Problema? Pois se era dios facía así e así, como o mago Mandrake, e xa tiña todos os cartos que quixera!

Pero tampouco aquelo nos quitaba a gana de saír en “cuestación”, cousa que non tiña nada que ver con subir ao Castro, senón coa “petición ou demanda de esmolas para un obxecto piadoso ou benéfico”. Porque podías elixir a túa compañeira, e eu podía pasar días enteiros a rir coas cousas de Mamen, e Mamen a rir coas miñas! Así que saimos á rúa, ao asalto do persoal, suplicando con a nosa mellor cara de nenas boas unha esmola para o DOMUND. Se o asaltado abría o corazón e a carteira, e metía unha moeda pola fenda, regalabámoslle un sorriso e unha bandeiriña suxeita nun alfinete para a lapela. Iso para os xenerosos. Para os cutres e mesquiños que aceleraban o paso sen tan sequera ollar para nos, cello engurrado e unha mofa, chacota ou escarnio con abaneo de dedos e polgar no nariz, cando a distancia entre a nosa posición e a do burlado fora abondo segura.

Pero ese día, don Paio, caía auga coma se a botaran do ceo a caldeiros, e pola rúa non había moita xente a quen poñer o peto diante. As horas ían pasando e as dúas comezabamos a poñernos nerviosas, porque o noso peto aínda estaba case que baleiro, e cando rematara a xornada e os abriran todos para saber quen era a equipa gañadora fariamos, coma sempre, o ridículo! Na nosa inocencia pensabamos que se nos aplicabamos moito poderiamos gañar unha das diminutas medallas de peltre ás mellores, cando a cruel realidade era que o que enchía os petos non era o traballo na rúa senón o traballo na casa, porque eran os pais, os avós, os tíos e o resto de familiares e amigos, os que enchían os petos de cartos, mentres que as que dependiamos da xenerosidade dos que, coma nos, non tiñan outra que mollarse nun día de chuvia, non tiñamos a máis pequena posibilidade de gañar.

Así que, as horas ían pasando e os cartos non medraban. Molladas como pitos, gorecerámonos nun portal da rúa do Príncipe, esperando que a chuvieira amainara na súa violencia cando vemos ao lonxe avanzar cara onde estamos nos a un crego armado cun daqueles enormes paraugas aos que chaman “parroquias”. Dubidamos. “Saimos ou non?” “De molladas ao río”, decidimos e imos cara el.

      Padre, unha esmola para o DOMUND!

O cura ergueu a testa que levaba baixa por mor da chuvia e mirounos de fite. Vostede sabe don Paio, aquel vello dito de “se as miradas mataran...”? Pois se tal fora non estaría hoxe aquí falando con vostede.

E mire que lle digo don Paio! Aínda teño marcada a ferro na miña memoria a mirada deste cura fariseo, a mirada daqueles que cren que Deus está do seu lado, e que cando rezan é para darlle as grazas por non ser como o resto dos homes e mulleres que o rodean. Deus daralles a razón. Non lles cabe a máis mínima dúbida.

O cura de Coia é xastre,

o de Bouzas mariñeiro.

O cura da miña vila

Ten un ollar traizoeiro.

mércores, 24 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (2)



(Fala dona Lola)

Ben me sabe don Paio que lle gustase a historia de Lois, un dos clientes habituais da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación. E por min non ha de quedar o relatarlle unha, ou se ven ao caso máis, peripecias daqueles habitantes da miña memoria que os anos aínda non lograron esborranchar dela.

E sen máis prólogo, introdución ou limiar, paso a referirlle o asunto.

Xaquín do Quinteiro.

Xaquín, o pai da Flor da miña memoria, era fillo dunha familia de labregos acomodados do Quinteiro. María, a súa nai, era de Basadroa, e Antón, o seu pai, de Artoño onde tiña un serradoiro con  moita actividade que dáballe moitos cartos. A familia vivía nunha boa casa de perpiaño, que estaba moi preto da igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. Aínda que na casa había posibles e o mozo fora de neno un moi bo estudante, quebrantando os desexos do rapaz e as recomendación do mestre da unitaria, rematados os estudos primarios Xaquín comezou a traballar co seu pai na administración do serradoiro, recibindo a cambio unha cantidade xenerosa que permitíalle mocear con desafogo, o que xunguido á súa guapura e boa planta dáballe unha chea de predicamento entre as mozas casadeiras da contorna. El a ningunha facía moito caso, porque era home formal e traballador, e conforme ao seu pensamento tiña outras cousas na cabeza que andar a enredar con amoríos que podían acabar en voda non procurada.

