sábado, 22 de xaneiro de 2022

Don Pésimo e don Óptimo


Mire que lle digo don Manoel! “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades”, que lle dicía eu estes días a conta do relato da Maruxa, o xílgaro de Santa Baia de Alcabre. Lle dicía eu, citando un dos sonetos máis coñecidos do poeta portugués don Luís Vaz de Camões, quero supoñer que escrito nunha das fase mais melancólicas da súa vida.

Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades,
Muda-se o ser, muda-se a confiança;
Todo o mundo é composto de mudança,
Tomando sempre novas qualidades.
Continuamente vemos novidades,
Diferentes em tudo da esperança;
Do mal ficam as mágoas na lembrança,
E do bem, se algum houve, as saudades.

E non me pregunte o por que memoricei o soneto enteiro cando estou en total desacordo coa visión agoirenta e pesimista do poeta de Os Lusíadas. “Continuamente vemos novidades” afirma cheo de razón ... no século XVI! Pois non lle digo nada se tivera que vivir no XXI e aprender a pelexar coa banca dixital, os teléfonos espelidos e sobrevivir no internet das persoas e das cousas! Que non digo eu que nos seus días o mundo non estivera cheo de mudanzas, que cada século ten a súa velocidade de cambio, pero aínda que o poeta escribira o seu soneto cando a xuventude xa quedara atrás, morreu con 56 anos, o que non creo que fora “terceira idade” nin tan sequera no seu século! E aínda se tal cousa fora certa, que teríamos que dicir nos de tales avances? Os que, como no meu caso, estamos, non no que hoxe chaman cuarta idade, senón máis ben na quinta!

Para rematar o segundo cuarteto co de Do mal ficam as mágoas na lembrança, e do bem, se algum houve, as saudades. Cando é ben sabido que a lembranza tende a dulcificar ás mágoas pretéritas e a situar os trunfos persoais na súa xusta medida! Teño para min que o poeta, ou ben pensaba que a melancolía, o decaemento, a languidez e señardade tiñan máis valor literario que a ledicia, a diversión, euforia e xúbilo, ou viña sendo un pouco como don Pésimo, aquel personaxe do gran debuxante Escobar, nos tebeos dos anos sesenta.

E un digno émulo de tal personaxe e do seu complementario, non podían faltar entre os clientes da taberna, que xa sabe don Manoel que na do Mincha, espazo que un día chamou microcosmos tabernario, haiche de todo como en botica. 

O don Óptimo da citada historieta do Tío Vivo, viña sendo o Servando, un barbeiro da Rúa dos Ferreiros e músico máis que notable nunha agrupación de pulso e púa. Sempre ledo como unhas marabillas era home que a todo o que lle sucedía sacaba proveito, de todo acontecemento facía unha festa e con todo desfrutaba coma un micho cun axóuxere. O seu contrario, don Pésimo, tiña por nome de pía Evencio e traballaba no banco Hispano, polo que seguro que o seu pai o coñecía ben. Evencio era un home triste, sempre malhumorado e sempre queixándose de todo, cuxa única afección coñecida era a de levarlle a contra a Servando. Por facer unha definición rápida poderiamos dicir que Evencio era o mellor exemplo posible do refrán aquel de que cada can lambe a súa ferida, pero o que moito a lambe lle tira sangue.

Se sería prosma o Evencio que un día que lle tocou un premio na lotería andaba pola taberna a laiarse como un can lunático da súa mala sorte de non ter cartos abondo para xogar o billete enteiro en lugar dun décimo! Por suposto que tal queixa serviulle de arreda abondo como para non invitar a nada á parroquia do Mincha!

Pola contra Servando era quen de ver os aspectos bos aínda das peores desgrazas. Recordo o día que ardeulle a barbería por mor dun curtocircuíto. “Pois mira ti que boa oportunidade para cambiar a decoración, que boa falta facíalle xa!” −Foi a súa reflexión primeira− “Sen falar que os días que teña que ter pechado collo as vacacións que nunca lle puiden dar a muller e ímonos a Mallorca con un destes viaxes organizados para que lle dean todo feito a probe, que non fai máis que traballar!”

E desta pelaxe podo contarlle todos os exemplos que queira! Ata o día aquel no que o Evencio chegou á taberna disposto a demostrar que el tamén era quen de extraer mensaxes positivos de desgrazas reais ou aparentes.

- Home don Servando! A vostede quería ver! Veño de estar no banco co Padre Aureliano, comentando o que ven hoxe no Faro dos nenos eses que morreron nunha chabola envelenados por unha estufa que queimaba mal.

- Bo día don Evencio. E que era o que dicía o “Padre Ultramontano” das mortes esas?

- Pois era optimista; como vostede.

- Optimista? Como de optimista? 

- Pois que como os que morreran foran uns cativiños aínda non tiveran tempo de pecar, polo que, que sorte!, anxiños ao ceo!

- Pois sabe o que lle digo don Evencio? Que o Padre Aureliano non é un optimista. O Padre Aureliano é un fillo da gran puta! 

E mire que lle digo don Manoel! Malia ao deterioro físico e cognitivo propio dos moitos anos e a multiplicación de dós polas constantes perdas de coñecidos, amigos e familiares, soamente envellecemos cando imos perdendo interese pola vida, e polos demais. Cando encerrámonos nos nosos propios problemas illándonos dos da sociedade que nos rodea, cando deixamos que a apatía emocional dos demais polas nosas cousas nos abafe. Botémoslle unha man a don Servando cantando a versión de José Mario Branco de “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades” modificando a mensaxe conformista do poema orixinal Camões co axeitado retrouso que di:

“Mas se tudo o mundo é composto de mudança,
Troquemos-lhes as voltas que ainda o dia é uma criança!”

Ningún comentario:

Publicar un comentario