sábado, 28 de outubro de 2017

Finos estilistas!

Mire que lle digo don Manoel! Que onte houbo no Conservatorio tres concertos e tres desconcertos. Concertos os de Sondeseu, sos, coa Orquestra e coa Banda Sinfónica do Conservatorio. Desconcertos os discursos de David Regades, Ignacio López-Chaves e Abel Caballero. Que se o primeiro fixo ridículo confundindo as datas e os autores da creación do Conservatorio, e dándolle tanto touciño coma pan aos seus Carmela Silva e Abel Caballero, o segundo respondeu cunha boa couce citándolle o desleixo da municipalidade no proceso de consecución do Pergamiño Vindel para expoñer en Vigo. Sen esquecer o remate do noso benquerido Alcalde, lambendo coma unha vaca a gabanzas a Rodrigo Romaní en troques de manter a gratuidade na ETRAD conforme á doazón de García Barbón, e que ía falar so de música e acabou sacándolle os colores á Xunta pola Orquestra Vigo 430.

E, mire que lle digo, don Manoel. Igual moita xente non sabe que a cidade de Vigo debe a creación do seu Conservatorio fundamentalmente a tres persoas. A un manchego de Bargas, provincia de Toledo, Mónico García de la Parra, a un madrileño, Jesús Fernández de Yepes, e a un vigués, o concelleiro e delegado de cultura Don Manuel Dorda Estrada, que lograron convencer ao alcalde don Tomás Pérez Llorente para acadar da Caixa de Aforros Municipal de Vigo a cesión dun local da súa propiedade no número 57 da rúa de Velazquez Moreno. Polo tanto, se hai que poñer unha data ao nacemento do Conservatorio de Vigo é a do 26 de outubro de 1956 e, nin a primeira corporación municipal da democracia nin a Xunta de Galicia tiveron moito que ver neses feitos.


Nota: para os que non viviron aqueles anos, ou teñen mala memoria, don Manoel Soto, alcalde de Vigo, convenceuse da necesidade de cambiar de sede ao Conservatorio, cando en 1982 deuse un conato de incendio. O Concello mercou o chalé de Moisés Álvarez, no Castro, onde aínda permanece hoxe. En decembro de 1986 inaugúrase o auditorio Martín Códax, coma parte das reformas previstas no edificio anexo. En 1984 o Conservatorio de Vigo opta e acada o grao Superior. É o primeiro conservatorio galego en obtelo. En 1989, o conservatorio adquire a categoría de Conservatorio Estatal, polo que deixa de ser municipal para pasar a depender da Xunta. Os profesores e alumnos daqueles anos lembrase ben dos encerros e mobilizacións que tiveron que facer para que o coruñesismo militante da Xunta non acabara co gañado con tanto esforzo: o seu carácter de conservatorio superior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario