martes, 29 de agosto de 2017

O fillo do señor Xosé

Mire que lle digo, Don Manoel! Ao señor Xosé lle saíra un fillo inútil. E o feito tiña a Don Xosé mais amolado que tres nun zoco, non tanto polo feito en si, que iso lle pode pasar a calquera, senón polo moito que tiña que aturar o fachendear dos seus amigos, que pasábanlle polos fociños os éxitos dos seus fillos, que estudaran carreiras de prestixio e tiñan postos de moito predicamento na administración pública ou nos negocios.

Cando morreu o Ditador e se legalizaron algúns partidos políticos o Xan, que tal era o nome do fillo do señor Xosé, meteuse en política a falta doutra ocupación mellor, e tanta labia tiña e tan ben mandado era que en pouco tempo ascendeu ata os postos de mais relevancia e irresponsabilidade dentro do partido, asombrando a propios e alleos co seu arte para esquivar os problemas no seu labor de goberno.

Nestas estabamos cando un día chegou a casa do político un informático das novas xeracións do partido que tiña a misión de completar o currículo do persoeiro. Coma o agora Don Juan non estaba na casa atendeulle o señor Xosé que estaba no alboio da casa tallando leña para o inverno, coa súa irmá Socorro.

-          E logo, Don Xosé. O seu fillo que carreira ten?

E antes de que Don Xosé argallara unha resposta axeitada, a tía Socorro, sen erguer a vista do feixe de leña que estaba a recadar sentenciou:

-          A de rozador de toxos!

venres, 25 de agosto de 2017

Mais doutrina có abade!


Mire que lle digo Don Manoel! Se non lle importa ímonos para aquela outra mesa que estes de aquí xa me teñen mais canso que un raposo vello corrido dos cans. Que as veces pásame coma aos carros que de baleiros non dan nin chío e cando van cargados todo son queixas. Os moitos anos que cólmanlle a un o peito de rarezas! Cousas que de común nin me chaman a atención, en ocasións fanme encher a gorxa de carraxe e non son quen de as tragar.

Ti houberas feito o mesmo; máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer; pensa mal e acertarás; coa que está a caer. Veña a trillarme os oídos coma quen maza nun polbo! Arrastrados se vexan coma as cóbregas esa cuadrilla de moinantes que saben máis doutrina có abade! Que o de ti houberas feito o mesmo, as mais das veces non deixa de ser unha escusa para a covardía, o máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer para seguir votando sen remorsos aos mesmos corruptos, e o pensa mal e acertarás para xustificar a miseria moral e a intolerancia.

E, mire que lle digo Don Manoel! Falarlle de a que está a caer a xeración que sufriu a violenta represión física, económica, política e cultural da longa noite de pedra, que aínda dura, non deixa de ter o seu aquel!

Veño dunha romaría,
dunha romaría noutra;
veño dunha romaría
e mañá vouche pra outra.

mércores, 9 de agosto de 2017

O caderno do Marcial


Mire que lle digo, Don Manoel! Ao Tiniño se lle facía que os camiños que o Marcial collía eran de mais preguizosos e desnortados, e moitas das veces tampouco lles achegaban moito ao mar. Tanto collían cara ao norte, coma se procuraran os portos de Foz ou Viveiro, coma cara ao oeste a Noia ou calquera dos portos das rías, como desandaban o camiño feito e marchaban en dirección oposta ao mar. O que si era certo e que estes cambios de rumbo facíanse a mantenta, e o resultado era sempre unha feira, un mercado ou unha romaría, onde adoito os estaban xa a agardar.

Un día o Tino descubriu que todos eses camiños e as súas reviravoltas estaban nun misterioso libriño que o Marcial levaba agochado no peito nunha saqueta dependurada do pescozo cunha baraza, e considerou para si que o oficio de gaiteiro quería mais coñecementos que estudar as melodías e adornos, a preparación de pallóns e palletas, o coidado da veste e os fleques e a afinación da gaita. E que Marcial aínda tiña moito mais que lle ensinar. E, dende logo, darlle a súa oportunidade de tocar, aínda que fora un par de pezas!
E coma para que agarda todo chega, o Tino ten a súa ocasión na feira dun pobo que non sei se coñecerá, Don Manuel, na ribeira do Eo, Ribeira de Piquín. Pois se algunha volta deu por alá ao mellor tamén sabe que ben preto de Ribeira, no Chao do Pousadoiro, estaba o taller dun dos grandes construtores e gaiteiros desta terra: Don Xosé Seivane.

En Ribeira de Piquín ten o señor Marcial moitos e moi sedentos amigos. Así que o Tiniño non ten que facer nada de mais; abonda con facer de menos, non andar decontado a rentes do Marcial envorcándolle a cunca, e baleirándolle o viño no chan cando non mira. E cando o ramista ven a procurar a Marcial para tocar, o Tiniño ten a súa oportunidade de lucir por vez primeira coma gaiteiro de seu.

Para pobre aprendo a xastre,
para rico a zapateiro,
para putañeiro, crego,
e para borracho, gaiteiro.