martes, 12 de agosto de 2025

Vostede desculpará...


 Mire que lle digo, don Manoel! Os tempos cambian e os turistas medran máis que as cascudas nos cubos do lixo! E se fai anos a entrada duns forasteiros na taberna do Mincha merecía todo un conto, a do Miguel é un porto moito máis frecuentado por buques de arribada, con tripulacións sedentas de cervexa, e de refrescos ianquis. Éche o que hai! Miguel ten que apandar, e pasar por onde o Mincha nos pasou, porque os tempos xa non están para posturas radicais, tan propias da hostalaría viguesa de antano que tiña a afouteza de mandar a Serrat a rascar os ovos —fritidos e con patacas— fora do seu comedor.

Ven isto a conto porque é cada día máis habitual o ter que aturar farfalladas de expertos en críticas gastronómicas en Trip Advisor ou Google Maps,  chácharas exasperantes non pedidas nin desexadas, e encordios dos adoradores do “color local”.

      Tienen ustedes una tierra y un mar que no se merecen.

      ¡Que producto, señor, que producto! Pero nada de cocina. Nosotros con un producto muy inferior le sacamos mucho más partido y lo podemos cobrar al doble. ¡Aunque no debería de decir esto antes de pagar!

      ¡Y las playas! ¡Que decir de las playas! Maravillosas; pero salvajes y sin explotar. ¡Y casi sin chiringuitos!

      ¡Está claro que Dios le da pan a quien no tiene dientes!

Ninguén lles leva a contraria. Os sufrimos en silencio como quen sofre ás pertinaces moscas que a desmedida calor fai medrar no argazo, ou as interminables colas de coches buscando sitio onde aparcar. Eles crécense confundindo indiferenza con aquiescencia, e insisten nos seus amigables consellos para cambiar ás nosas vidas, pero pouca reacción encontran salvo un rápido abandono do campo de batalla por parte dos máis de nos, afeitos a aturar os bandazos e choupadas da vida pero non ás soflamas dos turistas.

Disque “tanto ten azoutar coma no cu dar!”, pero “unha cousa é pisar unha merda e outra caer riba dela”, e o Miguel ten un cuñado que marchou de moi novo a Madrid e, ao que parece, alí perdeu as orixes, e o respecto pola terra dos seus pais e por se mesmo.

      ¡Pero Miguel! No sé por qué no mandaste a esos guiris a tomar viento. ¡Estoy harto de la humildad gallega! —recrimina a Miguel o seu cuñado Rafael— Vostede que pensa disto, don Paio?

      Se non deixo que ninguén goberne  a miña lancha, non serei eu o que lle diga a Miguel como ten que levar a súa!

      Non vaia a pensar, don Paio, que eu en Madrid non presumo de retranca galega! O que non levo tan ben é o da escaleira!

      O da indefinición? Iso de que nunca contestamos cun "si" ou un "non" rotundos? E por que non imos manter abertas todas as opcións? Como tantas veces di don Manoel a resposta á maioría da preguntas é “depende!” O que eles ven como defecto son dúas virtudes indispensables para andar pola vida: Reserva e Prudencia.

Rafael chegou decontado á conclusión que polemizar comigo era mallar en ferro frío e pasou a dar a trela a outros clientes máis dispostos a darlle a razón. Aínda que fora como a que se lles da aos parvos. Así que foi collendo por banda a canto cliente había na taberna ata que quedouse sen ninguén a que meterlle o dente.

      Carafio Rafael! É que queres afundirme o negocio? —dille un pouco moscado o Miguel.

Diante desta serie advertencia, Rafael non tivo outra que volver ó rego e, incapaz de conter a diarrea verbal, intentar pegar a febra de novo co único que se mantiña, cunca de treixadura na man, indiferente ó vendaval da súa conversa, firmemente amarrado ao mostrador.

      Sabe don Paio? O que más me indigna é a actitude da xente como a que retrata Castelao naquel debuxo do Museo de Pontevedra no que lle dicía ao cacique que ía a visitalo cando estaba agoniando no seu probe leito de follato: “Vostede desculpará que morra sen lle pagar os foros...”

Eu calei e rin por baixo do meu bigote. Pois mira ti que exemplo tan interesante o que me pon o Rafael! "Vostede desculpará" é unha frase fascinante porque, dependendo enteiramente do contexto no que se utilice e a intención coa que se diga, pode ter dous significados: un de cortesía e deferencia, e outro moito máis galego para poñer a alguén no seu sitio. A que ven de citar o Rafael, a de "vostede desculpará, pero o sol sae polo leste” ou aquela outra da criada do chiste:

      El señorito desculpará que me correra antes que el...

sábado, 2 de agosto de 2025

Míralle ben os cornellos...


 Mire que lle digo, don Manoel! Ao final, queiras que non queiras, un pouco machistas somos todos. Mulleres incluídas no quiñón. Uns un pouco menos machistas e outros —e outras— moito máis. Algúns deles machistas orgullosos da súa actitude e outros —os menos— machistas ao seu pesar. Aqueles defendendo sen reparo a superioridade biolóxica do seu sexo, e repetindo ata a extenuación aquelo de Por ben que fale a muller, calada está mellor. Os outros a miúdo molestando cando intentan afagar, sen ser conscientes do impacto negativo das súas accións ou palabras.

      Ben sei da existencia de xente desa caste, don Paio! —dixo Damián o noso poeta minimalista que estaba, como era mester, tomando ás once— Os vexo todos os días na Asesoría! Machistas recalcitrantes que se resisten tenazmente, activamente, a calquera cambio nas relacións coas mulleres, a calquera idea de igualdade de xénero, sempre vixiantes das ameazas das «feminazis» á "orde natural" das cousas!

      Que razón ten don Damián! —Intervén o Felipe, un cliente da asesoría— Haber hainos! E abofé que abondan como para forrar un carro con eles!

      E non menos perigosos —retruca Damián— son todos eses que non se consideran machistas a se mesmos, e declaran sentirse molestos coas actitudes machistas dos demais, pero comentan cos amigos que eles son moi feministas, porque colaboran nas tarefas da casa e no coidado dos fillos.

Hai que ver como iso que chaman redes sociais fixo cambiar á xente! Na taberna do Mincha a xente escoitaba a quen tiña algo que dicir do tema que se estaba a debater. Na do Miguel todo o mundo ten unha opinión sobre todo, e está disposta a defendela, mesmo a navalladas. E o tema interesa, e moito, á parroquia, que remove o cu nos tallos ata que consegue enfiar a febra e facerse oír, xa que que non escoitar, no debate.

      E logo? No me digas que iso é machismo! —intervén o máis novo e ousado deles.

      Por suposto! As tarefas da casa e o coidado dos fillos son responsabilidade dos dous!

      Iso será se a muller traballa! Que ás mais andan todo o día de tenda en tenda e de cafetería en cafetería.

      Que andarás a facer ti polas tendas e cafeterías para que as podas ver facendo esas cousas?

      Traballar!

      Xa o vexo! Traballando na taberna como agora!

Xa sabe don Manoel que cando o diálogo deriva en liorta, eu abro o «baipás» e non escoito nin o zunido dela. Son consciente de que á xente da miña xeración —e cada vez máis ós da actual— nos custa moito non manifestar na nosa conducta cotiá, moitos deses micro machismos que denuncia Damián. En actitudes, en comportamentos, mesmo en formas de falar. Cousas que están fondamente fincadas en patróns sociais, culturais e mesmo de pensamento. Patróns que abranguen os comportamentos de homes e mulleres. Porque a miña muller non me deixaba entrar na cociña pero sempre agardaba que chegara eu para arranxar todo o que se estragara na miña ausencia.

E mire que lle digo, don Manoel! Ben está loitar contra esa normalización da desigualdade. Diferencias si, pero non esa desigualdade tan sutil que pasa desapercibida e vólvese parte do pensamento social, dificultando un cambio profundo das relacións entre as persoas. Non é unha loita doada. Require autocrítica, unha atencións constante, e unha forte vontade de aprender dos propios erros, mesmo cando a intención non foi mala.

A nosa cultura popular ten exemplos abondo deste pensamento. Como esta copla que teño cantado en máis dunha ocasión:

Entra se podes na casa,

Míralle ben os cornellos[1]

para ben pouco muller é

se non varre máis que os medios.



[1] Os cornellos ou cornechos son os recantos dun espazo, os lugares situados nos ángulos onde se xuntan dúas paredes.