Amosando publicacións coa etiqueta Alcabre. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alcabre. Amosar todas as publicacións

sábado, 22 de xaneiro de 2022

Don Pésimo e don Óptimo


Mire que lle digo don Manoel! “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades”, que lle dicía eu estes días a conta do relato da Maruxa, o xílgaro de Santa Baia de Alcabre. Lle dicía eu, citando un dos sonetos máis coñecidos do poeta portugués don Luís Vaz de Camões, quero supoñer que escrito nunha das fase mais melancólicas da súa vida.

Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades,
Muda-se o ser, muda-se a confiança;
Todo o mundo é composto de mudança,
Tomando sempre novas qualidades.
Continuamente vemos novidades,
Diferentes em tudo da esperança;
Do mal ficam as mágoas na lembrança,
E do bem, se algum houve, as saudades.

E non me pregunte o por que memoricei o soneto enteiro cando estou en total desacordo coa visión agoirenta e pesimista do poeta de Os Lusíadas. “Continuamente vemos novidades” afirma cheo de razón ... no século XVI! Pois non lle digo nada se tivera que vivir no XXI e aprender a pelexar coa banca dixital, os teléfonos espelidos e sobrevivir no internet das persoas e das cousas! Que non digo eu que nos seus días o mundo non estivera cheo de mudanzas, que cada século ten a súa velocidade de cambio, pero aínda que o poeta escribira o seu soneto cando a xuventude xa quedara atrás, morreu con 56 anos, o que non creo que fora “terceira idade” nin tan sequera no seu século! E aínda se tal cousa fora certa, que teríamos que dicir nos de tales avances? Os que, como no meu caso, estamos, non no que hoxe chaman cuarta idade, senón máis ben na quinta!

Para rematar o segundo cuarteto co de Do mal ficam as mágoas na lembrança, e do bem, se algum houve, as saudades. Cando é ben sabido que a lembranza tende a dulcificar ás mágoas pretéritas e a situar os trunfos persoais na súa xusta medida! Teño para min que o poeta, ou ben pensaba que a melancolía, o decaemento, a languidez e señardade tiñan máis valor literario que a ledicia, a diversión, euforia e xúbilo, ou viña sendo un pouco como don Pésimo, aquel personaxe do gran debuxante Escobar, nos tebeos dos anos sesenta.

E un digno émulo de tal personaxe e do seu complementario, non podían faltar entre os clientes da taberna, que xa sabe don Manoel que na do Mincha, espazo que un día chamou microcosmos tabernario, haiche de todo como en botica. 

O don Óptimo da citada historieta do Tío Vivo, viña sendo o Servando, un barbeiro da Rúa dos Ferreiros e músico máis que notable nunha agrupación de pulso e púa. Sempre ledo como unhas marabillas era home que a todo o que lle sucedía sacaba proveito, de todo acontecemento facía unha festa e con todo desfrutaba coma un micho cun axóuxere. O seu contrario, don Pésimo, tiña por nome de pía Evencio e traballaba no banco Hispano, polo que seguro que o seu pai o coñecía ben. Evencio era un home triste, sempre malhumorado e sempre queixándose de todo, cuxa única afección coñecida era a de levarlle a contra a Servando. Por facer unha definición rápida poderiamos dicir que Evencio era o mellor exemplo posible do refrán aquel de que cada can lambe a súa ferida, pero o que moito a lambe lle tira sangue.

Se sería prosma o Evencio que un día que lle tocou un premio na lotería andaba pola taberna a laiarse como un can lunático da súa mala sorte de non ter cartos abondo para xogar o billete enteiro en lugar dun décimo! Por suposto que tal queixa serviulle de arreda abondo como para non invitar a nada á parroquia do Mincha!

Pola contra Servando era quen de ver os aspectos bos aínda das peores desgrazas. Recordo o día que ardeulle a barbería por mor dun curtocircuíto. “Pois mira ti que boa oportunidade para cambiar a decoración, que boa falta facíalle xa!” −Foi a súa reflexión primeira− “Sen falar que os días que teña que ter pechado collo as vacacións que nunca lle puiden dar a muller e ímonos a Mallorca con un destes viaxes organizados para que lle dean todo feito a probe, que non fai máis que traballar!”

E desta pelaxe podo contarlle todos os exemplos que queira! Ata o día aquel no que o Evencio chegou á taberna disposto a demostrar que el tamén era quen de extraer mensaxes positivos de desgrazas reais ou aparentes.

- Home don Servando! A vostede quería ver! Veño de estar no banco co Padre Aureliano, comentando o que ven hoxe no Faro dos nenos eses que morreron nunha chabola envelenados por unha estufa que queimaba mal.

- Bo día don Evencio. E que era o que dicía o “Padre Ultramontano” das mortes esas?

- Pois era optimista; como vostede.

- Optimista? Como de optimista? 

- Pois que como os que morreran foran uns cativiños aínda non tiveran tempo de pecar, polo que, que sorte!, anxiños ao ceo!

- Pois sabe o que lle digo don Evencio? Que o Padre Aureliano non é un optimista. O Padre Aureliano é un fillo da gran puta! 

E mire que lle digo don Manoel! Malia ao deterioro físico e cognitivo propio dos moitos anos e a multiplicación de dós polas constantes perdas de coñecidos, amigos e familiares, soamente envellecemos cando imos perdendo interese pola vida, e polos demais. Cando encerrámonos nos nosos propios problemas illándonos dos da sociedade que nos rodea, cando deixamos que a apatía emocional dos demais polas nosas cousas nos abafe. Botémoslle unha man a don Servando cantando a versión de José Mario Branco de “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades” modificando a mensaxe conformista do poema orixinal Camões co axeitado retrouso que di:

“Mas se tudo o mundo é composto de mudança,
Troquemos-lhes as voltas que ainda o dia é uma criança!”

xoves, 13 de xaneiro de 2022

Cantar coma un xílgaro!


Mire que lle digo, don Manoel! Ben, ben, o que é cantar coma un xílgaro, cantaba Maruxa, a filla de Ascensión, unha peixeira de Santa Baia de Alcabre que completaba os seus magros ingresos familiares coa venta do tabaco do “entrepot” do seu home.

Ascensión tivera antes de casar unha brevísima vida artística como soprano na Sociedade coral «La Oliva». Vida artística que tivo que abandonar por esixencia do seu mozo, un mariñeiro do Berbés tan garrido como falto de luces, que puxo tal condición convencido de que o noivado outorgáballe esa autoridade. E cabe dicir que Ascensión, filla ao fin da ideoloxía do seu tempo, no puxo á demanda moita oposición, que xa se sabe que nestas cousas non todo é culpa do home, que a opinión de Ascensión algo contaría no resultado! Que moitas veces dicimos que facemos tal ou tal outro desatino por amor, cando ben sabe don Manoel, que o amor para ser tal non pode ser un camiño de sentido único!

Anos despois Ascensión recibiu, do ceo dicía ela, a recompensa aos seus soños e renuncias que deixara como flores murchas deitadas ao pé do altar da igrexa de Alcabre o día da voda: unha filliña cunha voz e un gusto pola música que engaiolaba aos mesmos paxaros á que puxo por nome Maruxa. E o cura bautizou como María, que a igrexa católica apostólica e romana non está por esas modernidades.

Vostede é moi novo para recordalo pero alá polos primeiros anos da década dos cincuenta suprímese a cartilla de racionamento. E zas!, xa non hai fame en España. Xa non hai fame oficialmente porque os cartos das axudas norteamericanas pola instalación de bases militares se quedan nas poutas duns poucos, e pouco mellora a situación da xente do común. Un pouco si. Abondo como para que algúns menos probes que os demais puideran mercar un daqueles aparellos de radio que algúns chamaban, sen saber moi ben por que, superheterodinos. Que se ben non quitan a fame a distraen, e algúns dos concursos aínda a alivian! Como o de “Chocolates la Perfección” (la perfección del chocolate) en Radio Vigo.

E dun destes concursos de Radio Vigo vai precisamente, o noso relato! Un de cancións que non podo recordar se tamén estaba patrocinado ou non pola citada marca de chocolate, que a memoria ten estas cousas cando un ten máis camiño andado do que lle queda por andar.

O que si recordo era que o concurso tiña como dúas fases. Na primeira os concursantes cantaban con público no salón de actos que a propia emisora tiña ao efecto, ou facíano por teléfono dende casa. Dende a casa ou máis ben desde algún comercio da súa confianza, que dispoñer de teléfono propio non estaba ao alcance máis que da xente de moitos posibles! Rematadas as actuacións do día o público presente, e os ouvintes que quixeran facelo telefonicamente, puntuaban a cada un dos aspirantes establecendo deste xeito ás súas preferencias. A segunda fase, ao finalizar a tempada, se facía unha gala multitudinaria no teatro García Barbón con os concursantes que tiñan máis puntuación, na que outorgábanse os diversos e substanciosos premios as distintas especialidades.

Maruxa fora unha mociña sen complexos, sempre leda coma unha carricanta, que bailaba con xeito e cantaba con xenio diante de calquera sen máis que llo pedira. Pero “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades” e Maruxa medrou de moza a adolescente e co período que sinalaba este paso de nena a muller chegaron os medos e as vergonzas, e o poñerse máis vermella que a doa das xibardas con que calquera lle falara ou simplemente ollara para ela. Se Maruxa estaba a cantar pola casa mentres facía ás súas tarefas bastaba que escoitara o murmurio dunha voz allea ou un mínimo ruído pola casa para que deixara de súpeto de facelo. Malia a todo, os premios do concurso de voces de Radio Vigo eran tan atractivos que Ascensión convenceu a súa filla para que participara no concurso chamando por teléfono dende a rebotica da farmacia de don Miguel, un dos máis ferventes admiradores do seu arte canoro. Así que Maruxa, obedecendo o consello da súa nai, encerrouse baixo sete chaves na rebotica da farmacia, e naquel silencio e soidade ceibou de novo a súa durmida voz. Non teño que dicirlle, don Manoel que a súa puntuación foi a máxima posible, superando con moito a dos mellores.

Convencela para que participara na segunda fase no García Barbón foi peor que un dos sete traballos de Hércules! As forzas vivas do barrio sumaron esforzos en convencer á mociña do necesario que o premio era para os seus pais, argumento este moito máis forte para Maruxa que a posible gloria de gañar o concurso. E a petición do fillo de don Miguel o boticario, que estudaba en Compostela e viñera para escoitala cantar nun escenario, foi o argumento definitivo para que Maruxa dera o definitivo si á súa participación.

Chegou o día. Ben sabe vostede don Manoel que cando unha persoa está relaxada atura ben a gana de mexar. Pero cando está nunha situación de ansiedade a cousa non é tan sinxela, e isto foi o que lle pasou a Maruxa. Cada vez que o rexedor lle anunciaba que se achegaba a súa quenda Maruxa apertaba as pernas xemendo “que me mexo, que me mexo!” Ata que non tivo outra que saír porque xa non quedaba ninguén para actuar.

A orquestra ataca os primeiros compases do tema. O director dálle a entrada, pero Maruxa está noutro mundo onde nin se escoita a música nin hai director. Os golpes da batuta no atril semellan espertar a Maruxa que por primeira vez parece decatarse de onde está. “Da capo” di o director dirixíndose os músicos. E máis baixiño para Maruxa: “veña rapariga! Ti podes!” Pero non é certo: Maruxa non pode. Si que comeza a cantar pero coas poutas do medo apertándolle a gorxa ninguén é quen de afinar, e Maruxa sabe que está fora de ton, e os saloucos interrompen o seu canto.

