Mire que lle digo, don Manoel! Ben certo é que a liberdade nunha sociedade se mide sempre pola liberdade que ten o que pensa diferente, pero non o é menos que privilexiar a liberdade individual sobre a liberdade colectiva, a liberdade individual riba da xustiza social, non é máis que unha forma de xustificar os abusos dos poderosos. Dirame, don Manoel, e con razón, que moi filosófico comezo hoxe. E eu tomareillo a broma; coma sempre. E coma sempre pensarei que, malia as miñas pretensións de alegrarlle a súa visita a esta nosa taberna con algunha narración, relatorio, ou aínda ás veces (menos das que sería de desexar) brincadeira, acabo introducindo, á mantenta ou sen querer, algún proverbio, sentenza ou apotegma, que invalida, ou polo menos pon en solfa, a miña pretensión de non dar leccións a ninguén. Pero é o que ten o animal: repugnante e mexeriqueiro como boi vello que son.
E non me diga que non é para estar
filosófico se temos en conta que, cincuenta anos despois das loitas de setembro
do 72, non estamos moito máis preto da consecución dos nosos ideais do que
estabamos entón, e que despois de tódalas vidas sacrificadas e tódolos futuros
hipotecados naquel pulso ao Réxime, a clase obreira definitivamente non vai ao
paraíso.
Que onde estaba eu en setembro do 72? Pois
de arribada co Mar de Labrador aos peiraos da Casa MAR. Sei que foi un
sábado, polo que debeu de ser o 16, case que ao final do conflito, e viñamos
dunha campaña especialmente longa e frutífera en Namibia. E non; non me chamou
especialmente a atención o ambiente nas dependencias da factoría nin, por
suposto, o das oficinas cando subimos a entregar as documentacións para poder
coller uns días de descanso na casa, que non sabe vostede don Manuel o que se
move a terra que vostedes chaman firme despois de máis de medio ano na mar.
O camiño ata a casa xa foi fariña doutra muiñada!
Chegando a Barreras vemos un grupo de xente na porta do estaleiro gritando
consignas como «amnistía e liberdade». Antes de que dean chegado as leiteiras dos grises, a xente dispérsase
e xorde un novo grupo diante de Freire. E cando os grises están chegando a
Freire, a concentración está en Cardama, ou en Armada ou en Santodomingo! «O
que levo perdido!»—dixen para min con admiración. E apresurei o paso para
chegar canto antes á casa.
Son moitos anos os que levo celebrando a
miña chegada con ben a porto amigo cun conxunto ordenado e meticuloso de
actividades, que forman o meu pequeno ritual de «xa estou na casa». En primeiro
lugar, teño que mergullar completamente o meu corpo en auga doce para extraer coidadosamente
de todas as súas engurras e dobreces, pregas e buratos toda traza de vello sal
mariño mollado de suor, de restos de combustible mal queimado e graxa
lubricante. A continuación, estreo unha toalla, portuguesa, por suposto!, e seco
completamente cada parte do meu corpo coa debida atención e coidado. Chega o
momento de escoller, moi devagar, con agarimo, a roupa que vai cubrir ese corpo
renacido na auga lustral, comezando pola estrea dunha muda interior, unha camisa
branca e un pantalón coa raia ben marcada, para finalizar cos calcetíns de fío
e un par de zapatos confortables e acabadiños de lustrar. Poño o reloxo, collo
a carteira e as chaves da casa e xa estou en disposición de saír ata a do
Mincha por ver que novidades me conta a xente.
Non necesito preguntar: toda a taberna ferve
coas ansias de contarme todo o que leva pasado, empezando polas mortes de
Ferrol en marzo e os conflitos de Kober en abril, o de Barreras en maio, e esta
traca final que comezara de forma inocente coa negociación do convenio
colectivo dos da Citroën e a súa reivindicación do sábado inglés.
—O malo, don
Paio —explicoume a Sefa mentres enchía a miña cunca daquela ambrosía longo
tempo anhelada—, é cando dúas partes se sentan a negociar nunha mesa e unha
delas non ten respecto pola outra! E iso é o que pasa! A patronal non tiña
intención de negociar ningunha mellora nas condicións dun traballo para o que
tiñan milleiros de solicitudes avaladas por cacheiras, lacóns, chourizos e
outras exquisiteces!
—Cartos
incluídos, ben o sei! E, claro!, as cousas van a peor, que onde non hai non cómpre
buscar!
—Iso é! Ti non queres darme o sábado inglés, pois eu convoco unha xornada
de loita para ese sábado que non me queres dar. Ti non vés traballar o día 9, pois
eu mando cartas de despedimento a cinco traballadores e abro expedinte a outros
catro sindicalistas!
Aos poucos, que hai máis clientes que
atender, a Sefa vaime contando o resto dos feitos. De como o seguinte luns ás seis
da mañá os traballadores de Citroën concentráranse na fábrica e iniciaran unha
marcha cara ás outras factorías da contorna para pedir a solidariedade dos seus
traballadores. E de como repiten a mesma estratexia o seguinte día, pero desta
volta xa entre cargas policiais e detencións. Cada día que pasa, o apoio social
á folga vaise estendendo e estendendo, e a masa de traballadores que ha controlar
a autoridade competente (máis ben incompetente) vai medrando. Segundo Sefa, que
sempre está coa orella posta, aos xerifaltes do réxime preocúpanlles «certas
mostras de indulxencia que algúns policías armadas dan cos manifestantes, de
forma especial cos estudantes que se sumaron ás mobilizacións. Denuncian a
actitude dalgúns que amagan en troques de golpear, ou golpean riba de obxectos
próximos simulando facelo no lombo dos manifestantes». Eu escacho coa risa,
porque a Sefa pon toda a alma na posta en escena dos golpes simulados, e
comento:
—E para apagar o lume da protesta non se lles ocorre mellor cousa que traer
a xente dos corpos especiais da Policía Armada dos cuarteis de León e
Valladolid! É como se para extinguir un incendio trouxeras unha manda de
expertos pirómanos ben armados de bidóns de gasolina!
—Non sei se beberan gasolina, como di vostede, ou algunha outra substancia,
don Paio! Que me contou a Paquita, a filla do José do Troncoso, que está de
oito meses, que tivo a cara dun deles a menos dunha cuarta da súa e tiña as
pupilas dos ollos totalmente dilatadas!
—Miña nai! E pasoulle algo?
—Tivo sorte! Que ollaron por ela tres obreiros de Cardama que a coñecían e foron
a polo policía! Salvárona da malleira, que nese estado os grises non
respectaban nin cativos nin vellos, nin embarazadas nin paridas con bebés!
—Non sei como non se dan conta de que a actuación desmedida destes grupos
especiais favorece a implicación das xentes do común nas reivindicacións dos
traballadores en folga!
—E que eles van ao seu! Contaron que estes días, nunha carga que fixeron
preto de Sindicatos na que houbo varios feridos, a policía chegou a entrar no
local do sindicato vertical, e que houbo protestas porque golpearon a varios
funcionarios dos seus! E a xente tenlles tanta xenreira que cando van eles
protexendo a circulación dun Vitrasa a xente espera polo seguinte.
Pois sería neste intre da conversa ou en
calquera outro semellante cando se achega a min, por aquilo de saudarme, o
Moncho, o fillo dun vello compañeiro de mareas no Gran Sol, que traballa de
soldador no estaleiro de Barreras.
—Pero de onde carallo sae vostede, don
Paio, que lle teñen que explicar todo coma se non fora de Bouzas? —dime con
retranca.
—Pois teño para min que do inferno, porque
había por alí moita xente queimada…
—Quero entender que segue vostede na
máquina do Mar de Labrador, non si? E
que lle parece a que temos montada?
O Moncho está entusiasmado. Cóntame que máis
e máis traballadores se unen á loita; máis e máis cidadáns pasan de ter unha
actitude neutral a dirixir a súa xenreira contra os corpos represivos. Que xa
hai máis de sesenta detidos e case que trinta empresas en paro, e que canto
máis forte sexa a represión, mellor; mellor canto menos teña que perder a
xente, que a deterioración das condicións de vida dos obreiros melloran a súa
determinación na loita de clases.
—E o Comité de folga está de acordo con
esa estratexia? —pregúntolle ao Moncho un pouco incrédulo— Tedes consultado a
asemblea? Porque, ata onde eu sei, a cousa ía de negociar melloras alcanzables,
para demostrar aos traballadores o valor da unión e a utilidade da loita polas
reivindicacións da maioría.
—A clase traballadora non pode perder esta
oportunidade! Que este facho que ergue Vigo hoxe sirva para marcar o camiño
cara á vitoria das nosas xustas reivindicacións!
E así seguimos un bo tempo, carne de mitin
e pasquín el; xerro de auga fría eu, intentando atemperar o seu entusiasmo con
baños de realidade, aínda entendendo que sempre, por moi racional que se pretenda
ser, calquera decisión sempre vai ter unha compoñente emocional oculta. Expoñendo
el a necesidade dos dirixentes de marchar sempre por diante das masas,
matizando eu que por diante si, pero non tanto que un e outro se perderan de
vista. E chegando, ao pouco de falar, ao acordo arredor da necesidade de combinar
a loita polos obxectivos inmediatos —o salario, o dereito ao descanso, o traballo,
a vivenda…—, coa convicción de ser loitadores por outro mundo distinto, por
outra sociedade máis xusta que o capitalismo.
Un ollo no paso curto para superar os obstáculos, pero a mirada no futuro,
para non perderse no camiño, para non esquecer onde queremos ir.
Marchamos cada un para a nosa casa moi
contentos e satisfeitos de sermos capaces de chegar a puntos de encontro. Ao
día seguinte saio dar unha volta polo mercado, por ver de comprar un pouco
peixe e, sobre todo, falar coa xente, que o mercado de abastos é un bo
termómetro do estado de saúde da economía das familias. E teña por certo, don
Manoel, que o seu aspecto non era precisamente para botar foguetes! Malia que a
nosa terra teña unha clase obreira que non abandonou a súa pequena horta,
cunhas galiñas e algún coello, que poden servir como mínima caixa de
resistencia, un conflito tan longo no tempo e amplo na extensión acaba coas
posibilidades de resistencia das familias en poucos días. E cando os nenos
choran coa fame, a vontade de seguir comeza a esmorecer. A parte máis
concienciada dos traballadores conservará por máis tempo a súa vontade de
resistir, pero o que realmente importa nestes casos é a opinión do traballador
normal! E cando as empresas fan un chamamento para que os obreiros renoven a
súa actividade, baixo ameazas de enviar cinco mil cartas de despedimento, a
Asemblea Obreira entende que a prioridade neste intre pasa a ser a de saber
rematar a folga sen deixarse o futuro do movemento obreiro asembleario e
democrático nese proceso.
E mire que lle digo, don Manoel! Aínda que, como dicía Aldous Huxley, a única lección que nos ensina a historia é que os seres humanos non aprendemos nada das leccións da historia, si que é certo que aqueles días marcaron un fito importante no desenvolvemento do movemento obreiro. Algúns estiveron alí, superaron o medo e loitaron polo que consideraban xusto. Outros non tiveron a oportunidade, ou non superaron o medo ás consecuencias, ou non tiveron claro que a folga xeral fora o mellor método. Outros chegamos tarde e marchamos cedo. Quixeramos ter loitado pero non tivemos a oportunidade. E moitos outros estiveron dende a solidariedade, dende o apoio activo ás familias dos represaliados. Pero o que é tan seguro coma que a ningún can engorda o lamber, é que a cidade que saíu deses días que hoxe lembramos non foi nunca máis a mesma. Vigo foi daquela, ademais dunha cidade de moitos habitantes, unha cidade de moitos cidadáns.
(Publicado orixinalmente no libro colectivo "50 aniversario folga xeral 1972" editado pola UC das CCOO de Vigo)