Mire que lle digo, don Manoel! Xa ten o señor alcalde de Vigo un xoguete
novo! Cansou do dinoseto, cansou do Bernardo Alfageme e agora os reis, que el
republicano non é, trouxéronlle un tranvía para xogar. Un tranvía sen vía pola
que circular, por suposto! Un tranvía con pantógrafo pero sen rede eléctrica na
que se conectar. Un tranvía sen pasaxeiros pero con moreas de visitantes ben
dispostos ao exercicio da nostalxia, que non saudade nin morriña, que todos
eles son sentimentos de tristeza, mais a morriña o é do lonxe concreto, a saudade
do lonxe impreciso e a nostalxia de algo querido que se perdeu.
E o tranvía de Vigo se perdeu, ou o perdemos, naquel ano de 1968, cando o
alcalde de Vigo, don Rafael Portanet
Suárez, do que din que era de Cangas sen outra razón de mais peso do feito
de que nacera alí, revogou a concesión do transporte público á Compañía de
Tranvías, aducindo que aqueles montóns de chatarra de ferro eran un atranco
importante para o desenvolvemento da cidade. E algo de razón non lle faltaba, pero
a súa preocupación non era tanto pola eficacia na mobilidade da cidadanía, que as
moitas liñas do tranvía acadaban con eficacia, senón da mellora das finanzas
dos seus valedores no Goberno, e súas propias.
Si, don Manoel! O seu valedor, ao que don Rafael debía o seu cargo de
alcalde de Vigo, non era outro que aquel tenente coronel amigo íntimo de don
Francisco, ferrolán coma el, traidor como el ao xuramento de fidelidade á
República, ao que chamaron con toda xustiza don Camulo, pola súa afección a matar o can para curarlle a rabia, e a
fusilar periodistas mellor que pechar xornais, e a súa concepción de que gobernar é castigar. Coma tantos outros
da súa especie, todo o que don Camulo
tiña de león na rúa o tiña de cordeiro na casa, que dona Ramona era asturiana e
filla de xente de moitos posibles de Noreña. E, a que ven todo isto?, dirá con
todo merecemento. Pois a que a empresa Viguesa de Transportes, Vitrasa,
adxudicataria da concesión do servizo de transporte, inxustamente revogado a
Tranvías de Vigo anos antes da súa extinción en 1975, fora formada pouco antes
en Asturias polos Rodríguez Bustelo, a familia de dona Ramona, a muller do
agora xeneral!
E, mire que lle digo don Manoel! Agora o señor alcalde, da manciña da
compañía beneficiaria da cacicada, invítanos a facer un exercicio de amnesia
colectiva e subirnos a un tranvía de Zaragoza, que toda a terra éche país!, e que
por moito que pinten de branco e vermello e enfeiten de madeiras nobres no seu
interior, ten cos tranvías que deixamos podrecer nos recheos da avenida da
Florida a mesma semellanza que un ovo ten con unha castaña. Se a idea dos
responsables da desfeita era a de “render homenaxe ao tranvía como un dos
primeiros modelos de transporte colectivo na cidade” na miña opinión o conseguiron
na mesma medida que co Bernardo Alfageme.
Se daquela conseguimos transformar o derradeiro buque construído con
roblóns na ría nun arremedo soldado para decorar unha rotonda, agora, cun tranvía
de Vigo que nunca será tal, levantaremos un novo monumento para o goce
intelectual desa manda de túzaros que nin coñecen a historia da cidade que
habitan nin teñen por ela o mais cativo interese.
Alá eles, que eu son de
Bouzas!
Esquecíchesme,
esquecinche,
á
min pouco se me dá;
á
pena que ti me deches,
outro
xa ma quitará.