sábado, 31 de decembro de 2016

Para todos os meus lectores no día de Fin de Ano

Mire que lles digo, amigos que estanme a ler nesas cousas modernas nas que anda o meu Don Manuel! Que hoxe que están coma reis nunha cesta agardando polo cabo do ano, e coma as miñas ledicias son as ledicias dos meus amigos, e síntome un pouco parte delas, e porque non todo van ser historias tráxicas, quero deixarlles, nesta que chaman noitevella, unhas cousas desas coas que anda a argallar a rapazada. Chámase:

OS DEZ “CARALLOS” MAIS FAMOSOS DA HISTORIA DA HUMANIDADE

Se a escrita ten os seus signos de puntuación que axudan á correcta lectura e interpretación dos textos, a oratoria ten os seus, sendo o carallo o mais notable e polisémico deles, acaído non soamente para o encomio coma o vituperio, senón aínda para outras actividades mais pracenteiras.

1.- ¿Cándo carallo vai parar de chover? (Noé, 5000 A.C.).
2.- !Deixa de enredar co carallo na bañeira! (A nai de Arquímedes; 212 A.C.)
3.- ¡Vai unha calor do carallo!  (Xoana de Arco; 1431)
4.- ¿E cando carallo imos chegar? (Martín Alonso Pinzón a Cristóbal Colón; 1492).
5.- ¡Vou pinta-lo teito ese polo carallo enriba! (Miguel Ángel; 1566).
6.- ¿E quén carallo es ti que ves sorprender os meus secretos? (Julieta a Romeo; 1595).
7.- ¿De ónde carallo saíron todos eses indios? (Xeneral Custer; 1887)
8.- ¿Por ónde carallo entra tanta auga? (Capitán Smith, SMS Titanic; 1912).
9.- Todos somos uns ignorantes do carallo, pero en cousas diferentes (Einstein; 1938).
10.- E como carallo fago agora para ires a Suíza sen pasaporte?  (Luis Bárcenas, Febrero 2013).

venres, 30 de decembro de 2016

A vida no mar eche moi dura!

Mire que lle digo, Don Manoel! A vida na mar éche moi dura. Ao Gran Sol ía case calquera cousa que flotara! Moitos en buques vellos nos que as poucas cousas que funcionaban no porto deixaban de facelo cando estabamos no medio do mar, a moitas millas da terra firme, e sen posibilidade de regresar a porto. Na travesía a xente durmía moi mal, e cando chegabamos ao caladoiro moi mal e moi pouco; fregando os ollos para non quedar durmido cando estás de quenda, e cando non, durmindo coma o anacleto, cun ollo pechado e outro aberto! Se a este pouco durmir xúnguelle vostede a inexperencia, xa ten unha boa colleita de accidentes  que incluien amputacións traumáticas de brazos e pernas, e mariñeiros, ou partes deles, que ían parar ao mar enredados mas mallas das redes. A necesidade de chegar a porto rápidamente para atender aos accidentados era o principal pesadelo dos patróns. No porto de Bantry, no sul de Irlanda, onde faciamos base, había un hospital para os primeiros auxilios, pero se a cousa era grave compría trasladar ao accidentado ata Cork, a unhas tres horas en taxi por camiños sen asfaltar. Tres horas a engadir ao tempo que levaría chegares dende o caladeiro ata Bantry, amarrar, desembarcar ao accidentado e arrincar ao condutor do taxi das brétemas do alcohol! E se a largada traía moito peixe e a ferida era moi grave non querría estar na pel do Patrón e tomar a decisión de a quen intentar salvar!
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que se non lle sabe mal íomolo deixar por hoxe, que non quero coller máis maquía da que poda moer.

