Amosando publicacións coa etiqueta Emilio Costas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emilio Costas. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de maio de 2017

Aí veñen as lanchas do xeito, pescando sardiñas a eito...

Mire que lle digo, Don Manoel! Cando meu pai era novo os pescadores da ría andaban na pesca con lanchas do xeito. E cando entraba a sardiña e o xurelo, pescaban un pouco mais para o salgado ou as conserveiras que comezaban a agromar pola costa, e podían facer algún agasallo á moza, e gardar algo na arca para cando viñeran mal dadas. Logo chegaron as traíñas a remo faenando ao cerco con xareta, e logo as tarrafas a vapor e as artes de arrastre, e a vida dos mariñeiros do xeito foise para o carallo, xunto coa súa independencia, e, en poucos anos, ao carallo tamén a sardiña, o xurelo, o bocarte e o resto de peixes que enchían a ría. Ao fin non lles quedaba mais que pasar fame coas poucas capturas, ou entrar a traballar nunha desas embarcacións. E menos mal se tiñan a sorte de entrar a quiñón nunha de propiedade familiar, que o patrón ben sabía en carne propia o que era andar no mar, pero os mais, tiñan que entrar nas embarcacións propiedade, directa ou  por armador interposto, das fábricas de conservas, e padecer a  desigualdade, o antagonismo entre iguais, e o endurecemento das condicións de traballo.

E, xa sabe Don Manoel, contra da explotación dos traballadores xurde a imprescindíbel organización deles.  E o meu pai estivo nesas, na organización do Sindicato da Industria Pesqueira da CNT e do Ateneo Sindicalista Libertario. Da Sección Flota Pesqueira da Confederación Rexional Galaica e de redactor do seu voceiro El Despertar Marítimo.

A tensión social entre armadores e o pobo chegaron ao seu máximo cando no Pueblo Gallego do 14 de febreiro de 1930 publicaron a noticia do afundimento de catro pesqueiros de Bouzas, que faenaban en parellas preto das Illas Canarias. A faena en parella, Don Manoel, é sempre perigosa pero moito mais con mala mar, buques ruíns e tripulacións sen experiencia. Houbo un plante dos vapores de parella de Bouzas, pero a xente volveu ao mar con pouco ou nada conseguido. O plante repetiuse no verán de 1931, apoiando a durísima folga da conserveira Alfageme. As folgas pola mellora das condicións de traballo nas Parellas continuaron ao longo da segunda metade de 1932. Alá por novembro dese ano o avogado Valentín Paz Andrade foi vítima dun atentado cando saía dun café na rúa Fermín Galán, por uns pistoleiros que ninguén identificou. Coma daquela o avogado representaba aos armadores de La Marítima, na folga de mariñeiros do Sindicato de Industria Pesqueira da CNT, a conclusión doada era que os autores materiais dos feitos eran os militantes anarcosindicalistas Vicente Vales Lorenzo, directivo do sindicato, e mais Emilio Costas Fernández.

E mire que lle digo Don Manoel! Vicente e Emilio estiveron na cadea até o xuízo, do que saíron absoltos. Xuízo ao que Valentín Paz Andrade non asistiu, pois estaba en Portugal preparando as eleccións xerais!

Catro gatos nun tellado,
cada gato mira a tres,
adiviña rapaciño,
Canta gatería é?