Pero ata ao mellor escribán cáelle un borrancho, e esta súa firme determinación e propósito de non deixarse enredar en amoríos, quedouse en viva estampa do dito popular, aquel no que o home propón, deus dispón e a muller todo o descompón. Como lle dixera a súa nai, María de Basadroa:

-  Meu filliño! Tanto fuxir por demais das boas raparigas e vas perde-la a chaveta por unha mala!

Porque a Morena era, para as xentes do lugar, unha mala femia; unha carrañosa, máis sucia que a parrumeira, que andaba pola aldea igual que unha porca de ranchos. E desvergonzada! Que era fama que non levaba bragas nin cando tiña o período, que moita xente lle mirara as pernas manchadas de sangue menstrual. O certo é que a Morena non era unha mala rapaza; un pouco asilvestrada si, e para o seu mal, que era filla de borrachos, e saíra adiante pola fortaleza do seu natural, tan privada dos coidados dos seus pais como un lagarto das silveiras.

Intentar torcer os mandados da natureza é tan inútil coma coller auga nun cesto, e o que ten que pasar pasa. Un día de agosto á volta da festa o viño e o baile fixeron a situación propicia; foi ollar para as carnes pretas da Morena, sentir no fociño a vagada do seu recendo a femia en celo, e percibir como o sangue ponse a bater aloucadamente nos seus pulsos. E na cabeza a vertixe de que todo xiraba ao seu redor non o deixa pensar nas consecuencias de deixarse levar pola enxurrada, que a xente de máis siso é quen, cando o perde, das maiores loucuras. Así que ó que coce e amasa de todo lle pasa. De terra fecunda e boa semente naceu un precioso meniño, ao que puxeron Flor na pía bautismal de San Cristovo de Borraxeiros.

Pasaron os anos e pasaron as calores primeiras. E as batallas amorosas no leito deixaron paso aos enfrontamentos, e as groserías da Morena, ao fin filla das súas circunstancias. Xaquín descubriu con dolor que ningunha outra cousa que a súa Flor uníalle á familia, e comezou a pasar cada día máis tempo no serradoiro e menos na casa. Trabou amizade cun carreteiro anarquista que, sabendo a afección que Xaquín tiña pola lectura, deixoulle un exemplar de A conquista do pan de Piotr Kropotkin, na traducción de León Ignacio para la editorial valenciana de Francisco Sempere. Aínda que as ideas libertarias eran demasiado para un pequeno burgués de corazón como Xaquín, o libro abriulle a mente a novas lecturas e novas amizades, singularmente as os agraristas de Solidaridad Gallega, ás xentes das Irmandades de Fala e ás do Partido Galeguista, e segundo me contaran participou con eles na Pelegrinaxe ao Candán de agosto do 33, a homenaxe ao 25 aniversario da Sociedade Fillos de Silleda, onde tamén estiveron persoeiros de moita sona como don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Blanco Amor, Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos, aquel que foi quen de librarse das poutas dos alzados facéndose pasar por un esmoleiro portugués: o “Siñor Afranio”.  

Esta mínima militancia, e ao mellor algunha xenreira de vello, costoulle a vida. Unha noite do inverno do 37, un sarxento da Garda Civil e uns falanxistas de Lalín o levaron de casa para, segundo eles, tomarlle declaración.

-  Tranquila miña rula! Volvo decontado! −díxolle á cativa.

Pero nin Flor, nin a súa nai A Morena, o viron nunca máis con vida. Un cazador atopouno medio comesto polos lobos e con catro tiros no peito e un na caluga, nas fragas do Farelo. E a probe meniña nunca máis puido escoitar dos beizos do seu pai aquela cantiguiña coa que tanto lle gustaba que a arrolara cando se ía a deitar:

O carballo dá bugallas,

e o castiñeiro ourizos.

Os ollos da miña nena

para min sonche feitizos

sábado, 20 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (1)

 



(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Arredor da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, viven na miña memoria moitas xentes peculiares. E moitas historias como as que xa lle contara da muller grosa coa face suorenta arfando de angustia porque íase polas patas abaixo. Ou a do garda civil de aduanas e a señora Virtudes. A do señor Amaro o inspector de Facenda e o pouco siso da señora Pilar. E aínda a de Trotski, o can de raza indefinida, a parella de periquitos sen nome, e Linda a gata obstinada en manter a súa felina independencia. E voto unhas risas lembrando ao meu irmán pequeno facendo saíres a gata de debaixo dun coche aparcado, imitando con especial acerto o ruído do motor ao poñerse en marcha.

Lois que tiña unha perna soia.

Outros clientes habituais da tenda dos que gardo boa memoria, eran a señora Lola e o Lois o seu home, un daqueles que chamaban cabaleiros mutilados porque perderan na guerra algún membro do seu corpo ou a súa utilidade. Por suposto sempre que tal incidente sucedera loitando no bando correcto! O dos vencedores! Cousa que algunha xente do barrio poñían en dúbida; algúns dicindo que no seu momento dera vivas á República, e outros que perdera a perna doutro xeito menos honroso. Nada diso tiña máis fundamento que rexoubas de maledicentes, que eu ben sei pola testemuña do meu pai, que tiveran que cortarlle a perna dereita nun hospital de campaña da fronte de Teruel, por mor da gangrena que estivo a piques de levalo por diante. Aquela morte non sucedida fixo de Lois un home de talante optimista fronte a tódalas dificultades. Algareiro e divertido, Lois traballaba na inspección da lonxa de baixura do Berbés, a única regalía que admitira pola súa discapacidade, e o seu bo carácter e notable disposición para axudar aos demais ganoulle moitos amigos entre a xente da pesca, co que na cociña da señora Lola nunca faltou peixe fresco. Lois estaba decidido a gozar daquela vida que o médico militar regaláralle cortándolle á perna polo fémur, bailando como o cadelo da cantiga “a muiñeira nunha perna soia” ou choutando por riba das lapas das fogueiras de San Xoán mellor que calquera rapaz, como se en troques de perna esquerda tivera un resorte. Un día deulle un mal aire e foise apagando aos poucos como a luz dunha vela. Cando tan mal se viu, aínda tivo rexouba abondo como para dicir aos amigos que o ían visitar:

-   Cando o mal é de morrer o mellor remedio é a morte!

E nun derradeiro alarde de humorismo gallofeiro deixou encargado á súa señora, e futura viúva, Lola, un epitafio para gravar na súa lápida:

Vin a este mundo chorando, e todos rían. 

Marcho e todos choran. E son eu o que ri.

luns, 15 de febreiro de 2021

Eulalia, a da tenda de contos. (3)

 


Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, é o invariable pano de fondo dos recordos da miña nenez. Aínda hoxe podo pechar os ollos e revisar recanto por recanto canda unha das partes dela! No fronte, nada máis baixar os dous chanzos que daban acceso á tenda estaba o mostrador de madeira cunha peza móbil a xeito de tampa fixada polo bordo con gonzos para pasar ao interior. Este mostrador tiña no seu fronte un vidro polo que os cativos axexábamos os botes de cristal cheos de lambetadas.

-   Lali, déame un patacón de bolas de anís! E que sexan azuis e roxas!

-   Iso si que non pode ser! As que saian saen, e da color que saian! Que acaban todas polo chan e logo non as dou vendido!

Un patacón, ben o sabe vostede don Paio, á que tamén chamabamos “perra gorda”[1], era unha moeda de dez céntimos de peseta, e con ela podías mercar unha boa presada delas! Por un pouco máis podías comprar un cadradiño de pan de figo, un doce que facían con figo en cachiños, semente de sésamo e améndoa moída, posta entre dúas follas de oblea e envolta en celofán, cun cromo dun dos futbolistas dos equipos de primeira división; goma de mascar das marcas Cheiw e Bazoka, que tiña a sona de facer globos máis grandes, “chicle Bazoka estira y explota”, ou un pirulí da Habana.