xoves, 29 de decembro de 2016

Do barco na rotonda

Mire que lle digo Don Manoel! Que o alcalde de Vigo e toda a xente que anda atrás del coma se foran rabo de can, poden dicir, se lles presta, ata misa cantada, pero os mariñeiros de Bouzas non loitamos pola recuperación do Bernardo Alfageme para varalo nunha rotonda, que para acabar como decorado mellor morrer no mar. E estará "onde o quere a cidade" na "mellor situación posible", “precioso que da gusto velo na rotonda", pero gaivotas á terra mariñeiros á merda, e os homes do mar non queremos homenaxes nin recoñecementos desta caste, que o mellor xeito de intentar achegarse, aínda que en moi pequena medida, á vida nun pesqueiro de altura, e non dos peores don Gran Sol, é conservalo coma o que foi, o orgullo dos traballadores dun estaleiro, Barreras, o derradeiro dos pesqueiros roblonados, con capacidade para catorce tripulantes e 70 toneladas de peixe. Un barco no que se poda subir a bordo, baixar á máquina, entrar no sollado e na ponte de mando; un barco coa mar arredor, movéndose en suave abaneo. E, mire que lle digo Don Manoel! Tiñamos grandes sonos para o buque, reparar o exterior, acondicionar o interior e poñelo a punto para poder navegar. Pero todo o que se fixo foi substituír os roblóns por soldadura e pintalo ben bonitiño e chantalo nunha rotonda. Grazas á desidia daqueles que tanto lles ten perdido como ganado, porque gastan do que non é seu, xa nunca mais navegará. Pero tamén por culpa de todos nos, mais habitantes que cidadáns dunha vila que debe gran parte da súa medra ao mar, e que a cotío dálle as costas aos seus orixes.

sábado, 24 de decembro de 2016

Dichoso aquel...

Mire que lle digo, Don Manoel! Que iso que canta o Roque, na Habanera de Marina, de dichoso aquel que tiene su casa a flote, é cousa de teatro, ou, polo que me toca, de mares mais apracibles que os que eu naveguei; que penso que xa contara o que se di do tempo no Gran Sol, o malo e o peor. E tampouco lle chamaría eu arrolo aos botes, brincos e cabriolas que o mar faille dar ao bou, que tampouco é que os choutos dean moito sono! E, mire que lle digo, que non deixa se ser cousa boa que o medo no deixe que che colla o sono, porque abonda con pechar un intre os ollos cando estás a traballar na cuberta, para que os abras no medio do mar a 50 brazas do buque, a varios días da costa, e, naqueles anos, sen chaleco salvavidas nin farrapos de gaita! Que toda a protección que levabas era a roupa impermeable de lona de algodón encerada e, as mais das veces, os pes espidos para non esvarar na cuberta mollada. E andar con moito ollo que mesturado entre o peixe no viñera unha quenlla, que unha trabada do peixe can podíache deixar mancado de por vida! Logo nos sesenta empezaron a chegar as botas de Bueu, que facía Don José Riobó, e que eran moi sólidas, moi resistentes e, sobre todo, moi adherentes, co que o risco de escorregar era xa moito menor. E mire que lle digo Don Manoel! Que a sona das botas de Bueu chegou a medio mundo, dende Terranova ata Namibia, coma boa proba de que os galegos para ser universais non temos que saír da terra.

venres, 23 de decembro de 2016

Xaime Isla e os Ultreias

Mire que lle digo Don Manoel! Que cando lle falaba dos Ultreias esquecera que Xaime Isla, vigués de adopción coma vostede mesmo, foi o seu profesor de Dereito e Economía de Empresa na Escola de Peritos! Don Xaime dáballe unha grande importancia ás experiencias vividas neste grupo xuvenil, sinaladamente ás esculcas e contactos coa xentes do campo, e as estadías e visitas na Misión Biolóxica de Galicia. Aínda que o primeiro alento cara ao amor a lingua galega veulle coma a tantos outros do alén mar, da man do seu irmán Ramiro, os obxectivos de “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia” que foron o facho da súa vida naceron daquel movemento de “educación patriótica” E mire que lle digo Don Manoel!, que a min, que a palabra patriota dáme arrepíos, gústame pensar que aínda organizacións tan sospeitosas coma a dos Ultreias, poden servir para facer agromar nos peitos dos bos e xenerosos un sincero amor á terra.

xoves, 22 de decembro de 2016

A balandra dos Ultreias

Mire que lle digo Don Manoel! Alá polo ano 2000, fai xa uns pouco anos, agasalláronme cun disco recompilatorio de Suso Vaamonde, que leva por título Lembranza. Na capa un retrato do cantante que lle fixera o seu amigo Xosé Guillermo. Pechando o segundo disco hai un himno con letra de Fermín Bouza Brei que me trouxo moitas cousas á memoria:

A balandra dos ultreias
Leva os corazóns por vela
Navega cara ao futuro
Toda Galicia vai nela

Certo é que a balandra que chegou a Vigo en xuño do 32, non era tal senón un pailebote de nome Joaquín Pérez, que tampouco ía nela toda Galicia senón dezaoito Ultreias comandados por Álvaro das Casas, un  ultra españolista e monárquico que foi mestre de  Xoán Carlos I de España (e quinto de Alemaña) e membro do tribunal de acceso a Policía, que baseado na súa experiencia scouts, crea unhas mocidades "amantes" da terra e a cultura galega nas que militou o propio “Pepe dos Cestos”, é dicir Ramón de Valenzuela, candidato do PCG nas eleccións xerais de 1979.
E mire que lle digo, Don Manoel, que xa que estamos nestas, déixolle aquí o Decálogo dos Ultreias:
I.- Porque amo a Galiza con toda a miña alma, dedicareille os meus mellores esforzos para tornala eternamente feliz.
II.- Porque a vida está chea de mágoas, miña mocidade será unha leda canción que ha erguer o espírito de tódolos coitados.
III.- Porque estou afincado ao chan nativo e endexamais hei crebar as ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o fogo do meu lar.
IV.- Porque penso no que fun no que son e no que teño de ser, respectarei aos vellos e pequenos e defendereinos de todo aldraxe e sufrimento.
V.- Porque quero a eficacia do meu labor, axudarei os nobres desexos dos meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos ensonos.
VI.- Porque teño de ser home útil á miña Terra, cumprirei tódalas miñas obrigas pra ire facendo a miña historia de cidadán exemplar.
VII.- Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei meu espírito no estudo e no traballo.
VIII.- Porque teño de ser rexo na axuda aos meus irmáns, fortalecerei meu corpo na claridade das augas e nor ar das montañas.
IX.- Porque soño nun porvir de verdadeira fraternidade, farei por que rente de min se xunten tódolos rapaces galegos pra que o día de mañá non nos afasten prexuízos de caste.
X.- Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivo con tódalas razas, en fala con tódalas culturas, abrirei meu peito a tódolos homes de boa vontade e recta intención.

mércores, 21 de decembro de 2016

O número da cabra!

Mire que lle digo Don Manoel! Que hoxe, non sei moi ben por qué, me veu ás mentes aquelas familias xitanas que chegaban aos barrios das vilas e cidades co seu triste circo ambulante. O pai, a nai e dous ou tres “xurumbeis”. As mais das veces un can esfameado e unha mona. E unha cabra, claro!, cuxo número, o número da cabra, era a principal atracción de nenos e maiores. O home tocaba un instrumento musical que podía ser unha trompeta abolada e cuberta de roña, un acordeón do que soaban a metade das notas ou, coa chegada da tecnoloxía, un deses teclados electrónicos que case que tocan solos. A función comezaba cun baile da rapaciña vestida de volantes raídos e golpeando cos peciños nus nas pedriñas do chan. De contado o can, de saia tamén de volantes e sombreiro de punta, púñase riba das patas traseiras, nun penoso esforzo por gañarse a atención do escaso público congregado. Finalmente o número forte do espectáculo. A muller abría unha escada de cinco ou seis chanzos e puña no cumio unha lata de tomates, oxidada e baleira. Entón, nun xesto teatral, amosaba a vella cabra que levaba atada cunha baraza, mentres a rapariga redobraba no tambor reclamando a atención do público. Entón, ao son de “En er mundo”, España cañí” o pasodobre semellante, a cabra ía subindo os banzos da escaleira, ata quedar facendo equilibrio, coas catro patas reunidas riba da lata. O número da cabra! E mire que lle digo Don Manoel! Todo isto perdeuse. Hoxe os números da cabra fanse nas televisións, nas empresas, nos Xulgados, nos Concellos, e de xeito especial en canda seu dos múltiples parlamentos, autonómicos, estatal e europeo. E mire que lle digo Don Manoel, que así non hai cabra nin xitano que poida aturar esta competencia institucional!

luns, 19 de decembro de 2016

Gaba o mar o que traballa na terra!

Mire que lle digo Don Manoel! Que gaba o mar o que traballa na terra! Que o mar ten mal talante, e por iso para telo contento algúns teñen os costume de botarlle un pouco de pan, para telo contento. Tamén é moi desconfiado, e andando nel non se pode falar de raposos, cregos, zapateiros, xastres, ou calquera outra caste de xente falsaria, por que non pense que se está a falar del. Xa sabe Don Manoel que ningún deses oficios ten moi boa sona. Especialmente o de xastre, ou alfaiate, como tamén se di por estas terras tan achegadas a Portugal, que, aínda que sexa das mais antigas profesións do mundo, sempre anda en coplas e refráns:

Si tu viras o que eu vin
na feira do Carballiño,
vinte cinco xastres xuntos
bebendo un neto de viño!

