Amosando publicacións coa etiqueta Compostela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Compostela. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de xaneiro de 2022

Viva San Roque!


Mire que lle digo don Manoel Non vai moito tempo alá conteille algo da índole e carácter do Roque, aquel home que amaba os cans por riba de tódalas cousas. Do Roque e do seu can que atendía polo nome de Trotski e tiña a cara cuspidiña (segundo os seus ollos) á do revolucionario ruso. Recordará que o noso Roque érache un polemista vocacional que podía pasar horas e horas abullando proposicións, premisas e conclusións, inductivas ou dedutivas, como o caño dunha fonte verte auga.

Xa ve don Manoel! Nada que ver co aquel outro Roque, nado de Montpellier, que percorreu a península itálica camiño de Roma curando a todo canto apestado saíalle ao camiño facendo riba deles o sinal da cruz. E enterrando a aqueles que, por unhas razóns ou por outras, morrían malia a aplicación de tan científico procedemento! Nada que ver un e outro Roque nin na fasquía nin no temperamento! O santo, milagreiro e un pouco parvo; o de Bouzas espelido como o can do ferreiro que dorme ás marteladas e esperta para ás dentadas, que nunca está para traballar pero non falta a ningunha festa. O santo tan xeneroso que aínda despois de morto ten o arranque de curarlle a perna a seu carcereiro, (Xustino, disque se chamaba), cando este deulle unha patada para comprobar se estaba morto de verdade ou tiña gana de amolar; o noso confrade sen facer nunca nada de proveito como o can de san Torrado que canto fai coa boca, desfaino co rabo. Peregrino a Roma o primeiro, nin a Compostela foi o segundo; patrón dos peregrinos, dos contaxiados por epidemias, dos falsamente acusados, dos inválidos e dos cirurxiáns o primeiro, católico non practicante o segundo. Despois de todo o relacionado, creo que podo afirmar con razóns abondo, que as únicas semellanzas entrambos Roques serían o patronímico e o can.

E deste noso Roque, e non do santo que, como é habitual nos santos e non sei moi ben con que propósito meteuse polo medio, era do que ía a anécdota que queríalle contar ao primeiro e á que tantas voltas e circunloquios levo hoxe dado.

Pero onde carallo ía eu? Déixeme aclarar de vez a gorxa e a mente cun grolo deste monterrei. Xa sei: o do polemista vocacional! Pois verá don Manoel. Ben sabe que os cans non son moi habituais na nosa taberna, que a Sefa é da opinión que non entren os cans onde beben os cristiáns, pero fora porque xa estaba dentro e non era cousa de botar fora a un cliente novo, ou porque non tiña moita gana de discutir, aquel día coincidiron na Taberna do Mincha un home cun can deses que chaman salchicha, e o noso Roque.

-  Ten vostede un can moi bonitiño! −Intenta o achegamento o Roque −De que raza é?

-  De raza negra. Ben se ve! −Resposta o noso home, sen inmutarse.

-  E como se chama? −Insiste Roque.

-  Chamar non sei como se chama. O chamo eu.

-  E como lle chama vostede?

-  Eu chámolle Breo.

-  Ah! Ben sei! Un apocope de Breogán.

-  Non. Nin “pouco pe” nin ostias: Breo! Nada de Breo o can, que a xente ben sabe que é un can sen necesidade de dicilo!

O home deu por rematada a conversa. Viroulle as costas ao Roque e seguiu a beber o viño e comer da tapa. Cando rematou pediu a conta, pagou e sen desfechar a boca para dicir palabra saíu pola porta. Roque quedou amolado polo pouco que dera de si a conversa. Entón Antón, o irmán do Farruco que todo o que tiña de groso e desmedido no xantar e beber, o tiña de oportuno nas sentenzas, chantoulle dende o extremo da barra:

-   A que non sabedes como se chama a caseta deste can? −Contestándose decontado a si mesmo antes de que alguén puidera gañarlle pola man −Fogar de Breo-can!

Por dicir: viva San Roque!

prenderon ao meu irmán,

agora que o soltaron:

Viva San Roque e o can!


Por dicir: viva San Roque!

prenderon ao meu Antón,

Aínda pena na cadea:

Abaixo a Constitución!

domingo, 12 de marzo de 2017

Gómez Román e a música dos arxinas

Mire que lle digo Don Manoel! Un banco é sempre un banco pero o certo é que o edificio do Hispano, onde tivo vostede a súa casa, é moi feito e de moito mérito. E nono digo porque a súa terraza fora unha boa atalaia para ver os fogos de Bouzas, que a min préstame moito mais miralos dende o mar, dende unha chalana ou unha dorniña polbeira, ni porque no segundo piso da casa empezaran as monxas do Amor de Dios a súa andaina, senón porque teño entendido que o fixera Don Manuel Gómez Román na mesma época que outra obra súa de moita mais sona: a fábrica de Bernardo Alfageme. Estoutro Don Manuel, era unha persoa moi especial, arquitecto sen título que daba os seus traballos a firmar aos seus amigos, ata que a presión dun deles, Antonio Palacios, obrigoulle a volver a Madrid a rematar a carreira que deixara abandonada por un enfrontamento cun profesor. Impulsor coma Presidente da Oliva do monumento a Curros que Portanet exiliou ao Castro nos anos sesenta.   Candidato a Alcalde de Vigo pola Fronte Popular … Teño que confesar, Don Manoel, que daquela non lle tiña moita afección. El era galeguista, eu comunista e moi radical … Fixen as paces coa súa figura arredor dos anos oitenta por mor dunha exposición da Caixa de Aforros que se chamaba “Arquitectura de papel”, “Arquitectura imposible”, ou algo semellante. Unha chea de debuxos a prumiña e lapis, algúns coloreados. Unha sede para a Real Academia Galega, outra para o Seminario de Estudos Galegos, unha Escola de Belas Artes para Vigo. Algúns chamaron a Gomez Román “ensoñador de novas Compostelas”, cousa que coma frase está moi ben sempre que por Compostela entendamos Galicia enteira.

E, mire que lle digo, Don Manoel! De Don Manuel Gómez Roman, cando aínda era Manolito, falábame moito un vello canteiro curmán da miña nai. Contábame que o rapaz, en lugar de ir a xogar, andaba arredor dos canteiros, que non había cousa que gustáralle mais que a música dos arxinas, pedra, punteiro e maceta xuntos nun canto coral de traballo.

Canta, miña pedra, canta
ó compás deste punteiro,
canta, miña pedra, canta
faille compaña ó canteiro