Mire que lle digo don Manoel! Contan que nunha sesión do Parlamento
británico, Sir Winston Churchill escoitou dicir a un correlixionario sinalando
os bancos da oposición:
- Eses
son os nosos inimigos.
O veterano estadista inglés corrixiu ao seu compañeiro, pouco avezado nas
sutilezas da política parlamentaria:
- Equivócase
meu señor. Os que están aí en fronte son os nosos adversarios. Os nosos inimigos
están aquí atrás.
Ben sabía o vello raposo que as grandes inimizades, a malquerenza, a xenreira, os verdadeiros odios, xorden entre
os das mesmas siglas e baixo das mesmas bandeiras, e tanto dentro da bancada
conservadora como da laborista, que os fratricidas teñen dúas mans! Aínda mais. Diría que dese caruncho
hai moito mais no centeo da esquerda.
A historia da esquerda, don Manoel, é unha historia de desavinzas e
enfrontamentos. Anarquistas contra marxistas; socialdemócratas contra
comunistas; stalinistas contra
trotskistas. E todos contra todos dentro dos propios partidos. Como aquela
chacota que faciamos cos trotskistas que dicía:
-
Que é un
trotskista?: Un partido.
- Que son dous trotskistas?: Un partido e unha corrente.
- Que son tres trotskistas?: Un partido, unha corrente e
unha escisión.
Xa sei que parece un chiste pero nono é. Ten mais de verdade que de conto.
Todas estas loitas fratricidas na procura da pureza de pensamento dan pulos á
dereita de xeito que non lles fai falla ser honrados nin gobernar a prol dos
que os votan. Chégalles con sinalar a nosa incapacidade para poñernos de
acordo, a nosa teima de procurar as diferenzas antes que as afinidades, para
que o electorado continúe a pensar que é mellor votar aos de sempre, que polo
menos saben roubar como profesionais, non coma afeccionados! E nese beixarlle o
cu a un defunto, encargarlle aos escaravellos que varran, escribir sentencias no
aire e facer regos na auga vánsenos as forzas e non quedan folgos para as tarefas
realmente importantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario