martes, 20 de febreiro de 2018

Marcando o paso


Mire que lle digo don Manoel! Pode chamarme conspiranoico pero teño para o meu caletre que todo isto da letra da marcha real, que himno nono foi endexamais, está argallado polos que de verdade mandan, e que xurde neste intre e neste lugar concreto, a capital do a por eles!, para agacha-las vergonzas deste desgoberno de corruptos, coma un capítulo mais da comedia do 1-O, que xa na data levaba escrito o resultado, coa que nos teñen enguedellados e desmobilizados.

Porque, mire que lle digo don Manuel, se esa rapariga, á que lle brillan dous colores no seu corazón, e polos que non pide perdón, malia o dístico atroz, ama tanto a esa patria na que deus, con especial munificencia, a fixo nacer, ben podía amar tamén ao resto de habitantes desa Hespaña, con hache aspirada, na que quere que lle garden un sitio para descansar, e pagar aquí os seus impostos.

Teño unha herba na horta
Que lle chaman o desdén,
Cantes o que cantes, moza
A min pouco che me ten.

mércores, 14 de febreiro de 2018

Descoidos e descoidadores

Mire que lle digo don Manoel! Leo hoxe na prensa que aquel home que foi un día a esperanza de moitos e que logo cambiou a chaqueta de pana pola de alpaca, declara, farruco e farfallán, que “non admite que haxa, en España  un fenómeno de corrupción política, senón que mais ben trátase dun “descuido generalizado". E razón ten don Manoel, porque descuido é o que fan os descuideros, e descuidero, segundo a RAE é o ladrón que adoita roubar aproveitándose do descoido alleo. E descoido é o menos grave que pódese dicir do pobo español que comicio tras comicio, votación tras votación, segue a preferir a inxustiza ao desorde, a escoller a ladróns profesionais mellor que afeccionados, que coma dicía aquela velliña nas primeiras eleccións xerais:

-    Eu voto polos de sempre, que son ricos e xa roubaron abondo. Que os meus, coitadiños, non teñen mañas nin para retirar a baraza da buxaina!

Moitos chaman a iso sabedoría popular. Eu non. Porque ben sei que somos moito de “agua, ajo e resina”, de que os que non son corruptos é porque aínda non tiveron ocasión, e de que non paga a pena indignarse porque non se pode cambiar nada. Cousas todas elas que serían para rir se non foran para chorar coma fontes, sinais de que, coma dicía aquel, cando o sabio sinala a lúa o necio mira ao dedo.


E, mire que lle digo, don Manoel! Mentres sigamos a falar moito dos corruptos e nada dos corruptores, eses modélicos emprendedores que non saben gañar se non é facendo trampas no xogo, seguiremos dando voltas coma estornelas sen avanzar nin un solo paso na dirección correcta.

luns, 5 de febreiro de 2018

A voltas coas oenegués

Mire que lle digo don Manoel! Faga vostede cos seus cartos o que lle pete, que para iso os gañou con moitos anos de traballo honrado, pero eu non sonlle moito de oenegués. Tampouco son dos que pensan que todas elas son iguais mais o que faime andar mais inquedo que unha galiña sen endego é a ideoloxía que se agocha detrás delas. Que coma di vostede, don Manoel, neses latíns xesuíticos: excusatio non petita accusatio manifesta! Ou, a que ven logo, proclamar a súa independencia dos gobernos? Porque esa afirmación sóame coma palabra de santo e bota-las unllas coma o gato, que aínda sei distinguir entre goberno e poder.

Ben sei que algunha xente opina que as oenegués son unha forma de superación do estado, de construír a sociedade civil, de convencer ao pobo da necesidade non sentarse a agardar as esmolas do poder, de organizarse ao marxe do sistema para poder chegar un día a tomar o poder nas súas mans. Respecto pero non comparto. Para o meu entender, as mais das oenegués son o alcaiote da ideoloxía neoliberal, propagadores da prédica funesta de que os gobernos non teñen a obrigación de procurar o benestar a todos os seus cidadáns.

Tamén iso que di é certo: se os gobernos non cumpren a súas obrigas polo menos que haxa alguén que faga algo. Non serei eu o que negue a necesidade de apoiar a esas oenegués que poderíamos chamar cirúrxicas, pola gravidade das situacións nas que interveñen. Como quedar coma quen oe chover estando un a cuberto, diante da fame, a desnutrición, a morte e a desgraza! Pero sempre mantendo clara como ollo de galo a conciencia de que as mais desas situacións de emerxencia humanitaria son as fillas non recoñecidas do atraso, o analfabetismo,  e o crecemento demográfico descontrolado que favorece o saqueo das economías desvalidas polos mesmos que financian esas oenegués, coa necesaria complicidade dos cleptómanos gobernantes locais, afeccionados ao patriotismo de grandes bandeiras e maiores contas opacas nos bancos suízos.

E mire que lle digo don Manoel! Que non serei eu dos que sosteña que tódalas oenegués son gobernadas por ladróns, e que todos son fillos putativos do Banco Mundial, pero si que os poderosos aproveitaron as oenegués para arruinar os sistemas de seguridade social pública, e foron utilizados para despolitizar ás vítimas das políticas económicas neoliberais, destruír o sentido do público coma o de todos e neutralizar líderes sociais emerxentes co acreditado método que di:

Quen parte e reparte garda para os seus a mellor parte