Mire que lle digo don Manoel! Os galegos non lle somos moito do sistema
internacional de unidades, que, sen ir mais lonxe, o torneiro de Talleres Reyna,
o Bernaldino, pouco antes da xubilación aínda seguía a facer os axustes das
pezas en pelímetros, e o seu
submúltiplo, a collonésima de pelímetro. Por
iso non lle debe de estrañar que nas tabernas de Bouzas segan a medi-lo viño en
cuncas ou netos, e mentres polo mundo adiante necesiten que os vasos leven unha
marca indeleble de control de por onde debe quedar o líquido escanciado para
evitar reclamacións, na taberna do Mincha
non fagan falta tales trebellos para axustar unha cunca de viño de xeito tal que
haxa que ter moi bo pulso para non derrama-lo viño ao levar aos beizos. O que, como di a vella cando fía o seu copo,
non deixa de ser unha boa forma de saber cando na cisterna non cabe mais
líquido e compre recoller o aparello e marchar antes de non ser quen de
gobernar a lancha ata a casa.
Contábame meu pai que había en Bouzas un taberneiro, cuxo nome nunca
cheguei a saber, que cando se lle queixaban por algunha falcatruada que lles
facía, sempre contestaba coa mesma ladaíña: "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de
convencer á súa clientela de que o ladroízo era algo consubstancial ao oficio
de taberneiro como argumento fundamental para acadar a fidelidade e non
deserción dos seus clientes.
Os
curas e os taberneiros,
teñen
moito parecido.
Os
curas bautizan nenos,
e os taberneiros o viño.
E, mire que lle digo, don Manoel! Por se quixera mercar algo de viño para
levar, déixolle un pequeno resumo das medidas galegas de capacidade de líquidos
mais coñecidas.
CUARTEIRON, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente
aproximado dun cuarto litro, ou sexa 250 ml, no SI. Equivale a medio neto
Comentario: Mellor nona
pida, don Manoel. Ningún home pediría menos dun neto aínda que fora para beber
so.
NETO ou CUARTILLO,
s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de medio litro,
500 ml, no SI. Un neto contén dous cuarteiróns.
Comentario: O menos que
bebe un home adulto so. Se está acompañado se pedirán uns netos. Así, indeterminado;
xa se irá vendo como van as cousas.
CUARTILLA ou CANADA
s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 4 litros. É, polo
tanto a cuarta parte dunha OLA, e contén oito NETOS
Comentario: Mais o menos
a cantidade necesaria para colle-lo rumbo axeitado. Mellor non usala moito por
esas terras adiante que nalgunhas zonas de Galicia unha canada son oito litros.
CUARTA, s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente
aproximado de 8 litros. É a cuarta parte dun canado, e dicir, media ola.
Comentario: Para levar
para casa, pero non posta. Polo menos sen haber repartido con outros parroquiáns.
OLA, CÁNTARA
ou CABAZO, s.m. Medida de capacidade
para líquidos equivalente aproximado de 16 litros. Equivale a dúas cuartas, ou
catro canadas, ou dezaseis netos.
Comentario: A mesma
consideración que a anterior. Pero desta os parroquiáns teñen que ser moitos.
CANADO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente
aproximado de 32 litros. Equivale a 2 olas ou cántaras, ou catro cuartas, ou
sexa oito canadas, así en feminino.
Comentario: Medida
machista onde as haxa. Un canado val coma oito canadas!
MOIO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente
aproximado de 128 litros. Equivale a 8 olas, ou catro canados, ou 32
cuartillas.
Comentario: Do moio, don
Manoel, pouco lle podo dicir, que non sexa:
Oito olas fan un moio.
E dous cuarteiróns un neto
Un canado oito canadas.
Eu contigo non me meto
Benquerido Manolo, e non haberá un erro?
ResponderEliminarDis: NETO ou CUARTILLO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de medio litro, 500 ml, no SI.
E despois dis: OLA, CÁNTARA ou CABAZO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 16 litros. Equivale a dúas cuartas, ou catro canadas, ou dezaseis netos.
Se mal non entendo de aquí 1 neto = 1 litro e a correcta é a anterior 1 neto=1 cuartillo= medio litro.
Apertas.