Amosando publicacións coa etiqueta Roberto Conesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roberto Conesa. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de maio de 2017

Mais do pai do noso Mirequelledigo

Mire que lle digo, Don Manoel! Deixo de lado as rexoubas do Conesa, o Fernández Mato e o Trujillo, para narrarlle o pouco que certos personaxes dos que xa lle falara antes, me deixaron saber do meu pai.

Sei, Don Manoel, que foi algo mais que un simple mariñeiro, que un simple sindicalista, que un morto mais da represión fascista. Foi un home culto, con voz e opinión propia, e un home que, cando chegou a ocasión, colleu as armas para defender a República dos seus inimigos, sabendo que aquilo íalle custar a vida. E foino, Don Manoel grazas aos libros, as moitas lecturas que tivo a oportunidade, afección, gana, e vontade de facer, lecturas que o fixeron o home que foi: libre e libertario.

Meu pai, Don Manoel, quedara orfo do mar moi cedo, e tivo, coma tantos outros da súa mesma circunstancia, que facer por gaña-la vida, que a súa nai pouco podía axudar co xornal de mingalla que gañaba coma asistenta no Pazo dos Lira, na rúa dos Ferreiros. Mais todo o mao trae aparellado o bo, se un é que de aproveitalo, e o meu pai ben que o soubo! Un día que tivo que ir ao Pazo para levarlle un mandado á nai, agardando por ela, descubriu detrás dunha porta aberta a estanza do tesouro: unha biblioteca ateigada de libros dende o chan ata o teito! Ao señor do pazo, que o descubre coa boca aberta diante de tal fartura de coñecemento, faille graza o pasmo do rapaz, e coma é un home xeneroso e sagaz, proponlle un xogo: deixaralle un libro, e cando remate a semana terá que volver canda el, e contarlle o que o libro ensinoulle. Se supera a proba, deixaralle outro e outro, ata que lea, se lle presta, a biblioteca enteira.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que estou certo de que meu pai soubo merecer a confianza daquel home e amosarlle que podía sachar todo canto millo sementara nel, que a terra que escollera era boa terra, e bo o labor, que  poda cedo, ara tarde, redra axiña e terás boa colleita na túa viña. Logo viñeron tempos revoltos, e todo enmarañouse moito. Pero iso xa é gran para outra maquía!

mércores, 10 de maio de 2017

O pai do Mirequelledigo.

Mire que lle digo Don Manoel! Que falando de Roberto Conesa decateime dunha estraña conexión coa historia do meu pai, do que no lle falara ata o de agora. Non. Non quero dicir que o meu pai coñecera nin ao Roberto Conesa mozo dos recados dunha tenda de ultramarinos da rúa General Lacy en Madrid e militante da JSU, nin ao Conesa da BPS infiltrado no PCE de Toulouse, nin ao torturador no soto da DGS da Porta do Sol de Madrid. A quen si coñeceu foi a Don Ramón Fernández Mato ao que os libros outorgan a fundación da primeira Biblioteca Mariñeira do mundo, a de Bouzas.

Vexo pola súa cara de que non da encontrado a relación entre os dous. Non é que sexa un papaleisón, porque a cousa non é moi evidente, pero Conesa traballou para Rafael Leónidas Trujillo, coma escolta na visita do ditador a Madrid no 1954, e do 58 ao 60 na República Dominicana organizando a policía política, e Fernández Mato, cando exiliouse en Santo Domingo, escribiu, baixo a protección do ditador o panexírico Trujillo o la transfiguración dominicana.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Foi, ao meu parecer, o único exiliado republicano galego que converteuse ao franquismo no exilio!

Se ti viras o que eu vin,
non te tiñas coa risa,
vinte e cinco xastres xuntos
cosendo nunha camisa.

domingo, 7 de maio de 2017

Na miña vida tal vin ...

Mire que lle digo Don Manoel! Non sei se xa lle falara das 13 rapazas e 43 rapaces que o 5 de agosto de 1939 fusilaron contra da tapia do Cemiterio do Leste de Madrid. As trece rapazas, estou certo de que xa o adiviñara, pasaron a historia co nome de As trece rosas, e os corenta e tres rapaces ao esquecemento. Todos eles morreron coma vinganza polo atentado contra do Comandante da Garda Civil, membro da Quinta columna de Madrid e espía do SIMP, Isaac Gabaldón, atentado con resultado de morte dos tres ocupantes do auto, o propio Gabaldón a súa filla de 18 anos e o chofer, que daría para escribir unha novela de misterio. Coma da vida do responsable da caída da práctica totalidade da organización das JSU e o PCE en Madrid,  Roberto Conesa, o Orellas! Aínda que Roberto Conesa, o despois famoso Comisario Conesa da Brigada Político Social, si que ten o dubidoso privilexio de que unha escritora de sona, Almudena Grandes, retrate con precisión parte da súa carreira delituosa nun dos seus Episodios dunha guerra interminable: Las tres bodas de Manolita.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que personaxe de semellante catadura moral, militante do PCE, fundador do PCE (R) e dos GRAPO e historiador afeccionado, anda a reescribir a historia de As trece rosas facendo delas fanáticas stalinistas, responsables de multitude de asasinatos. Fálolle, claro está!, de Luis imPío Moa Rodríguez, defensor apaixonado, primeiro, da loita armada contra o franquismo e do labor de Don Francisco Franco no exterminio de roxos, homosexuais e outros dexenerados, despois.

Na miña vida tal vin:
na feira de mentiráns
unha cadela con pitos, 
e unha galiña con cans.