Amosando publicacións coa etiqueta baraka. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta baraka. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de febreiro de 2017

Ilustres superticiosos

Mire que lle digo Don Manoel! Que deus os da e eles se xuntan! Ou neste caso os xuntan no mesmo andel duns Grandes Almacéns. A superstición de rezar a sete virxes, a rentes de outro ilustre supersticioso: Francisco Franco. O DVD do filme de Alberto Rodriguez co do pretendido documental de Sáenz de Heredia.
Xa sabe, Don Manoel, que dende o ano 1916, que lle deron un tiro no bandullo nos combates nas Lombas de Biutz, preto de Ceuta, o Francisco, Paulino, Hermenexildo, Teódulo, quedou convencido que estaba baixo a protección divina. Que tiña baraka! como lle dicían os moros que se trouxo de África para asasinar aos españois que non  crían que fora o Mesías enviado pola Providencia para asegurar a súa felicidade. Por non falar da vidente Mersida, á que consultaba tanto sobre cuestións militares coma sobre os seus colaboradores, cando a campaña do Rif. Ou o de Corintio Haza, xudeu sefardí radicado en Tetuán, conselleiro tamén do Xeneral de Gaulle, autor según din do deseño do "Víctor", o amuleto que lle debía de procurar a boa fortuna.
Sen esquecer á irmá Llimargas, Ramona a Catalana, á que José María Pemán consideraba coma santa Teresa de Ávila rediviva, que desque predixo o Alzamento tiña abertas de par en par as portas do despacho de Franco en Burgos para contarlle en exclusiva, e en catalán, o único idioma que falaba, os designios da Providencia. Todo sen moverse de Cataluña, cousa que non lle facía falla porque tiña o don de estar en dous lugares ao tempo.
E superstición é tamén a crenza nos poderes sanatorios das reliquias, e o Generalísimo, sen chegares ao de Felipe II, tíñalle ao “brazo incorrupto de Santa Teresa” mais apego que a súa muller aos colares en particular, e alfaias de todo tipo, en xeral.
E, mire que lle digo Don Manoel! Que dos envexosos, dos sempre ofendidos, dos rancorosos, dos malévolos e insatisfeitos, escapo coma quen leva o demo detrás, que moitos deles acaban convencidos que forman parte dun plan divino, plan divino que acabamos pagando os demais!