Riba do mostrador estaba a balanza de ferro daquelas de dous pratos, co seu xogo de pesas na caixa cos seus buracos, o surtidor de aceite comestible a manivela, coa súa chapa de “Hai un xogo de medidas a disposición do público” que tanto nos chamaba a atención, unha gran caixa de galletas variadas, os chocolates, con leite e o de facer “á taza”, e unha cesta con barras pequenas de pan para os bocadillos. Nun lateral unha queixeira coa tapa de vidro e unha base de madeira, e dentro unha tetilla co seu marmelo e queixo de bola, que moitas mais variedades de queixo, non había.

Detrás de Eulalia estaban os andeis. Un coas cousas de limpeza, pedramol, lixivia, e demais, e outra coas caixas de froita de temporada, un par delas para a froita mazada que vendía a menor prezo. Logo estaban os caixóns das legumes, o azucre, o arroz, e todo o que se vendía polo miúdo nun cartucho de papel de estraza. Penduraban do teito chourizos e longaínzas, e a omnipresente piña de plátanos de Canarias. Á dereita de todo, conforme entrabas de fora, estaba, sempre pechada, a porta prohibida. Porta que daba ao carto de atrás onde Eulalia agachaba o café, o rubio de batea e algunha outra miudeza de contrabando.

E logo os contos. Contos por toda a tenda. Dende os vidros das portas de entrada ata as cordas que cruzaban cada recanto da tenda, de onde colgaban, suxeitos con pinzas da roupa, os tebeos e novelas gráficas das que xa lle falara. E montes de novelas de vaqueiros para alimento espiritual dos carreteiros da estación de ferrocarril. E as de Corín Tellado que algunha vez tamén vin coller, non sen certa vergoña, a algún deles. A tenda de Eulalia era a nosa biblioteca; de pago, porque trocar os tebeos tiña o seu (mínimo) prezo, pero pública porque os dous banzos na entrada estaban sempre cheos de rapazada, que ler en compañía sempre foi moito máis divertido. A tenda representaba para uns nenos que non sabían o que era unha biblioteca pública a nosa cova dos tesouros onde vivían o Capitán Trueno e Sigrid, el Jabato, don Pantuflo, Zipi e Zape, Carpanta e o reporteiro Tribulete.

Eulalia sempre tivo canda ela can, paxaros e gato. Can pola compañía, que Eulalia non chegou a ter fillos de seu; paxaros pola música do seu canto, que os radios ían moi caros para poñer algún na tenda; e gato como o máis eficaz dos sistemas de control de pragas, que non son soamente eran os ratos, senón tamén as cascudas e outra bichería miúda. A min encántanme os gatos. Máis que os cans, que tamén, pero estimo máis aos gatos polo limpos, e independentes. Limpos os que máis, que andan todo o día ocupados no seu aseo persoal, non verás gato ningún que queira entrar nun lugar cheo de lixo, nin gato que faga ás súas necesidades fora do seu areeiro. E orgullosos da súa independencia, que soamente deixaranse acariñar cando, e por quen, lles preste a eles. A diferenza dos cans, un gato só comerá cando teña fame, actuará cando o vexa oportuno e nunca se renderá cando queira conseguir algo.

Pero, non sexamos coma quen fai o aro e non ten o cesto, esbardallando coma unha peixeira! Un can, dous paxaros e un gato tiña Eulalia. Un can de raza indefinida que atendía por Trotski, unha parella de periquitos que non tiñan nome, e unha gata de nome Linda obstinada en manter a súa felina independencia. Linda andaba ao seu aire pola tenda, comendo cando tiña fame, bebendo cando tiña sede e procurando aloumiños e rascadelas no lombo cando tal cousa lle viña en gana. Se non había máis cousas que facer, e consideraba que a súa obriga de eliminación de pragas estaba cumprida ao xeito, liscaba devagar pola porta da tenda, paseniño, procurando que ninguén se decatara da súa marcha, e ousara coutar ás súas arelas de exploración da paisaxe cidadá. O máis habitual era que Eulalia tardara un pouco en caer na conta da ausencia de Linda, pero cando tal cousa acontecía era de ver a cerimonia policial de “busca e captura” que as ordes de Eulalia desencadeaban.

