Mire que lle digo don Manoel! Leo hoxe na prensa que aquel home que foi un
día a esperanza de moitos e que logo cambiou a chaqueta de pana pola de alpaca,
declara, farruco e farfallán, que “non
admite que haxa, en España un fenómeno
de corrupción política, senón que mais ben trátase dun “descuido generalizado".
E razón ten don Manoel, porque descuido
é o que fan os descuideros, e descuidero, segundo a RAE é o ladrón que
adoita roubar aproveitándose do descoido alleo. E descoido é o menos grave que
pódese dicir do pobo español que comicio tras comicio, votación tras votación,
segue a preferir a inxustiza ao desorde,
a escoller a ladróns profesionais mellor que afeccionados, que coma dicía
aquela velliña nas primeiras eleccións xerais:
- Eu
voto polos de sempre, que son ricos e xa roubaron abondo. Que os meus,
coitadiños, non teñen mañas nin para retirar a baraza da buxaina!
Moitos chaman a iso sabedoría popular. Eu non. Porque ben sei que somos
moito de “agua, ajo e resina”, de que
os que non son corruptos é porque aínda
non tiveron ocasión, e de que non
paga a pena indignarse porque non se pode cambiar nada. Cousas todas elas que
serían para rir se non foran para chorar coma fontes, sinais de que, coma dicía
aquel, cando o sabio sinala a lúa o necio
mira ao dedo.
E, mire que lle digo, don Manoel! Mentres sigamos a falar moito dos
corruptos e nada dos corruptores, eses modélicos emprendedores que non saben
gañar se non é facendo trampas no xogo, seguiremos dando voltas coma estornelas
sen avanzar nin un solo paso na dirección correcta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario