Amosando publicacións coa etiqueta buscando un cacique. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta buscando un cacique. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de outubro de 2016

Cousa mala é a política!

Mire que lle digo Don Manuel! Que xa nin na tasca pode un estar ao seu aire. Que onte estaba eu tranquilo coma un rulo, esperando aos compañeiros do mus e caeume coma mosca na sopa o fillo da señora Carme con ganas de falar de política. Eu non son daqueles que din aquilo de “cousa mala é a política que dunha nai fai unha sogra” pero como di moito vostede “cadaquén e dono dos seus silencios e escravo das súas palabras” e ben sei que estas conversas ás mais das veces acaban coma a cabra e o coitelo. O fillo da señora Carme e un deste mozos que  aínda non lles caeu a casca do cu e xa veñen dando leccións aos avós, e viña comentando de que en Ucraína botaran a un deputado ao lixo, e que cantos ferrados de contedores teríamos que poñer para facer nos o propio, e que para que servían os deputados, e toda esa leria que me sei eu ben onde acaba. E eu pensado para os internos, fala, fala, que todo canto me digas é como se o tiraras nun pozo!, e il veña a argallar, que sonche todos uns corruptos, que entran en política so pra chuchar, que non hai un bo! E mire que lle digo Don Manoel, que ao final un ten que falar para o outro non pense que leva a razón, e aínda que falar coa esta xente sexa coma facer unha raia na auga, tiven que recordarlle que para cambiar de políticos compre cambiar antes de cidadáns, que son poucos os que podendo levar algo sen pagar nono fan, e moitos menos aínda os que se teñen un fillo no paro non buscan un cacique para que o empregue, e que de un país no que canto mais corrupto é un partido mais deputados ten, non se pode agardar moito.