Amosando publicacións coa etiqueta billarda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta billarda. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de maio de 2018

A República Galega



Mire que lle digo don Manoel! Filla do amor, da paixón e da desgraza, tal lle dixo a Fina á súa filla Sefa, ao desvelarlle que o seu pai biolóxico e o legal non eran a mesma persoa. Cousa, por outra parte, ben doada de inferir, sen outra mais que botarlle un ollo á fasquía do Mincha.

O de filla do amor e da paixón, era ben doado de entender, mais o e filla da desgraza podía ter interpretacións abondo, que desas terras de Monterrei é o dito:

Amigo do val, compadre portugués e aire sanabrés, fódome nos tres.

Ao que os portugueses opoñen o seu mais razoado:

De Espanha, nem bom vento, nem bom casamento.

Pois ben sabido é que cando os ventos sopran de España son máis prexudiciais para as colleitas portuguesas: máis fríos e agres no inverno e máis secos e aborrecibles no verán, que cando sopran desde o mar. E o do bo casamento é cousa traída ao refrán como consecuencia do resultado para Portugal dalgúns desposorios mal sucedidos entre as testas coroadas de España e Portugal, e non unha recomendación para a xente do común, que ben sabe don Manoel, que, tanto para os da raia seca como para os da mollada, a fronteira nunca foi mais que unha raia nun papel.

E se de ventos falamos, os que sopraban daquela, aló polos primeiros anos dos trinta, eran pouco favorables para os obreiros que encheran a vila de Campobecerros e outras da contorna ao chamado do traballo na construción do ferrocarril que don Miguel Primo de Rivera argallara para poñer na súa mesa o peixe de Vigo nas mellores condicións de frescura, que os dirixentes da tan ansiada República, na que tantas esperanzas puxéramos, pensaron, non sen razón, que moitos cartos eran aqueles para tan pouco peixe, e decidiron cancelar a súa construción.

Non empeza a República con moi bo pe para os intereses dos case que doce mil obreiros “carrilanos”, galegos da contorna e da distancia, sanabreses, andaluces, un fato de murcianos e unha chea de portugueses, que, diante da cancelación das obras, néganse a retornar as súas terras de orixe coa mesma fame coa que chegaron. Os anarquistas e comunistas organizan a protesta, chegando na súa desesperación a asaltar o Consistorio de Vilar de Barrio e unha cabana onde gardábanse a dinamita para as voaduras. A Guarda Civil reprime as protestas coa seu habitual violencia, pero as reivindicacións dos obreiros conseguen mobilizar a unha parte importante da mediana e pequena burguesía, farta do abandono no que o goberno central ten a Galicia. E teño entendido que coma resultado da xornada de folga xeral alguén ergue no pau do balcón principal do Concello a bandeira galega, e segundo as fontes da época proclama a República Galega.

Dous días despois, o 27 de xuño, na capital galega unha multitude, insatisfeita polas respostas do goberno de Madrid ás súas demandas, tomou a Pazo de Raxoi, obrigando a dimitir á corporación enteira e nomeando ao mestre Antón Alonso Ríos presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. Dicían os diarios da época que "Santiago atópase á expectativa do que sucede no resto do país" agardando o "latexo do corazón de Galicia", mais cando o Goberno de Madrid declarou a súa intención de reinicia-las obras do camiños de ferro os ánimos arrefriaron, e a única bandeira galega que uniuse á de Compostela na demanda dunha república galega foi … a da Pobra de Seabra.

E mire que lle digo, don Manoel! A república galaica durou tan pouco coma a auga nun cesto. Non tivo repercusión ningunha na dinámica política do momento, e foi esquecida coma unha arroutada mais das que se facían daquela. Conforta saber que anos despois algúns seguen a celebrar a efeméride con música, xantar popular e un partido da Liga Nacional de billarda.

sábado, 17 de xuño de 2017

Os xogos dos nenos

Mire que lle digo Don Manoel! A Alameda era no meu tempo o lugar de reunión de boa parte da rapazada de Bouzas. O normal era que as raparigas xuntáranse na zona mais achegada ao Banco para xogar ás súas cousas e os rapaces pola da perruquería Rial, porque sempre se fixera así, que os xogos coma a mariola, a corda, a goma, as catro esquinas, as cociniñas, eran xogos de nenas e os birlos, as carrilanas, o cravo ou a billarda, de nenos.

Recordo que unha das cousas que mais chamaba á atención á xente que viña xogar á Alameda por vez primeira, era o feito de que canda seu xogo tiña a súa propia época do ano. Cando tocaba xogar ao guá, todos chegabamos coas bólas, e cando tocaba xogar ao trompo, coa buxaina, e así con tódolos xogos, coma se tiveramos un calendario na cabeza.

Eu era moi bo no xogo do Guá, porque pillara unha bola de aceiro dun rodamento que me deran no taller de Reyna, e con ela desfacía as bolas de barro dos outros xogadores, e estragaba as de mármore e vidro. Aínda lémbrome dos toques que tiñas que dar para quedar coa bola do compañeiro: “primeira, segunda, terceira, truque, máis truque, pé, paso de bóla e carambola”, que era cando metías a bóla no guá.

Tamén era bo xogador de billarda, que nos chamábamos pateiro. Para nos a billarda era un pau dunha cuarta, afiado nos extremos. Para xogar metíamos a billarda no buraco do guá e o golpeabamos no extremo saínte co palán, outro pau dunha catro cuartas, intentando facelo brincar. Cando a billarda está no aire se batea co palán, e o xogador que consiga que chegue mais lonxe é o que gaña. Se antes de que chegue ao chan non é atrapado no aire polo xogador do equipo contrario!

E, mire que lle digo, Don Manoel! Falando agora destas cousas paréceme sentir o recendo da miña infancia, feita de miseria e amargura, pero tamén de sal, de peixe fresco, de tanino e alcatrán, e, sobre tódalas cousas do amor da miña nai.

Miña nai, miña naiciña
Coma a miña nai, ningunha
Que me quentou a cariña
Co calorciño da súa.

sábado, 4 de marzo de 2017

O xogo da "aceiteira" ou "a pica polaina"

Mire que lle digo Don Manoel! Parece que vou ter que recordar aos vellos e informar aos novos de dous xogos tradicionais que citei antonte: a aceiteira para as raparigas, e a billarda para os pícaros. Empecemos se lle presta polo xogo da aceiteira, que xogábano especialmente as nenas, aínda que tamén os nenos se cadraba, e mañá seguiremos coa billarda. Para comezar o xogo da aceiteira se escolle unha rapaza para o papel de nai e outra para apandar. A nai séntase e a que apanda, o burro, agacha a cabeza no colo da nai de xeito que non poda ver o que están a facer o resto dos nenos. Iníciase o xogo coa canción que lle da nome:

Aceiteira, vinagreira, chascarraschás;
amarrar, amarrar e non dar,
dar sen dó, que morreu meu avó.
Dar sen rir nin falar
un belisquiño no cu e botar a voar.

Tódolos compañeiros de xogo vanse achegando e en cada verso do recitado danlle un belisco ou un azoute no cu. Rematada esta parte corren todos a agocharse, e a que fai de nai pregunta: Están os paxariños na gaiola? ao que o resto das nenas responden: Están, si, señora e a nai: Boto a rede? E as nenas cando xa está agochadas: Alá vostede, bótea se quere. Nese intre a nai ceiba a nena que fai de burro cuxa misión é atrapar a algunha das rapazas antes de que cheguen onda a nai, ocupando a atrapada o posto do burro e volta a comezar. Tamén, cando había poucas nenas, so unha delas daba o belisco e o burro tiña que adiviñar cal das nenas lle dera beliscada, gañando se acertaba. Algún ao mellor dime que iso chámase a pica polaina, e o que se canta é:

-Quen te picou?
-A pica polaina.
-Vai por ela e tráema.


Pero, mire que lle digo, Don Manoel, que en xogos infantís tradicionais hai case tantas variantes coma parroquias! 

mércores, 1 de marzo de 2017

Nos bancos da alameda de Bouzas

Mire que lle digo Don Manoel! Hoxe cando ía cara a taberna a tomar o viño cos amigos pasei pola Alameda, xa sabe, a que está diante da que foi a súa casa, aquela que cando vostede era neno estaba chea de cativos xogando, as mais das veces as raparigas a xogos de nenas, coma a mariola ou a aceiteira, e os rapaces a xogos de nenos, a billarda ou á buxaina! Que non sabe o que é a mariola? Pois o que as súas irmáns chamaban a mariquitilla! Non tema, Don Manoel! Volvo co conto. Dicía que pasei pola Alameda e alí estaba o meu vello amigo Henrique tomando o sol nun banco con outros compañeiros. E noutro banco, a rentes deles, un grupo de mulleres. Homes con homes e mulleres con mulleres! Cando lle fago observar tal circunstancia, Henrique, con ollos de pícaro, dime:

- E logo meu amigo! Vostede que sabe tantas cantigas non sabe aquela de:

Canta, cuco, canta, cuco,
na rabela do arado,
os homes entre as mulleres
éche gando mal gardado.

-     Pois mire que lle digo, Don Henrique! Que esa saber nona sabía, pero si estoutra:

O bailar homes con homes
E mulleres con mulleres
É coma a gaita sen fol-e
E o tambore sen cordeles