Os contos en Galicia están cheos de xastres melindrosos, afectados e pouco virís, como o Milhomes da Esmorga, e conforme eses contos, son sempre xente pouco de fiar:

Sete xastres fan un home
e vinte cinco un testigo,
fan falla cento cincuenta
para firmar un recibo

E tamén o refraneiro:

Alfaiate das mentiras, que todo o pano fai cachizas.
Alfaiate do vío vío, que cose de balde e máis pon o fío.
Alfaiate sen dedal, cose pouco e iso mal.
O alfaiate da encrucillada trae o fío da súa casa.
O alfaiate que non furta, pouco gana coa agulla.

E, mire que lle digo Don Manoel! Das carqueixas que cría o monte sae o mel que todos lambemos, e moitas desas coplas non son mais que envexa; envexa que lle ten a xente que, coma eu, ten que andar no mar, ou amarrado ao legón, aos que poden gaña-la vida sentados nun banco, quentiños e a beira dos seus. Para eles hai tamén outra cantiga que di:

Tódolos xastres de agora
fan a roupiña ò pintar.
Se eu fora muller dun xastre,

guapa che había de andar.

domingo, 18 de decembro de 2016

Coas cabras no monte!

Mire que lle digo, Don Manoel! Que non quero ser coma o pexegueiro: moita flor e pouco proveito. Xa vai tempo alá que faleille do gaiteiro Marcial, e coma propuxo ao noso Tiniño de marchar con el a tocar polas feiras e romarías, e hoxe, se esta purrela que nos puxo o taberneiro en lugar de viño me deixa, quero coller o fío do conto. Ben sabe Don Manoel que nos anos de que lle falo a figura do gaiteiro xa perdera moito do prestixio que chegou a ter antes da sublevación militar, e a xente nova pedía menos xotas e muiñeiras e mais bailes agarrados, malia a oposición do púlpito, que manda carallo que a igrexa tivera que vir agora a defender aos gaiteiros!
Pero, imos ao conto, Don Manoel, que hoxe ando mais torto cun fouciño! Marcial coñeceu ao Tiniño cando este era un rillote que andaba coas cabras no monte, requintando coa gaita de alcacén para pasa-lo tempo, e xa daquela botoulle o ollo enriba. Ou debera dicir a orella? Pero todo chega para o que sabe esperar, e non tivo que agardar moito para que, tal día coma hoxe, o noso Tiniño caera nas súas gadoupas coma pera madura na boca dun larpeiro, por mor do primeiro desengano amoroso do pequeno cabreiro. Porque, mire que lle digo Don Manoel, cousas da vida!, hoxe é festa en Portela, a terra do noso gaiteiro, e compre celebrar, polo que, se non lle parece mal, deixaremos as desgrazas para a semana que ven!

venres, 16 de decembro de 2016

A memoria é un músculo que compre exercitar!

Mire que lle digo, Don Manoel! Que a Xela, a súa Mestra de Coro, ten tamén a súa razón en facerlles memorizar eses textos inintelixibles coma o de Migildi, magildi, eu nou nou, e cousas desa condición, para que manteñan en marcha o caletre. Que por non cultivar a memoria hoxe xa ninguén sabe os afluentes do Miño pola dereita, nin a data da batalla de Zama, nin, se me apura, o número do seu móbil. E mire que lle digo, Don Manoel! Que aos meus anos aínda recordo os autores da traxedia grega: Eurípides no te Sófocles que te Esquilo; e o dos gases nobres: Hermosa Negra Ardiente Kreía que sus Xenos eran Redondos", Helio, Neon, Argon, Kriptón, Xenon e Radon.
E as unidades da electricidade, A Don Xulio Amperio o colleron uns Ohmios, o levaron para o watio déronlle por culombio". O que teño que confesar e que non tiña nin idea é das do seu amigo Alejo: La farola de Laredo, para as dominantes do canto gregoriano, e Mi Sol Si-empre Re-luce Fa-stuoso para recordar as notas que cabalgan as liñas do pentagrama, na clave de Sol.

