Mire que lle digo don Manoel! Faga vostede cos seus cartos o que lle pete,
que para iso os gañou con moitos anos de traballo honrado, pero eu non sonlle
moito de oenegués. Tampouco son dos que pensan que todas elas son iguais mais o
que faime andar mais inquedo que unha
galiña sen endego é a ideoloxía que se agocha detrás delas. Que coma di vostede,
don Manoel, neses latíns xesuíticos: excusatio non petita accusatio manifesta! Ou, a que ven logo, proclamar a súa
independencia dos gobernos? Porque esa afirmación sóame coma palabra de santo e bota-las unllas coma o
gato, que aínda sei distinguir entre goberno e poder.
Ben sei que algunha xente opina que as oenegués son unha forma de
superación do estado, de construír a sociedade civil, de convencer ao pobo da
necesidade non sentarse a agardar as esmolas do poder, de organizarse ao marxe
do sistema para poder chegar un día a tomar o poder nas súas mans. Respecto
pero non comparto. Para o meu entender, as mais das oenegués son o alcaiote da
ideoloxía neoliberal, propagadores da prédica funesta de que os gobernos non
teñen a obrigación de procurar o benestar a todos os seus cidadáns.
Tamén iso que di é certo: se os gobernos non cumpren a súas obrigas polo
menos que haxa alguén que faga algo. Non serei eu o que negue a necesidade de
apoiar a esas oenegués que poderíamos chamar cirúrxicas, pola gravidade das
situacións nas que interveñen. Como quedar coma quen oe chover estando un a
cuberto, diante da fame, a desnutrición, a morte e a desgraza! Pero sempre mantendo clara como ollo de
galo a conciencia de que as mais desas situacións de emerxencia humanitaria son
as fillas non recoñecidas do atraso, o analfabetismo, e o crecemento demográfico descontrolado que
favorece o saqueo das economías desvalidas polos mesmos que financian esas
oenegués, coa necesaria complicidade dos cleptómanos gobernantes locais,
afeccionados ao patriotismo de grandes bandeiras e maiores contas opacas nos
bancos suízos.
E mire que lle digo don Manoel! Que non serei eu dos que sosteña que
tódalas oenegués son gobernadas por ladróns, e que todos son fillos putativos
do Banco Mundial, pero si que os poderosos aproveitaron as oenegués para arruinar
os sistemas de seguridade social pública, e foron utilizados para despolitizar ás
vítimas das políticas económicas neoliberais, destruír o sentido do público coma o de todos e neutralizar líderes sociais emerxentes co acreditado
método que di:
Quen parte e reparte garda
para os seus a mellor parte
Abofé que tes razón!
ResponderEliminar