xoves, 27 de decembro de 2018

Do tranvía na rotonda



Mire que lle digo, don Manoel! Xa ten o señor alcalde de Vigo un xoguete novo! Cansou do dinoseto, cansou do Bernardo Alfageme e agora os reis, que el republicano non é, trouxéronlle un tranvía para xogar. Un tranvía sen vía pola que circular, por suposto! Un tranvía con pantógrafo pero sen rede eléctrica na que se conectar. Un tranvía sen pasaxeiros pero con moreas de visitantes ben dispostos ao exercicio da nostalxia, que non saudade nin morriña, que todos eles son sentimentos de tristeza, mais a morriña o é do lonxe concreto, a saudade do lonxe impreciso e a nostalxia de algo querido que se perdeu.

E o tranvía de Vigo se perdeu, ou o perdemos, naquel ano de 1968, cando o alcalde de Vigo, don Rafael Portanet Suárez, do que din que era de Cangas sen outra razón de mais peso do feito de que nacera alí, revogou a concesión do transporte público á Compañía de Tranvías, aducindo que aqueles montóns de chatarra de ferro eran un atranco importante para o desenvolvemento da cidade. E algo de razón non lle faltaba, pero a súa preocupación non era tanto pola eficacia na mobilidade da cidadanía, que as moitas liñas do tranvía acadaban con eficacia, senón da mellora das finanzas dos seus valedores no Goberno, e súas propias.

Si, don Manoel! O seu valedor, ao que don Rafael debía o seu cargo de alcalde de Vigo, non era outro que aquel tenente coronel amigo íntimo de don Francisco, ferrolán coma el, traidor como el ao xuramento de fidelidade á República, ao que chamaron con toda xustiza don Camulo, pola súa afección a matar o can para curarlle a rabia, e a fusilar periodistas mellor que pechar xornais, e a súa concepción de que gobernar é castigar. Coma tantos outros da súa especie, todo o que don Camulo tiña de león na rúa o tiña de cordeiro na casa, que dona Ramona era asturiana e filla de xente de moitos posibles de Noreña. E, a que ven todo isto?, dirá con todo merecemento. Pois a que a empresa Viguesa de Transportes, Vitrasa, adxudicataria da concesión do servizo de transporte, inxustamente revogado a Tranvías de Vigo anos antes da súa extinción en 1975, fora formada pouco antes en Asturias polos Rodríguez Bustelo, a familia de dona Ramona, a muller do agora xeneral!

E, mire que lle digo don Manoel! Agora o señor alcalde, da manciña da compañía beneficiaria da cacicada, invítanos a facer un exercicio de amnesia colectiva e subirnos a un tranvía de Zaragoza, que toda a terra éche país!, e que por moito que pinten de branco e vermello e enfeiten de madeiras nobres no seu interior, ten cos tranvías que deixamos podrecer nos recheos da avenida da Florida a mesma semellanza que un ovo ten con unha castaña. Se a idea dos responsables da desfeita era a de  render homenaxe ao tranvía como un dos primeiros modelos de transporte colectivo na cidade” na miña opinión o conseguiron na mesma medida que co Bernardo Alfageme. Se daquela conseguimos transformar o derradeiro buque construído con roblóns na ría nun arremedo soldado para decorar unha rotonda, agora, cun tranvía de Vigo que nunca será tal, levantaremos un novo monumento para o goce intelectual desa manda de túzaros que nin coñecen a historia da cidade que habitan nin teñen por ela o mais cativo interese. 

Alá eles, que eu son de Bouzas!

Esquecíchesme, esquecinche,
á min pouco se me dá;
á pena que ti me deches,
outro xa ma quitará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario