Mire que lle digo don Manoel! E de quen di que ven sendo ese amigo do que
me fala? Dos Moreda? Vaites, vaites! Moitas veces escoite de neno tocar ao seu
avó Constante, “O gaiteiro de Cabral”
un repoludo gaiteiro daqueles que tan ben describiu Rosalía de Castro, sempre
coidadosos no vestir, cariñosos e falangueiros, enchidos de señorío é puxante
brío! Disque a perruquería que tiña preto da ponte de Cabral, era unha Atenas
onde xuntaba a o mellor da cultura popular, a música, e as arelas por cambiar o
mundo! E non era o único! Porque naqueles anos da segunda república eran
milleiros os ateneos, orfeóns, sociedades agrarias e culturais, nas que
comezaban a arder os fachos que afastarían as tebras da secular ignorancia e
resignada escravitude, os fachos que quecerían nos peitos da xentes de ben as arelas
por tomar o leme das súas vidas, e rachar as vellas cadeas de diosloquiere que os tiveran séculos
aferrollados, e por fin ter ánimo, audacia e afouteza abondo para levar adiante
as reformas sociais e económicas, profundas e inadiables, que tantos séculos
lle foran negadas, convencidos de que todo podería cambiar se o soñabamos
abondo.
Pero xa ve don Manoel! Todo aquilo morreu de morte matada aquel maldito
xullo do trinta e seis no que os militares decidiron obedecer as ordes da santísima
trindade, monarquía, nobreza latifundista e igrexa, e cortar de raíz os
progresos que as crases populares en xeral e as mulleres en particular, arrancaran
con denodado esforzo. Algún, como Xosé Vilaverde, xa miráralle o cu á curuxa, e
predixera con acerto no mitin do Primeiro de Maio do Tamberlick, o que estaba
para caer riba das nosas cabezas. E o luns día 20, coas comunicacións cortadas
e sen posibilidade de ter noticias da evolución do golpe que os africanistas
deran o 17 en Melilla, o capitán Antonio Carreró Vergés, forma a un piquete de
Infantería duns 50 soldados e sae do cuartel da parte posterior do que hoxe é o
MARCO, para ler o bando de guerra na Porta do Sol. Cando chegan alí é a unha da
tarde, e hai xente por todas partes dando vivas á República. Carreró forma á
tropa e dálle o bando ao seu axudante, o tenente José Pavón, para que o lea. A
xente grita “traizón, traizón!”, e da vivas á República. Un mozo, Diego Lence,
Lenín Moreda?, arranca o bando das mans de Pavón. “Morran os traidores!
U.H.P.!” grita! O capitán Carreró da a orden de disparar e aquilo é unha masacre.
A xente está tan próxima que cada bala fire a varios manifestantes. “Armas,
armas!” gritan algúns; pero non hai mais que algunha escopeta de caza e
pistolas pequenas. No chan quedan uns 15 mortos e decenas de feridos que a
xente recolle, e a tropa volta ao cuartel.
Os defensores da República están practicamente sen armas. Algunhas escopetas
de caza obtidas no asalto á armería “A Cosmopolita” da Porta do Sol, algúns
fusiles collidos do cuartel da Garda Civil de Teis, e case que ningunha
munición. A batalla de Vigo comeza o día 21 de xullo, na barricada de “os
Choróns”. Os defensores da República, maioritariamente da CNT, resisten tirando
bombas caseiras, pero a diferenza de armamento é demasiado grande e teñen que
retroceder ata a seguinte liña de defensa: a barricada do Calvario, crisol no
que se funden e mestúranse como un só os defensores dá República, poñendo, por
fin, o que os une por riba do que lles separa. Alí están os comunistas Humberto
Solleiro "o Chapapote", Urbano Moledo e os Moreda pai e fillos; os anarquistas Juan Silveira, Federico
Caballero “O Cuba”, Fernando Lago e o meu pai; sindicalistas, membros de asociacións
obreiras e republicanos; xentes de Vigo e de Lavadores, de Tui, de Ponteareas, de
A Cañiza e outras partes de la provincia que chegaran para defender á República
con máis entusiasmo que armas, ou preparación para usalas.
Para romper as barricadas, Carreró ordena o uso de morteiros. De pouco
valen os perdigóns contra das balas, as escopetas contra das metralladoras, os botes
de pementos contra os morteiros! Conforme avanza o día, a munición escasea
entre os milicianos, e a pesar da súa firme resistencia, O Calvario termina por
caer. No Seixo, en Lavadores, a Pequena Rusia, tamén hai forte resistencia,
pero ao mediodía os sublevados toman o concello. Os milicianos retíranse cara ao
Cuartel da Garda Civil de Pardavila pero os seus mandos xa decidiran que non
pagaba a pena poñerse a mal co exército por cousa tan nimia como un xuramento
de fidelidade á República e os atacan pola retagarda. Acábanse as bombas
caseiras e a munición, e sen posibilidade de combater en dúas frontes os
milicianos sobreviventes foxen cara ao monte.
O 22 de xullo, os falanxistas se instalan en la “Casa do Pobo” e campan fachendosos
coma galos de curral por case que toda a cidade. Comeza a represión
indiscriminada, que, como xa indicara o Xeneral Mola o ideólogo do golpe nas
súas Directrices secretas, tiñan como
obxectivo paralizar a acción dos indecisos, amplamente maioritarios.
-
Cando se carece de forza suficiente para asegurar
a vixilancia e o control total, unha represión severa e indiscriminada, tan
irracional que non permita advertir regra algunha que garanta a seguridade dos
contrarios ou indiferentes, é o mellor xeito de paralizar a uns e mover a
outros a unha colaboración activa.
Grazas don Manoel! Xa
vexo que vou a ter que mercar eu un “mancontro” [1]
como o seu, agora que xa a miña memoria comeza a decaer.
Pouca xente da que estivo no Calvario salvou a vida. Véñenme ás mentes Juan
Silveira, que tralo seu paso á clandestinidade foi quen de chegar a Porto
Alegre, en Brasil; Federico Caballero “O Cuba” que a noite que ía a ser “sacado”
da prisión do Frontón Vigués polo “Rabioso” tivo o sangue de esgrimir a súa
condición de cubano e foi deportado á illa pola intervención do Cónsul Blas
Molina; e Urania Mella, a filla de Ricardo Mella e Esperanza Serrano, presidenta
da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, á que colleron en Redondela co seu
home Humberto Solleiro Rivera, Presidente da Sociedade Cultural e Deportiva de
Lavadores. Os dous foron condenados á pena de morte pero a de Urania foi
conmutada por 12 anos de reclusión no cárcere de Saturrarán en Guipúscoa. Os
Moreda, o gaiteiro Constante Moreda Vázquez, o seu pai Manuel Moreda Outeiral,
o seu irmán José Moreda Vázquez, o panadeiro Manuel Núñez, o labrego Antonio
Sayar, o carpinteiro de Riomao Fernando Costas “O Lañurro”, o pintor do
Calvario Manuel Acuña, Luis Ferreira, Jose González Andreu, zapateiro e concelleiro
socialista do Calvario, o albanel Luis Martínez Román, e Urbano Rodríguez
Moledo, sindicalista, poeta e dramaturgo, Presidente do Ateneo Deportivo
Obreiro de Lavadores, foron executados no Monte do Castro o 10 de decembro de
1936.
E o meu pai, que caera ferido por unha bomba que estaloulle nas mans a un compañeiro
da CNT, ao final o recollemos na rebouza do túnel que está preto da praia das
Fontes no carro do argazo.
E mire que lle digo don Manoel! Que de vacas fala o vaqueiro e de vento o
mariñeiro, e ben sei que non é vostede, que ven sendo dos meus, a quen vai
dirixida esta memoria miña, pero xa que tivo e ten, o aquel de poñer as nosas
conversas por escrito, non perdo a esperanza que á xente nova lle dea por ás ler
e reflexionar, que sen unha mocidade coñecedora da nosa historia recente non hai
progreso nin revolución posible. Que quen controla o pasado, controla o
presente e o futuro, e nós, os maiores, temos a obriga de achegar á mocidade o
sucedido para que, como dicía Marx, a traxedia non se repita como farsa, cousa
que pode ser máis terrorífica que a traxedia orixinal.
A vida
que leva o pobre
é como a
vida do grilo;
polo día
moita fame,
pola noite moito frío.
Nota [1]: O Mirequelledigo, cousas de vellos!, segue a chamar “mancontros” aos teléfonos actuais, mal chamados intelixentes, lembrando a chiscadela que faciamos vai anos con os que presumían de ter un daqueles artefactos que non servían practicamente de nada polo seu enorme peso, baixa autonomía e nula cobertura, e que como non recibían chamada ningunha que lle permitira presumir de teléfono chamaban eles dicindo algo deste xeito:
- Óesme Manuel? Mancontro aquí abaixo; mancontro alí arriba; mancontro ben …
Ningún comentario:
Publicar un comentario