xoves, 25 de outubro de 2018

O que o Mauro contou do seu pai.



Mire que lle digo, don Manoel! Mágoa que non estivera onte! Ía rir a gusto coa peripecia que contounos o Mauro! Mauro, xa sabe; o fillo do Lesmes; ese home groso, e as mais das veces suorento, que leva unha coleta para recoller o catro pelos brancos que aínda sobreviven na súa caluga, que ben sabido é que no cocote non lle queda xa ningún que someter.

Non é que o Mauro teña por costume o ser moi falador, pero xa sabe vostede que unha pombiña dun bo monterrei céiballe a lingua a un mudo. Comezou a cousa cando comenteille a un deses pescadores de cana, paciencia e maña, que compre saber algo mais que poñer o anzol no peirao na saída das cloacas para coller unha morea de muxe, que compre ler o mar, como ensinan os vellos refráns, que cando a gaivota visita ao labrador mal lle vai ao pescador, e chuvia de morriña, nin peixes nin fariña, ou aínda que peixe de maio, a quen cho pida dallo, e tantos, tantos outros retrincos da sabedoría popular.

E nestas estaba cando Mauro alzou a testa e como se volvera do alén, colleu a quenda da palabra, e cunha voz mollada en nostalxias, dixo:

-          Ler o mar, dis! Ler o río!, dicíalle ao meu pai aquel rapaz da Hermida que choutaba, lizgairo como unha donicela, polas pedras do río Deva.

A parroquia, afeita a poñer a orella aos meus soliloquios, acolleu con interese a un novo narrador, encheu as cuncas e dispuxo o corpo á escoitar.

O que o Mauro contou do seu pai.

Pois como supoño que vostedes saben ben, don Lesmes, o meu pai, era home de cidade. E, polo que eu sei, tamén fillo e neto de xente de cidade, ou polo menos desa aldea de aldeas que foi sempre Madrid. Coma bo urbanita facía gala de saber de corrido os nomes dos xogadores do Celta, mentres ignoraba os das árbores das alamedas, e coñecer o restaurante que servía os mellores ovos “poché a la grand crème”sen reparar no feito de que, por moita grand crème que levaran, os ovos saíran do cu dunha galiña.

Un día o meu pai enfermou do peito e o médico recomendoulle descanso nalgún lugar afastado dos ventos mareiros, o que lle fixo lembrar que o seu amigo Maceo ofrecéralle insistentemente visitarlle no seu retiro da Hermida, ben preto de Arbo, nunha casa con tódalas comodidades modernas, luz eléctrica incluída.

Así que, chegado o verán, papá concertou co Failumes, o noso chauffeur de punto, a data na que trasladaría á familia (e ao servizo doméstico, por suposto), ao Chalet da Hermida. E falo do noso chauffeur porque non sei se sabedes que daquela a xente rica non vía a necesidade de ter automóbil propio, pois considerábase de mal gusto ter que pasa-lo traballo de guiar por aquelas carreteiras da Galicia dos cincuenta, loitando con pesado volante, adiantando en arriscadas manobras a carros de bois e camións fumarentos, co risco constante de ter que cambiar unha roda nun das moi frecuentes picadas de pneumáticos, ou de queimarse as mans ao engadir auga ao radiador. Moito mellor, onde vas parar!, tomar sempre o mesmo Taxi dos da parada mais achegada, xerando deste xeito un quid pro quo, unha confianza beneficiosa para ambas partes.

Aos poucos días de chegar, papá xa estaba esgotado de tanto descansar. Andaba pola casa mais inquedo que un can con pulgas, de cacho para cribo e de cribo para cacho perseguido polos “fuxa fuxa” das atarefadas mulleres da casa. Ao peixe fora da auga que non daba atopado acougo, a salvación chegoulle en forma de cana de pescar. Cana que, co resto dous seus complementos, estaba agardando por el, agachada nun recanto a rentes da porta de entrada. Papá colleu a cana con aire experto, sopesouna na man e fixo uns movementos como de lanzar cos que a piques estivo de romper a lámpada do teito e botar por terra un pequeno xerro de porcelana que adornaba un guéridon. Revisou a tanza, os chumbos e o anzol con aire sisudo e fixo un aceno aprobatorio coa testa.

-      ¡Prepárate Mauro! ¡Mañana nos vamos de pesca!

E como onde hai patrón non manda mariñeiro, e por fillo único ser o morgado da familia, non quedoume outra que disporme a ser testemuña fiel das súas fazañas ictiolóxicas. Cabe dicir que o meu pai sabía de pescador tanto coma de castrar grilos, pero daba por suposto que isto da pesca de río non debía ter tanta ciencia cando as xentes de aldea que non sabían ler nin escribir, o facían de xeito natural, e sen prestarlle moita atención nin estudo.

Chegou o día.  Antes de cantar o galo xa estabamos na porta da casa, cadaquén coa súa cana, o seu cesto de vimbio para os peixes e un sombreiriño con anzois de reposto cravados adornados cunha pluma.

-          Volveremos a comer. Ten preparada una sartén con aceite muy caliente.
-          Para que cousa o aceite? As troitas frítense en unto! – dixo Dosinda, a cociñeira.
-      Orneos de burro non chegan ao ceo – respondeu papá, que galego non sabía pero era moi refraneiro.

O río non está moi lonxe do Chalet do Maceo; un pouco subir e un mais baixar e meu dito, meu feito! Nun correndiño estás intentando poñer a miñoca que apañáramos na noite pasada no anzol. Nos dixeran que tal becho era un bo cebo para a troita, pero dúas horas despois aínda seguíamos a dar baños de asento ao mesmo verme que, despois de moito traballiño, conseguíramos que quedara no anzol.

Fartos xa de movernos de poza en pucharca de vaira en relanzo polas dúas beiras do río, arriba e abaixo coma a faba na ola, sentamos nun claro do río, por coller folgos, cando vemos pasar o rapaz de que vos falei, o cinto cargado de peixe collido pola galada.

-          ¡Eh muchacho!
-          Bo día señor! Que se lle ofrece?
-          Veo que el día se te ha dado bien.
-          Non hai queixa!
-          ¡Pues nosotros llevamos toda la mañana y no ha picado ni un pez!
-          Será que o que non quere comer do que lle da …
-          ¿Comer? ¿No comen siempre lo mismo?
-          Ai non, meu señor! As troitas sonche moi listas! Compre ler o río para saber de qué baixa!
-          ¿Y de que baja este río?
-          Pois vai a ser que depende!
-          Pero, ¿de qué depende?
-          Do vento, da luz, de se chove aquí ou río arriba …

Destas o meu pai xa estaba farto de tanta conversa, convencido de que o rapaz tiña máis voltas que unha corredoira e de que non estaba disposto a descubrirlle seus segredos a un home da cidade, cousa que moi probablemente era certo.

-          Pues está listo este gañán si cree que me voy a quedar así. Venga Mauro, volvemos a casa.

E dimos a volta mais corridos que un can e sen dar chío como un carro cando, coma nos, volve de baleiro.

venres, 19 de outubro de 2018

Da Casa do Patín


Mire que lle digo don Manoel! Seica estivo vostede fai uns días, non sei ben se fisgando ou abesullando, nas novas instalacións da Casa do Patín, esa que foi no seu día honra e orgullo de Bouzas e alfaia da  arquitectura popular mariñeira e hoxe é, grazas aos arquitectos municipais, unha cousa fría e impersoal á que eu, na miña ignorancia, non lle acho moito sentido.

Ao señor Alcalde da cidade éncheselle a boca afirmando con esa fachenda tan súa que, xunto coa Casa Torre de Arines e Ceta, é a edificación máis antiga do termo municipal de Vigo. Cousa que está moi ben e eu nona vou poñer en cuestión pero que, para o meu entender, non é a razón que moveu a algunha xente de Bouzas a loitar pola súa recuperación. Nin tan sequera que nela vivira a tía Hermelinda que facía uns chourizos que daba xenio velos! A casa era un dos sinais de identidade da Vila, unha casa mariñeira viva, con catro moradas, espazo para as artes de pesca e os animais de curral, patio e un xardín florecido todo o ano. Pero como a todo ser vivo á casa e aos seus habitantes foron caéndolles os anos enriba e sen xente moza que a mantivera foise derramando silandeira ata a ruína, pola incuria duns e outros.

Un día, algún político cun pouco de coñecemento mais do que é habitual puxo a orella ás nosas protestas e decatouse do valor histórico que o que quedaba da construción aínda atesouraba. Pero, claro está!, non lle fixeron caso ningún. Pasaron os anos, moitos anos, e a corporación municipal actual decidiu investir preto de medio millón de euros na compra do solar e case que outros tantos para a súa adecuación a usos sociais, espazo de lectura, salón de actos e unha oficina municipal de proximidade.

E isto que veu, meu benquerido don Manoel, é o resultado de tan nobre empeño, que non fai falla ser arquitecto para opinar do resultado, non do que fai conta da parte técnica, da satisfacción desa necesidade que existía en Bouzas de ter un centro cultural e unha oficina do Concello onde facer xestións sen necesidade de desprazarse “a Vigo”, senón da parte artística, que non sei ben a quen lle escoitei que a arquitectura era resultado dun encontro entre o razoamento lóxico e a creación artística.

E, mire que lle digo, don Manoel! Que non son eu dos que abominan da reconstrución porque non quedou como estaba, porque dun xeito estaba cando se fixo e doutro cando engadíuselle a fachada, dun xeito cando meu pai era neno e o mar chegáballe as portas e doutro cando o era eu, pero o que si que me atrevo a esixir é que o resultado fora fermoso e toda a xente puidera recoñecer nela o espírito dun pobo para o que o mar non foi nunca unha fronteira.

Alegría ten o Demo,
que morreu un escribano,
a pluma e mailo tinteiro
quedan bailando o fandango.