Amosando publicacións coa etiqueta Austin FX4. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Austin FX4. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de xuño de 2017

Aileen a de louros cabelos.

Mire que lle digo, Don Manoel! Con toda esta barafunda de historias que lle veño relatando xa non sei se chegueille a contar a de Aileen, a noiva de louros cabelos que coidaba do noso Tiniño no Mercy Hospital de Cork, cando a manobra de largado do aparello rompeulle a perna. Non llo contara? Logo terame que perdoar Don Manoel, pero a miña memoria anda mais leada cun palangre, e por veces, cousa do viño ou dos moitos anos, non sei ben se o que lle conto é vivido ou soñado.
Mais vaimos ao conto, non vaia ser que colla o fío doutra madeixa, e acabemos falando do tempo, que compre sacar da cabeza algo mais que piollos! A cousa é que nunha das veces que tocamos porto en Bantry para unhas reparacións de urxencia, cinco ou seis meses despois da fractura da perna do Tino, atopámonos, agardado por nos, unha carta do gaiteiro anunciándonos a súa voda coa enfermeira que o coidara todos estes meses no Hospital de Cork.

Coñecendo ao Tino, coma eu o coñecía despois de tantas horas contándome as súas venturas e desventuras, a noticia non tiña para min moita credibilidade, así que, fiándoo todo á preguiza dos mecánicos na reparación da avaría, deixámolo barco e tomamos o coñecido Austin FX4, voando cara a Cork coma se nos puxeran un foguete no cu.

Atopamos ao gaiteiro practicando coa muleta no patio do Hospital. Alegrouse moito de vernos, e dos nosos parabéns. Menos das mofas e escarnios que se lle fan adoito aos que van cambiar de estado, mais capeounas sen dar nin chío, cun medio sorriso na comisura da boca. Cando os compañeiros marcharon a molla-la palleta nun Pub da veciñanza, o Tiniño e mais eu fomos dar unha volta polo xardín e a falar mais devagar coma tiñamos por costume a bordo.
Entón abriu o peito e contoume que un par de meses atrás Aileen o invitara a unha festa e nela, diante de tódolos mozos solteiros de Cork, ou boa parte deles, ofreceulle auga para lavar as mans. El lavounas sen nada sospeitar, para quedar abraiado cando os convidados puxéronse entre berros e risas a bater as mans, a bicar a moza e a darlle fortes petadas no lombo a el, e a darlle nun idioma que non era inglés algo que parecían parabéns. Esa noite Aileen contoulle do costume ancestral co que a muller escollía ao seu compañeiro entre tódolos solteiros presentes, o ritual que facía público o compromiso da parella de enlazar as súas vidas para sempre, apoiándose o un ao outro fronte a tódalas treboadas da vida. Faloulle tamén da cerimonia de Unión de Mans, na que o noivo colle coa man dereita a da noiva e a noiva coa esquerda a esquerda do noivo formando os dous o símbolo do infinito. E do vestido branco a da coroa de flores de lavanda nos seus cabelos, do costume de casar usando algo azul, algo novo, algo usado e algo prestado. E a de pasar os trinta días despois da voda bebendo hidromel e facendo o amor ininterrompidamente.

E, mire que lle digo Don Manoel! Eu mireino de fite en fite, porque o gaiteiro contábame aquelas cousas coma se lle sucederan a outro que non era el. Cunha sorte de afastamento da realidade, coma se estivera a vivir nun soño, que en calquera intre podía trocar en pesadelo. E véuseme as mentes aquela cantiga que di:

Quen che dixo a ti loureiro
Que es o pau das culleres
As mentiras son dos homes
E as verdades das mulleres.

luns, 23 de xaneiro de 2017

No Mercy Hospital de Cork

Mire que lle digo, Don Manoel! Aquela imprudencia do Averomar, na manobra de largado do aparello, estivo a piques de custarlle a vida, pois nesas augas ir pola borda era caer directamente no sartego salgado. Porén, como na pedra imán, todo o que sucede ten dúas caras, unha mala e outra boa, e do accidente o noso Tiniño sacou unha cousa mala, unha perna rota, e unha boa, un romance cunha linda enfermeira, que contarei mais adiante, porque o conto quere agora que, coa ladaíña de maldicións do patrón contra dos mariñeiros de cadabullo que andan decote apampados fungando nas orellas, poñamos rumbo ao porto de Bantry, ao que arribamos catorce horas despoís. No peirao estaba a agardarnos un Austin FX4, daqueles que se usaban en Londres coma taxis, que levoulle ao Mercy Hospital de Cork, que daquela, en Bantry, onde facíamos base, non había mais que para facer as primeiras curas. O Tiniño estaba medio desmaiado, da dolor da longa viaxe, e aínda así nin a morte houbera sido quen de arrincarlle a gaitiña das súas mans. Mais cando a enfermeira, un anxo louro de peitos coma mazás, ao deitalo nunha cama branca coma o leite, pediulle a súa gaitiña para a gardar no armario, o noso Tiniño  abriu os brazos e deixouna ir con ela. E mire que lle digo, Don Manoel, non sei ben por qué, véuseme ás mentes a copla:

Ao son da miña gaitiña
as nenas hei de levar-e,
as tontiñas sonche elas
que se deixan enganar-e