domingo, 26 de decembro de 2021

Serendipias.


Mire que lle digo don Manoel! Que sería aló polos anos setenta, cando no pesqueiro conxelador da casa M.A.R. que levaba por nome Mar de Labrador, ocorreron os feitos que agora voulle relatar. E que puiden saber do sucedido, non soamente polo coñecemento directo das persoas que nela interviñeron, senón pola miña condición de protagonista deses feitos. Condición que se servirá desculpar, don Manoel, xa que ben sabe vostede, por estatística dalgúns anos de conversas, que non teño por costume exercer.

Como recordará o Mar de Labrador era o primeiro pesqueiro de corrente alterna trifásica que se fixera en Galicia nos estaleiros de Barreras, para ser máis exactos polo que o manexo e mantemento da planta eléctrica de tal buque presentaba certas dificultades para as que os maquinistas navais da ría non estaban moi en disposición de afrontar con éxito. Recordará tamén que don Javier Sensat, coñecedor das miñas habelencias acoplando a barras e desacoplando delas aquelas máquinas do diaño, mañas aprendidas nos buques irlandeses que xa incorporaban esta tecnoloxía, nomeárame xefe de máquinas do Mar de Labrador, aínda que carecera de título oficial que o xustificara.

Seica don Antonio de la Cruz, o enxeñeiro que deseñou a planta eléctrica, correu media Europa na procura de máquinas, aparamenta e cabos para aquela instalación, que nada diso había daquela en España, recalando ao final de moitas reviravoltas nas fábricas que a Siemens tiña en Erlangen e Nuremberg. E máquinas, aparamenta e cabos viñeron das fábricas alamanas para seren instalados no buque baixo a estrita supervisión de enxeñeiros de tal nacionalidade. Que os alemáns perderían unha guerra tras doutra, e a dirección da Siemens estaría acusada de utilización de traballo escravo nos campos de concentración de Ravensbruck, Sachsenhausenen e Auschwitz, pero como dicían eles "arbeit macht frei" o traballo vos fará ceibes, e o que tivo retivo.

Teño que recoñecer que a práctica totalidade da planta eléctrica funcionaba perfectamente, moi á alamana, excepción feita do cabrestante de pesca, tamén fabricado por SIEMENS, e que basicamente era un sistema Ward Leonard con algunha mínima modificación. Curiosamente o sistema daba problemas soamente cando a porta estanca do pañol da máquina e a do armario de automatismos estaban na súa situación normal: pechadas. E perfectamente coas portas abertas, a do pañol da máquina e a do armario de automatismos aberta nun certo ángulo.

Falarei agora do capitán do buque. Don Antonio, do que non se se xa lle falara nalgunha outra ocasión, era, ademais dun moi bo navegante e un máis que aceptable patrón de pesca, un devoto das novelas de Sir Arthur Conan Doyle, e mais en concreto das que relataban as andanzas de Sherlock Holmes narradas polo bo doutor Watson. E un bo conversador que gustaba tanto de escoitar boas historias como de contalas a un auditorio atento. Cousa que no comedor de oficiais do Mar de Labrador rareaba tanto coma os pelos na cabeza dun vello.

-  Os científicos son, en moitas ocasións Sostiña don Antonio diante de quen lle quixera escoitaralgo así como uns detectives da realidade. Reconstrúen cara atrás o camiño de causas que levan a efectos aparentemente casuais e identifican mecanismos de forma que os podamos controlar e reproducir.

Son de culleres nos pratos de peltre e balbordo de sorber a sopa, por todo comentario.

-   O que Thomas Huxley −teimaba don Antonio chamaba “profecía retrospectiva”, ou sexa a forma de obter coñecemento dos achados casuais, das coincidencias felices.

Unha vez máis a calada, e algún arroto, como toda resposta aos intentos do capitán de iniciar algún tema de interese. As miradas dos asistentes á cea no comedor de oficiais do Mar de Labrador seguen cravadas nos pratos como se a fonte da sabedoría estivera no seu fondo.

-   Xa sabedes −insistiu unha vez máis don Antonio, xa un pouco desesperado ao comprobar que tan interesante tema, base dos relatos de Sherlock Holmes estaba a morrer de morte calada Thomas Huxley! O avó de Aldous Huxley, o do “Un mundo feliz”, e de Andrew Huxley, que gañou o premio Nobel polos seus estudos sobre a transmisión dos impulsos nerviosos!

Entón don Manoel, eu, aínda que plenamente consciente de estar como invitado naquel comedor, que malia ao meu cargo o resto de oficiais do buque non me tiñan por un deles, non din aturado máis e intentei botarlle un cabo a onde don Antonio puidera amarrar a lancha da conversa que ameazaba naufraxio.

-  E mire que lle digo don Antonio! Iso que fala dos achados casuais, das coincidencias felices, ten algo que ver con iso que chaman serendipitia, ou aínda chiripa?

-  Ben certo Paio! O método de investigación que empregan os grandes detectives da literatura, sinaladamente o Auguste Dupin, de Edgar Allan Poe, ou o Sherlock Holmes de Sir Arthur Conan Doyle, non son máis que a expresión literaria da asunción cotiá de que todo feito, todo acontecemento que podemos observar, ten unha causa, ou unha serie de causas, que producen tal efecto.

-  Como o do cabrestante de pesca don Antonio?

-   O do cabrestante de pesca? E logo Paio, que carallo pasa co cabrestante?

-   Que non funciona ben máis que coa porta nunha certa posición.

-   E iso?

Conteille entón o proceso da miña investigación, cales foran as miñas observacións e por que camiños dedutivos chegara ás miñas conclusións. Como ben sabe don Manoel, o control do sentido e velocidade da máquina de pesca acádase actuando riba do reóstato de control da excitación da dínamo, de xeito que segundo as necesidades da virada regulas a tensión do conxunto xerador/motor de continua, e polo tanto a velocidade do cabrestante mantendo o seu par motor. Ao chegares a velocidade cero os contactores cortan a excitación da dínamo e entran os freos da máquina. O caso era que por moito que intentáramos sincronizar un e outra actuación non había xeito e o aparello sempre viraba un pouco de máis para desesperación do pesca. Salvo cando as portas estaban na disposición antes indicada: totalmente aberta unha e nunha certa posición a outra [1].

-   Moi ben Paio! −interrompeume impaciente don Antonio Non entendo un carallo de todo o que ves de contar! Queres ir ao cerne do asunto e ilustrarnos arredor da relación que o teu relato ten con Sherlock Holmes ou a serendipitia?

E mire que lle digo don Manoel! Naquel intre, ao comprobar a cara de aburrimento dalgúns dos oficiais do comedor, o anoxo e fastío doutros, e o nulo interese de todos eles por entender as causas polas que o sistema funcionaba o deixaba de facelo consonte a posición dunhas portas, e que tampouco o Capitán, o meu único aliado naquela guerra, devecía por sabelas, dixen para min: Paio, meu amigo, explicandum non poposcit manifestam culpam! E logo xa para eles:

-   Nada meu capitán! Que se algo funciona, aínda que non saibas por que, mellor nono toques.

E como é probable que non recorde de onde ven iso da serendipitia, eu que non son daqueles de tirar cousas, por se ocorre aquelo de «Cando tras anos de gardar unha cousa sen usala decides tirala, non pasará máis dunha semana que a necesites de verdade», lla deixo aquí nun recorte dunha revista vella.

O conto de Serendip.

Hai disto moito, moito tempo, viviu en Serendip, no Afastado Oriente, un  poderoso rei chamado Giaffar. O rei tiña tres fillos aos que amaba profundamente. Tanto que ocupouse persoalmente de darlles a mellor educación para que o seu futuro goberno estivera acompañado por todas as virtudes que son tan necesarias (e tan pouco habituais) para un príncipe. Na súa educación científica non faltaron a filosofía e o cultivo de tódalas artes, maiores e plásticas, chegando a alcanzar o pracer no seu cultivo. Chegados a este punto o seu pai pensou que a educación dos príncipes non estaría completa ata que non camiñasen polo mundo e coñecesen ás súas xentes, así que lles fixo emprender unha viaxe.

No seu camiño topáronse cun mercador que perdera un camelo e que preguntoulles se o miraran. Eles responderon que soamente ollaran unhas pegadas dun camelo, que non sabían se sería o que el buscaba. Que o animal do que atoparan o rastro estaba coxo, cego dun ollo, faltáballe un dente, levaba ao lombo unha muller embarazada e, ademais, carrexaba mel nun lado e manteiga no outro. “Tal era!” −Dixo o comerciante. E, diante dunha resposta tan meticulosa dos tres príncipes, acusounos de haberllo roubado.

Os príncipes foron levados a presenza do Emperador. Este preguntoulles como puideron saber con exactitude tantas cousas sobre o camelo sen velo nunca, e eles referíronlle as súas deducións. O camelo comera herba ao lado do camiño en que esta era menos verde, así que debía ser cego dun ollo. Ao longo do percorrido había uns poucos de herba mastigada que deberon caer polo oco do dente que lle faltaba a este.

As pegadas mostraban que arrastraba unha pata, así que debía de ser coxo. Había formigas nun lado do camiño, atraídas pola manteiga  derretida, e moscas no outro, comendo o mel derramado. Xunto ás pegadas do lugar en que o camelo se había axeonllado, estaban as duns pés e, xunto a eles, ouriños dunha muller. Había tamén pegadas de mans, polo que supuxeron que a muller estaba embarazada e tivo que apoiarse nas súas mans ao ouriñar. O xuízo viuse interrompido polo anuncio de que o camelo fora atopado. O emperador, encantado pola sabedoría dos tres irmáns, despediunos colmándoos de agasallos e eles seguiron as súas aventuras.



Nota [1]: Para aqueles que estean interesados no tema, e cursaran con aproveitamento a materia de Instalacións Eléctricas, preferentemente baixo o meu mestrado, estou en disposición de aclararlles as razóns de tal estraño comportamento. Resulta de especial utilidade repasar as páxinas dedicadas aos procesos de corte en corrente continua do libro de “Centros de Transformación. Anatomía e fisioloxía”  

sábado, 11 de decembro de 2021

Abrir camiños no mar.

 



Mire que lle digo don Manoel! Non sei se chegou a coñecer a Herman, un alemán que traballaba de mecánico na fábrica de motores de Barreras. Non? É certo; despois daquela ocasión xa non veu moito pola do Mincha. Que ocasión? Non tema don Manoel, vai nun correndiño!

Herman (lamento non recordar o seu apelido) viñera como experto para a resolución dos problemas das bombas de inxección de Bosch que Barreras montaba nos motores que fabricaba con licencia da holandesa Werkspoor. Teño para min que Herman era ateo de vocación, pero cando tiña un pouco de Monterrei  de máis no pique de proa, xurdía de ben abaixo das tripas a educación protestante que lle deran os pais, e gustaba de recitar con voz campanuda versículos escollidos do vello testamento. Á práctica totalidade da parroquia, que o pouco que coñecía da Biblia era na versión do Padre Astete, tanto nos tiña que capítulo e versículo citados como fontes foran certos ou inventados, que para o caso tanto dá touciño coma soá!, pero todo ten o seu tempo, e como embude á boca do xerro chegou o día en que coincidiron no mostrador da taberna o mecánico alemán recitador de pasaxes de Biblia e don Evaristo, o ilustre Catedrático de grego no Instituto Santa Irene que verteu ao galego os fermosos versos de Homero.

Pouco hai que contar deste primeiro encontro, excepción sexa feita da expresión de asombro do catedrático, boca lixeiramente aberta da sorpresa, mostacho engurrado, pasmado o camiño da cunca ata os beizos, e os ollos desorbitados, descomedidos detrás das grosas gafas. Intrigado don Evaristo demandou á Fina pola natureza e costumes do mecánico, e nun período de tempo que non son quen de precisar, pero en todo caso breve, mecánico experto no vello testamento e catedrático máis afeccionado a outras divindades, volveron a coincidir na do Mincha un día no que o temporal asolagaba a praia do Adro e a escuma das ondas petaba nas portas da igrexa de San Miguel.

Pouco tardou Herman en atopar na súa memoria capítulo e versículo acaídos ao caso:

-  E dixo o señor: “Subiu o mar sobre  Babilonia; da multitude das súas ondas foi cuberta. Isaías 43:16”

Don Evaristo calou. Tirou un libro do maletín de coiro que trouxera con el, e procurou lixeiro e veloz no seu contido.

-   O señor me perdoará pero esa cita non é Isaías 43:16 senón Xeremías 51:42.

Herman o mecánico xa tiña o rostro rubio de seu, rubio que subía de intensidade cando o viño facía o seu efecto, pero ao sentirse cachado na súa fachenda, o color da súa face pasou do vermello do arroibar ao violáceo indicador de problemas circulatorios importantes. Deixou a cunca que sostiña na man riba do mármore do mostrador, deu media volta e saíu pola porta da taberna sen dar nin chío.

-  Don Evaristo! −laiouse o Mincha −podería vostede estar caladiño, que fodeume un bo cliente!

-  O sinto Farruco! −contestou don Evaristo −pero este home andaba buscando quen o corrixira de tanta desvergonza.

Por un intre a taberna quedou en silencio, como sopesando uns e outros argumentos. Daquela pareceume oportuno rachar a tensión cunha pregunta.

-  Don Evaristo −dixen eu − .E o de Isaías ten algo que ver coa treboada?

- Pois home! Moito non, pero a cousa tampouco está tan lonxe! Di así: “O Señor abriu un camiño a través do mar, un carreiro por entre as augas impetuosas”. E diso de abrir camiños no mar creo que teño eu algo aquí!

E don Evaristo abriu de novo o maletín, colleu un libro e procurou unha historia que máis ou menos dicía así:

Turgut Reis, máis coñecido no levante español como Dragut, foi un destacado corsario que ás ordes de Khair-ad-Din "Barbirroibo" saqueou o Mediterráneo dende Calabria a Túnez, dende Cullera a Pollensa. Para derrotar a Turgut, o emperador Carlos V enviou ao almirante xenovés Andrea Doria que despois de moitas e feras batallas, con grandes perdas por ambas as dúas partes, conseguiu facer fuxir ao pirata que foi a refuxiarse cos 20 navíos que lle quedaban nunha enseada na illa de Djerba. Os barcos de Andrea Doria descubriron o seu agocho e tomaron o control da entrada da badía. Sabedores de que non había parte ningunha por onde Dragut puidera saír coas súas naves decidiron non arriscar ás súas nun enfrontamento directo.

Pero cando todo semellaba perdido a Dragut ocorréuselle facer un camiño para escapar, senón no mar, na marisma que xungue a illa á terra polo sur leste. Dous mil homes durante oito días traballaron con empeño mentres algúns outros soldados fustrigaban a Doria para despistalo.

“tirando los Moros y la Chusma con maromas, y rempuxandolas con los hombros con grandissimo silencio, siguiendo unas tras de otras a la hila las sacaron todas del canal (…) por la otra parte de la Isla y dexo a Andrea de Oria burlado”

E mire que lle digo don Manuel Estas eran as cousas que se lle ocorrían a don Evaristo: dun pequeno dito o sentencia deseguida tiraba unha historia, un sucedido, que deixaba a todo o mundo coa boca aberta. Ata que punto esta do pirata Dragut e o abrir camiños no mar era certa ou tan falsa como as citas bíblicas do alemán, non me hei de pronunciar.

Eu ben vin estar o cuco

enriba do paspallás,

se foi verdade ou mentira,

mira a min que se me dá!


mércores, 24 de novembro de 2021

"Un home sempre leva razón..."

Mire que lle digo don Manoel! Facía anos que non miraba un ollomol tan lucido como o que lle vendeu a Laura hoxe no Mercado de Bouzas. E que, por certo, leva vostede con tan pouco xeito que vaille ir parar ao chan! Tan medrado e lucido o vexo, que tráeme ás mentes aquel da nosa noiteboa do trinta e seis, na que, grazas a dona Alicia, ceamos en troques de patacas ollomol adobado con dignidade! O de “grazas a dona Alicia” non deixa de ser un falar, que xa lembrará vostede que tanto dona Alicia como o seu marido pretenderan aquela noite aproveitarse da nosa necesidade e miseria, pagando menos da metade do que valía o ollomol que lle encargaran á miña nai para noiteboa.

-  Ou mo deixa no que eu digo ou a ver que llo vai a mercar a estas horas dixera daquela don Miguel todo fachendoso e pimpante!

-  Pois mire que lle digo don Miguel! Que iso é precisame
nte o que imos facer!
respondeulle entón a miña nai –que na nosa fame mandamos nos!

Ningún rancor con ela, don Manoel! Non lle voto toda a culpa a ela de facer o que fixo e de ser como era, senón á sociedade que a desamañou. Que teño para min que dona Alicia, como ás máis das “donalicias” de onte e de hoxe, foron de novas nenas feiticeiras grávidas de ilusións e boaventuras e adolescentes bébedas de posibilidades despois. Para nunha volta de man, acabar aferrolladas a un matrimonio construído de frustración e renuncias. Matrimonio do que, segundo a lei de deus, non había volta atrás! Todo o máis chorar os sete chorares maxinando o ben que lle houbera ido con aquel ou aqueloutro galán que a pretendera. Chorar e laiarse esquecendo que a solucións dos nosos problemas e frustracións está, ás mais das veces, en cambiar nos mesmos, e non en cambiar de consorte.

Dona Alicia ven sendo unha daquelas damas que nin discute novidades, nin comprende constitucións, nin se cura de opinar conforme a estas ou ás outras ideas, firme no seu inquebrantable fanatismo relixioso, dogmatismo que ao social e político estende [1]. Unha desas mulleres para as que un home sempre leva razón cando as golpea, as humilla ou as ignora.

- Seguro que sen me decatar sequera, en algo ofendín a súa virilidade! xustifican.

Dona Alicia acepta de bo grao que o desbaldidor do seu marido ande, intentando aparentar cos amigos o que non é e o que non ten, a patadas co diñeiro que non teñen. Acepta que fundira e xogo e putas os cartos da cumprida dote que aportou ao casorio, aínda que tal aceptación implique andar decotío escapada dos acredores, con cada día menos tendas que lle vendan fiado, tan afogada coas débedas que non poida nin mercar unha vasquiña nova cando a que leva acotío está chea de brillos, ou uns polvos de arroz ou a crema Bella Aurora que tanta falla faille para disimular as incipientes engurras. E por riba ter que escoitar a resposta do seu marido cando lle pide algún diñeiro para mercalas:

-  Eso no son más que tonterías! ¿Para quién quieres arreglarte tú, si ya estás casada?

O sexo é para don Alicia unha constante frustración. Nunca o hai cando a ela venlle a gana; sempre cando a el as urxencias. E sempre é sen pararse en outras consideracións, sen deterse a tomar os tempos axeitados. E se ela se resiste, mellor! Que unha violación, aínda que sexa da muller propia, o motiva moito máis que cando ela lle deixa facer sen reaccionar, como se estivera morta. Por non falar das veces que ten que aturar que a use para masturbarse pensando en outra! Sen ires máis lonxe a semana pasada, cando chegou da casa da Collona un pouco caneco de máis e moi fora de si, porque se lle acabara o creto, e dona Esperanza non lle permitira fornicar máis ao che debo.

-  Miguel que vas máis cacheiro cun verrón! A ver se as vas pagar coa parenta e para logo de nove meses vas ter que apandar coas consecuencias! acírranlle os amigos que, aínda que si que estiveron cada quen coa súa pendanga, seguen con gana de foder.

E se esta caste de damas da burguesía ás que veño a alcumar coma “donalicias” son así tomadas de unha en unha, collidas en grupo son moito peores! Como os animais encerrados en mandas, as “donalicias” desenvolven graves cadros de ansiedade e agresividade seguidos de episodios depresivos, e unha grave afectación da saúde mental e da estabilidade emocional. Non tema don Manoel que non é diagnóstico meu! Me limito a repetir como un papagaio ás expresións de don Evaristo, o aposto e baril médico da rúa dos Ferreiros que gustan visitar acotío ás donas das que estamos a falar, e que xa está farto de receitar tanto placebo para alivio, xa que non remedio, dos devanditos males! Que fármacos para estas doenzas non as hai nas boticas!

Que cantidade de enerxía, don Manoel, empregan en manter ás aparencias, as convencións sociais, en ocultar as súas desgrazas individuais dentro do grupo. Rara vez discuten entre elas, e menos diante do inimigo exterior, o home. Non hai espazo para a solidariedade, e se algunha delas cae na tentación, ou amosa algún signo de debilidade, o resto de femias irán en grupo a magoar, a ferir, a lacerar á probe inxenua como pouco digna do seu sexo e condición. Cando cada unha delas devece por deixarse caer nas mesma redes que abomina!

E mire que lle digo don Manoel! Non me estraña que comparada con estas mulleres a mesma Pardo Bazán pareza a algúns un exemplo de feminismo, porque exemplos hai para todo, e un abisinio non parece tan negro cando o comparas cun etíope. E feminismos hai para todos os gustos. Dende feminismos sentidos ata sobrevidos; dende os biolóxicos ata os científicos; dende os que integran a perspectiva de clase, ata os feminismos meramente folclóricos, como o do personaxe aquel que afirmaba todo foncho na prensa, no que pensaba era toda unha declaración “de apoio á loita feminista”, que “tiña por norma non falar mal das mulleres, sexan quen sexan, representen o que representen”. Porque eu don Manoel, que son dos tempos que son, como creo fondamente na igualdade de tódolos sexos, cando teño que criticar a alguén, do mesmo xeito que non reparo no color do que teñen os ollos, tampouco o fago tendo en consideración en cal dos múltiples sexos milita.

Sei que queda moito por avanzar. Que a república foi un primeiro banzo dos moitos que compre subir. Que logo na ditadura, recuamos da man de cregos e militares en igualdade e dereitos ata a idade media. E recuamos todos! Homes e mulleres; a sociedade no seu conxunto. E que hoxe, nas mans desta tan curiosa transición, imos avanzando, a pequenos pasos e moito máis lento do que cumpriría, pero avanzando camiño á necesaria igualdade de dereitos. Pero sei tamén que para poder avanzar máis rápido cómpre o traballo de todos. O traballo, si, que non a loita! Que loita implica violencia e demasiada violencia sofren xa ás mulleres. Traballo e mobilizacións tamén. Aínda que sempre acompañadas de formación e educación! E nada de “sácate ti que me poña eu”, senón cóbado con cóbado, apostos facendo bo xugo e turrando do mesmo carro. Para que nunca máis se poda dicir con razón de muller ningunha:

“Así o atopamos e así o habemos de deixar” é a fórmula que a todo aplica, crendo firmemente que o mundo, por moitos tombos que dea, volve sempre ao que ela viu, coñeceu e sentiu, na súa florida mocidade.[2]



[1] Benito Pérez Galdós “As tormentas do 48”. Episodios Nacionais

[2] Ibidem.

domingo, 7 de novembro de 2021

"O negro Pepito"


Mire que lle digo don Manoel! Estaba hoxe, como teño por costume, escoitando a radio cando de súpeto ouzo nela unha canción que leva por título “Montilla”, que eu coñecía na versión do grupo Illapu[1]  e que no retrouso di algo así como:

Ahí viene Montilla a dar la pelea

y viene diciendo, morena: la bala chirrea.

Él armó su gente con la artillería

y prendió los fuegos, morena, al Ave María.

E o inmenso poder evocador da música fai que a canción me colla no seu colo para levarme a un tempo e un espazo xa idos! E nun instante me devolva ao pegañento calor e o acedo recendo a aceite queimado da máquina do Mar de Labrador, para nese útero escuro e esvaecido atopar a singular presenza do “negro Pepito”, un engraxador guineano que tiña ás miñas ordes naquel buque da Casa MAR do que penso que xa lle falara.

O, por mal nome, “negro Pepito” chegara a Vigo dende o seu Malabo natal, daquela Santa Isabel, despois de dar no camiño máis de mil reviravoltas que darían para unha novela do tamaño e o interese da “Historia de Tomás Jones, o expósito”. E coma as horas da garda na máquina son moitas, eu son daqueles que ás veces saben escoitar e o engraxador tampouco militaba na grea dos mudos, deseguida souben da súa boca algunha das cousas daquela vida que tantos xiros, cambios, voltas e viradas tiña.

Dixen antes que Xosé, que eu nunca quixen utilizar aquel aldraxante alcuño de “negro Pepito”, nacera en Santa Isabel[2] na illa Fernando Po. Dixen, e non sei se é de todo certo. Porque, polo menos no meu recordo, a máis antiga das historias que contou comeza na escola da Misión que os claretianos[3] tiñan en Banapá, hoxe un barrio de Malabo, onde estudiou as primeiras letras, pero tal cousa fala de onde naceu ao coñecemento e non de onde viu a luz primeira.

Contoume Xosé que, malia o total descoñecemento do castelán que tiña ao ingresar na Misión, berce que foi da obra misioneira claretiana na Guinea Ecuatorial, zafouse nas materias que tiñan que ver coa lingua, e brillou nas relacionadas co cálculo e as matemáticas, o que lle deu a oportunidade de ser escollido cando rematou as primeiras letras para ingresar na prestixiosa escola de carpintería que fundara, e dirixira ata o 1949, Lluís Sagarra, o misioneiro que, aínda sen estudios de arquitectura, foi autor dos proxectos e director das obras da catedral de Santa Isabel en Malabo, da igrexa de Batete e dunha chea de construcións de todo tipo na illa de Bioko. Podo dar fe de que tanto a carpintería en xeral como o cálculo de estruturas en particular, non tiñan segredos para o meu engraxador.

E dirá vostede, don Manoel: como un carpinteiro con tales habilidades chega a engraxador nun pesqueiro conxelador? E ten moita razón en preguntalo! Pero éche o que hai! Tantos anos de descoñecer a nosa propia historia imos coñecer o que sucedía nunha das máis afastadas das nosas colonias? Creo que xa o puxera sobre aviso das moitas reviravoltas que deu o Xose para chegar ata a Taberna do Mincha, e seguro que non faltará ocasión para relatar algunha máis.

Agora, se non lle resulta enfastiado don Manoel, volvamos á máquina do Mar de Labrador, e aos meus engraxadores. Un que xa coñece, Xosé o “negro Pepito”, e Mo Tzu ao que chamabamos Mozi, un chinés de procedencia descoñecida que entendía mal e falaba peor na nosa lingua. Xosé e Mozi non cadran ben en case que nada. Xosé fala un perfecto castelán, e aínda intenta con xeito adobialo con algunha expresión en galego, mentres que Mozi ten dificultades para entender o que se lle manda facer. Xosé é un gran profesional que anda decote coa orella posta ao que lle contan as máquinas, adiantándose aos seus desexos e necesidades, mentres que o de Mozi é unha penitencia para el, e para o resto do persoal de máquinas.

Os erros de Mozi coas máquinas ás que tanto estima Xosé son constantes. Un día que de erro pasa a barbaridade, Xosé intenta intervir para que a avaría non vaia a maiores, e Mozi o aparta con violencia mentres espétalle na súa case que inintelixible fala:

-  Fuxe de aí negro fedorento!

Daquela Xosé encolleuse de ombreiros, sorriu amosando aqueles dentes dun branco ferinte, e púxose a cantar:

El que me dijera negro

yo no me enojo por eso

porque negro tengo el cuero

pero blanco tengo el hueso.

E mire que lle digo don Manoel! Disque os galegos non somos racistas. E digo eu que todos somos racistas se chega o caso. E como afirmaba no conto das dúas portas do Memorial do Holocausto de Xerusalén, non existe unha porta para as persoas sen prexuízos raciais porque non hai persoas sen prexuízos raciais. Porque o racismo nace da inseguridade e do medo ao diferente, e xa sabe que, perdoando a expresión, “o que ten cu ten medo”.



[1] Illapu, cuxo nome no idioma quechua significa raio, é un recoñecido grupo chileno de música de raíz andina, que foi fundado en 1971 na cidade de Antofagasta.

[2] O nome actual da cidade de Santa Isabel é Malabo e o da illa de Fernando Po, Bioko.

[3] Os claretianos, oficialmente Congregación dos Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María, é unha orde misioneira fundada en 1849 polo arcebispo de Santiago de Cuba e confesor da raíña Isabel II, Antonio María Claret i Clará.

domingo, 10 de outubro de 2021

O home que amaba aos cans.


Mire que lle digo don Manoel! Viña pola nosa taberna, perdoará dona Sefa o posesivo!, pero algo nosa xa é, un home moi amante dos cans. Puxéranlle por nome Roque, e quero pensar que tal escolla non fora feita a mantenta, por ver se coma o santo collía afecto a tal especie animal, senón que nome e afección non eran senón unha de tantas casualidades nas que non cómpre procurar ocultos designios.

Mala cousa era falar de cans cando o noso Roque estaba diante! Porque como lle deixaras coller o fío era quen de dar máis leria que un batán falando e falando ata escorrentarlle á probe Sefa co toda a clientela da taberna.

- Ter can reduce a tensión e depresión e o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. −Argumenta o Roque, para ir facendo boca. −Aumenta a  autoestima e axuda moito a mocear! Por exemplo: a moza dos teus degoiros ten can? Pois xa está! O teu can achégase ao dela e contacto establecido! Que cando o can quere cadela moito esfarela! E coa vantaxe de que tedes moitos intereses comúns de que poder parolar!

E nunca falta quen acuda ao cebo, e responda:

-  Un can na cidade é un estorbo! Outra cousa é na aldea onde os deixas ceibes na era e de cando en cando lle botas auga para beber e algo para xantar.

-  Ter un can na cidade é unha regalía! Mantente novo e en forma! O teu can necesita xogar, ser paseado a miúdo. Fará que non teñas outra que manterte en forma para andar canda el, para correr tras del. E moito máis barato que un ximnasio!

Logo están os do argumento social-sentimental.

-  Coa fame que hai no mundo, non sei como sodes quen de gastar os cartos nun animal en troques de mercar alimentos para os nenos famentos de África!

-  Para os de África ou para os do Calvario, que tampouco pilla tan lonxe! Home, non sei ti, pero eu estou de voluntario nun banco de alimentos! Porque querer aos animais non che fai querer menos aos seres humanos; aínda que algúns deles o merezan pouco.

O noso Roque sempre ten o ás para matar o tres! E tamén ten respostas para os do “gato e can, mala parella fan”.

-  Pois onde estea un gato que se quiten tódolos cans!

-  Por iso se vende a vaca, porque a un gústalle o entrecosto a outro o solombo! Como di o adaxio “O gato é da casa, e o can é do amo”.

-  O gato irá a súa pero non o oculta. O can vai de leal pero tamén hai proverbio para iso: “abanea o rabo do can, non por ti senón polo pan

-  Logo non son tan distintos de nos! Pero non é certo que os cans sexa leais a quen danlles comida; non son leais a un comedeiro automático! O son ós que atenden as súas necesidades de todo tipo. Incluída a necesidade de afecto, que teñen máis desenvolvida que as propias persoas. Todo o que deas a un can cho devolverá centuplicado. Salvo os malos tratos! E sobre todo, nunca se afastarán do teu lado e menos en momentos difíciles.

Xa ve don Manoel que o noso Roque era daqueles de que “anque me botes os cans ó rabo, léveme o demo se deixo o nabo”, que podía seguir deitando proposicións, premisas e conclusións, inductivas ou dedutivas, horas e horas ata que o seu opoñente arriara a maior, pagara os chatos, e saíra da taberna xurándose a se mesmo non volver á do Mincha mentres o Roque estivera nela.

Acompañaba sempre ao Roque un can de ollos cheos de sabedoría canina, que atendía polo nome de Trotski.

-  Se vos fixades nel contaba ao que o quixera escoitar veredes que o nome élle ben acaído. Ten cara de chamarse como o revolucionario ruso. É a vantaxe cos cans e o problema cos fillos. A estes tes que elixir o nome antes de saber que cara van a ter, e se lle vai ou non a “quedar ben”.

-  Levas razón Roque! −sinalaba eu− Que cara de chamarse “Melampo” non ten ningunha!

-  Por moito que sexa o nome do can de San Roque! engadiu o Roque entre risas.

Chamar Trotski ao teu can non tiña nada de malo aínda nos tempos da ditadura. Coñezo máis dun falanxista que tiña un Trotski por mascota, e a práctica totalidade dos que tiñan un can con tal nome endexamais escoitaran falar de Lev Davidóvitch Bronstein nin de Natalia Sedova, alternativa axeitada cando o animal non era can senón cadela.

Un dos que estabas nestas era o Marcial, perdón!, don Marcial, fixera a súa fortuna coa guerra, denunciando e roubando terras e facendas. Camisa nova dos máis crueis e asañados, casou, ou mercou muller, que deulle varios fillos. Un deles foi a Compostela a estudar medicina e volveu co título e unha noiva da mesma profesión. Un día o fillo do Marcial e a noiva foron á aldea a coñecer ao resto da familia, os predios, leiras, eidos e veigas. O gando vacún e cabalar, e aínda os cans. Un destes cans, o máis cariñoso e falangueiro, o preferido de don Marcial, tiña por nome Trotski. A rapaza que ben sabía ás orixes da fortuna do seu futuro sogro, e as simpatías que pola revolución soviética tiña, pareceulle un curioso paradoxo que un home da fasquía de don Marcial lle dera tal nome a un can a quen tan ben trataba. E sen pararse moito a pensar nas posibles consecuencias, fíxollo saber ao seu futuro sogro:

-  Don Marcial, que curioso é que chame Trotski ao cadelo que máis estima ten.

-  E logo, rapariga? Que ten de raro o nome?

-  E que se chama como un dos líderes da Revolución rusa!

Don Marcial non deu chío. Foi ata o armario onde tiña as armas; colleu unha escopeta de caza, abriuna, púxolle dous cartuchos e meteulle un tiro na cabeza ao can.

-  Na miña casa non hai sitio para comunistas! -dixo por toda explicación.

A noiva ergueuse silandeira, recadou o bolso e a chaqueta que deixara riba do sofá, e cuspiulle con desprezo estas palabras:

-  Se aínda lle queda outro cartucho e quere matar a outro comunista agora é a súa oportunidade.

E mire que lle digo don Manoel! Quen mo contou non dixo en que remataron os amores do fillo do Marcial e a súa noiva comunista, pero eu quero pensar que xente estudiada ten o seu propio criterio, e o conto remataría como a cantiga:

Se non quer a túa nai,

e tampouco quere a miña,

en querendo ti e mais eu

temos a guerra vencida.

domingo, 22 de agosto de 2021

A maldición de Casandra.


Mire que lle digo don Manoel! Ben sei que en moitas, demasiadas, ocasións acabo sendo un daqueles vellos un pouco senís que se obstinan en osmar nos asuntos e sucedidos do pasado. Como fan os cans cos seus vómitos, teñen a teima de volver ao pasado a fozar nos acontecementos parcialmente dixeridos da súas peripecias persoais, sen outro propósito que poder convencer aos seus sufridos oíntes que todas as desgrazas que hoxe nos afectan xa foron no seu momento adecuadamente previdas nas súas prédicas.

O número dos que tal insufrible vicio practican está estes días a medrar como a mala herba. Os “xa volo dixen eu!” e os “víase vir!” dos aprendices de profeta medran coma o mofo no pan reseso, hoxe que europeos e americanos escapan de Kabul como as ratas abandonando á súa sorte a aqueles coitados que creron nas súas promesas.

Estes modernos Isaías, Xeremías ou Zacarías, tense por grandes arúspices, sen chegar a comprender que o importante é a credibilidade e non a clarividencia. Que pouca utilidade ten unha profecía se ninguén dálle credibilidade, e que o mensaxeiro sempre é máis importante que a mensaxe. Aquilo que vaticinamos é tan evidente que resulta completamente escuro, e ás súas orixes e causas tan evidentes que resultan absolutamente secretas.

Acertar nos seus presaxios é a maldición dos profetas. Non necesitamos a Casandra: dun xeito ou outro todos sabemos os comportamentos que estragarán o noso futuro. Con todo, nun marabilloso exercicio de inconsciencia, decidimos ignorar as evidencias e camiñar con paso firme cara a nosas propias desgrazas.

Recordo unha asemblea do partido. Penso que sería o ano setenta e seis, pois xa abandonáramos a estrutura de células por unha de agrupacións territoriais. Lémbrome que veu un camarada, ao que non coñecía, a contarnos o que se decidira nunha reunión do comité central que se fixera en Roma. A cousa era que se abandonaban as teses da «folga xeral revolucionaria» e a «ruptura democrática» a favor dun pacto reformista cos persoeiros relevantes da ditadura franquista, pacto que incluía a aceptación da monarquía, da bandeira «da galiña», e dunha transición sen memoria que mantiña os mesmos xuíces, os mesmos policías e os mesmos banqueiros, e aos nosos mortos tirados na cunetas.

Unha vez máis o análise da realidade da militancia do interior chocaba de fronte coas decisións do partido do exterior, moito máis proclive a confundir a realidade cos seus desexos. Recordo que un gran silencio e confusión seguiu a intervención do camarada do Comité Central. Timidamente agromaron algunhas mans para pedir a palabra. Logo máis. Logo moitas máis. Cantas delas para amosar a súa oposición frontal ás propostas do Central? Pois o certo é que nunca o chegaremos a saber porque a quenda de intervencións foi tan coidadosamente establecida pola organización, que despois da décima ou duodécima glosa á exactitude do análise da realidade e o providencial sentido histórico da dirección do partido, o número dos que mantiñan a opinión contraria a este viraxe táctico tendeu rapidamente a cero.

E mire que lle digo don Manoel! Sorprendentemente, (ou ao mellor non tanto), moitos anos despois, a práctica totalidade dos camaradas que asistiron a aquela reunión, e que persisten na súa militancia, empéñanse en contarme de como, pese ao xeral consenso, alzaron a súa voz vaticinando as grandes desgrazas que tal abandono dos nosos ideais reportaríanos, que por moito que intentaramos tapar cornos e rabo as urnas nos darían unha exigua representación, tratando mellor a aqueles que pasaran a longa noite de pedra de vacacións que aos que loitáramos e morréramos contra a ditadura, de como cumprírase a súa profecía, e de como daqueles pos virían estes lameiros.

Eu, consciente de que por moito que prediques, a xente vaise obstinar a mexar a barlovento, cando tal me contan sempre lles falo, sen vir moito a conto, da historia do vello aquel, que estaba sentado nun banco da Alameda mirando de fite para un mozo que estaba a facer filigranas cunha bicicleta. E tantas fixo o raparigo que ao fin deu cos seus ósos en terra, mancándose un pouco de máis.

- Vas caer rapaz!

Dille o vello con ton admonitorio. Ao que responde o noso ciclista.

- No te fode o profeta!

Ou como di a cantiga aquela:

Polo río andan as lebres,

polo monte andan as troitas,

se che parecen mentiras,

coma estas haiche moitas.

xoves, 12 de agosto de 2021

Cuestión de escalas!