-  Trotski! Vai buscar á Linda! ordenaba a tendeira, con voz firme e severa, pero moderada no seu volume; que o can tampouco necesitaba de moitas arredas para cumprir tan gorentoso traballo.

Trotski era o que poderiamos chamar un can flegmático, máis non pachorrento ou cachazudo. Tomaba o seu tempo ata para os traballos que mais lle gustaban, como o de rillar nun óso de vaca da carnicería da señora Sefa; ou este de traer de volta á Linda. Érache cousa de ver o sorriso pícaro, se que que tal xesto pode haber na cara dun can, que iluminaba os seus ollos cando entraba pola porta da tenda coa súa presa collida por unha orella! E non era un día o que isto sucedía, senón tantas e tantas veces que a probe gata chegou a ter unha ferida na orella por onde o can a amarraba, para facela tornar á obediencia familiar, sen que nos cansáramos nunca de rir diante de tal cadro!

Logo Linda morreu, e Eulalia tivo outro gato que levou por nome Tigre. Pero isto xa é, como di vostede, fariña doutra maquía, que hoxe marcho que teño que marchar.



[1] As moedas fraccionarias da peseta tiñan os seus nomes cotiáns. Unha “perra chica” eran cinco céntimos de peseta; unha “perra gorda”, como queda dito, dez céntimos; un real 25 céntimos e dous reais 50 céntimos. 

domingo, 8 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (2)

 


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Nun lateral do fielato da estación de Vigo, da que lle falei no conto anterior, había por catro ou cinco escaleiras nas que adoitábamos a sentar ata rematar o bocadillo e a froita da merenda; condición indispensable imposta pola nosas nais antes de poder xogar. E aínda que os libros da época se obstinen en contar que daquela as nenas andabamos por un lado xogando con bonecas e cocinas, a xogos tranquilos, relacionados coas tarefas do fogar que todas soñabamos en crear, e os nenos por outro cos seus xogos de acción como a billarda, os birlos ou as “carrilanas”, o certo era que moitos nenos xogaban con nos á mariola, a corda ou a goma, e nos con eles á buxaina ou ao “gua”. E todos xuntos ás lombas, o brilé ou pés quietos. Por non falar de “polis e cacos”, o “escondite” e un, un pouco máis arriscado, que eu practicaba con especial mestría: os equilibrios riba dun dos barrís que os taberneiros deixaban almacenados na explanada ata encher un vagón con eles para devolvelos á súa procedencia, e que en tanto colmaban aquela parte da praza dun estraño recendo a viño e taberna.

Como ás máis das tendas de barrio daqueles anos de miseria, Eulalia agachaba na parte traseira, disimulada detrás dunhas caixas vellas, algúns produtos de dubidosa orixe. Café Sical da outra banda do Miño; un pouco de Winston “de batea” e algunhas cousas de comiso que un garda civil de aduanas, amigo do seu home, depositaba na tenda para a súa venta ás persoas de confianza. Aínda que o certo é que todas aquelas mercadorías so servían para meter o desasosego no corpo de Eulalia, á que aquelas cousas gustábanlle menos que a auga aos gatos. Máis axeitado ao seu carácter e ideas era aquela outra actividade cotián do quilo de patacas, un cartucho de fariña e outro de azucre, e “apúntamo na libreta ata que o meu home cobre o salario da semana”, que ter que estar sempre coas pantasmas da policía axexando na caluga era máis malo de aturar que á señora Virtudes!

A señora Virtudes, a “cangallo” por mal nome, era unha das clientas de a diario. Unha muller grosa e sempre suorenta que tiña por costume, odioso onde os haxa, de picar nas uvas do acio que Eulalia tiña no mostrador, mentres agardaba que a tendeira completara a comanda. Picaba e picaba nelas como quen anda coa cabeza enfaenada en cousas de moito fundamento, ata que non deixaba delas máis que o cangallo. Cando dona Virtudes entraba á tenda, os nenos da estación deixabamos o que estiveramos a facer para poder asistir, mortos de risas, ás rifas entre tendeira e cliente por mor de tan noxento hábito.

