Mire que lle digo, don Manoel! Os tempos cambian e os turistas medran máis que as cascudas nos cubos do lixo! E se fai anos a entrada duns forasteiros na taberna do Mincha merecía todo un conto, a do Miguel é un porto moito máis frecuentado por buques de arribada, con tripulacións sedentas de cervexa, e de refrescos ianquis. Éche o que hai! Miguel ten que apandar, e pasar por onde o Mincha nos pasou, porque os tempos xa non están para posturas radicais, tan propias da hostalaría viguesa de antano que tiña a afouteza de mandar a Serrat a rascar os ovos —fritidos e con patacas— fora do seu comedor.
Ven isto a conto porque
é cada día máis habitual o ter que aturar farfalladas de expertos en críticas
gastronómicas en Trip Advisor ou Google Maps, chácharas exasperantes non pedidas nin
desexadas, e encordios dos adoradores do “color local”.
—
Tienen ustedes una tierra y un mar que no se merecen.
—
¡Que producto, señor, que producto! Pero nada de cocina. Nosotros con
un producto muy inferior le sacamos mucho más partido y lo podemos cobrar al
doble. ¡Aunque no debería de decir esto antes de pagar!
—
¡Y las playas! ¡Que decir de las playas! Maravillosas; pero salvajes y
sin explotar. ¡Y casi sin chiringuitos!
—
¡Está claro que Dios le da pan a quien no tiene dientes!
Ninguén lles leva
a contraria. Os sufrimos en silencio como quen sofre ás pertinaces moscas que a
desmedida calor fai medrar no argazo, ou as interminables colas de coches
buscando sitio onde aparcar. Eles crécense confundindo indiferenza con aquiescencia,
e insisten nos seus amigables consellos para cambiar ás nosas vidas, pero pouca
reacción encontran salvo un rápido abandono do campo de batalla por parte dos
máis de nos, afeitos a aturar os bandazos e choupadas da vida pero non ás
soflamas dos turistas.
Disque “tanto ten
azoutar coma no cu dar!”, pero “unha cousa é pisar unha merda e outra caer riba
dela”, e o Miguel ten un cuñado que marchou de moi novo a Madrid e, ao que
parece, alí perdeu as orixes, e o respecto pola terra dos seus pais e por se
mesmo.
—
¡Pero Miguel! No sé por qué no mandaste a esos guiris a tomar viento.
¡Estoy harto de la humildad gallega! —recrimina a Miguel o seu cuñado Rafael— Vostede que pensa disto, don
Paio?
—
Se
non deixo que ninguén goberne a miña
lancha, non serei eu o que lle diga a Miguel como ten que levar a súa!
—
Non
vaia a pensar, don Paio, que eu en Madrid non presumo de retranca galega! O que
non levo tan ben é o da escaleira!
—
O da
indefinición? Iso de que nunca contestamos cun "si" ou un
"non" rotundos? E por que non imos manter abertas todas as opcións?
Como tantas veces di don Manoel a resposta á maioría da preguntas é “depende!”
O que eles ven como defecto son dúas virtudes indispensables para andar pola
vida: Reserva e Prudencia.
Rafael chegou
decontado á conclusión que polemizar comigo era mallar en ferro frío e pasou a
dar a trela a outros clientes máis dispostos a darlle a razón. Aínda que fora
como a que se lles da aos parvos. Así que foi collendo por banda a canto
cliente había na taberna ata que quedouse sen ninguén a que meterlle o dente.
—
Carafio
Rafael! É que queres afundirme o negocio? —dille un pouco moscado o Miguel.
Diante desta
serie advertencia, Rafael non tivo outra que volver ó rego e, incapaz de conter
a diarrea verbal, intentar pegar a febra de novo co único que se mantiña, cunca
de treixadura na man, indiferente ó vendaval da súa conversa, firmemente amarrado
ao mostrador.
—
Sabe don
Paio? O que más me indigna é a actitude da xente como a que retrata Castelao
naquel debuxo do Museo de Pontevedra no que lle dicía ao cacique que ía a visitalo cando estaba agoniando no seu probe
leito de follato: “Vostede desculpará que morra sen lle pagar os foros...”
Eu calei e rin
por baixo do meu bigote. Pois mira ti que exemplo tan interesante o que me pon
o Rafael! "Vostede desculpará" é unha frase fascinante porque, dependendo
enteiramente do contexto no que se utilice e a intención coa que se diga, pode ter
dous significados: un de cortesía e deferencia, e outro moito máis galego para
poñer a alguén no seu sitio. A que ven de citar o Rafael, a de "vostede
desculpará, pero o sol sae polo leste” ou aquela outra da criada do chiste:
—
El
señorito desculpará que me correra antes que el...
Ningún comentario:
Publicar un comentario