luns, 14 de febreiro de 2022

O Migallas abomina o Dadaísmo.


Mire que lle digo don Manoel! Recorda vostede a don Luis de Altamira e Toranzo, mal chamado o Migallas? Pois debera! Faláralle del con motivo daquela disputa que tivera co señor Damián a conta dos poetas e da poesía. Si ho! Aquel mestre de El Puerto de Santa María que chegara a Bouzas fuxindo da represión franquista! Seino don Manoel; falei de contarlle a súa historia e aínda non fixen honor á miña promesa! Pois pola miña banda, que como era de agardar é a de babor, de hoxe non ha de pasar.

Contoume don Luis que antes da discusión que xa lle contara arredor do dadaísmo e a poesía experimental, tiveran outra que tampouco acabara moi ben, arredor da utilidade de traducir ao castelán a poesía galega. Sostiña o Damián que as traducións dos poetas galegos ao castelán eran indispensables para superar o illamento cultural propio dunha lingua minoritaria o que indignou a don Luis.

-  Parece mentira que teña que ser un andaluz −lle respondera o Migallas indignadoo que lle aclare a un galego que a súa lingua non é unha lingua minoritaria senón unha lingua minorizada.

-  Minorizada ou minoritaria tanto ten! Unha lingua inútil! −Argumentou o Damián cun máis de retranca do debido.Ata en Portugal a xente prefire que lle falen en castelán que en galego, que o entenden mellor!

Tamén eu, don Manoel, son daqueles que pensan que aínda que non hai mellor xeito de ler poesía que na lingua na que foi escrita, se queres desfrutar daquela outra que está escrita nas linguas das que non sabes ren, terás que escoller co maior esmero posible ao seu tradutor. Un hércules que sexa quen de reflectir na outra lingua todo o potencial semántico e musical do poema orixinal. Pois como dicía o poeta:

...pois é a música das palabras a que converte en poesía
ao que doutro xeito non sería máis que verso torpe e estéril.

Xa ve don Manoel! Pouca cosa! Fiel na letra e no espírito á orixinal; intelixible; que conserve, asemade, as ambigüidades e alcances alternativos do orixinal ... Por iso, traducir do catalán, do aranés, do asturiano, do aragonés ou do galego ao castelán, paga a pena? Ou a non lectura do poema no seu idioma orixinal non é máis cunha mostra de preguiza intelectual por parte dalgúns casteláns, fachendosos do seu monolingüísmo? Entrementres Damián e don Luis engaden novos argumentos á súa peculiar tirapuxa.

- Pois ao mellor ignora que a propia Rosalía de Castro traducira en 1864 dous poemas dos seus Cantares Galegos ao castelán. −Porfía o Damián.

-  E Federico García Lorca que era andaluz escribiu poemas en galego. E sostiña que cada poema tiña a súa lingua propia, a súa música propia, polo que cumpría lelo na lingua na que foi concibido. −Resposta o Migallas.

E así seguen e seguen, nunha contenda inútil, porque como ben sabe don Manuel, para que haxa comunicación entre dúas persoas ademais de emisor, receptor, código, canle, mensaxe e contexto cómpre vontade de entendemento, cousa á que o Damián nunca estivo moi ben disposto. Se sería túzaro que ata saíu en defensa dos do Grupo Rompente! Don Luis falou de que algúns achegábanse á escrita da poesía coa mesma disposición de ánimo que ao inodoro e Damián acusouno, non sen certa razón, de cualificar a obra de Reixa, Avendaño e Romón como “defecacións poéticas”.

Así a todo don Manoel, eu sempre tiven a don Luis en grande estima e agradábame moito falar con el, de xeito especial pola súa teima de falar comigo naquel tan fermoso galego con acento gaditano, non tan afastado da nosa pronuncia como de primeiras puidera parecer. Cando o miraba entrar pola porta da taberna, sabedor das súas dificultades económicas, invitáballe, aínda que a miña situación financeira tampouco fose como para botar foguetes, a vir canda min a compartir unha ración de polbo á feira á que era tan afeccionado, cunhas cuncas de viño e unha pouca de conversa que non é mal aliño para darlle ao dente e mollar a palleta.

-  Vai tempo que nono vexo por estes lares, don Luis.

-  Xa ve don Paio. Son moitas as ganas pero tamén moitos os afáns e o pouco o dispoñible pecuniario!

-  Vaites, vaites! E non será tamén pola pouca gana de coincidir co Damián?

-  Non digo eu que non don Paio! Aínda que non por medo ao debate, senón polo convencemento de que con algunhas persoas o que comeza en diálogo e exposición razoada de opinións, argumentos ou teorías, evoluciona decontado en controversia e polémica, para rematar en algarada e descualificacións persoais. E se as cousas quedan nas palabras, aínda menos mal!