Pero se algún cliente facía suar frío á nosa Eulalia era ao señor Amaro; era velo baixar polo muro da estación e comezar unha frenética actividade de ocultación de mercadorías, non moi doada de entender se non sabías quen era o señor Amaro, e que hábitos vestía. Porque o señor Amaro, don Paio, era, a dicir das xentes ben informadas, inspector de Facenda.

Un deses días nos que estaba sentada nun dos banzos da entrada da tenda, lendo un dos tebeos de aluguer, entrou pola porta un home baixiño e osudo, pelo negro engomado peiteado cara atrás, que lle daban á cara unha expresión cruel, subliñada polo omnipresente bigote fino, case un trazo de lapis, dos homes do réxime: o señor Amaro.

-     ¡A los buenos días! -saudou o señor Amaro en castelán, por suposto!

-    ¡Buenos días! -responderon ao unísono Eulalia e a Pilar, que tamén estaba na tenda; eu nada dixen porque os nenos daquela viviamos nun mundo paralelo aos maiores, e raramente entrabamos no deles sen invitación previa.

-     Le veo hoy muy poca fruta, Eulalia. ¿No le quedan pavías?

E antes de que Eulalia puidera contestar, abre a Pilar a súa bolsa da compra e ensínalle ao señor Amaro a cobizada froita:

-      Leve, meu señor, leve desa froita que está deliciosa!

-   Disculpe don Amaro. -intervén rauda a tendeira -Me acaba de llegar a aún no he tenido tiempo de ponerla en el mostrador. ¿Cuánto le pongo?

-    No sé ... Ponme lo que tengas, que a mi señora le gustan mucho las pavías.

Non ben saíu pola porta o señor Amaro que xa estaba Eulalia a berrar coa Pilar:

-   Seica non sabes calar, cona! Non ves que non llas quería dar!

-   Como é iso de que non llas quería dar? Pois non a entendo!

-   Que é o que non entendes! Que este home colle o mellor da tenda, dime que o apunte, e logo nunca paga!

-   Como dis? Que non paga as pavías?

-  Nin as pavías nin nada do que leva! Que non sabes que é inspector de facenda! El non mira para o SICAL e outras cousas de estraperlo que teño, e eu non reclamo o pago de todo o que me debe!

Xa ve don Paio! Do ut des! Que ben sabe vostede que “máis vale o que deixa a seca que o que leva a chea” e que “cando moe o pobre, sempre fai aire”, que non sei se ten moito que ver co conto pero viume a cabeza e “mellor deitalo fora que podreza dentro”.

venres, 6 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (1)

 


Mire que lle digo don Manoel! Que xa era ben tempo que volvera a esta xa nosa taberna a súa muller, que o ben feito ben parece e labor esmerado non quer presa. Albízaras e parabéns por tan sisuda decisión! E calo sen máis reviravoltas, que ao pouco falar chámanlle labrego, e que oír, ver e calar son cousas de apreciar!

(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, da que vai o meu relato, estaba nos baixos da miña vella casa da baixada á Estación. Ben pretiño do Recreo, a taberna da rúa Urzáiz da que me fala; a que que nos anos vinte rexentaban Benito Alonso e Anxelina Montero, os pais de don Xesús. Don Xesús Alonso Montero, por suposto! Xa sabe! Ese rapaz de noventa anos, cantareiro e falador que gusta de levar a contra aos que din del que é comunista.

-          Xa me gustaría a min, chegar a tan alta cualificación! -escoiteille dicir moitas veces! As máis delas elevando unha cunca de viño a xeito de consagración da súa firme determinación de cumprir algún día, non moi afastado, este inquebrantable desexo.

