Mire que lle digo don Manoel! Seica estivo vostede fai uns días, non sei
ben se fisgando ou abesullando, nas novas instalacións da Casa do Patín, esa que
foi no seu día honra e orgullo de Bouzas e alfaia da arquitectura popular mariñeira e hoxe é, grazas
aos arquitectos municipais, unha cousa fría e impersoal á que eu, na miña
ignorancia, non lle acho moito sentido.
Ao señor Alcalde da cidade éncheselle a boca afirmando con esa fachenda tan
súa que, xunto coa Casa Torre de Arines e
Ceta, é a edificación máis antiga do termo municipal de Vigo. Cousa que
está moi ben e eu nona vou poñer en cuestión pero que, para o meu entender, non
é a razón que moveu a algunha xente de Bouzas a loitar pola súa recuperación.
Nin tan sequera que nela vivira a tía Hermelinda que facía uns chourizos que
daba xenio velos! A casa era un dos sinais de identidade da Vila, unha casa
mariñeira viva, con catro moradas, espazo para as artes de pesca e os animais
de curral, patio e un xardín florecido todo o ano. Pero como a todo ser vivo á
casa e aos seus habitantes foron caéndolles os anos enriba e sen xente moza que
a mantivera foise derramando silandeira ata a ruína, pola incuria duns e outros.
Un día, algún político cun pouco de coñecemento mais do que é habitual puxo
a orella ás nosas protestas e decatouse do valor histórico que o que quedaba da
construción aínda atesouraba. Pero, claro está!, non lle fixeron caso ningún.
Pasaron os anos, moitos anos, e a corporación municipal actual decidiu investir
preto de medio millón de euros na compra do solar e case que outros tantos para
a súa adecuación a usos sociais, espazo de lectura, salón de actos e unha
oficina municipal de proximidade.
E isto que veu, meu benquerido don Manoel, é o resultado de tan nobre
empeño, que non fai falla ser arquitecto para opinar do resultado, non do que
fai conta da parte técnica, da satisfacción desa necesidade que existía en
Bouzas de ter un centro cultural e unha oficina do Concello onde facer xestións
sen necesidade de desprazarse “a Vigo”, senón da parte artística, que non sei
ben a quen lle escoitei que a arquitectura era resultado dun encontro entre o
razoamento lóxico e a creación artística.
E, mire que lle digo, don Manoel! Que non son eu dos que abominan da
reconstrución porque non quedou como estaba, porque dun xeito estaba cando se
fixo e doutro cando engadíuselle a fachada, dun xeito cando meu pai era neno e o
mar chegáballe as portas e doutro cando o era eu, pero o que si que me atrevo a
esixir é que o resultado fora fermoso e toda a xente puidera recoñecer nela o espírito dun pobo para o que o mar non foi nunca unha
fronteira.
Alegría
ten o Demo,
que
morreu un escribano,
a
pluma e mailo tinteiro
quedan
bailando o fandango.
Ningún comentario:
Publicar un comentario