Amosando publicacións coa etiqueta fulespín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fulespín. Amosar todas as publicacións

domingo, 16 de setembro de 2018

Moito de gheada e mais de seseo



Mire que lle digo, don Manoel! Na taberna do Mincha, igual que no resto dos lugares de encontro do Bouzas dos anos cincuenta, a mais da xente utilizaba para falar aos seus iguais ese galego noso das Rías Baixas, con moito de gheada e mais de seseo, adobiado de termos e expresións mariñeiras, cunha miguiña de castelán e algunha que outra palabra de procedencia inglesa como croques por berberechos ou expresión como o de cruzar a ría a fulespín.

Estou a falar dos cincuenta, anos nos que os autores das prédicas do “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro” xa chegaran á conclusión de que, por moito que mallaran no lombo daquelas xentes non conseguirían que deixaran de falar el español de xeito tan peculiar, e que as desfeitas que perpetraban coa lingua de Cervantes non eran debidas a falta de patriotismo senón de luces, porque eran xentes sen educación nin cultura, e o contido das súas cacholas tampouco lles daba para moito mais. Así que “Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino” pero con esta xente todo esforzo é inútil, e mellor dedicar os nosos fervores a tarefas de mais alto alento.

E se falares na taberna do Mincha tratamos, cousa de comentar eran os de Fina e Farruco coa súa filla Sefa, non tanto pola ausencia dos atributos antes citados na pronuncia do galego, nas terras de Monterrei non hai nin unha nin outro, senón polo feito de que o idioma utilizado para dirixirse a ela era, invariablemente, o castelán. Ou, para ser mais precisos, o castrapo que a mais non chegaban no seu afán de parecer ilustrados. Era cousa de ver como, sen case que se decatar, pasaban de falar cos clientes ou parrafear entre eles en galego a darlle á Sefa calquera indicación ou aínda berro de advertencia en castelán!

Seguro, don Manoel, que o que lle conto non ten nada de novo para vostede, que, aínda que non no seu caso, que ben sei que vostede ven de familia castelán falante, o terá observado a cotío ao seu redor. E, ao mellor, tamén se terá preguntado cómo foi o proceso polo que chegamos a convencernos a nos mesmos de que o galego é unha lingua inculta que non val mais que para falarlle ás vacas, e, pola contra, o castelán é a da xente normal, da xente con educación, a lingua que compre saber para medrar na vida! Lingua proletaria do meu pobo, dixo o poeta, e quen sabe se ese é o problema, que asociamos o uso do galego á miseria, e deixamos de falarllo aos nosos fillos porque queremos para eles o mellor, que triúnfen na vida, e para ese labor o galego é mais baldón que honra, mais atranco que axuda! Chegar a un determinado nivel social implica para esas xentes o abandono do galego.

Veume agora as mentes o que contoume o outro día a Laura, a rapariga da que xa lle falara que ten un posto de peixe no Mercado de Bouzas. Laura adoita non facer caso das rexoubas e cubilladas das clientas, pero desta tivo confirmación de seu! A cousa vai de dona Ascensión, unha rapaza ben farruca que casou cun vellote maragato de moitos cartos. O seu ascenso social e o repudio da fala dos seus devanceiros foi todo un. O problema é que o novo idioma que pretendes usar ten as súas propias regras e vocabulario! Así que non é de estrañar que o día de autos, cando quixo interesarse polo prezo do peixe que lle enchera o ollo no posto do mercado de abastos de Bouzas, lle saíra a expresión que tanto fixo rir a Laura.

-          Mira que te digo Laura! A como tienes hoy el ojomuel?   

Si don Manoel. Os verdadeiros responsables do problema da lingua galega somos nos mesmos! Que se fora certo o relato que nos venden algúns no que toda a responsabilidade do pouco emprego que ao galego lle damos a cotío, é dos Reis Caóticos e de Franco a partes iguais, a lingua estaría a salvo! Porque tanto Franco como os católicos reis fai anos que dormen o sono sen acougo dos tiranos. Somos nos cando comezamos falándolle en castelán aos descoñecidos, cando empregamos o galego so para algunhas das nosas relacións, cando abandonamos o galego á primeira dificultade, cando non forzamos a respondernos en galego aos que teñen o deber de utilizalo.

E mire que lle digo, don Manoel. Cando a Sefa enfermou de Alzheimer e a doenza a fixo regresar á mocidade onde moraban as mais fondas das súas lembranzas, esqueceu o castelán e volveu a falar á súa filla Fina como cando a tiña no colo. Ceibe xa de medos, de desconfianzas, de ambicións, de finximentos, esquecida de toda outra consideración que non fora o amor á súa filla. Cantándolle miudiño unha cántiga.

Dáme da pera que comes,
Da mazá, un bocadiño;
dáme da boca unha fala,
do corazón un cariño.