Mire que lle digo don Paio! Que para frío, frío, dese que encrecha os collóns, o que pasamos en Copenhague aló polo ano oitenta e un. Creo que xa lle contara que despois dun curto período de tempo como Responsable do departamento naval da empresa onde comezara a traballar recén rematado o servizo militar, a alguén ocorréuselle pensar que iso do “departamento naval” era pouca tarefa, e nos deixaba moito tempo libre, que conviña facernos empregar, aínda que non fora máis que por amolar. Así que, por que non montar unha estrutura estable que aproveitara o potencial dos enxeñeiros que xa tiñan, para dar cobertura técnica a todo un conxunto de produtos que demandaban tal preparación para a súa axeitada comercialización? E como naqueles anos a ruptura entre un norte industrial e un sur de servizos era moitísimo máis acusada que hoxe, a citada organización callou soamente en tres áreas: Cataluña, Euskadi e Galicia. Como nunha sorte de Tripla Alianza, ou un pacto Galeusca, como o do mitin de Gernika de abril de 1933 que firmaron Riera i Puntí por Esquerra Republicana de Catalunya, Sabin Seijo pola Alianza Nacional Vasca, e Daniel R. Castelao polo Partido Galeguista. Ou xa postos, o concerto de Coruña de 1977, con Rafael Subirach, Mikel Laboa e Miro Casabella!

Xa ve don Paio! Tal fórmula tivo tan boa aceptación entre os fabricantes de material eléctrico que raro era o mes no que os tres Directores Técnicos non tiñan visita a algunha fábrica, de xeito tal, que de andar tanto xuntos merecemos o alcume de “os tres mosqueteiros”, ou máis ben o do  “trío da bencina”, os protagonistas daquela comedia alemá que contaba a historia de tres amigos que venden todo o que teñen para montar unha gasolineira. Pois concretamente dunha destas visitas é a anécdota que lle quero contar hoxe.

Como xa lle dixera foi alá polo 1981 cando fixemos a famosa visita ás fábricas de Danfoss en Dinamarca. Incluída unha visita á factoría de Carlsberg en Fredericia, na que nos encheron de cervexa de xeito tal que non nos víramos endexamais noutra coma ela. O último día de dita viaxe tiñamos o avión de volta á media mañá, e non queríamos marchar de Copenhague sen dar un paseo polas súas rúas. Se nos erguíamos cedo aínda poderíamos dar unha volta polos Xardíns do Tívoli, coller o H. C. Andersen Boulevard ata o edificio do Concello, (admirable unha nación no que o máis esgrevio dos seus fillos é un contacontos fillo dun zapateiro e dunha lavandeira), ollar por fora a antiga Bolsa, e se nos dabamos presa, botar unha ollada rápida ao pazo de Christiansborg.

Así que non serían nin ás sete da mañá que o “trío da bencina”, saía pola porta do Hotel Mercur.

- Manda carallo o frío que vai! Di Carlos Zabalo, que é de Bilbao, ollando para o termómetro Oito graos! Pois tampouco é tan baixa a temperatura.

Eu o miro de fite, sen poderme crer o que está a dicir.

- Carliños, non sería tan baixa se non fora porque os oitos graos de temperatura están na escala Fahrenheit!



venres, 6 de agosto de 2021

Onde hai eguas, poldros nacen.



Mire que lle digo don Manoel! Hai homes que son como mulas e homes que son como cabalos. Tamén os hai como burros, que son os mais, e os que máis forte ornean. Que nas terras, como a nosa, onde a cultura oral mantense viva, fecunda e feraz, os contadores de historias sempre tivemos unha certa querenza pola interpretación dos comportamentos das persoas por semellanza cos animais. E o que outros facemos con animais máis achegados ao noso coñecemento o Inocencio facíao cos cuadrúpedes, non en van tiña por profesión e oficio o de tratante de bestas.

Inocencio era de Pedornes, unha pequena parroquia do concello de Oia que vai dende a Punta Orelluda no mar aberto ata a monte de Corrubedo na Serra da Groba, serra onde por certo, o noso Inocencio tiña ás súas bestas. Ceibes no monte, “a besta brava, monte longo”, como é o común nestas terras salvaxes azoutadas polos ventos atlánticos, os seus cabalos “garranos”, pequenos de alzada pero fortes e graúdos; un pouco de máis cabezudos para o seu tamaño, pero ideais para percorrer sen cansazo ás máis longas distancias levando pesadas cargas. E estabulados os burros fariñeiros, que son presa máis doada para os lobos do monte, e queren de máis protección.

Como bo tratante deste tipo de gando, Inocencio non faltaba ás feiras da Pascua en Padrón, ás da Ascensión e o Apóstolo en Santiago de Compostela, ao San Lucas en Mondoñedo, a Feira de Santos en Monterroso ou ao San Martiño no Faramello da que din que aí vén San Martiño co seu cabaliño. Pero algo debía ter en Bouzas, deste ou doutro tipo de gando, que raro era o mes no que faltaba á súa cita co Monterrei do Mincha e a ración de polbo da Fina.

Un destes días, quero pensar que foi a finais de xuño, polo que xa pasaran as “rapas das bestas" da Valga, segundo domingo de maio, Torroña, primeiro domingo de xuño, e Mougás, segundo domingo de xuño, cando entrou pola porta, co seu característico alancar, o noso Inocencio.

- A ver Fina! Pon aquí unha cunca máis para o noso amigo Inocencio. Aínda que debera ser el quen pagara uns netos, que non se deberon dar mal ós curros de Oia!

- Bo día teñan os da confraría! Vontade de corresponder non falla! E das feiras, tampouco serei eu quen me queixe de que foi máis o gasto que o proveito. Algo de todo houbo que sempre hai xentes para o “besta que non poidas manter débela vender” e para o “besta que non poidas pagar, deixala pastar”.

Inocencio, ben o ve don Manoel!, era deses homes que levan no seu interno todo un almacén de refráns, adaxios, proverbios e sentenzas, alfaias da sabedoría popular. E que cando abren a boca para falar comparten o seu tesouro da nosa fala con total naturalidade. Non como o pode facer un home estudiado, coñecedor do seu inmenso valor etnográfico e lingüístico, senón como aquel que o mamou co leite da súa nai, e que non lle da outro valor que o da ferramenta de comunicación cos demais. Teño que recoñecer que foi grazas á Sefa, que xa dende ben cativa andaba a axexar ás nosas conversas con lapis e papel na man, que aprendín a darlle valor a aquelas cousas de “cabalo corredor, home rifante, vaso de vidro e cántara de viño, sempre están en perigo” ou “a boa man, dun faco fai un cabalo, e a ruín, de cabalo fai rocín”, que o Inocencio pronunciaba sempre no intre máis axeitado e como comentario máis acaído.

-  E logo Inocencio? Que se vende máis: cabalos ou asnos?

-  De todo hai na feira, don Antonio! Cabalos, asnos, e mulas que non falten!

-  Mulos ou mulas, Inocencio?

-  Cousas de costumes don Antonio. Nos cando a mula é macho, chamámoslle macho e cando é femia, mula. Tamén a denominación de besta que se chama a calquera dos équidos, tamén aplícase especificamente á egua...

- E que xa se sabe que as femias sonche moi bestas! −Apunta o Antonio con sorna, para tirarlle do aire a nai e filla que andan nas súas tarefas, pero coa orella posta.

