luns, 16 de xaneiro de 2017

A traxedia do bou "EVA"

Mire que lle digo, Don Manoel! Onte fun a presentación dun libro, que un, ás veces, lle presta facer algo mais que tomar fechas de viño nunha taberna. Chamoume a atención porque trata desa historia recente que algúns teiman en facernos esquecer, a traxedia do Bou Eva. Falou Don Xesús Alonso Montero, ao que sempre é un gozo escoitar, e o autor, un tal Julián Rodríguez Novo, de verbo arrebatado, que lembrou as circunstancias do suicidio colectivo de nove republicanos, oito homes e unha muller, cando os falanxistas inundaron con auga a ferver a bodega do bou no que disporíanse a escapar a Francia. No coloquio ergueuse un vello mariñeiro do Berbés, que dende a súa casa atalaia, mirara os cadáveres das nove vítimas da represión franquista tirados no peirao e tapados cunha lona. Contou que ademais de mariñeiro de profesión era pintor de vocación, e que sempre quixera plasmar nun lenzo aquela imaxe que quedáralle fincada na memoria aos seus trece anos, e que hoxe nos seus noventa e tres declarados con fachenda, seguía viva na súa lembranza. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que coma comprobación de tal aserto citou aos asistentes os nomes dos catro bous que daquela había no Berbés e as diferenzas entre pescar en bou ou en parella. Pero, mire que lle digo, Don Manoel! Estou certo que a ningún dos asistentes tal demostración de sabedoría mariñeira foi quen de tirarlle o calafrío da alma.

Os mártires do Bou EVA eran:
  •  José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, de 45 e 31 anos. Mestres Galeguistas e curmáns de Castelao. De Rianxo.
  • Manuel Martínez Moroño, 44 anos. Socialista. Mariñeiro de Vigo.
  • Fernando e José Rodríguez Lorenzo. Irmáns, de 37 e 30 anos. Socialistas e albaneis de Vigo.
  • Luis Álvarez González de 30 anos. Obreiro de Barreras e Comunista.
  • Camilo Campos Méndez de 30 anos. Comunista. Barbeiro, nado en Celanova e residente en Vigo.
  • Anxo Nogueira Nogueira, de 30 anos, e a súa muller Carme Miguel Agra, de 24. Nados en Vigo e Comunistas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario