Mire que lle digo don Manoel! Que onte houbo no Conservatorio tres concertos
e tres desconcertos. Concertos os de Sondeseu, sos, coa Orquestra e coa Banda Sinfónica
do Conservatorio. Desconcertos os discursos de David Regades, Ignacio López-Chaves
e Abel Caballero. Que se o primeiro fixo ridículo confundindo as datas e os
autores da creación do Conservatorio, e dándolle tanto touciño coma pan aos
seus Carmela Silva e Abel Caballero, o segundo respondeu cunha boa couce citándolle
o desleixo da municipalidade no proceso de consecución do Pergamiño Vindel para
expoñer en Vigo. Sen esquecer o remate do noso benquerido Alcalde, lambendo coma
unha vaca a gabanzas a Rodrigo Romaní en troques de manter a gratuidade na
ETRAD conforme á doazón de García Barbón, e que ía falar so de música e acabou sacándolle
os colores á Xunta pola Orquestra Vigo 430.
Nota: para os que non
viviron aqueles anos, ou teñen mala memoria, don Manoel Soto, alcalde de Vigo, convenceuse
da necesidade de cambiar de sede ao Conservatorio, cando en 1982 deuse un
conato de incendio. O Concello mercou o chalé de Moisés Álvarez, no Castro, onde
aínda permanece hoxe. En decembro de 1986 inaugúrase o auditorio Martín Códax, coma
parte das reformas previstas no edificio anexo. En 1984 o Conservatorio de Vigo
opta e acada o grao Superior. É o primeiro conservatorio galego en obtelo. En
1989, o conservatorio adquire a categoría de Conservatorio Estatal, polo que deixa
de ser municipal para pasar a depender da Xunta. Os profesores e alumnos
daqueles anos lembrase ben dos encerros e mobilizacións que tiveron que facer
para que o coruñesismo militante da Xunta non acabara co gañado con tanto esforzo:
o seu carácter de conservatorio superior.