xoves, 15 de decembro de 2016

Os Alfolíes de Bouzas

Mire que lle digo Don Manoel! Que moito me gusta que o bombo do grupo de gaitas Alfolíes estea hoxe nun lugar destacado no Lagharto Pintado! A fin de contas Alfolíes e, ademais do grupo de Fernando, Fidel e Suso Pereira, o pai do seu amigo Anxo Pintos, unha das rúas mais antigas da nosa vila, onde se atopaban os almacéns do sal, que é o que dicir alfolí, produto estratéxico para a economía de Bouzas. Precisamente este privilexio de manter alfolí e de que Bouzas fose declarado porto de libre comercio foi a orixe dos preitos con Vigo, resoltos favorablemente para nos no século XVI, grazas a Don Diego de Avellaneda. A Bouzas que era a cabeza titular, estaban xunguidas as veciñas parroquias de Bembrive, Beade, Coia e Coruxo. Mudan os tempos, mudan as vontades, e o 28 de decembro de 1903, as Cortes españolas aprobaron un proxecto de Lei no que Bouzas perdía a súa independencia a favor do concello de Vigo. E mire que lle digo Don Manoel!, que hoxe aquilo de que os pescadores e industriais puidesen salgar, sen limitación, todo o peixe que quixeren, perdeu toda importancia, porque hogano nin o peixe se salga, nin hai moito peixe que salgar.

mércores, 14 de decembro de 2016

O encontro do Tiniño co gaiteiro Marcial

Mire que lle digo, Don Manoel! Xa lle contara que Constantino Domínguez, o Averomar, era un rapaz espilido, que aprendera a tocar a gaita, case que antes que as catro regras, ao que deseguida os horizontes de Portela, nas terras de Celanova se lle fixeron pequenos. O que non lle contara tanto foi como veulle a súa dedicación á música, cousa que tamén ten a súa historia. Xa sabe, Don Manoel, que de rillotes faciamos música con calquera cousa que tiveramos a man. Atando unha cortiza a unha baraza e dándolle voltas sobre a cabeza, cunha herba sostida entre os dedos, o facendo asubíos coas bugallas dos carballos. Tino, coma os mais dos gaiteiros daquela, aprendeu a tocar as melodías que escoitaba nas festas nunha gaita de alcacén, que faina un mesmo cunha palla de centeo, e non custa cartos. E, mire que lle digo Don Manoel! Que o que o Tiniño facíala con dúas pallas, unha con furados para a melodía e outra sen eles para o roncón, e tocando non perdíalle a cara ao dos mellores gaiteiros que por alí pasaban, tanto así é, que o gaiteiro Marcial cando o escoitou tocar, quedou tan pampo que lle propuxo marchar con el a tocar polas feiras e romarías. Aínda que esa xa é outra historia que lle contarei outra volta. Agora déixolle cunhas coplas das gaitas de alcacén que lle escoitara a Don Pablo Carpintero.

María da Rúa Alta,
como te pille na eira,
cunha palla de centeo
tocareiche a muiñeira.

O pandeiro toca ben,
así tamén toco eu
unha gaita de alcacén.

Non me acorda quen tocaba
nunha gaita de alcacén,
alá riba, non sei onde,
na porta de non sei quen.

Para gaiteiro prantado
o que temos en Sisán,
que o de Santo Tomé toca

nunha ferraña de pan.

Fotografías orixinais de Pablo Carpintero.

luns, 12 de decembro de 2016

Cousas da Reconquista de Vigo

Mire que lle digo Don Manoel! Que, coma vostede ben sabe, moitos estudios non lle teño pero o meu pouco caletre ben me da para afirmar que das peripecias da Reconquista de Vigo tampouco ten a xente as cousas moi claras. Que se as tivera non entendo moi ben que mantivera unha rúa e un monumento a un personaxe tan nefasto coma Pablo Morillo, suposto heroe da Reconquista de Vigo, cuxo único mérito foi recibir a capitulación do coronel Chalot, aproveitando que o verdadeiro protagonista, o capitán de granadeiros Bernardo González del Valle, Cachamuíña, estaba hospitalizado das feridas recibidas no asalto á Porta da Gamboa. Morillo, conde a marqués de non sei cantas cousas, foi, como ben sabe, militar de carreira no peor sentido da frase, un barallocas que xurou fidelidade á Constitución de 1812 coa boca pequena, e á primeira oportunidade entrou en Vigo a sangue e lume ou fronte das tropas absolutistas, retirándolle á cidade a súa condición de capital de provincia, que pasou a historia da infamia coma autor do comentario tras firmar a orde de fusilamento do grande científico, fillo de galegos e heroe da independencia colombiana, Francisco Xosé de Caldas: España non necesita sabios.

E, mire que lle digo, Don Manoel! En cada ocasión das que o mellor do pobo tense posto en pé contra da tiranía, no devalar do entusiasmo colectivo, cando damos á terra os corpos dos Carolos mortos baixo as balas do inimigo, volven coma os corvos, os potentados, os poderosos, coa súa cohorte de militares sanguinarios e cregos raspalleiros, todos eles con máis mala intención cá dun raposo axexando unha pita. E non é que queira facer coma o mestre Cirola, que non sabia ler e xa puña escola, pero para min que é á xente do pobo, á quen, pase o que pase, lle seguen a chover no lombo paus coma trancas.

domingo, 11 de decembro de 2016

Tocar a gaita as sereas

Mire que lle digo, Don Manoel! É certo que dende o primeiro día que chegou a bordo, tomei ao noso Tiniño, o Averomar, como sería coñecido a bordo ben pouco despois, ao meu coidado. Non sabería dicir moi ben se por interese na súa persoa ou na gaitiña que levaba nunha bolsa dependurada no ombreiro. Moito me gustou sempre a música, Don Manoel, pero nunca tiven a oportunidade de ter un instrumento para facela na miña man, ata que chegou o Tino. E para iso, cando o Tiniño me deixaba a súa gaita para me deprender, entrábame polo corpo coma un respecto reverencial que me impedía tocar, e deixábame varios días amolado coma tres nun zoco. E, mire que lle digo, Don Manoel! Cando xa comezaba a collerlle o xeito, un malfadado día de mar campal, nunha manobra de largado do aparello, o noso gaiteiriño fixo unha imprudencia, daquelas contra as que o advertira mil veces, e pouco faltoulle para ir ao mar coa rede, a tocarlle a gaita as sereas, coma disque fixera o gaiteiro Ubaldo na praia de Praceres de Pontevedra.

xoves, 8 de decembro de 2016

Para a miña compañeiriña querida.

Mire que lle digo Dona Loli! Que alégrome moito de que se decidira hoxe a acompañar ao seu home á súa semanal visita a esta nosa egrexia laica da taberna. E de xeito especial que me traia á memoria o personaxe do Sacaúntos, aquel home de ollar terrible que dedicábase a sacarlle a graxa aos nenos pequenos ata deixalos nos ósos. Lémbrome da miña aboa, arredor da cuxa aba debruzabámonos os seráns de chuvia e vento os rapaces do barrio para gozar, tremendo coma xostras, ao escoitar os contos de medo da nosa nenez. O Sacaúntos da miña aboa non mataba aos nenos. Coas súas artes, malas por suposto, extraíalles o unto e marchaba para o bosque onde o comía para volverse forte e vigoroso coma os nenos. Noutras versións o Sacaúntos vendía aos vellos o unto que roubaba aos nenos, para con el cambiar o seu vello sangue por outro máis novo. Pero foi no conto de Dona Emilia Pardo Bazán onde descubrín o peor dos Sacaúntos posibles: non o malvado boticario que vendía ungüentos elaborados coa graxa dos cadáveres de rapaciñas novas, senón eses pais adoptivos que non dubidan en matala á súa filla para conseguir cartos.
E mire que lle digo, Dona Loli, que hoxe os Sacaúntos que mais medo me meten sonche o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e os patróns da Señora Merkel. E para non rematar isto con tristuras, que vostede non as merece, déixolle cunha cántiga do Sacaúntos que penso que faralle rir a cachón. 

mércores, 7 de decembro de 2016

Galicia metrallada nas cunetas

Mire que lle digo Don Manoel! Que nesa Praia das Fontes, ou tamén da Batería, que hoxe a xente nova chama dos Olmos, houbo, fai ben anos, unha fábrica de salgadura e un peirao para descarga-lo peixe.  Daquela había tanta fartura no mar que os carros de bois que viñan polo túnel baixo a carreteira, que aínda existe, na procura de argazo para o estrume das leiras, levaban coas algas, centolas e nécoras a eito,  que pouco valor se lles daba daquela.
Mire que lle digo Don Manoel! Moitas lembranzas da nenez tráeme esta paraxe, pero tamén, agochada no medio de tanta fermosura, un calafrío polo espiñazo, e o recendo do terror e da morte dos mártires de Alcabre, os directivos de la Sociedade Agrícola Emilio Comesaña Sobreira, de 43 años, casado y con sete fillos, carpinteiro; José Comesaña Pérez, de 26 años, casado y con dous fillos, albanel, seu irmán Antonino Comesaña Pérez, de 28 años, casado e con dous fillos tamén, e Fernando Costas Iglesias, casado e sen fillos, electricista. Apresados o 30 de setembro do 36 por falanxistas e gardas civís, levados ao cárcere no que converteran o Frontón da Rúa María Berdiales, e “sacados” na alborada do 6 de outubro para ser “paseados” na Pasaxe de Vincios e enterrados en San Vicente de Mañufe.

Na inscrición da placa di:
Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia metrallada nas cunetas
dos seus camiños".
Luis Pimentel


EN LEMBRANZA DOS ASESINADOS NA SUBLEVACIÓN FASCISTA DE 1936. PRAIA DE FONTES, 17 AGOSTO 2002. A VV. NOSA TERRA

martes, 6 de decembro de 2016

Aperta urxente para Cándido Pazó

Mire que lle digo Don Manoel! Que non é morte a que nos rouba aos seres amados; a morte nolos garda e os fai inmortais na nosa lembranza. Demasiadas veces é a vida a que nolos rouba definitivamente. Aínda que, mire que lle digo, cando algo do teu morre de pouco serven as condolencias e a filosofía. Que mortes son todas, e formas de morrer hai moitas. Que os hai que morren sen dar chío, coma un paxariño, outros que os ves apagarse paseniño coma a luz dunha vela, e outros a chorros entre berros de dolor que nos fan desexar que algo ou alguén os arranque das gadoupas da agonía. E todas son malas, que por vella que sexa a aciñeira sempre é verde para facer leña dela. Por iso Don Manoel, aí lle vai a miña particular encomenda aos defuntiños, que me aprendeu o meu avó, para o noso benquerido Cándido:

Saúdos, meus defuntiños
Aquí estamos todos xuntos
Nos, que non temos repouso
E os que estades xa defuntos.

Vós que fostes coma nós
Agardade con paciencia
Non ha de pasar moito tempo
Que remate esta ausencia

domingo, 4 de decembro de 2016

De nacionalismos e necio-nalismos.

Mire que lle digo Don Manoel! Que cando se fala de nacionalismo eu póñome serio coma un frade de pau, e vénseme ás mentes os traballadores do mundo matándose nas trincheiras de Ypres na primeira guerra mundial, que os mais dos nacionalismos son de contabilidade, e moitos outros son necio-nalismos. Que eu quero mais un nacionalismo de cidadáns, que sexa integrador, que un de razas, que procure u odio ao alleo, ao que ten outra fala, outras tradicións ou outro color na pel.
E mire que lle digo Don Manoel, que o único nacionalismo que non me pon inquedo coma o rabo dun lagarto é o nacionalismo musical, do que falaba fai o outro día o seu amigo Alejo. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que, postos a escoller, eu sonlle mais de internacionalismos como a dos Brigadistas que viñeron a loitar ao noso lado contra o fascismo, que de nacionalismos coma o de Vicente Risco. E, xa postos, loitador pola soberanía das persoas contra do capital, que pouco soberano se pode ser cando tes dobrar o pescozo para poder dar de comer aos teus, cando outros aspiran a controlar o teu corpo e aínda o teu pensamento.

Da xente que ocúpase en facer felices aos demais!

Mire que lle digo Don Manoel! Que por sorte ademais de monicreques, gavachos, farfalláns, preguiceiros, fachendosos, falapoucos, ventaxistas, fatuos, maníacos depresivos, mentireiros, narcisistas, psicópatas do poder, consumistas e buscadores compulsivos de recoñecemento, hai xente que ten un aquel especial para darlle felicidade aos demais. E tal como eu o vexo o seu amigo Carlos Álvarez é desa caste. Os meus parabéns para todos os que teñen a sorte de telo coma mestre, aínda que hoxe estea mais centrado na curación dos corpos que na sanación dos espíritos por medio da música.