-  Non sei que lle diga don Antonio, que o falar non ten cancelas, e que o que fala mal das mulleres é que ao mellor non tivo nai.

- Non mo tomes a mal Inocencio! Que non tiña outra intención que enguedellar ás mulleres desta casa!

- Desculpas aceptadas don Antonio. Eu como home de aldea son fillo de moitas ignorancias pero tamén pai de moitas sabenzas. E ben sei que o mellor do que somos ven da nosa nai. Cando cruzas un burro e unha egua o resultado é unha mula. Cando é un cabalo cunha burra o resultado é un burreño, máis pequeno e máis débil que a mula.

- Pois iso si que non o sabía! E como os distingues?

- Algúns din que unha mula ven sendo como un cabalo con patas de burro, e o burreño un burro con patas de cabalo.

- Home, pero onde estea un cabalo que se quiten as mulas!

- Pois depende, don Antonio, depende! Segundo para que! As mulas teñen unha gran forza física e unha tremenda resistencia ao traballo e ao cansazo; teñen os cascos máis fortes que os cabalos e mostran unha resistencia natural a moitas enfermidades e insectos que non teñen os cabalos. Ademais a mula é un animal sobrio que se conforma cunha alimentación menos abundante e máis  frugal que o cabalo, e que pode soportar os climas máis infames sen diminuír o ritmo do seu traballo.

- Non me digas Inocencio que hai algo mellor que un cabalo! Esa nobreza, ese moverse sempre máis pola paixón que polo raciocinio, esa obstinación por acadar o que se propón, ese orgullo do xesto, ese idealismo, esa preocupación polo seu dono, esa intelixencia ...

- Intelixencia que eu non nego, pero como ben saben os que traballaron cuns e outras, a mula é máis intelixente que o cabalo.

- Máis túzara, quererá dicir!

- Os que din que a mula é un animal testán e  obstinado, é por algunha experiencia con elas que non souberon interpretar. A mula ten un instinto de conservación tan agudo que endexamais se expoñerá a ningunha situación que ela perciba como de perigo. Déixenme que lles conte unha historia do meu avó que estivo na guerra do Rif.

Mulas e cabalos

(Fala o Inocencio)

Non sei se saberán, meus señores, que alá polo 1912, eses veciños do norte que en tanta estima nos teñen, con moito tino e moi mala sombra, cederon a España a administración dunha franxa de territorio do norte de Marrocos. O mellor do país: uns 20.000 km² de deserto que incluían a rexión montañosa do Rif. A algúns dos gobernantes locais a cousa, mandara Xan mandara Perillán, tanto lles tiña mentres alguén pagase os seus vicios, pero aos máis afervoados dirixentes espirituais dos rifeños das kávilas os soldaditos españois xogando á guerra no seu sagrado territorio era como un pelo, grande coma o corno dunha vaca, no cu.

A ocupación da zona norte do país non foi como sacar pallas dunha albarda. As tropas españolas, tiveron moito que batallar contra un inimigo que rara vez presentaba batalla frontal. Un exército que non era tal, sen barcos nin avións, e sen máis artillería que a que toma pola forza ao exército español, un exército desorganizado e corrupto nos seus mandos, e desmoralizado e mal alimentado nos seus soldados, aterrados diante da ferocidade do inimigo e co soño de volver vivos ás súas casas como única arela.

O exército español intentou controlar o territorio construíndo en lugares elevados unhas pequenas fortificacións coñecidas “blocaos” (do alemán blockhaus). A estes bastións feitos con madeira e sacos terreiros, na teoría facilmente desarmables e transportables para poder armalos onde mellor conviñera, serviu coas súas mulas o meu avó Inocencio, cuxa herdanza de nome e profesión levo con orgullo. Dicía o avó Inocencio que a aplicación do blockhaus alemán á realidade da guerra do Rif fora un verdadeiro desastre, pois para poder ser transportable era necesariamente pouco resistente, o que xunguido a práctica ausencia de terra coa que encher os sacos, representaba unha exigua protección para os soldados que defendían a posición. E o peor de todo! Nunha terra como o Rif, e situados nos lugares máis elevados para controlar unha importante porción de territorio, a auga era un enorme problema. E unha de dúas, ou ían os soldados a buscala a diario facendo percorridos de varios quilómetros, ou dispoñían un sistema de reparto de auga a lombos de mulas. No primeiro caso os rifeños non tiñan máis que agardar agochados a que saíran os soldados para cazalos como a patos.

E no segundo? Pois no segundo depende! E se pregunta de que depende, don Antonio direille que do muleiro, e do caso que lle faga ás mulas. E non é o primeiro que o pregunta, que antes que vostede picoulle a curiosidade ao Capitán, que o vía regresar indemne de onde tantos caeran. “Escoitar ás mulas, meu capitán”, disque respondeu o avó ao seu interrogatorio. “E logo, falan as mulas?”, insiste o Capitán. “Non con palabras, pero si que avisan do perigo!” O Capitán non quedou moi convencido pero o Coronel que era de cabalería e amante das bestas propuxo ao meu avó para unha condecoración, que aínda teño na miña casa pendurada na parede.

Ao día seguinte do desastre de Annual, o 23 de xullo de 1921, unha columna duns 3.000 soldados ao mando do xeneral Felipe Navarro abandonaba a praza camiño de Melilla, onde non chegarían nunca. Manter unha certa orde na retirada cando os centos de cadáveres masacrados o día anterior están expostos ao seu paso, e o “pa-co” dos fusís dos rifeños é un vento de morte nos seus ouvidos, é case que misión imposible, e a formación desfáise como un terrón de azucre nun té quente. O tenente coronel Fernando Primo de Rivera que manda o Rexemento de Cazadores Alcántara número 14, toma unha decisión: a única posibilidade de manter con vida aos homes da columna do xeneral Navarro é lanzarse nunha carga suicida contra o inimigo, carga que todos eles, homes e cabalos, saben que vailles custar a vida. Oito días despois a maioría da columna de Navarro está momentaneamente a salvo na fortaleza do Monte Arruit, escoltada polos poucos xinetes, e menos cabalos aínda, sobreviventes do rexemento Alcántara.

Xa ten don Antonio, unha historia de mulas e unha de cabalos. Cada unha delas ten a súa ensinanza. Vostede escolla das dúas a que máis lle conveña ao seu ser de mula ou de cabalo.

E mire que lle digo don Manoel. Eu ben quixera ser como esas mulas que herdan o mellor de cada un dos seus proxenitores, que como parece ser que escribiu Charles Darwin:

"A mula paréceme o animal máis sorprendente. Que un híbrido presente máis razón, obstinación, memoria, apego social, resistencia muscular, e duración da vida que calquera dos seus proxenitores parece indicar que a arte superou á Natureza"