-  Concordo con vostede don Luis. Falar con certa xente é como intentar comer papas cun fuso! E xa que estamos, e se non lle serve de molestia ou desasosego, quixera preguntarlle que foi o que o trouxo ata o porto de Bouzas dende o Porto de Santa María?

Don Luis recibiu a pregunta cun lene sorriso asomando polo canto da boca, como se a pregunta non fora para el sorpresa ningunha, senón un suceso largo tempo agardado. Ceibou un longo suspiro, case un lamento, e entornou os ollos como se aceno tal servíralle para navegar na goleta da memoria arrolado polas vagas das lembranzas ata o seu Puerto de Santa María.

Fala don Luis o Migallas

Podo dicir sen temor de faltar a verdade que dende ben cativo tiven clara a miña vocación docente. Malia a ser o terceiro dunha longa ringleira de fillos dun pequeno bodegueiro portuense e unha gaditana de boa familia vida a menos, asumín con ledicia o papel de consultor das dúbidas de calquera dos meus irmáns, aínda dos maiores, cando nos xuntabamos na cociña da casa a facer os deberes. Así que cando os tempos foron chegados, marchei a Cádiz a estudar na “Escola Normal do Maxisterio Primario”, que dende 1934 estaba, grazas as reformas postas en marcha pola Segunda República, nun novo edificio da rúa Adolfo de Castro.

As Escolas Normais vivían naqueles anos, grazas en boa medida á aplicación do Plan de Estudos de 1931, os momentos máis esperanzadores na construción da nova escola, única, activa, innovadora e laica. Cara non so á dignificación da profesión de mestre, senón da indispensable construción do home novo! Como xa dixera o profesor normalista e líder socialista Rodolfo Llopis, unha renovación máis ampla e profunda do noso sistema escolar primario:

"formar, independizar, soster e fortalecer a alma do mestre, co fin de que (este) fose a alma da escola"

A educación do pobo constituía para todos os que estaban convencidos da necesidade da superación do secular atraso de España, unha tarefa básica, na que a construción de novas escolas era un dos aspectos máis importantes, e a reforma das Escolas Normais, formadoras de novos mestres, o seu núcleo central.

Ignoro que fíos tivo que mover o meu pai, que vontades tivo que amañar a miña nai pero tiven, non son quen de dicir se a sorte ou non, de ter a miña primeira escola no Puerto de Santa María, un concello que nunca tivera moi clara a necesidade da educación. De feito ata os anos 40 non se construíu un edificio específico para colexio, e no meu tempo os alumnos estaban escolarizados en edificios adaptados, conventos como o de San Agustín ou Santo Domingo, ou aínda hospitais como o Antigo Hospital da Providencia que chamabamos o “Hospitalito”. Incorporeime ao meu posto no curso 35/36, polo que colleume de cheo o “bienio negro” co seu retroceso en todas as medidas de progreso das que, por suposto que a educación non ía ser unha excepción.

Xúrolle don Paio que eu daquela non tiña conciencia política ningunha! Ou por ser máis precisos non estaba afiliado a partido nin sindicato algún. Nin tan sequera, como a práctica totalidade dos meus compañeiros, á Federación de Ensino da UXT. Porque o meu afán pola alfabetización das clases populares non deixaba de ser unha postura política tan perigosa como tiven ocasión de comprobar en propia pel pouco tempo despois.

O sábado dezaoito de xullo do 36, o diario “La Voz” titulaba:



Pero nas primeiras horas da tarde do domingo 19 entraban na vila as tropas do “Tercio de Regulares” do Exército de África e comezaba a represión máis feroz contra todas persoas que os sublevados consideraban perigosas para o novo estado que pretendían instaurar.

Non falarei dos centenares de persoas vítimas da represión dos primeiros días do golpe militar. Nin dos executados en aplicación do chamado “bando de guerra”. Soamente da xenreira que dende o primeiro día os alzados amosaron pola educación. No Puerto eramos uns 14 mestres e mestras. Todos fomos detidos e levados ao cárcere. A todos abríronnos expediente e fomos expulsados do corpo. Fusilaron a un compañeiro e a un inspector de Ensino Primario. Á metade expulsáronos da cidade. A outra metade quedaron no chamado exilio interior. Algúns, os menos, conseguiron recuperar a praza xurando fidelidade aos principios do Movemento. Os postos dos mestres que foran represaliados cubríronos con afectos ao réxime que non eran profesores nin sabían ensinar, mentres que como xustificaba o "excelso cantor da raza hispana" José María Pemán, os que loitáramos pola educación do pobo, soamente mereciamos exterminio y expulsión:

“La idea de turno o juego político, ha sido sustituida para siempre, por la idea de exterminio y expulsión, única salida válida frente a un enemigo que está haciendo de España un destrozo como jamás en la historia nos lo causó ninguna nación extranjera”

Ningún comentario:

Publicar un comentario