E diante da situación non hai outra que baixar o pano e parar o concurso, mentres que, coma sempre, a masa divídese en dúas faccións opostas. As bestas que comezan a rir e alcumala, e a boa xente que entenden e comparten a decepción da rapariga. Un galiñeiro que cacarexa, berra, apupa e asubía, e unha platea na que os máis calan e algúns protestan pola actitude dos bárbaros. E ao final, cando os insultos dalgúns superan xa os límites admisibles e se lanzan os consabidos desafíos de “baixa se tes ovos” e “sube se os tes ti”, montouse unha pelexa que a piques estivo de dar cos pelexadores no cuartel dos grises, acusados de alboroto público.

E mire que lle digo don Manoel! Que aquela noite Maruxa volveu a casa acubillada por un brazo do seu pai, mentres, por primeira vez en moito tempo, Ascensión colgábase do outro, orgullosa da forza e enerxía do seu home.

Non te troco meu meniño,

non te troco meu amor;

nin pola prata da lúa,

nin polo ouro do sol.

 

venres, 18 de xuño de 2021

Cambiarás de taberneiro ...


Mire que lle digo don Manoel! Creo que xa lle contara vai algún tempo, o comentario daquel taberneiro de Bouzas que cando algún cliente queixábaselle dalgunha das  falcatruadas que lles facía, sempre lles contestaba coa mesma ladaíña: "ti marcha, que cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de convencer á súa clientela de que o ladroízo era algo consubstancial ao oficio de taberneiro. Que como di a copla popular:

Os curas e os taberneiros,

teñen moito parecido.

Os curas bautizan nenos,

e os taberneiros o viño.

Ben sabe don Manoel que non é tal a miña opinión sobre os oficiantes de tan digno ministerio, ou aínda nobre arte, de servir de canle de comunicación entre os fogóns e os necesitados bandullos, pero de todo ten que haber na botica! Máis certo é o feito de que a hostalaría da nosa terra é tan fecunda en bo produto nas mesas como prolífica en personaxes singulares na súa atención á clientela. Deixo de lado aquela caste de taberneiros rabuxentos, exemplos de simple mala educación, dos que todos poderíamos poñer exemplos, con nomes e direccións, a eito. É outra caste de xente a que me interesa; eses seres excepcionais que noutra actividade pasarían totalmente desapercibidos, pero que coa roda do temón na man das gráciles naves da restauración, son quen dos máis ousados desaforos, de fazañas tales que merecen ser recollidas en festivos artigos, ou aínda en sisudos tratados filosóficos acerca de as notables diferenzas que existen entre afouteza e descaro.

Deixo para mellor ocasión, se é que a hai, as diferenzas entre o comportamento servizal e a actitude servil, que a acción servizal faise por propia vontade, correspóndanos ou non a tarefa, e sen agardar nada a cambio máis que a propia satisfacción, e a disposición servil pretende adular aos poderosos pretendendo obter unha inxusta vantaxe da súa humillación, poñendo por riba o beneficio agardado da propia estima.

Exemplo de descaro foi, por poñer un, o do aquel hostaleiro da rúa Doutor Cadaval, que tiña a gala afirmar que se un cliente que entraba pola porta non lle parecía axeitado á (pretendida) categoría do seu local, negáballe a mesa aducindo que estaba todo reservado aínda que o local estivera baleiro. Alguén pouco avezado nas técnicas da mercadotecnia poderá pensar que tal comportamento era pouco menos que suicida, ignorando que a estupidez da xente é tan inabarcable como o número de graos das areas do mar, e a xente de negocios consideraba un trunfo social a pertenza ao club dos que acadaban a honra de deixarse estafar polo hostaleiro malandrín. E din os que tal viron, que no colmo do masoquismo, aínda facían gala de que o dono do restaurante sentara á súa mesa para axudarlles a consumir o carísimo viño que previamente lles recomendara.

Outro dos fenómenos do citado descaro era o do copropietario e xefe de comedor dun famosísimo restaurante de Alcabre, onde, certo é, se comía moi ben. Era habitual que aqueles capitáns da industria ou o comercio que reservaban mesa, aínda que fora para unha celebración familiar, atopáranse co centro dela ocupado con bandexas contendo o máis selecto dos froitos do mar: un par de centolas, nécoras, santiaguiños, e os mellores camaróns do día. Diante deste poderío o cliente non tiña outra que quedar como un señor deixando abraiada a compañía coa súa xenerosidade, e estarrecida a carteira co importe da cornada.

Tamén podería citar o caso dunha variante do descaro que é máis ousadía e fachenda. Un reboludo hostaleiro que montara unha cervexaría na zona de Travesas. O tal personaxe alardeaba de que se alguén, fora por ignorancia ou por atrevemento, ousara pedir un viño naquel sacrosanto templo do lúpulo, botaríalle unha cervexa, para que fora aprendendo. E se alguén se queixaba de que estaba tépeda, non fría abondo, espetáballe:

-  Que carallo saberás ti desas cousas que eu son mestre cervexeiro!

Certo é que á profesión de hostaleiro se chega por moitos camiños, pero un dele,s o máis común a esta raza que pretendemos describir, era o de estar casado cunha muller que coñecía moi ben o produto e o cociñaba moi axeitadamente, caso do Tolo de Carril, Pepe do Simón, ou do Beiro, pero non o de Manolo Chocolate ou dona Carmen do Mosquito.

Dona Carmen rexentou durante moitos anos o restaurante de máis sona en Vigo. Os mellores linguados, as pescadas máis descomunais, o ollomol de sete estralos, os mariscos de máis alta calidade, tiñan no Mosquito o seu fogar. Nos anos setenta dona Carmen xa pasara aos fillos a atención directa ao cliente pero dende o seu sitial na entrada do local, non perdía ollo de todo o que sucedía no establecemento, e recibía, firmemente sentada no seu trono da restauración, a consideración de canto famoso e notable o visitara. Comer no Mosquito era unha experiencia iniciática. Comer no Mosquito era consagrarse na escala social de Vigo. Pero unha cousa tiñas que ter clara se a tal te atrevías: ías xantar ou a cear copiosamente, e non a facer o parvo. Non como o famoso cantante (en máis dun sentido) Joan Manoel Serrat, que tivo a pouca cultura de pedirlle a Carmiña uns ovos fritidos con patacas.

-  Miren vostedes -díxolles a filla favorita de dona Carmen -Aquí á volta hai un local moi axeitado onde lle serviran iso que pide. -E para acabar de escarallala, mentres retiráballes os servizos -Ao Mosquito non se ven a tomar ovos!

Caso aparte era o do Beiro, de San Miguel de Oia, que máis sería de escribir Veiro se non fora que ese era de verdade o seu apelido! O digo don Manoel, porque seguro que sabe que un rapaz veiro é o mesmo que arteiro, astuto ou lagarteiro. Beiro non so era famoso polo seu polbo, as súas nécoras e a pescada á galega, senón pola xenreira que tiña polos “fode chinchos” que o caían polo establecemento como moscas no verán, na procura dunha das mesas do exterior, baixo da parra.

-  ¡Oye tú! Ponnos unos cangrejos de esos…

-  Nécoras non lles poño que as  estragan!

E razón non lle faltaba, que os había que intentaban comelas con garfo e coitelo. Que moita xente que ven a Galicia din que temos unha hostalería de taberneiros rabuxentos e de camareiros e patróns de pésima educación. Mentres que moitos outros sosteñen coa mesma firmeza, que non é cousa da mala educación dos donos senón dos clientes, e que moita xente atopa xusto o que anda buscando. Como aquel home da cafetería do Areal, que chega a almorzar pasadas as doce a mañá.

-  Por favor, déame un café e un croissant para mollar.

- Canto o sinto. A estas horas xa non teño croissant! Moitos días sobran, pero precisamente hoxe acabáronse.

-  Pois si que é unha mágoa! Logo déame un te e un croissant para mollar.

-  Vexo que non me expliquei ben. Café teño… o que non teño é croissant!

-   Entendo, entendo! E un chocolate e un croissant para mollar?

-  Chocolate, te, café, o que queira! Pero o que non teño é croissant! Non teño croissant!

-  Non fai falla que grite que ben lle entendo! Tomarei, tomarei ... Xa sei! Un vaso de leite e un croissant para mollar.

-  Merda! Dígolle que café teño, te teño, e chocolate, e leite! O que non teño é croissant! Cro-i-ssant!

-   Home se non se explica...! Agora si que o entendín! Déame soamente o croissant!

O propietario da cafetería perde o control dos seus nervios. Da volta á barra a vaise para o cliente como un touro enfurecido. Colle a o impertinente polo colo da chaqueta e a traseira dos pantalóns e o saca de malas formas do local. Cando volve, un pouco máis tranquilo, comenta cun cliente habitual que asistira a toda a escena dende un tallo na barra, remexendo tranquilamente no seu café.

-   E que algunha xente éche a hostia! – comentou o encabuxado propietario. Ao que o fregués moi serio, testaneou asentindo.

-   E que eu de vostede collo o croissant e tírollo á cara!

A mire que lle digo don Manoel! Que iso foi nos anos de ouro da construción naval en Vigo, finais dos sesenta ata principios dos oitenta. Logo veu a reconversión industrial e as escolas de hostalaría, e xuntos os dous fixeron todo o posible por extinguir a especie, e o sector nunca volveu a ser o mesmo.

No verán, un taberneiro

moito me agradara ser.

Pola contra, no inverno

ser ferreiro é ter muller.

domingo, 19 de maio de 2019

O señor Caranguexo

Mire que lle digo, don Manoel! Para todos aqueles que teñen como ocupación principal a de ensinar aos demais como acometer as tarefas que eles non saben realizar, traio hoxe un conto que serve tanto para os cativos como para os xubilados, que ben sabe don Manoel que os que gozamos de tal situación estamos sempre nesa disposición de aconsellar aos demais como vivir a vida que nos dilapidamos.

Fai moitos anos, tantos que daquela había crustáceos na praia da Espedrigada en Alcabre, estaba tomando o sol nos cons que hai entre esta praia e a do Tombo do Gato, un caranguexo peludo, moi sabido e prosma abondo; estaba no seu filosofar coas lapas e mexillóns cando veu pasar a unha nécora impúbere que ía, como é por outra banda natural na xente desta caste, andando de costado, que non para atrás como di o refrán castelán que fala doutros cangrexos que tal fan. O noso sabedor que tal andares viu, dille ao paseante:

-          Pero rapaz, que fas andando dise xeito! Que non sabes que andando para diante chégase antes?
-          Bo día, meu señor. E quen lle dixo que eu teña presa ningunha?
-          Non é por cousa das presas soamente, senón que o ben feito ben parece …
-          E o que o fai, algo merece! Seino. Pero, mire o que lle digo: por que nono fai vostede que eu vexa, e aprenda como é que se fai?

O señor caranguexo examinou a proposta de fondo á cima e calou; moi amolado e fodido pola contestación do rapaz, que o deixaba sen posible retruque dado que tampouco tiña el moita arte en tal forma de camiñar. Pero o caranguexo peludo desenvolve cos anos unha condición de pertinacia que sería moi boa se non fora cazurrería e ánimo de quedar sempre por riba como o aceite, e decide practicar, practicar e practicar, ata dar cunha rocha que ten unha certa inclinación que favorece a marcha cara adiante. E cando xa está un pouco convencido de que a demostración pode ser convincente manda a un propio á avisar ao impúbere.

-          Aprende rapaz! Pronto e ben non hai quen!

O señor Caranguexo está tan absorto na súa demostración do xeito de andar para diante que no se decata da gaivota famenta que está máis atenta á comida que as explicacións.

-          Corra señor Caranguexo, que o van papar!

Entón, como unha cousa é unha demostración e outra a salvación, e o novo e elegante xeito non da como para escapar con velocidade abondo, o señor Caranguexo esquece a demostración e a rápidas alancadas alcanza un refuxio, salvando por un tris a vida.

-          Ai meu señor Caranguexo! Ben certo é aquilo de “cando toca de correr, todo temos que esquecer”!
-       Aí falaches! –responde o señor Caranguexo aínda ampeando de tanto esforzo –que “o durmir non quer présa e a présa non quer durmir”!

E mire que lle digo, don Manoel! Concordo con ambas paremias, aínda que non menos acaída é aquela de “a auga de correr e a xente de falar non se lles pode privar”.

venres, 9 de xuño de 2017

A indiferenza afoga moito mais que o odio

Mire que lle digo, Don Manoel! Escusas,  desculpas, pretextos, somos quen de artellar calquera de nos con tal de xustificar a nosa pasividade, a nosa falla de ética, a nosa complicidade cos poderosos! Ninguén ergueu a vista do chan cando o armador da Falanxe e a Garda Civil leváronse nas súas gadoupas ao meu pai. Ninguén secou as bágoas de dolor e humillación da miña nai. Ninguén recolleu o seu cadáver masacrado da cuneta de Alcabre onde o tiraron, ninguén falou para impedir que fora a parar a unha fosa común. A indiferenza afoga moito mais que o odio, Don Manoel! O esquecemento é mais tóxico que a xenreira.

Cando leo a eses aprendices de historiadores emperrenchados en opoñer o terror roxo ao terror franquista ruben polas miñas tripas a mesmas ganas de vomitar que cando na escola me facían cantar a ostias o “cara al sol” co brazo levantado, a man ben aberta, e tragando de vez os mocos e a dignidade. Non me diga Don Manoel que son boa xente! Como poden comparar a violencia dos obreiros e labregos, desesperados e de escasa formación cultural, exercida na defensa do poder legalmente establecido, coa represión sistematizada, a estratexia consciente da destrución física e moral, non so do inimigo, tamén do opositor e aínda do tépedo no seu apoio á revolta, á persecución do seu círculo familiar a través da miseria, do control, do medo, da ausencia de seguridade xurídica!

E, mire que lle digo, Don Manoel! En todo home agóchase unha semente de barbarie que necesita pouca auga para medrar! Sei que todos somos capaces do mais mais ruín. Podo entender os crimes empuxados pola carraxe ou pola fe, pero non os movidos soamente polo beneficio económico.

"A crenza nunha fonte sobrenatural do mal non é necesaria; o home en por si, é moi capaz de calquera maldade." (Joseph Conrad)

mércores, 7 de decembro de 2016

Galicia metrallada nas cunetas

Mire que lle digo Don Manoel! Que nesa Praia das Fontes, ou tamén da Batería, que hoxe a xente nova chama dos Olmos, houbo, fai ben anos, unha fábrica de salgadura e un peirao para descarga-lo peixe.  Daquela había tanta fartura no mar que os carros de bois que viñan polo túnel baixo a carreteira, que aínda existe, na procura de argazo para o estrume das leiras, levaban coas algas, centolas e nécoras a eito,  que pouco valor se lles daba daquela.
Mire que lle digo Don Manoel! Moitas lembranzas da nenez tráeme esta paraxe, pero tamén, agochada no medio de tanta fermosura, un calafrío polo espiñazo, e o recendo do terror e da morte dos mártires de Alcabre, os directivos de la Sociedade Agrícola Emilio Comesaña Sobreira, de 43 años, casado y con sete fillos, carpinteiro; José Comesaña Pérez, de 26 años, casado y con dous fillos, albanel, seu irmán Antonino Comesaña Pérez, de 28 años, casado e con dous fillos tamén, e Fernando Costas Iglesias, casado e sen fillos, electricista. Apresados o 30 de setembro do 36 por falanxistas e gardas civís, levados ao cárcere no que converteran o Frontón da Rúa María Berdiales, e “sacados” na alborada do 6 de outubro para ser “paseados” na Pasaxe de Vincios e enterrados en San Vicente de Mañufe.

Na inscrición da placa di:
Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia metrallada nas cunetas
dos seus camiños".
Luis Pimentel


EN LEMBRANZA DOS ASESINADOS NA SUBLEVACIÓN FASCISTA DE 1936. PRAIA DE FONTES, 17 AGOSTO 2002. A VV. NOSA TERRA