Eulalia, así sen o dona diante, que daquela poucas tendeiras levaban o trato de respecto; Eulalia, dicía, nacera na vila de Arcade, terra de moita sona pola calidade dos seus bivalvos, ostras, voandeiras e berberechos, e na súa mocidade exercía de croqueira [1] polas rúas de Vigo. Esta viaxe cotiá no ferrocarril de Arcade a Vigo, esa tan demorada espera na Estación de Vigo para coller o tren de volta, deu ocasión a que un rapaz de Monforte que traballaba nos talleres da RENFE, ollara por ela, e quedara tan enguedellado no seu feitizo que en pouco tempo levouna ao altar e, co produto da venta dunha leira que a súa familia tiña nas terras de Lemos, lle puxera a citada tenda en tan frecuentada rúa.

Moitos tesouros había para nos os nenos naquela tenda, pero ningún deles resistía a comparanza cos tebeos! Tebeos de venta, troco e aluguer; dos de aquí como Pulgarcito, DDT, Tiovivo, Mortadelo, ou o propio TBO que lles daba nome a todos; e dos de alá como o Tom e Jerry, El gato Félix, La pequeña Lulú, Porky e os seus amigos, ou aínda Supermán. Tebeos suxeitos con pinzas da roupa a cordas que cruzaban a tenda; tebeos atrás dos vidros das portas; e montes de tebeos detrás do mostrador da tenda para a o seu repaso máis de vagar cando xa leras todo o resto! Sen deixar de lado as novelas para ás irmáns maiores ou as nais! Novelas de un peso de Corín Tellado ou Carlos de Santander. E para os rapaces, os pais e os poucos dos carreteiros da Estación que sabían ler, ás “do oeste” de Marcial Lafuente Estefanía ou Silver Kane; as do espazo de Clark Carrados ou Keith Luger e as de medo de Lou Carrigan.

Á tenda de Eulalia baixabamos acotío a mercar á merenda; unha onza de chocolate para meter no pan ou un plátano que collía da piña que tiña colgada do teito. Tamén facía bocadillos de longaínza, de mortadela e o que máis me gustaba de todos eles: o de queixo de tetilla con marmelo! Con el na man saíamos á xogar á praza que había diante da estación. Na zona máis afastada da rúa da baixada á estación estaba unha gran báscula para camións, cunha pequena caseta de madeira mal pintada. Na máis achegada estaba un xardín bastante vizoso e moi coidado, protexido por un sebe de buxo. Entre un e outra estaba o fielato, unha construción de pedra e tellado a catro augas onde estaban os servizos de cobro dos arbitrios e as taxas municipais sobre as mercancías que por esa vía entraban en Vigo. A parte posterior do fielato non chegaba ata o muro da estación; deixaba entre ambas un corredor, cuxa pequena intimidade aproveitaban os moitos que non puideran aliviar no tren as súas urxencias minxitorias, para baleirar a vexigas deixando un espazo cun cheiro noxento a ouriños e quen veña detrás que tanga. Por moi ocupado o espazo citado, ou por outras razón que ao caso non veñen, un día que estabamos a miña irmá pequena e máis eu na tenda, agardando que Eulalia completara o mandado de mamá, entrou pola porta unha muller grosa coa face suorenta arfando de angustia.

-   Que me vou! Que me vou por min! -dicía polo baixiño.

E sen máis pechou a porta da tenda, separou as pernas, púxose en crequenas e deixou saír do seu corpo o exceso de líquido que tanto lle molestaba. Eulalia que ata ese momento quedara coa boca aberta como un sapo, ollando para ela se poder crer o que estaba a suceder na súa tenda, saíu do seu pasmo para poñerse a berrar

-  Pero muller que fai!

-  Non fago nada. Fixen, que xa non aguantaba máis! Déame unhas serraduras e unha vasoira que isto o arranxo eu decontado. E se fai o favor un plátano e unha mazá para levar.

E pode crer don Paio que a Eulalia non deu nin chío? Deulle a vasoira e as serraduras; envolveu nun papel de estraza plátano e mazá, e deullo, man por man co diñeiro; que seguro que foron cartos cumpridos para axudar a esquecer o dano.



[1] Os croques, é a denominación que reciben os berberechos en Vigo e a súa área de influencia por mor da galeguización da súa denominación en inglés palabra inglesa “cockles”.