Amosando publicacións coa etiqueta herba de namorar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta herba de namorar. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de xullo de 2018

Eu cantares sei un cento.



Mire que lle digo, don Manoel! Eu de amores seille tanto coma de albardar ratos, pero o demo, cando non ten que facer, sacha os nabos antes de nacer, e ben se me alcanza que se a semana seguinte xa están no seu posto os gaiteiros de sempre, e o João non falta ao baile, pouco espilido ha de ser para que non repare en que a mais garrida moza de Campobecerros esmorece porque a saque a bailar! Porque, don Manoel, eu non tiven o gozo de coñecer á Fina nos seus anos mozos pero, como gusta de dicir o Eladio, ben se ve pola vaca como foi a xovenca, e seguro que non era daquelas que teñen que darlle a beber ao mozo a quen queren atraer mais licor que o dos seus ollos!

E fálolle de dar a beber un licor ao mozo para o namorar, porque moitos dos vellos costumes e tradicións coas que as mozas procuran engaiolar aos mozos para que as pretendan teñen que ver con beberaxes preparados a este fin con viño ou augardente mesturado con cinza de queimar un guecho de cabelo da moza, ou pingas da cocedura de osos de defunto, e aínda de sangue do período. As rapazas de Bouzas son un pouquiño mais finas e delicadas; recollen no solsticio de verán herba de namorar nos cons das praias e a poñen nun dos petos do home a quen queren conquistar, sen que este se decate.

Outras tradicións presentes en moitos lugares da nosa terra é o de facer nós nas xestas que rodean certas ermidas como a da Santa María da Franqueira no concello da Cañiza,na Paradanta,  ou a de San Antón no concello de Gomesende, nas terras de Celanova. Se a moza logra facer o nó cunha man soa, é sinal de que casará nese mesmo ano.

Dende o alto da Cañiza
Vexo o coto da Franqueira
As mozas que atan a xesta
Non van alá mais solteiras.

Tamén nalgunhas capelas coma a de San Eliseo, ou a de Santo Antonio, hai o costume de que as mozas tiren unha pedra que ten a forma do peletre da mariola a un pozo cunha boca moi estreita que hai nos arredores, dicindo:
San  Eliseo, casar quero...

Se a pedra entra pola rendiña é sinal de que a rapaza casará aquel ano.

Os santos casamenteiros teñen, don Manoel, un traballo moi especializado, e compre saber a quen dirixirse consonte os casos. Por exemplo as viúvas, se quixeren pedir un novo casamento deben dirixirse a Santa Ana, que é quen sabe dese oficio. As moi feas e deformes deben dirixir as súas preces a San Xudas Tadeu, que é o santo das causas desesperadas e perdidas. Para aquelas que xa non están na súa primeira xuventude o seu avogado é San Bento de Palermo para os do norte de Galicia e San Gonzalo de Amarante para os miñotos.

San Gonzalo de Amarante
Casamenteiro das vellas
Por qué non casas ás novas
Que mal che fixeron elas

Traballo especializado e de risco!, engadiría eu! Polo menos no caso de Santo Antonio que ocúpase das rapazas novas. Porque cando cando o santo non lles concede o que pediran quítanlle as veas acesas que lle ofreceran, e o castigan en efixie azoutando, salpicándolle viño por riba, picándolle con alfinetes, atándolle unha corda ao pescozo, meténdolle nun pozo ou poñéndolle mirando contra a parede.

E mire que lle digo, don Manoel! Contan en Portugal que Santo Antônio e São Gonçalo rifaban porque cando aínda non se establecera con claridade as competencias dun e outro, as mozas casadeiras pedían a intervención dun santo sen ter en conta a especialización citada. Di o poema:

Santo Antônio ficou bravo
com Jesus foi reclamar:
- Em assuntos de noivado
e casório ao pé do altar
São Gonçalo ainda acaba
ocupando o meu lugar...
O Senhor sorriu e disse:
- Toniquinho, não esquenta:
Você casa as que têm vinte,
ele casa as de cinquenta
Você para em vinte e nove,
ele assume até os noventa
Pois não é que o tal acordo
fez o céu se encher de graça?
Os dois santos se abraçaram
e até hoje, sem pirraça
Santo Antônio acode a uva,
São Gonçalo, a uva passa

(A Disputa de São Gonçalo com Santo Antonio pela Proteção das Encalhadas. Oswaldo Rios e Fabio Sombra)